leoeosseus

sábado, 30 de decembro de 2006

Balance do ano



Cando chega a fin do ano toca facer balance e ver resultados. Este ano tivo de todo pero máis do bo que do malo. A saúde portouse ben comigo e coa familia en xeral. O traballo foi habendo por tempadas ( tres empresas distintas en dous países ). Rematou a estancia de tres anos nos EEUU e houbo que despedirse de xente que vai ser mui difícil volver ver pero naceu o Leo con todo o que iso trae. Creo que eu, persoalmente, non podo queixarme. Só agardo que o 2007 veña con felicidade, respeito para os demáis e que as catástrofes naturais ou as provocadas pola especie humana sexan insignificantes e que todos o vexamos.
Na foto está o Colín hai xusto un ano nun hotel da Florida recibindo o sol da mañanciña todo feliz.

Etiquetas: ,

xoves, 28 de decembro de 2006

Manolo " Ningures "



Hoxe foi o día dos inocentes e fixo frío, non tanto coma estes días atrás pero chegoulle. E falando de inocentes e noites de xiada lembrei a Manolo " Ningures ". O tal Manolo apareceu hai xa anos polos bares de Vilaguindastre. Era pequeneiro, calado e de ollar triste. Tiña pegado eternamente a un beizo un cigarro a medio consumir. Era un peneque que non se sabía de onde viñera e a onde ía. E el tampouco sabía a onde ía. Se lle preguntaba alguén a onde ía el respondía : "- A ningures". E de aí saiu o alcume porque tamén é a única persoa á quen lle oín esa palabra tan nosa pero tan esquecida pola maioría. E pasou o tempo e unha noite de inverno quedou durmido coa penequeira nun portal nunha noite fría, fría e aí quedou e por fin deu chegado ao verdadeiro Ningures.
Este posteo vai adicado a eses " inocentes" que todos coñecemos.

Na foto está Billy, un "inocente" e compañeiro de traballo en Warrenton.

Etiquetas:

mércores, 27 de decembro de 2006

Tres meses



Hoxe o Leo fai tres meses. Como pasa o tempo !. Agora está feito un mozote que ata parece que le o conto. Cada día está millor dos gases e pasa máis tempo esperto xogando coas luces e a música, gaguexando ou rindo. Agora sorrí a miudo e agarra dos pelos. Vaia, que progresa adecuadamente e medra case sen decatarnos. E que siga.

Etiquetas:

venres, 22 de decembro de 2006

O conto das Pupieiriñas



Din que os galegos non temos personaxe nadaleira típica. Din que o Papa Noel non é noso, nin os Reis Magos; din que tampouco temos un Olentzero basco, un Vello Inverno ruso ou unha Befana italiana. Iso din. Pero eses que din iso non saben que temos as Pupieiriñas que saen no debuxo feito case por miragre xa que son practicamente invisibles polo diminutas que son. As Pupieiriñas aliméntanse de pupias ( miolo de pan ) e viven no bosque pertiño de fontes e lagoíñas. Son rápidas e silandeiras. Hai veces que sentes un asubío e unha sensación de ser visto cando elas andan ben perto. O seu traballo é adiviñar os agoiros de naipelos e nenos que aínda non falan e non poden pedir agasallos polo Nadal. Logo que o saben van lixeiras contarllo ó ser que leva os presentes en cada lugar do mundo.
Así que xa sabes: a fama lévana outros e o traballo está feito por unhas galeguiñas espilidas.
Que a túa Pupieiriña atine co teu agasallo e axude a que teñas unhas boas festas.

Etiquetas: ,

mércores, 20 de decembro de 2006

Chicas case espidas

Hoxe estiven co mecánico no seu curruncho e había un calendario agasallo dun provedor con chicas case espidas. Isto fíxome lembrar que neste país é mui típico dar calendarios de peto ou grandes en comercios para os seus clientes a fins do ano. As imaxes máis usadas son esceas de adegas, paisaxes, crías de animais e chicas ( típicos en camións e talleres ). Ultimamente hai colectivos que editan calendarios como bombeiros ou policías. Ó que ía; neste país é doado abondo ver imaxes de mulleres espidas ou case e mesmo nun parque infantil de Vilaguindastre podemos topar esta imaxe, cousa impensable nos EEUU.
Esta estatua no parque será para que os rapaces como Leo pensen na comida ?.

