leoeosseus

domingo, 8 de xaneiro de 2017

Propósitos do novo ano


O outro día mirei un cartaz dun ximnasio pero tranquilos que non me anotei nel. Non teño propósitos concretos para este ano e o do ximnasio tampouco está dentro do previsto. Iso si, gustoume a frase do Alacrám Vermelho e procurarei seguila este ano e os que veñan: " Cair está permitido. Erguer-se é obrigatorio ".

Etiquetas:

luns, 12 de decembro de 2016

De volta na rede


Pois si. Foron días complicados coa lavadora estropeada e xa sustituida por unha nova. Botei tempo a escoller fotos para o calendario do 2017 e quedamos sen teléfono e interrede toda a fin de semana e por se fose pouco Xela estivo maliña con febres. Todo sumou para desconectar case totalmente esta semana pasada.
Pero todo acaba volvendo ao rego e xa temos interrede e Xela recuperouse e debuxou un mostro que cai na auga chea de peixes feituquiños e un can que cada vez que debuxa un máis se van semellando a cans reais.
Conto con volver á interrede esta semana e ir rematando a escolla de fotos.
E, de agasallo, outro debuxo de Xela.

Etiquetas: , ,

luns, 21 de novembro de 2016

Palabras e solpores


Mentres deixo os nenos en inglés dou unha volta.
Nunha lavandería hai un cartaz falando do sorriso. Gústame cando di que non hai rico que non o precise nin pobre que non o poida dar.



Unha moza ofrécese para cuidar nenos. Ten unhas cualidades que a fan semellarse á señorita Rottenmeier. Resultoume chocante cando pon que unha das súas cualidades é que é española.


 
 
E o outono vai achicando os días e deixa solpores de foto.

 
Quería resaltar a cor das follas pero o único que consigo é isto.
Xa sabes: a ficción nunca supera á realidade.

Etiquetas:

sábado, 19 de novembro de 2016

Lavados, Trolls e ligazóns varias

 
 
Coa lavadora avariada temos que lavar a roupa nunha lavandería. Tiven sorte e topei un billete de cinco euros na secadora e saiume o lavado nun euro.


Xela quería mirar a película " Trolls " e alá fomos. O Leo xa empeza a rechazar películas infantís e mal por el polo que perde.
Na interrede topei referencias a un xogo que xogaba eu de pequeno espetando baleas de paraugas e do que non lembro nin o nome nin muitas das normas.
Tamén topei un libro sobre as vacas con contos, palabras e expresións curiosas.
E así andamos.

Etiquetas: , , , ,

xoves, 17 de novembro de 2016

Pensando no negocio


Impactoume a foto esta que publico. Ao primeiro pensei que guai que pensen nas parellas do mesmo sexo. Pero agora penso que unicamente están pensando no negocio se observamos a diferenza de prezo entre un traxe de noiva e un de noivo. Non me extraña que queiran vender dous traxes de noiva por voda !.
Aproveita que a mostra é esta fin de semana.

Etiquetas:

mércores, 9 de novembro de 2016

Novembrizando


E chegou o frío como mostra a moneca do tempo do Ferral.


Estivemos pouco tempo na festa dos Calacús. Eu comín castañas e os nenos churros de chocolate. Como mudan os costumes !.



Topamos esta nota no cuarto de Leo e o ratiño Pérez deixoulle algo a Leo. O neno quedou gratamente sorprendido e non sabía por que o ratiño fixo a súa aparición. Non sei; aquí pasou algo raro.

Levo tempo sen escribir porque esta vida absorbe o tempo libre. Tamén estivemos liados preparando un traballo da " Volta ao mundo en oitenta días " polos EEUU para Xela. Extrañoume que fixese parte do percorrido nun trenó con velas.

A Torredocaminho tamén ocupa parte do meu tempo e así aprendín a canción que tararea un compañeiro cando está cabreado e non é outra que a de Xesuscristo Superstar.
A miña canción cando estou algo encabuxado é a de " Carros de fuego " ou a de " La, la, la ".
Eu aprendín na mili iso de " Cuando un gallego canta o le dieron por el culo o poco le falta ".
Ti tes alguna musiquiña para eses momentos de rabia contida ?.

Etiquetas: , , , , ,

domingo, 9 de outubro de 2016

Células, castañas e luras


Tarde de sábado montando unha célula vexetal.

 
Noitiña de serán con veciños comendo bocadillo de chourizo e castañas.
 

E xantar de domingo no local das marabillosas fotos submariñas entre as bateas, paseo pola praia e xogos no parque infantil. Dende logo isto non parece outubro.

Etiquetas:

domingo, 2 de outubro de 2016

Celebrando a década



Esta fin de semana adicámola a celebrar oaniversario de Leo. O sábado xantamos en Tui na tapería Lademanu que é altamente recomendable: bo servizo, tapas saborosas e ben presentadas e cun prezo contido. Aparte gózase dun local mui limpo, con vistas do río e Portugal e unha música suave. Logo recollemos algúns amigos de Leo e fomos ao cinema que botaban a película " Cegoñas " que estivo mui ben cos lobos creando formacións para atrapar a cegoña e á humana que levaban unha bebeciña á súa casa. Logo tocou merenda no McDonalds e volta para casiña.
E hoxe domingo mercamos os callos en Vilaguindastre que era a XXIII edición desta festa gastronómica. Tamén mercamos a torta e levamos todo a Arbo para celebrar o aniversario coa familia materna.
Pasámolo mui ben !.

Etiquetas: , ,

venres, 30 de setembro de 2016

Remata setembro


Os días minguan.
 
 
O outono trae as súas cores. Bueno, máis ben é a cor que deixa o lume no monte queimado de Arbo.
 
 
Na cidade tamén descubro cores.
 
 
E aparecen misterios en forma de casa de pedra con dous balcóns-solainas de nome " MI ARAL " e " MI RUNFLA " que non sei que significa.
Busquei " aral " e fálase muito do desastre ecolóxico do Mar de Aral que agora é chamado Deserto de Aral. O de  "runfla " tampouco sei o significado.
 
E rematando setembro empezan os nenos con actividades extras e a nena dun compañeiro vai empezar kunfú e isto fíxome lembrar o vídeo de Jesse-Jane McParland en Britain's Got Talent que tanto gusta a Xela e ao resto de familia.
Pincha aquí e gózao.

Etiquetas: ,

mércores, 7 de setembro de 2016

Cagho en Marie Kondo


Non é unha mudanza, non. É obra dunha rapaza xaponesa que racha cos piñeiros porque inflúe en muita xente a nivel mundial. Esta rapaza fala e escribe sobre ordear e arrombar a casa para aproveitar espazo. Un exemplo: hai que tirar a primeira hora e, se estás no verán, empezar pola roupa de inverno. Naideleo entrou na súa onda e alá estivemos a desbotar roupa vella. Foron máis de dez bolsas como as da foto e non foi tan duro como pensaba. Hai que ver a cantidade de trapallada que se xunta !.
Isto faise coa roupa, con libros, con aparatos estragados, con fotos, con folletos e demáis papelería, etc.
Bueno, por tirar roupa paso pero no caso dos libros vai ser que non.

Etiquetas:

venres, 2 de setembro de 2016

Normalidade aos poucos

 
 
Os últimos días de agosto remataron xa e houbo algunha novidade. Grazas ao tío Nesi e ás súas expedicións ciclistas coñecemos a praia de Foxaco no río Tea. É un lugar que seguramente visitaremos máis veces.
 



Xela millora na técnica de andar en bici. Agora quédalle aprender a montar ela soa.


Tamén fomos ao Ikea de Braga coa súa máquina de café de balde e co centro comercial e a zona de xogo dos nenos que non existe no resto da península ibérica.
 
 
 
Miramos a película " Kubo e as dúas cordas máxicas " que non é a típica película infantil. É feita con monicreques e o origami cobra vida de forma máxica. É algo triste e escura pero a min gustoume.
 
 
Eu aprendo que rúcula en galego é eiruga polo becho que anda pola pranta. En español tamén ten o nome tradicional de " oruga " e en asturianu " guxanu ".
 
