leoeosseus

luns, 22 de setembro de 2008

Entre uvas anda o asunto



Estes días estiven bastante apartado do ordenador. Houbo falla de inspiración, falla dun adaptador que quedou atrás, lecturas pendentes e a vendima 2008.

Xa se vendimaron as tintas e a treixadura. As tintas foron boas este ano e apenas estorrexaban ( caían as uvas do cacho cando o cortas ) e encheron dúas tinallas de mil litros, un bocoi de 700 e un medio de 350 e alí quedaron a ferver. A treixadura deu uns mil cincocentos litros e mañá hai que vendimar o albariño para a adega que será o dobre do ano pasado pero non chegará á cantidade que houbo no 2006 que foi de récord.

A ver se rematando esta semana xa me poño máis co blogo.

Etiquetas: , ,

venres, 22 de agosto de 2008

Refuxio de fauna



Por Vilaguindastre fanse algunhas cousas mal e unha é deixar instalar fábricas en refuxios de fauna. Se clicas na foto podes mirar a fábrica de cablerías para coches de nome " Koala ". A foto foi tirada hoxe mesmo e non ten truco.

Non hai nada como pórlle o nome dun animal a unha fábrica para que che dean a aprobación para a súa instalación nun refuxio de fauna !.

Etiquetas: ,

mércores, 30 de xullo de 2008

Foto de documental



Sempre me gustaron os documentais de animais e lembro as imaxes de búfalos africanos con paxaros ás costas eliminándolles parásitos. Pero non foi ata o ano pasado que puiden facer esta foto de ovellas deitadas aproveitando a sombra e unhas pegas por riba delas limpándolles os parásitos. E é que hai veces que non se ten que ir lonxe para ver imaxes curiosas.

Etiquetas:

luns, 21 de xullo de 2008

Pericas e pericos



Onte o Leo desfrutou mirando pastar unhas ovellas en Arbo. Despóis apareceu na conversa a palabra " pericas " como definición de ovellas cando eu pensaba que eran cabras. Como tiña as miñas dúbidas hoxe preguntei no choio a un compañeiro de Salceda e dixo que " Para nós as ovellas son ovellas e as cabras son cabras. Iso si, nós dicimos pericos de cabalo ou de burra á merda dos cabalos e dos burros ". E así, sen querer, saiu unha nova palabra escatolóxica para engadir.

Etiquetas: ,

venres, 18 de xullo de 2008

Fotografando a calor



Hai conceptos abstractos que por seren iso precisamente, non teñen unha imaxe real. Nestes casos é mui difícil asignarlle unha imaxe a conceptos como gratitude, frío ou calor, por exemplo. Por iso, nestes días de calor abafante non dubidei en fotografar as fiestras da veciñanza que se abren na noitiña como se as vivendas quixeran respirar aire fresco despóis dun día de lume. Esta sería para min unha imaxe de calor abafante.

E agora, cal sería a túa ?.

Etiquetas:

luns, 14 de xullo de 2008

Cíes e a lenda do Boto


Onte fomos ás illas Cíes. Logo de xantar fomos camiñando ata o faro das Cíes e logo ata o faro da Porta. Na praia de Rodas corría aire así que nos bañamos na praia da Nosa Señora. A auga estaba fría como de costume. Ía connosco un familiar brasileiro e contounos a lenda do Boto, que é o golfiño do Amazonas. Di a lenda que nas noites de lúa chea transfórmase nun mozo xeitoso que baila mui ben e que é encantador. Leva un sombreiro para tapar o buraco por onde respira. Nos bailes namora as mozas e acaba por engravidalas e o Boto é o culpable dos embarazos non desexados da zona.
Gustoume a lenda e a estadía na illa.
Dende o barco de regreso víase a excavadora que está a tirar o monolito feito por Franco.

