leoeosseus

luns, 2 de xaneiro de 2012

Nestes pasados días

O venres fomos xantar ao fin do Morrazo, alá en Donón e a comida estivo mui ben e houbo agasallos do Papa Noel que deixou en Marín e Madrid. Entrounos polo ollo probar unha empanada de navallas pero levamos a desilusión de que levaba tamén chourizo.
Despóis eu e máis Leo desfrutamos do concerto de Mamacabra.




O primeiro día do ano foi triste porque atropellaron a Colín e alá foi na súa derradeira viaxe este canciño que nos deu tan bos momentos.




Quero lembralo nos seus millores momentos cando era novo.


Gozaba xogando coa neve ou coa area.





Non gardaba respeito nin pola igrexa máis pequena dos Estados Unidos.




Desfrutaba cos balóns ou con luvas de látex inchadas.





Tiña curiosidade por seres descoñecidos como tartarugas e osos negros de verdade. Deste último contacto non teño foto que eu estaba a fuxir.


A súa morte deixou tristura en toda a familia.

Etiquetas: ,

martes, 8 de abril de 2008

Ruinas nas Gándaras





Estes días de chuvia tiran por baixo muitas flores como as glicinias que saen na imaxe de arriba.


O edificio coas glicinias é unha ruina antes de inaugurarse porque ía ser un centro de interpretación das gándaras do río Louro que son un humedal que malamente sobrevive entre as industrias de Vilaguindastre.


Non sei por que razón a obra non seguiu adiante e podes ver o interior do edificio abandonado na foto de embaixo onde sae o Colín " visitando " a instalación o ano pasado, cando tirei estas fotos.


Unha cousa é certa: mágoa de cartos tirados.


Etiquetas: , ,

sábado, 29 de marzo de 2008

Na praia



Hoxe quixemos osixenarnos na praia e xogamos nela en boa compaña e non faltou nin o Colín que anda lixeiro e delgado desde que lle cambiamos a dieta. Como vou camiño dos corentadous e non teño práctica con xogos da pelota deume un tirón na perna dereita pero non é nada.

O malo e que mañá virá a chuvia de novo.

Etiquetas: , ,

xoves, 20 de setembro de 2007

O conto dos rabos dos cans



Levo un tempiño traballando polas mañás e xa non saco a Colín con Leo a iso das nove da mañá. Colín adícase a cheirar por aquí e alá e o Leo observa o mundo dende o cochiño. Hai veces que se acercan outros cans a Colín e seguen sempre a mesma pauta: poñense a cheirarse o cu. O Leo vai medrar e un día empezará co esas preguntas curiosas dos nenos e quererá saber porque os cans andan a cheirar os cus dos outros. Nese momento terei que contarlle o conto que aprendín hai tempo.

Resulta que tódolos cans do mundo tiñan unha reunión mui importante nun palacio. Como ían estar apretados ordearon colgar os rabos na percha da entrada que xa se recollerían á saída. E no momento que estaban todos reunidos tranquilamente soou a alarma de que había un lume e alá fuxiron todos collendo o primeiro rabo que lles caía a xeito. Pasou o tempo e agora cando un can mira outro polo camiño acércase a verlle o rabo se é o seu que deixara pendurado. E así están na busca eterna do rabo deixado no palacio.

Bueno, o motivo é outro pero queda máis bonito se se conta en forma de conto, non é ?.

Etiquetas: , ,

sábado, 14 de xullo de 2007

Alaghando o canastro


Onte o avoM levou un susto que volcou o tractor xusto á beira da casa de Arbo. El puido saltar a tempo e non lle pasou nada. O tractor está un pouco mal pero cunhas reparacións seguirá a súa vida útil.
Hoxe iamos de camiño a Arbo e a xente do campo recollía patacas, cortaba herba ou sulfataba viñas. Estes días son días de muito traballo nos campos. Nós non fixemos nada diso porque fomos tirar o canastro que sae na imaxe. Cando chegamos xa estaba feito anacos no chan que caiu cun par de golpes de marreta ben dados. O que si tocou facer foi carrexar os restos para fóra para facer un aparcadoiro na entrada. No sitio do canastro van colocar unha mesa para comidas familiares e van traer outro canastro que estaba abandonado noutra parroquia para colocalo nun espacio da horta.
Por outra banda, o Leo xa agataña e xa mercamos unha barreira para que non fuxa da sá de estar pola casa adiante. Agora toca vixialo ben e procurar que non toque a Colín que está mui sensible dunha pata e chía só con tocarlla.