Etiquetas: ,

luns, 18 de decembro de 2006

Agasallos para o Nadal


Onte foi día de comercios buscando agasallos. Hai algunha cousa curiosa e algún capricho pero a da foto fíxome gracia. Terei que ver esa historia a ver se podo superala.

Etiquetas: ,

sábado, 16 de decembro de 2006

Inglés nos productos



Cando chegamos de volta dos EEUU impresionoume a cantidade de inglés que hai na televisión, marcas, música, anuncios, roupa, etc. Está de moda e debe de vender. O que non me explico é que lle cambien o nome a estes cereais que teñen un nome tan orixinal, expresivo,exótico e ata saboroso por un " just right" tan soso, difícil de dicir e pouco apetecible. E será que " Mil y un sabores " soa a árabe ?.

Etiquetas:

mércores, 13 de decembro de 2006

Santa Lucía



Hoxe foi Santa Lucía, santa avogosa da vista e patroa de varias profesións coma oculistas, modistas e canteiros entre outras profesións. E os canteiros que teñen que ver coa vista ?, preguntaredes. Pois ten unha resposta sinxela: cando se martela ou pica unha pedra saltan pedriñas e poden fastidiar un ollo.

E aparte de Santa Lucía hoxe está de aniversario o home da foto que mira para a cámara, a persoa á quen lle debo o meu amor pola lectura. E non hai mellor agasallo que un libro dun blogueiro amigo que seica vai deixar de escribir o seu blogo para o meu pesar e doutros. Évos cousas da vida.

Etiquetas: , , ,

luns, 11 de decembro de 2006

O conto de Sor Águeda Seisdedos



Esta casa perto de Pombistán ten a súa historia. A mediados do século XIX había no lugar unha rapaza mui boa que quería ir ás misións. Fíxose misioneira e estivo pola África negra uns aniños e logo pasou a sudamérica. Co tempo chegou á desembocadura do Amazonas. Sor Águeda, da familia dos Seisdedos, pasou unha tempada na misión ata que se fartou do trato que recibían os indios e os negros da zona. Un día non puido máis, arrincou o hábito e vestiu unha pel de xaguar e abandoou a misión cun grupo de indios e negros. Subiron polo río ata onde nunca chegaran os homes brancos e formou un quilombo. Os integrantes do quilombo decidiron facela raíña polo seu bo facer. Como había muitas iguanas na zona decidiron facela o seu animal totémico e a súa vida xiraba en torno a elas. O que non podía imaxinar Águeda é que as enfermidades ían matando un a un ós integrantes do reino dos proscritos. Cando só quedaba ela con vida baixou o río e volveu á súa terra para pasar os últimos anos. Cando chegou á aldea mandou esculpir unha iguana a un canteiro e quedou como símbolo da familia Seisdedos. Os últimos tempos botábaos Águeda a admirar a iguana dende unha fiestra. Por outra banda, os veciños din que Águeda non só trouxo unha enfermidade e muitos contos senón que tiña un tesouro agochado na casa. Pero iso nunca se soubo.
E esta é outra historia inventada e non o xantar da empresa.

Etiquetas: ,

domingo, 10 de decembro de 2006

Xantar de empresa



Pois si. Onte foi o xantar da empresa e foi estilo voda. Houbo marisco: langostinos e centolos ( agora sei como se chaman en español: cien locos ). Logo houbo cigalas á prancha e lagosta á prancha. Para rematar os mariscos puxeron percebes a fartar. Todos mui bos. Logo tocoulle á carne e a sobremesa. Para beber había viño do Rosal Terras Gauda que baixaba que daba gusto.

Tamén houbo música a cargo do dúo Marema e a actuación do mestre da queimada Mariano que contou chistes variados mentres queimaba a augardente como ben se mira na foto. E non faltaron os discursos do patrón e dun empregado seu fiel coma un can.

En fin; que estivo ben.

Etiquetas:

venres, 8 de decembro de 2006

Aguinaldo



No sector do granito muitas empresas acostuman dar un paquete polo Nadal e convidar ós empregados a un xantar ou unha cea. A min déronme o paquete o outro día e mañá vou ó xantar nun hotel que ten heliporto e todo e un salón co nome Reino de Galicia. A ver que tal o paso.

Etiquetas:

mércores, 6 de decembro de 2006

A matanza



Hoxe foi festivo para todo o mundo menos para os porcos en Arbo. Muita xente aproveita estes días para matar e os bisavós de Leo non ían ser menos. Axudei a picar cebolas e din que hai un truco para non chorar mentres as picas e consiste en pór unha casca de cebola na cabeza. No xantar e na cea houbo conversas falando de matanzas e outros temas. Tamén houbo de cea zarrabullo que é unha sopa de cotobelos con castañas e fígado de porco. Normalmente bótanlle o sangue tamén pero desta vez non lla botaron pero estaba mui bo, para o meu gusto. Logo houbo arroz con carroleira que é a carne das vértebras do pescozo.

Dende logo, o porco e as súas partes ten unha nomenclatura mui grande e así miña sogra sempre me canta: " O pedro e mailo bandullo foron á festa do cabo do mundo. Coma o pedro era un bellaco matou a tres, matou a catro ". A cantiga supoño que seguiría pero miña sogra non sabe máis.

En canto a Leo, na foto podedes ver o naipelo todo maior co esa roupa e unha rabuñadora no nariz que aínda non controla as mans. Ás mañás, cando esperta, bótalle un sorriso a Ana e cando chego o mediodía para xantar tamén me sorrí e é mui bonito.

Etiquetas: , , ,

luns, 4 de decembro de 2006

O conto de Benigno Dos Anjos

Preguntei por aí e xa sei por que hai tantos pombais en Pombistán. Resulta que hai máis de cen anos apareceu un circo por Pombistán e nel actuaba un acróbata portugués mui bo que tiña unhas dedas coas que se enganchaban en calquera sitio que quixese. Bueno, o tal acróbata tamén sabía facerlle as beiras ás mozas e encaprichouse coa mestra de Pombistán. Ela non puido evitar namorarse del e tras uns meses casaron na parroquia. Co tempo naceu un fillo que herdou as cualidades acróbatas do pai e a intelixencia e bondade da nai. O neno foi bautizado como Benigno Dos Anjos. Pasou o tempo e o neno agabeaba e rubía a todo o que lle puxeran por diante: maceiras, carballos, piñeiros e ata eucaliptos. Un día, sendo xa un mozote, quixo escalar o campanario e o cura enfadouse. Díxolle que se lle gustaba agabear que se enrolase como mariñeiro para subir polos mastros dos veleiros. A Benigno chistoulle a idea e alá embarcou en Vigo nun veleiro. Pasaron uns poucos anos e percorreu mares distintos en barcos diferentes e de cada vez co mastro máis alto. Nunha viaxe pasou perto da illa escocesa de Santa Kilda e tivo ocasión de ver os illáns escalando cos pés descalzos os cons case imposibles da illa para recoller ovos dos paxaros que aniñaban entre as rochas. O Benigno decatouse de que a súa pelegrinaxe tiña remate por fin e quedou na illa onde chegou a ser dos millores escaladores. Pasou o tempo e a nobreza inglesa deixou de mercar eses ovos que apañaban con tanto risco e xa non había razón para subir a recolectalos. O Benigno matinou un pouco que facer co seu futuro e decidiu volver á súa parroquia que os fríos escoceses acababan co el. Chegou por fin e estableceuse para sempre. Como tiña saudades daquelas agabeadas na busca de ovos empezou a montar caixóns nos altos da súa propiedade: no tellado da casa, no alto do canastro, no curuto da meda, no pinche do alpendre e así practicaba e era feliz. Os veciños copiaron a súa idea e así hoxe case todos teñen pombais nas partes máis insólitas das súas propiedades.

Ben, todo isto é mentira pero ben podería ser verdade. Tiña esta foto de recolectores de St. Kilda que me gustaba e quixen poñela e facer un exercicio literario coa foto e de paso inventar un conto para Leo. E aquí está.

Etiquetas: ,

venres, 1 de decembro de 2006

Descrición da parroquia de Pombistán



A parroquia onde traballo é típica, rural e común. Está formada por casas unifamiliares ciscadas aquí e acolá e cada unha coa súa finca e o seu peche distinto das outras. Entre esas casas hai almacéns, fábricas, bares, un taller, unha carnicería, un almacén de pensos, unha ferretería e un puticlub de mala morte. Nun altorelo está a asociación de veciños adornada con árbores de folla caduca. Tamén ten unha lagoa que está nun entorno cun nome tan lendario como a Volta da Moura. En fin, o típico. Pero o que máis me extraña é a obsesión dos veciños polas pombas que aproveitan calquera espazo para montar pombais. E de mostra deixo estas dúas fotos para que coñezas un chisco da parroquia onde traballo que non podería bautizala doutra maneira que como Pombistán.

Etiquetas: ,