leoeosseus

domingo, 28 de febreiro de 2021

Aireándose

 
 
Nótase que abriron a man. Onte sábado facía un día precioso. Por fin a avoaE puido comer con nós. Despois fun con Xela á Risca. Quedamos co seu amigo Llechat e alá estiveron agabeando polos penedos. Había muita xente e quen máis  quen menos incumpría as normas de estaren só catro xuntos coa máscara posta e gardando a distancia. Había familias soltas e despois grupiños que uns eran algo máis legais e outros xa pasaban de todo como tres coches co maleteiro aberto, con música e cervexas e a xente de risa alí sen máscara nin posta de babeiro. Iso si, cando marchamos a iso das sete xa subía unha patrulla da Garda Civil que seguro que meteu un susto a máis dun.


E hoxe fixo outro día boísimo de sol. Á mañá fun mercar o pan e as terrazas non estaban mui cheas. Supoño que era cedo ( eran as once ) e aparte co día que estivo a xente foi por aí. Nós fomos a Vlrñ a voar o papaventos de Xela. Era a primeira vez e voou de marabilla e ben logo Xela lle topou o xeito. Tamén levamos a cadela e notábase que era a primeira vez que estaba nunha praia e que miraba o mar. Cheirou, cheirou e non xogou nin coa area nin con paus pero gustoulle.

A xente na praia era pouca e en grupiños e seguindo as normas daquela maneira. Os bares estaban abertos ( tiña eu a dúbida se ía ir algún ao tacho ) e marchamos ás seis e inda estaba a xente nas mesas coa súa bebida.

Antes as normas de circulación eran as máis infrinxidas pero agora as normas ditadas pola Xunta son máis infrinxidas aínda.

Ah, e deixo a ligazón a un vídeo marabilloso dunha muller formidable que se chama Nieves e vive en Viana do Bolo. É pastora, poeta, escultora de madeira e fotógrafa e os fillos construíronlle un museu que en canto abra vou visitalo de cabeza.

Para min que é a Apalpadora porque lle facía xoguetes de madeira aos fillos.

https://www.youtube.com/watch?v=hvFKe0ThsM8

Etiquetas: , ,

venres, 26 de febreiro de 2021

Outra tregua


 

E hoxe amenceron os bares coas terrazas e as portas abertas. Tamén o ximnasio abriu a porta...e o Círculo Cultural. A biblioteca non, non sei que normas segue. Naideleo levou onte o xeringazo da Astra Zeneca e pasou mala noite con frío e na mañá calor. Notábase cansa pero foi millorando e foi traballar hoxe pola tarde e está ben de todo.

A avoaE recibiu visita dos netos e avóM recibiu unha boísima noticia referente á saúde.

E con este ambiente case feliz e este día caloroso e as árbores con floriñas e as formigas a corricar e as velutinas a zoar; pois semella que todo vai ben.

A foto é dunha terraza vella que non abriu este ano.

Etiquetas: ,

mércores, 24 de febreiro de 2021

Centésimo e décimo sexto mes

 
 


Xela fai hoxe cento dezaséis meses de vida. Durante os días do cole non lle deixamos estar con Tablet nin con Nintendo e ponse a lidar por aí con varias cousas. Tanto colle a guitarra coma o piano, despois xoga cos Legos de Harry Potter que pelexan contra un xigante e ela fai a historia pero sen abrir a boca. Ten vergonza, disque. Tamén le anque iso é ben raro e fixen esta foto de pura potra. Debuxa en papeis ou argalla con xoguetes. Tamén anda atrás de Leo coa pelota ou xogan a perseguirse. Non sei, ela sempre ten algo que facer importantísimo.

E o outro día fixo un ratiño xeitoso coa plastilina.

 

E hoxe coincide que é o día de Rosalía e eu escuitaba unha voz de muller recitando poesías dela diante do concello mentres facía tempo para esperar que saíse Xela de música. O recital era gravado e había unha imaxe da escritora proxectada no chan para ledicia dos nenos.
 
Unha maneira coma outra calquera de celebrar o día de Rosalía de Castro.
 

Etiquetas:

martes, 23 de febreiro de 2021

Tempo de " lisemia "


Hoxe por fin houbo mercado en Vilaguindastre e así apareceu algo de vida. Aínda non se sabe certo como vai quedar a liberdade no concello porque anque baixaron os casos ao millor rexen os datos anteriores. O caso é que a partir do venres haberá terrazas abertas que xa é algo. Tamén poderán xuntarse catro persoas non conviventes así que a avoaE poderá estar cos seus netos. Iso si, a Arbo inda non podemos ir.