 
Eu xa levo un tempiño traballando e fotografei a un habitante do vestiario da fábrica que anda polo teito. Este  exemplar da foto medirá uns dez ou doce centímetros pero tamén hai exemplares pequenos duns catro centímetros. Supoño que viven aquí por estarmos pegados ás Gándaras de Budiño. Seica é unha ladra, osga ou salamanquesa e por Vilaguindastre debe de ter a súa fronteira norte de distribución que non as hai no norte de Galicia. Creo que é o mesmo animal que vive en Mallorca: o  " dragó ".
 
Aos nenos pouco lles queda para comezar no cole e Xela xa ten os libros. Leo este ano non ten libros que vai traballar co ordenador...Os tempos mudan !.





Etiquetas: , , ,

domingo, 28 de agosto de 2016

Curiosidades islandesas


Carlos Casares dicía que o que fai distintos aos países non son os grandes monumentos senón os pequenos detalles. En Islandis acontece o mesmo e está cheo de pequenos detalles que abroian aquí e acolá. Mais nada chegarmos collemos un taxi para ir ao aluguer de coches e pagamos con tarxeta. Ou sexa, que estivemos os cinco días sen usar a moeda nacional; a coroa islandesa que está a 130 ISK= 1 euro. Tamén foi chegar á primeira guesthouse e tivemos que deixar o calzado na entrada como todo o mundo en todos os hostais nos que estivemos.


Os sinais son orixinais e aquí deixo unha selección.
Este primeiro indica unha piscina de augas termais.


Aquí as nenas son as maiores e non os nenos.


Non coñecía este sinal que proíbe apillar pedras. Este costume está mui extendido e non sei de onde vén.


Un sinal moderno é a proibición de usar drons en granxas privadas como a de Thorvaldseyri, famosa pola erupción do volcán Eyjaftjallajókull.


Un sinal bastante mentireiro é o de área de descanso que case nunca ten árbores e hai veces que non teñen mesas. Iso si, son apartadeiros que teñen paneis informativos muitas veces.


Islandia está chea de cabalos baixotes que unha vez que sain do país non volven entrar para evitar enfermedades. Antes usábannos para todo pero agora serven para levar a turistas por sitios imposibles para veículos.


Tamén hai vacas con ubres inmensos e que dan carne mui boa para hamburguesas. McDonalds e Burger King non están na illa.

Pero as raíñas da illa son as ovellas que están case por todas partes: dende a estrada ata os altos que semellan ovellas montesas. Dan unha la mui boa coa que tecen xerseis e gorros típicos que son carísimos.


No verán o gando come a herba verde e abundante da illa pero no inverno comen a palla envolta en plástico de cores que semellan nubes xigantes dunha tenda de lambonadas.


Ese gando vive libre todo o día e dorme nos cortellos das granxas pola noite.


Muitas desas granxas alugan cuartos para os turistas. Pero algúns buscan opcións curiosas coma a da foto.


Outros máis valentes van a dedo sorrindo o máximo posible. Tamén hai aventureiros que van en bicicleta por esas estradas longas e solitarias desafiando vento e chuvia.
Outros turistas con máis cartos contratan tours ou van con motoneve ou en helicóptero. Islandia é un país mui caro e aprovéitase millor tendo máis cartos.
Pero, bueno, con poucos ou muitos cartos ben merece unha visita.

Etiquetas: ,

domingo, 7 de agosto de 2016

Bici, " Mascotas " e máis

 
O outro día fomos dar un paseo e Xela quixo levar a bici de pedais. Naideleo agarrábaa para que non caíse e Xela encomodouse. Decidimos deixala andar en bici sen agarrala e ... empezou a andar ela soíña !. Semellaba miragre !. Aprendeu así como nada. Iso si, muitas veces andaba na bici sen pedais e mantiña o equilibrio e foi coller a bici con pedais e porse a andar coma se soubese de sempre.



Outra tarde fomos ao estreo de " Mascotas ", unha película mui simpática e chea de aventuras para mirar en 3D. Sigo abraiándome de como calcan os movementos dos animais que semellan reais.


