leoeosseus

martes, 30 de agosto de 2016

Marina d' Or... que guai !


Pois si; despois de pasarmos cinco días nas terras frías e case salvaxes de Islandia fomos á terra da calor, da marabunta humana e da luz e diversión.
Sabiamos que Islandia non había de ser mui divertido para os nenos así que despois de coller o coche en Madrid tiramos cara Castelló a Orpesa del Mar Marina d´Or. Gardamos na maleta zapatóns e chaquetóns e puxemos sandalias e camisolas lixeiras.
Que dicir de Marina d´Or ?. Eu penso que está mui ben para os nenos. Nós collemos o paquete de entrada ao Parque Acuático Polinesia, Jardín Encantado, o balneario de auga salgada de cinco estrelas do Hotel Marina  d´Or, Mundo Fantasía, Parque Aventura, Pequemundo e o tren turístico e fomos a case todo e repetimos algúns.
Estivemos no hotel Gran Duque que é un formigueiro de xente e nenos que colapsan os ascensores na hora do almorzo que é un almorzo buffet que ten de todo.
Aparte das atracións na cidade hai restaurantes, praia e tendas. Todos os días hai un desfile con carrozas e personaxes da Cidade das Vacacións e hai un mundo de xente admirándoo.
Todo está ben pero o que nos gustou a toda a familia foi o balneario cun feixe de piscinas interiores e un mundo delas exteriores.
Para comer quedamos co restaurante El Amarre que está ben de prezo e mui surtido. Iso si, hai que ir xantar á unha e media e cear ás nove e media. A partir das dúas e das dez xa non hai sitio en ningún local.
E agora deixo algunha foto.

 
 
Unha parte do Parque Acuático Polinesia. Non fixen muitas fotos. Xa sabes; a auga e a cámara lévanse mal.
 
 
 
Xela, un neno descoñecido e mais Leo preparados para saír nunha carreira de karts no Mundo Fantasía.
 

 
Unha carroza dos desfiles diarios.
 
 
Un anaco da praia.
 
 
Vista parcial do Parque Aventura dende o tren aéreo.
 
 
Os nenos gozaban pero os maiores non quedaban atrás.
Do balneario non teño fotos pero o señor google ten unhas poucas fotos do balneario.
 
E despois de Marina d´Or paramos en Madrid e botamos un día enteiro esperando que amañasen unha avaría do coche.
Durmimos no hotel Sidorme T4 de San Sebastián de los Reyes e pasamos o día no centro comercial Plaza Norte 2.
Cando nos amañaron daquela maneira o coche puidemos finalizar as miñas vacacións de volta na casiña.
Deixo unhas fotos do cuarto do hotel e do centro comercial.
 
 
 
 




Etiquetas:

domingo, 28 de agosto de 2016

Curiosidades islandesas


Carlos Casares dicía que o que fai distintos aos países non son os grandes monumentos senón os pequenos detalles. En Islandis acontece o mesmo e está cheo de pequenos detalles que abrochan aquí e acolá. Mais nada chegarmos collemos un taxi para ir ao alugueiro de coches e pagamos con tarxeta. Ou sexa, que estivemos os cinco días sen usar a moeda nacional; a coroa islandesa que está a 130 ISK= 1 euro. Tamén foi chegar á primeira guesthouse e tivemos que deixar o calzado na entrada como todo o mundo en todos os hostais nos que estivemos.


Os sinais son orixinais e aquí deixo unha selección.
Este primeiro indica unha piscina de augas termais.


Aquí as nenas son as maiores e non os nenos.


Non coñecía este sinal que proíbe apillar pedras. Este costume está mui extendido e non sei de onde vén.


Un sinal moderno é a proibición de usar drons en granxas privadas como a de Thorvaldseyri, famosa pola erupción do volcán Eyjaftjallajókull.


Un sinal bastante mentireiro é o de área de descanso que case nunca ten árbores e hai veces que non teñen mesas. Iso si, son apartadeiros que teñen paneis informativos muitas veces.


Islandia está chea de cabalos baixotes que unha vez que sain do país non volven entrar para evitar enfermedades. Antes usábannos para todo pero agora serven para levar a turistas por sitios imposibles para veículos.


Tamén hai vacas con ubres inmensos e que dan carne mui boa para hamburguesas. McDonalds e Burger King non están na illa.

Pero as raíñas da illa son as ovellas que están case por todas partes: dende a estrada ata os altos que semellan ovellas montesas. Dan unha la mui boa coa que tecen xerseis e gorros típicos que son carísimos.


No verán o gando come a herba verde e abundante da illa pero no inverno comen a palla envolta en plástico de cores que semellan nubes xigantes dunha tenda de lambonadas.


Ese gando vive libre todo o día e dorme nos cortellos das granxas pola noite.


Muitas desas granxas alugan cuartos para os turistas. Pero algúns buscan opcións curiosas coma a da foto.


Outros máis valentes van a dedo sorrindo o máximo posible. Tamén hai aventureiros que van en bicicleta por esas estradas longas e solitarias desafiando vento e chuvia.
Outros turistas con máis cartos contratan tours ou van con motoneve ou en helicóptero. Islandia é un país mui caro e aprovéitase millor tendo máis cartos.
Pero, bueno, con poucos ou muitos cartos ben merece unha visita.

Etiquetas: ,

venres, 26 de agosto de 2016

Islandia



 
 
Levaba uns días sen publicar pero tiña unha razón para iso. Estivemos de vacacións fóra da terriña e un dos sitios onde estivemos foi Islandia.
Chegamos o 14 de agosto despois dun palizón de dous avións dende Madrid a Viena e de aí a Keflavik. Aínda tivemos que buscar o coche de alugueiro de Blue Cars e chovía tanto que fomos en taxi a cincocentos metros. O coche era automático e tardei un quilómetro en esquecer de empregar o pé esquerdo que daba uns freazos que asustaba aos nenos. Demos voltas buscando o Fyt Guesthouse e resultou ser un antro. Unha liteira e unha cama estreita, unha cociña que non coñeceu unha limpeza en muito tempo e as almofadas sen fundas. Pero eras as cinco da mañá nosas e os nenos estaban derrotados despois de pasar todo o día entre avións e aeroportos. Ben, Xela choraba que quería regresar a casa e Leo pouco menos. Os maiores confiabamos en que sería un mal comezo e que mudaría a nosa sorte e, por fortuna, así foi.
Poucas horas despois erguémonos e fomos ao aeroporto a almorzar que era domingo e non sabiamos se habería algo aberto. Almorzamos mal e a prezo de ricos e tiramos a Rejkjavik a visitar o centro. Estivemos por onde a igrexa famosa e as rúas de casiñas e edificios baixos cos peitorís das ventás cheos das artistadas que fan na casa e con paredes con pintadas marabillosas. Logo seguimos viaxe a Thinvellir. 




 
No parque de Thinvellir sepáranse as placas americana e euroasiática e é o único sitio en terra firme onde ocorre isto. Cobraban por aparcar o coche e por ir ao baño pero nós aparcamos algo máis lonxe e non empregamos o baño. Seguía a chover e os ponchos que acertadamente mercamos para pór por riba da roupa servíronnos de muito. Na grecha entre as plancas camiñaba un feixe de turistas de todo o mundo.

 
 
A unha hora ou así en coche está a zona de xéiseres máis famosa co Geysir propio que dá nome a este fenómeno natural e que agora rara vez bota vapor e o Strokkur que si bota vapor cada 4 - 8 minutos para admiración dos turistas que nos xuntamos ao redor. Esta visita foi das poucas nas que tivemos descanso da chuvia que nos fixo compaña toda a viaxe.
 

 
 
Despistámonos de que estabamos perto da fervenza Gullfoss e non a visitamos. Si visitamos o cráter Kéfir coa súa lagoa no interior. Non baixamos ata a lagoa porque chovía e estaba o camiño enlamado e esvaradizo. Agora sabiamos porque nos pedían no alugueiro de coches que deixaramos o interior limpo !. Aquí tamén nos cobraron por aparcar pero foi o último sitio onde pasou isto. Todos os sitios de interés paisaxístico son de balde.
 


Logo buscamos o hostel que ten ese nome tan sinxelo de Ljósafossskóli. Aquí xa nos atenderon mui ben e había almorzo completo e variado, unha sala como Deus manda, varios baños e duchas e ata había ximnasio con pista deportiva cuberta que foi a delicia de Leo coa súa canastra e de Xela coas súas cordas para escalar e raquetas de bádminton. O pero deste hostal foron os colchóns que eran malísimos.

 
Despois do almorzo do día seguinte seguimos viaxe. Paramos en Selfoss onde eu cría que había unha fervenza ( foss é fervenza en islandés ) pero non a había. Mercamos cousas no Bonus, o supermercado do porquiño que é o máis barato de todos os da illa e tiramos cara o leste. Paramos a xantar nunha gasolineira en Hella e probei un bocata de año delicioso. A partir de aquí xa se empezaban a mirar fervenzas aquí e acolá. É lóxico, nós iamos pola estrada 1 que bordea toda a illa e vai pola plataforma mariña e abeiradas están as alturas cos glaciares que evacúan auga dende esas alturas en forma de fervenzas. Paramos na de Seljalandsfoss e Xela atreveuse a pasar por detrás comigo. Para animar a Xela díxenlle que esta freixa era a ducha dos dinosaurios. Empapámonos pero estivo mui ben; non todos os días pasas por detrás dunha fervenza como nas películas !.
 


A seguinte parada foi nun local na estrada onde botaban un documental sobre a erupción do volcán Eyjaftjallajökull en 2010. Falaba a familia da granxa da foto sobre os perigos e apuros que pasaron e a luita que tiveron contra o fume e os millóns de toneladas de cinsa que caiu nas súas terras e que ata vendían aos turistas como souvenir. Agora xa volveu á normalidade todo pero traballaron muitísimo para conseguilo. Xela acabou impresionadísima das imaxes e todo o tempo en Islandia tivo medo de que explotase un volcán. Quixo mercar postais da erupción para ensinar á familia.


 

 
 
 
 

 
 
Alí pertiño está outra fervenza de nome máis sinxelo e mui visitada: Skógarfoss. Ten uns escalóns que chegan ao alto e tocoume levar a Xela a carranchas case ata arriba. A caída é de máis de 60 metros e impresiona. Hai de todo e había atrevidos que arriscaban a vida por unha boa foto. Tamén é sitio para facer fotos de voda que miramos unha parella subir coa fotógrafa. Tamén hai algún turista que non lle cabe os cornos pola escaleira e quere apurar á xente que non pode andar máis lixeira.
 
 
 
Á beira da fervenza tiñamos o noso cuarto no Skógar Guesthouse que tiña cabana na árbore, jacuzzi exterior e xardín dos que non puidemos gozar polo mal tempo que nos acompañaba. A dona falaba español de México e preparou un bó almorzo no seguinte día. Era mui agradable, preguntaba aos hóspedes onde ían e daba consellos.
 
 
Como era cedo deixamos as cousas e fomos a Dyrholaey onde se admira a costa cos seus cons batidos por un mar bravo e perigoso, coas súas praias de area tan negra como fina e as súas rochas cheas de puffins, unha especie de pingüinos voadores con peteiro de cores que se comían antigamente na illa.
 
 
 
 
Seguimos o paseo en coche e baixamos á praia de Vik coa súa area negra e as figuras feitas polos turistas cos coios.
Din que hai boas vistas dende aquí pero a chuvia fechada non deixaba mirar máis alá de cincuenta metros de distancia.
 
 
 
Na mañá seguinte paramos no museo de transporte e comunicacións de Skógar. Puidemos admirar un bo feixe de veículos antigos coma este da foto que ía pola neve. Tamén había unha boa coleción de teléfonos dende os antigos aos móbiles actuais.
 
No exterior había casas e cortellos dos antigos feitos con pedra, turba, madeira e herba. Tamén había unha igrexa pequena, unha escola e a primeira casa de madeira da rexión feita cos restos de naufraxios. En Islandia non hai bosques así que a madeira sempre foi escasa.
 
 
Volvemos parar en Reynisfjara ( fjara significa praia ) que hoxe había un descanso da chuvia e así puidemos facer fotos das colunas basálticas, das olas perigosísimas, dos puffins, dos turistas e da pintora da praia.
 
 
 
Seguimos a viaxe cara o leste. De Vik ata Kirkjubaejarklaustur pasamos polas paisaxes despoboadas que mudan por zona. Son quilómetros e quilómetros de desertos amarelos, verdes, chans con pirindolos, desertos negros, quilómetros de pedras redondas cubertas de musgo brandísimo coma o dos trolls de Frozen e terreo ondulado e verde que parecía dos teletubbies e darían envexa a calquera campo de golf. En Kirkjubaejarklaustur hai unha fervenza dobre que se chama Systrafoss e paramos a xantar no Systrakaffi onde comemos unha pizza de langosta, cebola, tomate e allo boísima. 
 
 
 
Logo máis quilómetros e quilómetros de zona desértica que muda de cor de amarelo a negro pasando por verde. Os ríos son anchísimos e revoltos e co cauce controlado por diques e as pontes que os cruzan son estreitas e dun só carril.
A foto de arriba está tirada dende unha área de descanso onde hai os restos dunha ponte levada por unha enchente. Dende alí xa se poden mirar de lonxe os glaciares que nos seguirían o resto da viaxe cara ao leste.
 
 
Paramos no glaciar  Svínafellsjókull ( jókull significa glaciar ) que xa impresiona pero que non é nada comparado co seguinte que é o famoso Jokurlajókull onde rodaron películas de James Bond. Este glaciar xúntase co mar nunha lagoa resultado do cambio climático. Antes todo era un glaciar pero está derretendo rápidamente. Os anacos de xeos blanquiazul con raias negras de erupcións e de miles de anos de idade van aboiando cara ao mar coas súas formas abstractas. Impresiona o silenzo do lugar roto polos estralos dos icebergs que parten por onde menos contas. Polo medio hai barcos anfibios de turistas, zodiacs guiando eses barcos entre os icebergs e focas que asoman o fociño aquí e acolá. Foi unha escea maravillosa, hipnotizante e difícil de observar noutro lugar do mundo.
 
 
A xente vai ao outro lado da ponte para xogar e fotografarse cos anacos de xeo ciscados polo mar na praia. Leo tamén quixo levar un anaco pero só conseguiu mollar a barriga. E outra vez a chuvia nos fixo fuxir deste lugar máxico.
 
 
 
Chegamos a Skalafell ( a casa branca do medio ) que ten a súa fervenza particular que cai do glaciar como case todas as casas da rexión . Deixamos as cousas e fomos cear a uns 9 minutos en coche. Polo camiño miramos os primeiros renos da nosa viaxe. No restaurante de Holmur ceamos unha pizza para os catro, unha botella de auga ( é gratis e boísima ) e unha copa de cervexa feita por eles tan cara como boa ( 10 € ). Iamos deixar un anaco de pizza pero comeuno Xela. Iamos deixalo porque nos chegaba ( para abraio de Holmur que lle parecía pouca comida ), non como a outros turistas doutras mesas que comían unha pizza por cabeza.
 

 
 
Durmimos ben en Skalafell, un bo almorzo e un sitio mui limpo. Recollemos e tocou volver ata Keflavik para regresar a casa.
O camiño foi longo pasando outravolta polos desertos e as súas paisaxes. Paramos a xantar no Svarta Fjiaran en Reynisfjara e seguimos viaxe ata Hveragerdi despois de Selfoss. Hveragerdi é unha vila chea de fontes termais ( hver en islandés significa auga termal ) e aquí todos se adican á xardinería. Tamén teñen unha piscina de augas quentes nun local con ximnasio, sauna e máis piscinas pequenas a distintas temperaturas onde se xuntan os coñecidos para falar e relacionarse. Foi barato comparado co famoso Blue Lagoon no que cobran 100 euros e hai que pedir cita. Se quixeramos ir tiñamos que ir ás dez da noite. Bañándonos en Laugaskard, aforramos cartos ( 14 euros os catro ) e aínda coñecemos á xente propia da illa. Por certo, muller en islandés é konur que nos fixo graza.
 