Eu hoxe fun mercar e tiven que ir ao concello da Rosa. Deixei o coche e fun por un atallo e crucei a vía do tren e non me crucei con ninguén. Na farmacia dixéronme que se quería podía facer a proba do cuspe que é gratis. Dixen que non pero xa sei onde facela se a preciso. Ía volver por outro camiño pero mirei a Garda Civil e volvín polo atallo da vía.

A Garda Civil estivo controlando os montes este domingo pasado e multou a motoristas e condutores de quads por circularen por sitios prohibidos, non levar máscara e houbo casos de xente que non estaba no seu concello e non tiñan ITV nin seguro. Así aprenden que non se pode xogar polo monte por puro pracer.

Outra cousa: estou a ler " Arqueofaxia " de M. Lourenzo González e atopei que falaba dunha enfermidade chamada " lisemia " que mataba a muita xente. A novela é dos anos 90 pero xa anticipaba esta pandemia anque, claro, a enfermidade ten distinta orixe e distintos síntomas. Xa sería atinar demasiado ! Eu non a lin cando ma agasallara Naideleo no 2001. Nótase que non tiña a paciencia de hoxe para poder ler o principio que é algo confuso.

E a ver se ten razón Bill Gates e para o 2022 recuperamos a liberdade anterior anque co paso que levan as vacinacións teremos que facer como Uzbekistán e coller inmunidade de rabaño para poder andar sen máscara e con todo aberto e con contacto físico.

Xa se mirará.

 


Etiquetas: ,

sábado, 20 de febreiro de 2021

Auto Covid, municipais, soños e interrede

 

Vaia noite  e mañá de chuvia ! E chovían mares cando fun con Naideleo a facer a proba PCR que lle mandaron unha cita para facela.

Despois ao mediodía mirei aos municipais facendo proba das drogas a un que ía con outro no coche.

 

De noite Leo soñou que iamos nun barco e que afundía e morriamos Xela e eu. Un pouco tenebroso. 

É como cando soñei que había " mambas ". Paseabamos e había xente facendo picnic nun parque coas máscaras postas daquela maneira e unhas negras miraron unhas formigas a fuxir e as mulleres escaparon cos seus nenos dicindo que viñan " mambas ". Apareceron uns insectos andaríns altos con plumas azuis. Os primeiros eran pequenos pero logo apareceron outros grandes coma gatos. Parecían riquiños e os nenos tocábanos e quedaban convertidos en zombis que necesitaban comer carne humana. A xente acababa coa cara de cor terra e ollos brillosos e sorriso satánico. O malo foi que a miña familia acabou sendo zombi e ía atrás miña. Eu botáballes comida pero querían morderme a min. Menos mal que espertei.

E como o día está así de choucho estou pola interrede mirando vídeos galegos, Frank Cuesta, Necojitablog, ou de idiomas coma o dun cajun co que me identifico. 

 

 

Etiquetas: , , ,

venres, 19 de febreiro de 2021

Corrixindo


 

Que pouco cuidado se ten coa lingua galega ! No cartel da foto sain varias erratas, grallas ou aberracións. E menos mal que o texto é curto !

Pero tamén a Xunta fai das súas que o outro día recibimos unha carta escrita a dúas caras nas dúas linguas oficiais. A parte escrita en español non tiña nin erros nin grallas nin aberracións ( para o que eu sei ) Pero na parte escrita en galego apareceron tres " una " no canto de " unha ", dous " aso " no canto de " aos ", un " agradecemnto " e un " viendeiros " que é tradución de " próximos ". Nótase que o escribiron cun corrixidor electrónico español pero que non tiveron a decencia de repasalo persoalmente.

Pero o importante é que hai menos covidia.

Etiquetas:

martes, 16 de febreiro de 2021

Entruido caseiro


 

Merquei unha carauta e unha perruca pero non tiven ánimos para saír disfrazado. Nin asustei á cadela.

Xa virán outros tempos.

Etiquetas:

luns, 15 de febreiro de 2021

Subida ao Castelo

 Hoxe andei abondo: á mañá fun buscar o coche ao taller e á tarde subimos ao monte Castelo. Facía algo de calor cando subimos por detrás do cemiterio de Cans pero chegamos bastante rápido. Alá arriba corría aire e había mozos con cans. Tamén apareceu un deses que corren, chegan e baixan correndo. Fixemos fotos nosas, das vistas e das camas das santas.

 

Logo collemos a pista para baixar polo Roupeiro. Cruzámonos con ciclistas e algunha xente a camiñar. Nótase que os bares están pechados, que os comercios ían pechar a esa hora e que fixo un día espléndido. Baixamos por unha pista fendida pola auga destes días de tal maneira que semellaba unha grecha dun terremoto ou a falla entre as placas de Islandia. Despois pasamos polas casas e o Freixo de Albarín, árbore senlleira.

