leoeosseus

venres, 18 de setembro de 2020

Palabras novas e outras que morren

Hai palabras novas que empregan os meus fillos como " efe " para algo que sai mal, " equisde " ou " lol " para algo que dá risa ou o " en serio ? " que se aprende na televisión.

 

 

E despois hai cousas que aprendín da bisavoa Celia como o " ouregho "que é bo para a tos, as  " vincas " que son as marcas que nos deixa a roupa apretada, que as gafas " nocen " no nariz, que hai que escoller millo ou " destremar " patacas ( diferencialas ) e que polo San Pedro hai que reghar a medo seguindo as ordes do minuteiro. Tiña un galego rico e dicía " nonsí ", " enxuito ", " afastar " e " pronto ", aparte do " avernuncio " tan arbense.

Aprendín iso e souben de veciños e costumes de antes. Oín varias veces como topou co lobo pensando que era o can dun veciño ou como despois da guerra a xente escondía cousas nas medas para que non as confiscasen.

A bisavoa Celia pasou por malos tempos cando comía as cabezas dos peixes para deixarlle algo aos fillos. Ela tiña bo corazón e lembraba a fame que pasaban os animais e como bebían viño os bois cando labraban con calor.

Durou noventa e cinco anos e deixounos onte co seu bo saber: esperou a rematar a vendima e apagouse sen facer ruido.

Un bico.

Etiquetas: ,

luns, 14 de setembro de 2020

Non-vendima e taller

 
 

Onte fomos a Arbo e pola mañá remataron parte da vendima. Tiña que ser a festa do Libramento pero este ano non había nada.
Hoxe luns empezaban coa Treixadura para a adega pero este ano non vou para estar cos nenos e para traballar tamén. Só axudei a cargar no tractor unha cuba de inox, unha bomba coa manga e a espaleadora.
 

E hoxe despois de traballar tocou ir ao taller para amañar os intermitentes do coche vello. Fotografei este cartaz simpático desta xente que vai por libre e non leva os fillos á escola de momento e iso que non teñen a excusa de que van ás festas.

 

Etiquetas: ,

sábado, 12 de setembro de 2020

Cole, mercado e autocinema


Xela por fin empezou o curso anque coincidiu co empichado de todas as estradas que daban ao colexio para desespero de pais. Seis meses sen escola e acordan empichar o primeiro día de curso !. Xela acabou farta de tanta máscara coa calor que facía. No seu primeiro día de clase explicaron en que consistía a peste esta e as normas que había que seguir: nada de compartir, zona de recreo limitada e marcas no chan para entrar e saír da escola entre máis normas. Un asunto curioso é que a norma de separar irmáns xemelgos segue en pé. Eu creo que sería millor xuntalos este curso pero, claro, eu non pincho nin corto.
Hoxe á tarde fun á piscina ventando o fin de verán e fomos ao mercado de oportunidades de Vilaguindastre con pouca xente e máscaras e xeles funcionando de seguido. Facía un serán de verán e tomamos algo cos veciños.
E máis tarde había autocinema e fun facer unha foto. Puñan as películas gañadoras do festival de Cans e fun facer unha foto que me quedou a espiña de non ir a un autocinema en Estados Unidos. Un organizador de Parolas íame dicir a frecuencia de radio para escuitar a película no coche pero dixen que marchaba e iso que había que anotarse nun correo electrónico do concello por mor da capacidade.

Etiquetas: ,

xoves, 10 de setembro de 2020

Setembro negro

 

Empeza setembro e non pinta nada ben. Os positivos de Escornaviros son cada vez máis e chegan máis perto. Un camioneiro da fábrica está confinado porque unha cuñada deu positivo. O Becho ronda ceibo e invisible e non sabemos por onde ataca. Estamos resignados e suponemos que teremos que pasar por el para ben ou para mal.
Na empresa puxeron este anuncio que é complicado de cumprir porque somos poucos e algún non cambian de xeira de traballo.Así que será como  sexa .
Os nenos de infantil empezaron hoxe e mañá empezan os de primaria e Xela entre eles.
O asunto empeza a complicarse !.
 
 
 
Menos mal que temos arte en forma de vimbio para alegrar un chisco o espíritu.

Etiquetas: ,

luns, 7 de setembro de 2020

Cheirando o fin do verán



Onte fomos á praia das ondas, un costume que se está impondo na nosa vida de todos os anos. Había muita xente e a auga estaba mui fría ( doíanme os pulsos e todo ) e levei a Xela no colo e protexina contra as ondas. Leo tamén saltou as súas ondas con ledicia.


Xantamos na terraza da crepería bretoa á sombra e facía frío. Mentres non nos atendían estabamos de pe ao sol coma os lagartos.
Véntase o final do verán.
A próxima vez que veñamos a esta praia será para facer voar un papaventos e que a cadela corra ceiba pola area e non quede triste e soa na casa.

Etiquetas:

sábado, 5 de setembro de 2020

XVII Festival de Cans


Non me decatei e estes días foi o Festival de Cans. O outro día mirei xuventude saíndo de detrás da biblioteca onde se escuitaba música e extrañoume e hoxe mirei un autobús cun rótulo do Festival de Cans e entón informeime. Hai festival, si; pero hai que ir con entrada ou reserva que non hai atracións na rúa e non recomendan ir por ir por mor do Becho, está claro. Así que non fun e non sei como foi. Xa haberá máis ocasións.
O que sei que Naideleo deu negativo no teste serolóxico do Coronavirus para profesores de hoxe. Xa estivo nos exames de setembro sen facer a proba pero cando empecen as clases xa sabe que é negativa total, nin ten nin tivo anticorpos do virus.

Etiquetas: ,

xoves, 3 de setembro de 2020

Horas extras raras


Estou no turno de tarde pero esperto ás cinco da mañá despois de soñar que traballo en empresas futuristas con máis complicación que as de agora pero cos mesmos problemas. Non sei porque soño isto pero agora empezamos con carretillas eléctricas e volvemos a empezar. Todo cambia e a un ritmo demasiado lixeiro. O malo é que non me pagan estas horas extras soñadas en fábricas futuristas con xente que non coñezo.

Etiquetas:

martes, 1 de setembro de 2020

O curso está aí


Empeza setembro e co el os exames de recuperación. Baixei a Vilaguindastre e mirei con satisfacción como os estudantes do instituto estaban na porta con máscaras postas coma se fose o máis normal do mundo. Esta imaxe deume unha dose de optimismo.
Fun facer cola á entidade bancaria e fixen unha foto deste mural: Os fillos que o sistema non quere nunca marcharon.
Creo que hai que dar máis dunha oportunidade á xuventude que vén detrás.

Etiquetas: