leoeosseus

luns, 30 de xaneiro de 2012

Día escolar da paz




Hoxe é o día escolar da paz e non podo deixar atrás esta imaxe.


O terreo que retrato era un campo de prácticas de tiro da Garda Civil e agora está inutilizado. Á súa beira construiron un colexio e no terreo do campo de tiro naceron "Cortaderias selloanas" onde antes caían casquillos de balas. Sei que esa pranta orixinaria das Pampas é unha praga pero sempre será millor cambiar armas por prantas.

Etiquetas: ,

domingo, 29 de xaneiro de 2012

Achar de menos


Pasará o tempo e sei que acharei de menos estas mañás de domingo cos catro da familia na cama e máis tarde os nenos a xogaren mentres o sol recén nacido inunda o salón.
O tempo voa !.

Etiquetas:

xoves, 26 de xaneiro de 2012

Mandarinas e " degholados "



Estamos no inverno e na época de kiwis, laranxas e mandarinas ou tanxerinas. Esta fruita da casa é deliciosa, está mui ben de prezo e sabes que non ten trapallada. Pero este inverno vén mui seco e nótase nas hortalizas e así andan os repolos " degholados ". Aprendín esta palabra esta fin de semana pasada e significa repolos coas follas caídas da seca.

A ver se vén algunha chuviña para que recuperen a forma os repolos.

Etiquetas: ,

mércores, 25 de xaneiro de 2012

Sabíao




Cando fixen esta foto na empresa hai case un ano xa cheiraba eu que o vello ascensor habería de deixar encerrado a alguén.E, efectivamente, esta noite pasada un compañeiro pasou dúas horas dentro del. Hoxe estaban amañando o ditoso aparello e tiven que subir e baixar varias veces pola escaleira o equivalente a un décimo piso. Gobernárono alá polas doce pero eu seguín subindo e baixando un par de ocasións. O cartel di que se impida que os nenos viaxen sós pero eu son maior e tampouco quería quedar encerrado e prefiro que proben outros estas vintecatro horas seguintes. Ti farías o mesmo, nonsí ?.

Por certo, como variou a moda nestes trinta e cinco anos.

Etiquetas:

martes, 24 de xaneiro de 2012

Sétimo mes



Aquí está Xela nun momento tranquilo. É raro que estea quieta: quere coller todo e luita por levantarse de todos os lugares. Só está tranquila cando mira debuxos animados ou o Cantajuego na tele. O resto do tempo está activa ata tomando teta. Segue cos dous sachiños de abaixo e quere rillar todo canto colle. Mantense ben sentada e ata se desplaza coas pernas dobradas e agarra todo ben. Toca palmiñas e ata hai veces que di abur coas mans. Gústanlle as cóxegas no pescozo e que lle canten. Come ben a verdura e coa fruita pouco a pouco vai entrando polo aro. Hoxe comeu por primeira vez pólo e non lle chistou, anque tamén pode ser polo porro ( de comer, está claro ).

E a nena vai medrando.

Etiquetas:

sábado, 21 de xaneiro de 2012

Islandof



Islandof case semella humano. Gústalle comer e máis se é polo papo. Gústalle cruzarse con membros doutro sexo anque pensase que en Cuba andarían detrás do seu corpo e non detrás da súa faltriqueira. Gústalle o cazo e máis a dúas mans e sen achantar. É trampulleiro, trapalleiro, faltón, botaporelas, peneque e mafioso. Case semella humano se non fose polos resultados médicos. Deulle o dobre de colesterol e sete veces o número de triglicéridos e os médicos quedan abraiados co que ten que aturar o seu corazón. Eu deille o consello de que se cuidase que é gratis e dime que a auga é mala que hai que mirar como deixa os camiños.

Alá el que xa é maiorciño !.

Etiquetas:

sábado, 14 de xaneiro de 2012

Xaneiro lixeiro


Corre lixeiro este mes e xa case esquecemos as festas de Nadal.
O Leo tivo os seus altibaixos no comportamento nas vacacións pero aínda recibiu agasallos do rei da madeira ( como chama ao Apalpador ) e dos Reis Magos.
Agora semella que asentou un pouco e aparenta un homiño.



Xela está activísima. Saíronlle os dous sachiños de abaixo e hai algún outro dente que a fai rabear e que meta todo na boca. Non ten paraxe e hai que cambiala de sitio e de actividade. Empezou coas verduras e gústanlle máis que a froita. Estivo bastante atascada de moquiños aí atrás pero millorou. Mantense sentada a ata di abur fechando as mans.



E co ano novo todo evoluciona e ata atopo que o galego se está arxentinizando un pouco nos folletos de mobles.

E segue este xaneiro lixeiro.




Etiquetas: , ,

luns, 2 de xaneiro de 2012

Nestes pasados días

O venres fomos xantar ao fin do Morrazo, alá en Donón e a comida estivo mui ben e houbo agasallos do Papa Noel que deixou en Marín e Madrid. Entrounos polo ollo probar unha empanada de navallas pero levamos a desilusión de que levaba tamén chourizo.
Despóis eu e máis Leo desfrutamos do concerto de Mamacabra.




O primeiro día do ano foi triste porque atropellaron a Colín e alá foi na súa derradeira viaxe este canciño que nos deu tan bos momentos.




Quero lembralo nos seus millores momentos cando era novo.


Gozaba xogando coa neve ou coa area.





Non gardaba respeito nin pola igrexa máis pequena dos Estados Unidos.




Desfrutaba cos balóns ou con luvas de látex inchadas.





Tiña curiosidade por seres descoñecidos como tartarugas e osos negros de verdade. Deste último contacto non teño foto que eu estaba a fuxir.


A súa morte deixou tristura en toda a familia.

Etiquetas: ,