Etiquetas: , ,

sábado, 12 de xullo de 2008

O can suicida



O outro día o escritor Alfredo Conde gabou ao blogueiro Suso Lista e, de paso, nomeoume a min sen querer. Adivíñolle ao escritor curiosidade pola historia que mencionei do can suicida e vou satisfacerlla.
O asunto foi hai máis de vinte anos e no centro de Vilaguindastre e nos arredores do paso a nivel. Eu pasaba a cotío por alí na ida e volta da casa ao instituto. Nunha ocasión apareceu un can pequeno de raza indefinida que nos fuxiu da beirarrúa. Eu considerei este acto como normal nun can que ten prevención con humanos descoñecidos. Pero o curioso foi que o raio do canciño se botou a un coche que circulaba. O condutor fixo unha manobra brusca e esquivouno e así safou ese día. No día seguinte xa andaba polo medio e medio dos coches e botándose a eles con movemento alegre do rabo. Os coches esquivábano pero un camión non puido esquivalo. O raio do can quedou no medio e medio e salvouse por ser pequeno que o camión lle pasou por riba sen problemas. O público estaba abraiado e quería salvar o can pero el marchou sen deixarse atrapar. Ao día seguinte seguiu co seu deambular entre coches sen acadar o seu propósito e, nisto, baixou a barreira do paso a nivel e o can acordou un cambio de estratexia. Cando notou que o tren pasaba botouse á vía. O can era pequeno e o tren ía rápido así que o aire que rodeaba o tren tirou co can atrás sen chegar a pillalo. Desta volta a xente estaba máis que abraiada co can e os seus intentos de suicidio.
A partir daquel día non o volvín ver máis. Eu non sabía se lle cambiara a vida e decidira non suicidarse ou se conseguira o seu devezo e rematei por case esquecer o asunto. Pasou un tempo e eu andaba de paseo entre as vías a un quilómetro do paso a nivel cando descubrín o esquelete dun can. Tiña a cabeza dun lado da vía e o corpo doutro e polo tamaño e polos restos de pelo souben que era aquel can kamikaze do paso a nivel. Ao primeiro deume tristura pero logo aledeime polo can que conseguira o seu propósito. Un canciño daquel tamaño que se enfrentaba a monstruos metálicos con tanta alegría merecía un fin cinematográfico como o que tivo. Imaxino que hai que ser mui valente para apoiar o pescozo na vía e esperar que veña o tren.

Etiquetas: , ,

venres, 11 de xullo de 2008

Baños de aventura



Hoxe no choio falamos de como nos bañabamos cando eramos rapaces. No meu caso falei do río Louro coas súas zonas de baño da Fos, o Solombo e o Peirao. A Fos e o Solombo desapareceron coa autovía e do Peirao non sei que será pero o río está contaminado. Tamén estaban as barreiras de Centeáns a uns tres quilómetros da casa que eran iso precisamente, un sitio onde sacaban barro para facer ladrillos. Iamos ata alí e metiámonos en coiro e sen medo e iso que había bechas e tartarugas. Despóis medramos e apareceron piscinas e autobuses ata a praia e deixámonos de baños aventureiros.

A foto fíxena en marzo do ano pasado e quedei abraiado do temerarios e pouco escrupulosos que eramos.

Etiquetas: ,

luns, 7 de xullo de 2008

Ouregho



Se a bisavoa Celia vivise en Italia empregaría a pranta da foto para dar sabor ás pizzas pero como vive en Arbo fai infusións de ouregho para aliviar a tos.

Etiquetas: ,

martes, 1 de xullo de 2008

Fusilando

Cando digo fusilar refírome a facer fotos doutras fotos que isto é outra das vantaxes das cámaras dixitais.


As últimas fotos que fusilei son do libro " A illa de Ons, unha cultura, unha identidade " onde saen fotos da década dos 60 feitas por un sueco que estudou antropoloxía e, despóis de estar nas illas Faroe, pasou a vivir na illa Ons. A vida fixo das súas e o sueco rematou por namorar e casar cunha moza da illa. Bueno, supoño que aquí haberá unha historia ben fermosa de amor esperando por unha película pero eu non vou facela. O que si vou facer é deixar fotos fusiladas dese libro feitas por un sueco que quixo retratar unha xente e uns costumes diferentes.
















Etiquetas: , , ,

martes, 10 de xuño de 2008

Silencio



Silencio. Esa é a sensación que me deixa a folga de camioneiros. Paseo co Leo e a estrada está valeira coma nun domingo e a calor e o silencio dominan os sentidos. Silencio que facía falla para cazar lagartos arnais cun lazo corredizo feito dunha herbeira de avea. Agora non cazo arnais pero necesito o silencio igual para facerlles unha foto. Gústame o silencio cando rebumbia na miña cabeza.

Etiquetas:

luns, 12 de maio de 2008

A caza do grilo


Nesta época empezan a cantar os grilos e aproveitei a circunstancia o outro día para cazar un grilo co curmán do Leo, que nunca cazara un. Fomos en silencio guiados polo cri-cri ata facer contacto visual. Cando se decatou da nosa presencia meteuse na toba que é o buraco na terra onde vive. Collín unha herbeira de avea e deixei o talo limpo. Metín a herbeira na toba e púxenme a fuchicar, a darlle voltas como se fixera cóxegas coa herbeira. De aí a pouco saiu o grilo como buscando quen o molestaba e foi o momento de collelo coa man. Metémolo nunha caixiña de cartón cun pouco de ensalada e máis tarde soltámolo.
Cando era eu pequeno tiñamos unha mitoloxía montada ao redor dos grilos. Diciamos que se tiñan dous rabos eran macho e se se levantaban as asas víase unha letra. Podía ser "P" de príncipe ou "R" de rei e cantaba millor o rei có príncipe. Tamén había grilos con tres rabos e diciamos que eran femias e chamabámoslles putas ( pero sen mala intención, era o nome sen máis ) e diciamos que comían os machos. E logo había outro animal que era máis grande có grilo e máis claro e que comía grilos e putas e chamábamoslle carniceiro. Se o topabamos xa o esmagabamos co pé.
Non sei que terán de verdade estas crenzas que tiñamos pero iso era o que pensabamos.

Etiquetas: ,

luns, 14 de abril de 2008

O arco do trono e as reghateiras de Abril


Esta fin de semana houbo chuvias intermitentes con momentos de sol. Isto en Arbo chámanlle reghateiras de Abril. Tamén houbo momentos nos que saiu o arco do trono, nome con que se conoce o arco da vella. Eu quería fotografalo pero non o dei pillado. A ver se no futuro cazo un arco do trono.

A foto que poño é da interrede.

Etiquetas: ,

martes, 8 de abril de 2008

Ruinas nas Gándaras





Estes días de chuvia tiran por baixo muitas flores como as glicinias que saen na imaxe de arriba.


O edificio coas glicinias é unha ruina antes de inaugurarse porque ía ser un centro de interpretación das gándaras do río Louro que son un humedal que malamente sobrevive entre as industrias de Vilaguindastre.


Non sei por que razón a obra non seguiu adiante e podes ver o interior do edificio abandonado na foto de embaixo onde sae o Colín " visitando " a instalación o ano pasado, cando tirei estas fotos.


Unha cousa é certa: mágoa de cartos tirados.


Etiquetas: , ,

luns, 7 de abril de 2008

Cambio climático



O tempo está tolo: onte fixo un día de praia e hoxe choveu a rabiar.

Na foto está a portada do número de marzo da revista Retranca que me fixo muita gracia. Espero que o cambio climático quede só no papel e non se faga realidade.

Etiquetas: ,

luns, 10 de marzo de 2008

Futuro verde



Por fin actualicei fotos da Refontán de Arbo e pode verse que está rodeada de deserto provocado polo lume. Pau pensaba que agora estaría recuperada a zona despóis do incendio do 2006 pero aínda non. O bó é que agora van prantar árbores de folla caduca que hai unha subvención e van deixarse de piñeiros e eucaliptos. O malo é que tardará anos en ser un bosque verde pero cando medre será a imaxe que terá o Leíño da casa dos bisavós.

Etiquetas: ,

venres, 22 de febreiro de 2008

Árbores en flor

Nestes días de calor empezan a florecer muitas árbores. Na foto sae unha flor sinxela e sen graza pero apreciada por min porque o nome da árbore coincide cun apelido meu.
A ver quen acerta coa árbore.

Etiquetas:

xoves, 21 de febreiro de 2008

O Quixote



Pois sigo con cans. Nesta foto está o can que chamo eu " O Quixote ". Este can é de Arbo e descubrín hai pouco que é fillo da Pitusa, unha cadela que tiñan os bisavós de Leo. Este can é un fervellico e seguro que caza ben como a nai. Non creo que sexa de raza pero é parecido ao podengo galego. A foto foi en branco e negro por despiste pero quedou ben, non ?.

Etiquetas:

mércores, 20 de febreiro de 2008

Cans


Cando comemos o taco no choio falamos de temas diversos e o outro día falamos de cans, non sei a conto de que. Bueno, un compañeiro contou o caso dun can que se lle cruzou no camiño cando ía con bocadillos para os compañeiros da obra onde traballaba. O can era grande e tivo que aganchar a un carballo e botou alí máis de dúas horas mentres o can ladraba debaixo do carballo. Ao final baixou cando apareceu a dona do can e levou o can despóis de pedir perdón. O xefe da obra despóis muito riu co raio do conto; coma rimos nós cando nolo contou. Eu tamén contei unha historia que me contaran a min do caso dun can que lle ladraba á comida cando estaba quente. Ladráballe con mal xenio e daba voltas arredor do prato todo histérico.
Dende logo que hai veces que os cans parecen reencarnacións de xente como o can da foto que se me acercou con tranquilidade e con ese ollar amigo e posou para a foto como sabendo que ía saír na interrede adiante.

Etiquetas:

venres, 15 de febreiro de 2008

Humanadas


Hoxe mirei nas novas da televisión que apareceran mortas unhas eguas pola capital da arte rupestre de Galicia. Eu chamo " humanadas " ás cousas malas que lle facemos aos animais como matalos a tiros ou a coiteladas no monte.
Na foto están uns " pochincos " nun curro do concello de Gondomar xa hai anos. Por alí chámanlle pochincos aos cabalos de monte.

E como nota alegre deixo unha ligazón a un experimento que lle fixeron a un chimpancé no que demostra que é capaz de sacar un cacahuete do fundo dunha probeta sen ferramenta pero con intelixencia. Descubrino gracias a F. Míguez.

Etiquetas: , ,