Etiquetas: , , ,

xoves, 14 de xuño de 2007

Crise da gandería


O sector da agricultura e gandería está en crise contina e os productos non renden o que deberían. Muitas explotacións fechan. Manolo Rivas de escribir hoxe o seu " Un millón de vacas " tería que cambiarlle o título por " 400000 vacas ". Outros productores optan por cambios radicais. Sae o bum e fan cartos a moreas os primeiros que explotan esas novidades. Pasou cos kiwis, cos visóns, coas búfalas, coas avestruces, etc.
En definitiva, hai que dar de comer a toda esa fauna e así na fábrica pódese topar pienso para polos, porcos, vacas, ovellas, cabras, cabalos, coellos, cans, gatos, pombas e perdices... Incluso hai pienso para avestruces. Pero o que si me abraiou foi topar pienso para caracois ou coscos !!!. Quen sabe cal será o próximo ?.
En fin, a imaxinativa ó poder.
Na foto está o Colín hai dous anos cunhas avestruces na illa de Arousa. O Colín non estaba acostumado a esas pitas tan enormes e apañou un bo susto.

Etiquetas: , ,

sábado, 19 de maio de 2007

Desventuras do Colín


Hai uns meses o Colín empezou a perder pelo e a aparecerlle calvas aquí e acolá e fomos ó veterinario. O veterinario atendeuno coma sempre: fóra da tenda de animais, fumando e sen enquerquenarse tan siquera para tocar o animal. A súa diagnose foi rotunda: o Colín tiña unha alerxia e había que cambiarlle o champú. Bueno. Así fixemos e pasou o tempo e non miramos millora ningunha. Un día rapámolo e quedamos asustados: o Colín parecía un can sarnoso coa pel desfeita. Non quixemos volver ó veterinario de sempre e fomos a outro veterinario que o observou cunha lámpada especial e lle fixo un raspado e dictaminou que tiña uns fungos contaxiosos por contacto directo e que eran mui malos para o Leo e para persoas maiores coma os bisavós. Deunos un tratamento e había que seguilo e o can tiña que estar lonxe de Leo e non misturarse con máis cans. E así tivemos o Colín muito tempo: aíllado de nós e sobre todo do Leo, lavando as mans cada vez que o tocabamos a el ou algunha das súas cousas, deixándoo fóra da casa en Arbo e sen poder levalo a outras casas onde antes ía sen problema e berrándolle cando se arrimaba ó naipelo. O Colín estaba apartado de nós, triste e coma un maldito, coma un paria con lepra e nós sufriamos por el e barallando a posibilidade dunha inxección que acabase cos seus problemas e a mala vida que lle dabamos ultimamente.
E fixéronlle unha biopsia o mércores para ver que tiña de verdade e porque non milloraba co tratamento e resulta que ten alerxia e non é contaxioso nin maligno !!. Acertou o veterinario que semellaba un incompetente e erraron os tres da outra consulta veterinario e pensar que nós estivemos a punto de eutanasialo...
En fin, que o Colín pode volver facer vida normal e a ver se nos perdoa estes últimos tempos que lle fixemos pasar.

Etiquetas:

sábado, 30 de decembro de 2006

Balance do ano



Cando chega a fin do ano toca facer balance e ver resultados. Este ano tivo de todo pero máis do bo que do malo. A saúde portouse ben comigo e coa familia en xeral. O traballo foi habendo por tempadas ( tres empresas distintas en dous países ). Rematou a estancia de tres anos nos EEUU e houbo que despedirse de xente que vai ser mui difícil volver ver pero naceu o Leo con todo o que iso trae. Creo que eu, persoalmente, non podo queixarme. Só agardo que o 2007 veña con felicidade, respeito para os demáis e que as catástrofes naturais ou as provocadas pola especie humana sexan insignificantes e que todos o vexamos.
Na foto está o Colín hai xusto un ano nun hotel da Florida recibindo o sol da mañanciña todo feliz.

Etiquetas: ,

mércores, 25 de outubro de 2006

Cantinela da cara torta



Como podes ver o Colín admite o novo inquilino da casa sen muito problema. Hai veces que se extraña cando oe algún peidiño que lle escapa a Leo pero o problema non pasa de aí e non se notan excesivos ciumes.

O Leo segue progresando neste mundo e bota as primeiras bagullas líquidas (os nenos non teñen saco lagrimal cando nacen). O que leva pior son os gases que o poñen rallante e fan que retorza a cara en mecos lastimosos. A avoaM, nese caso, dálle un coliño e cántalle unha cantiga que eu non coñecía:

- Fun onda miña madriña que me dera merendiña. Deume unha cunca de papas; a cunca estaba fanada i a culler esfanicada e chaménlle CARA TORTA e deume ca tranca da porta.

Ata a seguinte.

Etiquetas: , ,