Non estivo mal o paseo. A ver se mañá me podo mover !


 

Etiquetas:

domingo, 14 de febreiro de 2021

Coronatroido


 

Este ano o entruido é ben triste con todo suspendido e o pouco ambiente que hai. Este ano xa non houbo xogo da ola nin comparsas nin nada. Algúns nenos saíron disfrazados hoxe da man dos pais e poucos destes se disfrazan. Iso si eu mirei un dinosauro o sábado e un Piolín e un bote de ZZ Covid hoxe que me dá na espiña a min que é cousa do Cuquín que non perde ocasión de disfrazarse.

Eu poñerei algo o martes e darei por finalizado este Coronatroido 2021. Xa virán tempos millores.

Deixo un mapiña coas distintas formas de referirse a esta tradición de disfrazarse en Galicia.

Etiquetas: , ,

venres, 12 de febreiro de 2021

Nos pés do arco do trono

 

Hoxe topei arcos do trono despois de que me parase a Garda Civil nun control antidroga. Tiña media hora antes de que abrise un comercio e saiu o arco do trono. Busquei nos pés e só había un cartel que non sei a que se refire e as veigas cheas de auga. Quizá sexa ese o tesouro que hai nos pés dos arcos do trono.


 

 

 

Etiquetas:

mércores, 10 de febreiro de 2021

Polymerase Chain Reaction


 

Pois si. Domingo á noitiña facía un día perfecto para quedar na casiña: chovía de todas as formas posibles e a néboa non deixaba mirar a vinte metros. Pasei pola rotonda de Puxeiros coa súa estatua de bois que axudaban a subir os carros esta costa antes de baixar a Vigo. Tamén pasei pola rotonda dos emigrantes, á beira do aeroporto; novo punto de emigración. E a rotonda da avioneta e do canastro tamén a pasei. Aparquei  e entrei na nave do Ifevi. Alá tiñamos que andar tropecentos metros pola nave inmensa seguindo as indicacións dos seguratas ata as mesas onde tiñan as identificacións das mostras por minuto da cita. Detrás estaban os enfermeiros que nos collían a mostra do nariz adentro. Foi bastante rápido anque o resultado si que tardou que o recibín onte ás cinco menos cuarto: corenta e cinco horas máis tarde. E o resultado foi negativo como o da xente que coñezo que estabamos citados un de cada tres dos censados en Vilaguindastre.

Polo resto sen muita novidade. Ben, agora Xela mercou unha ocarina e está aprendendo a tocala. Algo bo tiña que ter Zelda !

E mañá empezo as vacacións anque non teña muito a onde ir.

A foto tireina da interrede. Sorry.

Etiquetas: , ,

domingo, 7 de febreiro de 2021

Actuación policial


 

Ao final son eu quen teño que facer a PCR ( Polymerase Chain Reaction ) E tamén lle tocou a Tíonan, Kasege e TíoNe. Seica formamos parte dese peneirado grande que fan en Vilaguindastre e outros concellos.

Eu teño curiosidade por saber o resultado que supoño negativo anque nunca se sabe.

De imaxe poño unha actuación da policía local con tres adolescentes do bairro obreiro que estaban tranquilamente fumando os seus cigarritos coa máscara daquela maneira. Ao final todo quedou nunha parolada sen máis consecuencias.

Etiquetas:

xoves, 4 de febreiro de 2021

Bancos e outras actualidades


 

Á mañá fun ao banco a pagar o comedor de Xela e dar o meu número de teléfono para recibir códigos cando merque ou entre na conta. O empregado non sabía que van instalar este sistema de seguridade dentro de pouco. Tampouco sabía que o meu enderezo postal é tan sinxelo.

Logo recollín os nenos e Leo falou do profe que levou un susto no laboratorio cando caiu auga fóra e Xela falou das notas de inglés e das " tenedoradas " que comeu no comedor.

Naideleo recibiu unha invitación para facer unha PCR. A ver como sai a historia porque unha compañeira de choio recibiu o resultado... sen facer a proba ! e agora vanlle facer a proba por un peneirado deses.

E parece que o becho non vai a máis e menos mal que o ritmo de vacinación vai fatal; polo menos para a xente do común.

E semella asomar o sol un chisco.

Etiquetas: ,

martes, 2 de febreiro de 2021

Candeloria de chuvia


Vaia día hoxe ! Non creo que casen os paxariños coa que cai. Entre o tempo e as restricións pouco se pode saír. Por non saír nin fun mercar. Iso si, anque me gusten bulsas con mensaxe esta non a vou mercar. Eu son Suroeste. Hai que situar ben o centro !

Etiquetas: