leoeosseus

martes, 20 de xullo de 2021

Certificado e mal tempo

 

O sábado tiña a cita para a cuarta vacina así que fun alí coa xuventude de trintatantos anos. Cando me sentei diante da enfermeira díxenlle que non me vacinaba que xa estaba vacinado. Expliqueille o problema e mandoume ao coordinador que trataba temas desa índole. Expliqueille o caso e alá fuchicou no ordenador e díxome que xa estaba amañado e deume o certificado da vacina antiCovid.

Cando voltaba para casa parei a fotografar o canastro este por riba da estrada pero detrás había unha cabaceira e unha meda e un trebello no lavadoiro que debe de ser obra de algún fedello.

 
Á tarde fomos a Ldn, descargamos e fomos á praia que facía bo día. Ese día non mirei ao señor José pero ao final mireino. Agora gasta caiado e non ten a chalana na auga. Alá foi o último mariñeiro de Vlrñ !

 

O domingo xa fixo mal tempo e o luns tamén así que tocou pasear. Descubrín que Vlrñ e Ldn van a menos con negocios pechados. Tamén descubrín o monumento adicado aos olímpicos de Ldn e este monumento da foto adicado ás palistas da zona.


Tivemos ocasión de ollar un arroaz a escasos metros da beira. Foi un espectáculo que nos abraiou aos escasos paseantes do día.

Esta semana semella estar de mal tempo así que estaremos na casiña de sempre. Espero que para a semana Xela siga enterrando cousas na area e Leo poida botar pachangas cos amigos da praia. Tamén teño ganas de seguir comendo fóra da casa e probar novos locais.

Etiquetas: , ,

martes, 29 de xuño de 2021

Por que hoxe é san Pedro


Ese é o motivo de que a praza de Barcela estea adornada con tanto testo que se " moveu " milagreiramente esta noite.

Non é como antes que había carros e grades pero algo é algo. Para aprender máis da noite de san Xoán e de san Pedro recomendo este vídeo de Orgullo Galego con Rafa Quintía.

Tampouco o tempo semella desta época con este aire fresco e estas temperaturas suaves. A semana pasada houbo algún día de lume co aire cheo de formigas voadoras. Hoxe onde irán elas ?

Etiquetas:

domingo, 2 de maio de 2021

Contra as bruxas

 

O outro día era o día da árbore e a empresa organizaba algo para celebralo pero non falaba nada do primeiro de maio; iso non importa e menos cando botan  a unha empregada o día anterior cando levaba unha chea de anos traballando para a empresa pero cunha implicación total. O ruxerruxe di que non se levaba ben nin cos subalternos nin cos xefes e aí houbo o toupazo.

Eu puxen o anaco de xesta da foto para varrer meiguices coma esa e demais males.

Polo resto todo ben e celebramos o día da nai coas avoas na casa de convidadas.

Etiquetas: , ,

luns, 8 de marzo de 2021

8 M e antes

 

Sábado facía boa tarde e Xela foi co seu amigo a San Cibrán. Hai un feixe de cotos espalladps alí e muitas mesas para merendar. De feito, había muita xente merendando e ata celebrando festas de aniversario e cando marachamos a xuventude xa empezaba a sacar de bebidas das neveiras. Tamén había escaladores nun penedo de parede vertical. Traían furgonetas e logo ían quedar a cear.

 

Domingo fomos a Arbo que dende Reis non foramos- Así celebramos os aniversarios de avóM e de Naideleo. Logo pegamos unha voltiña ata unha nova plantación de albariño e tivemos que cruzar por un camiño de carro invadido por xestas. Logo volvemos á Refontán pasando pola Barreira e o Barandón onde hai montes dos tíos de Naideleo.


E hoxe é o 8 M que, paresme a min, está totalmente descafeinado comparado co do ano anterior e máis aínda comparado co 2019. Ás doce e pouco mirei muitas mulleres traballando en cafeterías , repartindo ou conducindo furgonetas. Suponse que a esa hora habería unha concentración na rotonda de SomosMos pero non sei como estaba o ambiente. Iso si, a perruquería de cans da foto non traballou.

Etiquetas: , ,

martes, 16 de febreiro de 2021

Entruido caseiro


 

Merquei unha carauta e unha perruca pero non tiven ánimos para saír disfrazado. Nin asustei á cadela.

Xa virán outros tempos.

Etiquetas: