leoeosseus

xoves, 31 de agosto de 2006

O Leo pode nacer en calquera sitio



O día do nacemento de Leo está cada vez máis próximo e non deixo de pensar que pode ser no lugar máis raro posible. Cando imos a algures non podo evitar pensar que o Leo podería nacer alí. Ana ri e di que non é tan doado, pero....onte podería nacer en Valença, Portugal. O outro día no barco a Cangas...que sei eu.

Un saúdo e que veña ben que é o importante.

Etiquetas:

mércores, 30 de agosto de 2006

Erros ortográficos



Unha das cousas que máis me desconcertan son os erros ortográficos que sei que temos todos ou case todos; pero o que me rebenta (de risa ou rabia) son os carteis á vista do público como este da foto que parece que nin a propósito pode escribirse isto.



Non vou dicir onde foi tirada a foto e espero que perdoes a súa calidade por querer ampliala.
O máis simpático é que había un coche aparcado.

Etiquetas: ,

martes, 29 de agosto de 2006

Foto de Beresmo

Unha das cousas que fago estes días é dixitalizar fotos que teño. Son bastantes e de temas variados.
Hoxe vou subir á rede unha foto tirada en Beresmo, concello de Avión, no ano 2002 e que eu titularía: " Todo acaba igual "ou " Carreira de ruinas ".
Un saúdo.

Etiquetas: ,

luns, 28 de agosto de 2006

Os birlos



Hai veces que me gustaría poder estar en dous sitios ó tempo. Esta fin de semana gustaríame estar no concello de Pantón para ver xogar ós birlos e quizá para xogar tamén.

Será noutra ocasión.

Etiquetas: , ,

xoves, 24 de agosto de 2006

Praia Ladeira e o folleto en seudogalego



Estes días andamos a pasear os curmáns de Leo. Na foto está Acedre ou Paideleo facendo o avión contraincendios contra María, David e Fiz na praia de Ladeira en Baiona.

Onte chegáronnos uns mobles que saíron máis baratos que en Tifón ou en Merkamueble. Mercámolos na galegadomoble que ten un folleto en seudogalego mui curioso.

Ata outra.

Etiquetas: ,

martes, 22 de agosto de 2006

O barco Vigo-Cangas



Preguntámoslle a David e María se foran en barco nalgunha ocasión pero o máis grande no que foron tiñan que ir descalzos e collían tres persoas. Decidimos que tiñan que coller o barco Vigo-Cangas para saber dun barco máis ou menos grande. Por suposto que lles encantou e miraron arroaces e todo. Desfrutaron coas ondas e a escuma branca que levantaba o barco e unha traíña que estaba adestrando converteuse nun barco pirata. Iso, que pasaron unha aventura naútica coma nunca pasaran.

Etiquetas: ,

luns, 21 de agosto de 2006

Embotellando



O venres foi todo ben no centro médico. O médico foi mui agradable e bromeou con Leo. Explicaba as imaxes e cantaba mentres traballaba. Á noite ceamos nunha marisquería coa miña irmá e o meu cuñado.

Como Ana estaba ben o sábado fomos a Arbo a axudar a embotellar ós pais e ó avó Ricardo. Tranquilos que Ana non fixo muito esforzo que só puña as rollas na encorchadora.

O domingo fomos visitar ó noso cuñado que tiveron que operalo do intestino. Foi un bo susto pero non hai complicacións. Iso sí, pasamos a tarde cos sobriños e a xente miraba para nós como con mágoa; debían de pensar que xa tiñamos dous fillos e estabamos a esperar polo terceiro.

E así foi a fin de semana: movidita.

Etiquetas: ,

venres, 18 de agosto de 2006

Lembranzas do centro de saúde



Hoxe Ana ten revisión no centro de saúde. Supoño que todo irá ben. Do centro de saúde podo dicir que a primeira vez que fumos estaba a señora da foto vendendo cruasáns na porta mentes lía unha biblia. Tamén había carteis receitando respeito para os empregados sanitarios por parte dos pacientes e tamén lin un artigo dunha blogueira nun periódico deses gratuitos.

Hai que ver o coco o que lembra.

Boa fin de semana.

Etiquetas: , ,

xoves, 17 de agosto de 2006

Incendios por Galicia



Fedellando polo blogomillo adiante topei este cartaz fermosísimo que non puiden evitar cortar e colar.

Esta chuvia destes días fai de apagalumes para a nosa terra que sufriu o indecible estas semanas atrás. Tódolos anos arde, é verdade; pero o deste ano xa foi de máis.