Onte quedamos cuns amigos en Seixo - Marín para xantar no local da foto de " Xelaxis " e Obelix. Estivo mui ben a comida e a compaña pero a calor era excesiva. Os nenos tiveron sorte que había unha piscina para eles. Despois fomos á praia de Portomaior en Bueu e estivemos ata o solpor do ben que se estaba. Falamos de pelos no corpo, de oposicións, de operacións e baixas laborais, de nomes de animais para nenos, etc, etc. Na foto está Leo e un amigo, o sol deitándose por riba das Ons e a foto foi tirada ás 21:48 para que mires que Leo quere ser o último na auga. Logo fomos a Cangas a cear pizza no Baratto onde atendía un camareiro eficiente e despois a pasear polo parque infantil onde andaba toda a xente cazando Pokemons.

Etiquetas: , , ,

mércores, 3 de agosto de 2016

Aldea Grobbit e augas


Indo a mollarse descóbrense lugares como a aldea Grobbit na illa da Toxa. Son cinco casiñas nun parque infantil nun monte da illa. Os nenos entraron abraiados polo silenzo do lugar onde eramos os únicos habitantes. Petamos nas portas e escuitamos a ver se había alguén detrás delas pero nada. Xa explican no panel informativo que os Grobbits viven nas augas termais do balneario e que volven á súa aldea por un túnel que dá ao pozo da aldea. O que non din é cando se atopan nas súas casas. Xela quedou con gañas de coñecelos e fixo un debuxo e ditou unha carta para eles. O Leo desconfía máis de que sexa mentira e di que é un truco para que a xente veña ao parque en cada época do ano.
E, falando de Leo, o outro día púxose todo histérico nun local público cando lle caiu por riba auga. Tiven que mercar unha botella e botarma por riba para explicarlle que non pasa nada. Nese preciso instante parounos Islandof no paso de cebra cando cruzabamos e botei o resto da auga no parabrisas do seu coche para abraio de Islandof, Naideleo e os nenos. Logo fun á fábrica a explicarlle a historia a Islandof para que non houbese malos entendidos.
O caso é que a auga dá para muitas anécdotas !.

Etiquetas: , ,

sábado, 23 de xullo de 2016

Tarde en Baiona


O outro día non facía tempo de praia así que fixemos de turistas e fomos a Baiona.
Unha visita imprescindible é subir á réplica da carabela Pinta que chegou a Baiona en 1493 coa nova da chegada a América. Pasear pola pasarela ata a carabela é como ir andando por riba do mar e podes case tocar os omnipresentes muxos. Na carabela os nenos distinguían os visitantes das figuras que representan mariñeiros e indios. Puideron ver canóns daqueles tempos e outras armas, tamén prantas e animais que viñeron daquelas terras e inventos como a hamaca.


Outra visita obrigada é á estatua da Virxe da Rocha coa súa escaleira en caracol no interior e o mirador na chalana na man dereita da Virxe. É de granito anque a cara e as mans son de mármore.



No parque do monte da Virxe da Rocha había un rótulo cunha cara dun trasno ou algo así e dicía " Visita ". Leo máis eu subimos por aquel carreiro e descubrimos un penedo que semellaba a cara dun ogro ou trasno. A outra é a Virxe da Rocha e esta é a raíña dos trasnos.
Dá gusto revisitar sitios de cando en vez !.

Etiquetas: ,

xoves, 7 de xullo de 2016

Con este calorazo


Co esta calor sobran ata as sabas. E ata hai unha muller que aproveita a saba para escribir a súa biografía nela e relatar as maldades que fixeron co ela as Clarisas de Tui.


Eu traballei de tarde ( esta semana e a anterior ) e non cheirei nada de fresco, piscina ou praia como si desfrutou Xela indo de campamento. Home, non foi ao Panxón dos anos sesenta pero pouco importa.


E quero felicitar aos portugueses que se meteron na final da Eurocopa. A min non me gusta o fútbol masculino; prefiro o feminino. A equipaxe ten máis colorido.

Etiquetas: , ,