 
Despois dese merecido e relaxante descanso baixo a chuvia fina fomos a Rejkjavik para despedirnos das súas rúas con movemento, turistas e arte.
Logo tiramos para o noso último aloxamento en Islandia, en Keflavik en concreto: Confort4u. Era un cuarto mui limpo, cómodo e completo, cun baño para nós sós e unha señora mui amable que non nos cobrou máis polos nenos cos que non contaba e que ainda nos deu iogures e zumes para eles e un colchón extra.
Madrugamos seguindo o consello da señora, entregamos o coche, un Suzuki Vitara automático do que rematamos enamorados e fomos ao aeroporto que é pequeno e caótico para o movemento que ten. Por fin montamos e iniciamos viaxe a Madrid.
Pero iso xa  é outra historia.

Etiquetas:

mércores, 24 de agosto de 2016

Sexaxésimo segundo mes ( e mais un día )


Aquí está a nena nunha foto de hai uns días feita no país máis limpo do mundo.
Demostrou ser unha supervivinte nata con capacidade para sobrevivir varios días sen comer prácticamente nada. Iso si, compensaba a fame cos enfados e as desobediencias que é o que máis lle chista.
Bueno, a cousa non é tan grave como o pinto e Xela é cariñosa e gusta de estar conosco.
Tamén ten detalles simpáticos como cando mirou este cartaz para avisar de que algo é perigoso para embarazadas, xente con problemas de corazón ou de columna e dixo: " Significa que se acabó el amor. "


Etiquetas:

xoves, 11 de agosto de 2016

Conta6. Paradoiro descoñecido


A Churrusqueira de Zarampagalegando iniciou unha actividade nova no seu prolífico blogo. Trátase de escribir un microrrelato con só seis palabras. Fun convidado a participar e despois de estruchar o cerebro saiume isto.

" Os buzóns cheos fálannos de ausencias "

Etiquetas:

mércores, 10 de agosto de 2016

A dez de agosto

 
Nestes días que aprende Xela a andar en bici tamén aprende a nadar estilo canciño o domingo. Luns tivemos cita co Sergas por mor de Leo. No martes as nubes de fume arrodeáronnos mentres mercabamos ponchos para a chuvia. E hoxe pasamos calor reunidos para planificar actividades de Leo. O bo do día de hoxe é que a última noite que traballo antes das vacacións.
Por fin !.
Cando teña unha foto millor de Xela en bici póñoa.

Etiquetas: ,

domingo, 7 de agosto de 2016

Bici, " Mascotas " e máis

 
O outro día fomos dar un paseo e Xela quixo levar a bici de pedais. Naideleo agarrábaa para que non caíse e Xela encomodouse. Decidimos deixala andar en bici sen agarrala e ... empezou a andar ela soíña !. Semellaba miragre !. Aprendeu así como nada. Iso si, muitas veces andaba na bici sen pedais e mantiña o equilibrio e foi coller a bici con pedais e porse a andar coma se soubese de sempre.



Outra tarde fomos ao estreo de " Mascotas ", unha película mui simpática e chea de aventuras para mirar en 3D. Sigo abraiándome de como calcan os movementos dos animais que semellan reais.


Onte quedamos cuns amigos en Seixo - Marín para xantar no local da foto de " Xelaxis " e Obelix. Estivo mui ben a comida e a compaña pero a calor era excesiva. Os nenos tiveron sorte que había unha piscina para eles. Despois fomos á praia de Portomaior en Bueu e estivemos ata o solpor do ben que se estaba. Falamos de pelos no corpo, de oposicións, de operacións e baixas laborais, de nomes de animais para nenos, etc, etc. Na foto está Leo e un amigo, o sol deitándose por riba das Ons e a foto foi tirada ás 21:48 para que mires que Leo quere ser o último na auga. Logo fomos a Cangas a cear pizza no Baratto onde atendía un camareiro eficiente e despois a pasear polo parque infantil onde andaba toda a xente cazando Pokemons.

Etiquetas: , , ,