Ogallá que estes lumes sexan os últimos nunha boa tempada e que os nosos montes recobren parte do esplendor pasado. E postos a pedir, eu tamén desexaría que os montes queimados se repoboasen con especies vexetais máis afíns co noso clima e non especies pirófilas coma o eucalipto e o piñeiro.

Sexa coma for, ogallá que os nosos montes recuperen a cor verde perdida para o desfrute noso e das novas xeracións.

Etiquetas:

mércores, 16 de agosto de 2006

Sta Tegra, Valença e Tui


















Onte foi festivo e fomos de paseo.
Quedamos con Cris, Toño e María e fomos ó estranxeiro. Pasamos polo monte de Santa Tegra onde quedaban os restos da subida do domingo pasado en forma de manchas de viño. O vento sopraba con forza e as paisaxes son impresionantes co río Miño desembocando entre Moledo e Camposancos.
De alí marchamos a Valença do Minho onde María quedou abraiada coa fortaleza e que houbese tanto comercio dentro. Tamén lle gustou o tamaño do xelado portugués e o seu sabor.
De alí pasamos a Tui e pateamos as rúas de pedra e mostrámoslle a catedral a María. A xente estaba de procesión de san Telmo. Ceamos uns bocatas nun chiringo con vistas ó río e logo tomamos café no paseo da Corredoira. Empezou a caír pingas e liscamos.
E hoxe xa chove que semella Galicia.

Etiquetas:

luns, 14 de agosto de 2006

Portugal e Santiago



O sábado fomos con María, Mon e David a Portugal. En Vilanova de Cerveira topamos atasco por obras e quedamos alí a visitar a feira, a vila e as barcas do río Miño (na foto). Logo seguimos para Viana do Castelo (a outra foto) e de volta paramos na praia de Vilapraia de Áncora onde sopraba o norte con forza (típico das praias portuguesas).

O domingo fomos a Santiago con Cris, Toño e María, unha costarricense casada cun americano que foi compañeira de Cris nos EEUU. Ela está nun curso en Granada e acercouse a Galicia en tren. Encantoulle Santiago (a quen non) e fixo fotos con Valle Inclán, coas Marías da Ferradura, meteulle o dedo no cu ó trasno da rúa do Vilar e buscoulle os pés a Cervantes. Marchamos sen cear en Santiago que chamaron a Toño que había un corzo coas catro patas queimadas dun incendio (outro dano colateral).

E así foi a fin de semana. Abur.

Etiquetas:

venres, 11 de agosto de 2006

O pulpo no embarazo



Hoxe tiven un soño. Soñei que o Leo nacía no coche de camiño ó hospital. Logo despertei e volvín durmir e soñei que me caía o pelo a presadas e que tiña unha careca polo centro da cachola. Ana hoxe tamén soñou co neno. Non sei se será mui normal iso de soñar co neno antes de nacer pero espero que non dea mala sorte.
Tamén lin que as embarazadas non deben comer pulpo que lle nace manchas ó neno se lle cae aceite na cara da nai. Tampouco se pode comer pulpo e beber auga porque os anacos do pulpo recompóñense no estómago e resucita e pode explotar o estómago. Así que se vas a O Carballiño esta fin de semana non bebas auga.
En fin, boa fin de semana.

Etiquetas: ,

martes, 8 de agosto de 2006

Incendio en Arbo

Esta fin de semana foi de visitas e fumes. Fomos ata o verdadeiro Acedre a visitar os avós e constatar o devalo da aldea. Tamén estivemos polo Morrazo con amigos e novas xeracións e respirando fume e limpando do corpo as muxicas que inzaban como feila rebelde.
O domingo á noite chamou a nai de Ana que ardeu en Arbo todo o monte arredor da casa e os avós tiveron que ir durmir a outra casa que non respiraban. Onte luns fomos alá e á tarde reproduciuse o lume e tiven que estar cos veciños e os bombeiros de Melgaco controlando o lume que arrodeaba unha casa veciña. Pasou un helicóptero ( gholicótero dixo un veciño) pero botou auga noutro incendio máis alonxado.
Arde Galicia e arde todo. E seguirá ardendo mentres non cambie a política forestal e a mentalidade da xente. O monte ten muitos inimigos.

Etiquetas: , , ,

venres, 4 de agosto de 2006

O blogo sae á luz



Sí, despois dun tempiño case desconectado por fin meu pai pode abrir o novo blogo onde falará da miña vida e o mundo ó meu arredor. Eu só podo dicir que tanto miña nai Ana, coma o meu can Colín, coma meu pai Acedre que todos están ben e agardando pola miña chegada a este mundo dos extrauterinos.
Meu pai deixa esta foto miña tirada hoxe mermiño e xa irá relatando de cando en vez cousas.
E iso é o que hai por hoxe. Aburiño.

Etiquetas: