leoeosseus

Wednesday, 28 February 2018

Febreiriño curto


Remata este febreiriño curto que pasou polo aire.
O tempo pasa sen decatarnos e o comercio da foto de arriba pasou de aberto ao público a estado intermedio de crise  con esa metáfora do galego que non se sabe se sobe ou baixa e esa escaleira que non vai nin sai a ningures. E pasou o tempo, repito, e agora está definitivamente pechado e fixeron desaparecer a escaleira e tapiaron a metade da porta para aclarar dúbidas.
E o tempo pasou e daquel Leo bebé que miramos en vídeos de hai anos chegamos a hoxe que está a estudar a reprodución humana.
O tempo atropélanos !.


Labels: ,

Saturday, 24 February 2018

Octoxésimo mes


A Xela artista chegou a este mesario cun carraspeo na gorxa que xa lle dura tres semanas. Segue activa e de baixo consumo co seu leite con cereais que lle vale para almorzar e cear. E as análises médicas dan todo correcto !.
Segue co xadrez, música e o inglés pero a piscina tena abandoada polo asunto da gorxa. Dálle á chencha e mándanos debuxar e puntúa os nosos debuxos. A úktima foi que nos preparou unha cita como se citase eu a Naideleo e tiven que darlle un bico. Ela púxose contenta e preguntounos se fora unha boa idea ou non e, claro, dixemos que si.
Argalladas que cisma.
A foto é de hoxe e case de sorpresa.

Labels:

Friday, 23 February 2018

Case pechados


O principio da semana estivemos case pechados na casa por mor do Leíño. Estivo pachucho con febres, dores de cabeza e cagarría. Xa o xoves e hoxe estivo ben e de feito o mércores xa chinchaba a Xela. A nena tiña un robot-cofre e tiña un contrasinal e, de tanto fozar, pecharon a portiña e Xela non era capaz de abrila. O pior é que tiña dentro cousas importantes coma un monequiño e un cochiño e algo " importantíiiiisimo " que non lembraba que era. Nese momento botamos a rir todos.
Que todo sexan anécdotas !.

Labels: ,

Saturday, 17 February 2018

Xogos de sempre


Estes días pasados de chuvia deu para xogaren os nenos na casa. Aparte dos aparellos eléctricos cos seus xogos actuais tamén xogaron ao parchís na tablet. Gosto de que haxan eses xogos de sempre en versión electrónica.
E a raíz diso faleilles aos nenos do "paifillonai" que era o nome de toda a vida do tres en raia. Quixen ensinarlles se existía en google e vaia sorpresa que levei !.
Na foto saen dúas figuras de nenos xogando ás bolas, outro dos xogos de sempre como todos estes.

Labels:

Wednesday, 14 February 2018

O xigante triste


O xigante está triste. Pode ser polo monte queimado á súa redonda. Pode ser polo tempo que estraga dedos e dedas. Eu penso que é por estar só neste día.

Labels:

Sunday, 11 February 2018

Sábado e domingo de entruido


O sábado fun de tigre coa avoaE e uns buscáronme o chip onde empeza o rabo. Tamén ameacei a unha Cruella Deville que fai o abrigo de peles de cadelos e collín de ganchete a unha muller cunha chaqueta de estampado de leopardo.
O xogo da ola estaba na edición 75 que logo se di !.
Leo, Xela e Naideleo desfilaron co colexio e levaban de temática Galicia cos seus traxes tradicionais, pelegríns, mariñeiros, peixeiras e "porranllas".
E o domingo tocounos no concello veciño ( onde tirei esta foto de Xela máis Leo ) e eu fun disfrazado de peixeira anque Xela dicía que eu non parecía unha chica nin cos labios pintados.

Estes son días de muitos e variados disfraces. Abraioume a cantidade de xuventude disfrazada de unicornios.

Que siga a festa !.

Labels: ,

Friday, 9 February 2018

" Porranllas "


Hoxe comezou o entruido en Vilaguindastre co desfile dos colexios. Leo ía de mariñeiro co seu chuvasqueiro amarelo e Xela de " porranlla ", unha variante das pantallas de Xinzo de Limia.
A ver se o tempo acompaña para estes días de desfiles.
Na foto estou eu co casco de Xela.

Labels:

Sunday, 4 February 2018

Hai fanecas !


Levo tempo escuitando no choio a frase " Hai fanecas " que se usa cando un está rascando o cu porque lle proe. Busquei en google e apareceu como frase feita en Sibil, Curtis.  " Mañá hai fanecas " (Fórmulas 165 páx-302).
Sen saír desta zona do corpo outra palabra que escuito é " peida " referíndose ao cu.
E non hai millor foto para ilustrar este posteo ca este " tapapeidas " ou " afogafanecas " dun bazar chinés que, curiosamente, ten o laciño atrás en vez de diante.

Labels:

Thursday, 1 February 2018

Paz e lúa


Pasou o día da paz e Xela quedou desgustada porque non votan por ela no cole para o nobel da paz. Pero logo esquece os problemas e trata de agarra ra superlúa entre as súas mans. E lembramos a canción "Eu quero a lúa".

Labels: ,