leoeosseus

luns, 26 de agosto de 2019

Despedindo a amigos


 
Sábado fomos a Bueu. Había unha regata de traiñeiras vascas. Tamén había un desfile de moda de verán mentres as pandereiteiras observaban con interés.
 


Topei unha pintada fermosa dun gato que non podo deixar atrás.


Despois de " El Balcón " fomos a " O Aturuxo " e aproveitamos para cearmos.
Despois café e despedida ata a próxima.
E hoxe tócame volta á rotina laboral.

Etiquetas:

domingo, 25 de agosto de 2019

Nonaséximo oitavo mes ( e mais un día )


A nosa Xeliña está guapa e áxil a pesar do pouco e nada variado que come: misterio da natureza !. Ela argalla coas maquiniñas ou cando vai ao faiado e desmonta toda a xoguetada para crear circuitos ou mundos para outros monecos. Gústalle a piscina e xogar ao  " Uno ". Tamén lle dan ataques de cariño con Elsa a cadela e fai dela un pandeiro. Menos mal que a cadela ten muita paciencia que se non xa a tiña máis que trabada. Iso si, para paseala non anda tan lixeira.


Etiquetas:

venres, 23 de agosto de 2019

Rematando as vacacións

 
 
 
Están rematando as miñas vacacións e dáme tristura.
Hoxe acerqueime ao trilho de Melgaço e fixen un anaquiño que a calor era excesiva. O resto queda para outro día.
Ata entón quédame soñar coma un neno como ben di este fermoso graffiti.
 




Etiquetas:

martes, 20 de agosto de 2019

O millor banco do mundo


Onte descubrimos que había un " millor banco do mundo " cerquiña da casa así que fixemos unha curta camiñada pola senda da auga de Redondela en Cedeira e subimos ata o banco. Sabiamos que había xente sempre e que xa tivera un ataque vandálico o primeiro banco, pero descubrimos que o segundo tamén sufriu ataque e quedou sen a táboa que puña " Galiza ". Por suposto que non nos sentamos; había xente abonda e os desconsiderados que estaban sentados non daban a impresión de sair dalí. Iso si, as vistas son grandiosas.





Etiquetas:

sábado, 17 de agosto de 2019

Ligando


Camiñando pode pasar de todo; dende atopar un antigo xefe de aperitivos, ata profesoras de ioga de paisano. O que si é máis extraño é atopar un home interesado en convidarme a algo e preguntándome se estaba separado. Foi unha experiencia extraña ao lado mesmiño da casa.


Etiquetas:

venres, 16 de agosto de 2019

Trotando Galicia


As miñas vacacións empezámolas tranquilamente dando un paseo pola fortaleza de Goián. Eu visitáraa hai trinta anos e daquelas estaba abandoada e hoxe está limpa.

 
Martes fomos cos amigos do Morrazo ata Zas, a Casa Gomaris para botar dúas noites. Chegamos, descargamos e xantamos na pizzería Tivoli onde comemos menú do día a fartar e pizzas ben provistas e ben feitas.
Á tarde fomos ao dolme de Dombate. A última vez que o visitara estaba en obras e a vez anterior estaba descuberto no medio dun bosque. Agora está protexido cun edificio porque descubriron pinturas e queren conservalas. Hai un centro de interpretación cunha réplica do interior do dolme e hai visitas guiadas gratuitas.


A un par de quilómetros está o castro de Borneiro. " Que ben vivían estes castrexos con esta paisaxe ".


Logo tiramos cara Camelle. Visitamos o museo de Man onde se admiran as obras de arte que facía con simples botellas plásticas devoltas polo mar.

 
 
 
Aparte diso recollía esqueletos de animais, mecheiros e outras crebas para facer arte.
 

 
 
Tamén teñen gardadas as libretiñas nas que debuxaba ou escribía el ademáis do que lle escribía a xente que o visitaba.
Na planta alta había unha exposición fotográfica sobre o afundimento do petroleiro Prestige e o impacto que tivo na zona. Así os nenos puideron decatarse de parte do traballo que fixemos os pais naqueles meses para tratar de devolver todo á normalidade. 
 

 
No mércores estaba o día agrisado e con algo de chuvia. Decidimos subir ao Monte Branco antes de que o día se pechase totalmente de nubes e poalla. A vista é impresionante co esteiro do río Anllóns no centro e Laxe á dereita.


Non fomos a Balarés que daría unha boa camiñada pero fomos ao faro do cabo Roncudo en Corme. O faro en sí non impresiona como si impresionan as cruces fincadas nos cons que nos lembran os percebeiros mortos nesta costa.

 
 
Xantamos en Malpica e logo fomos ao faro de Punta Nariga. Este faro é precioso e mui novo que non chega aos trinta anos. O entorno é marabilloso cunhas rochas moldeadas por augas e ventos de millóns de anos. Merece unha visita.
 


 
 
 
Á volta paramos nas torres de Allo, un pazo da Deputación de Coruña que está en Baio. O entorno é impresionante cunha estrada de entrada abeirada por máis de oitenta carballos centenarios ( contados polos nenos que tiñan que facer unha caza do tesouro ). Tamén está ben o souto que ten cunha fonte no medio, os hórreos grandes típicos da zona e as vivendas dos labregos.
 O interior do pazo decepcionounos porque estaba prácticamente baleiro.
 
 
O xoves deixamos a casa Gomaris e tiramos cara Pontedeume que fomos visitar as Fragas do Eume.
 
 
 
O río Eume é precioso e o entorno está mui ben cuidado. Pasamos o centro de interpretación que estaba cheo de visitantes e aparcamos máis adiante. Foi pena porque así colleriamos tiques para baixar en autobús que son gratuitos e que nos habían de vir mui ben á volta.
 


 
 
Aparcamos onde alugan bicis que xa non deixan subir coches particulares a partir dese punto. Xantamos e iniciamos a rota. Para chegar á primeira ponte colgante é case dous quilómetros pola estrada e a partir daí ata o mosteiro de Caaveiro son sete quilómetros e medio.
Hai dúas opcións: subir pola beira esquerda por un camiño de terra complicado nalgúns tramos por pedras, raíces e algunhas costas e baixadas incluso cunha corda posta alí para axudarse. Ou subir pola dereita que é a estrada estreita que leva case ata o mosteiro. As dúas teñen sombra.
Nós escollemos a da esquerda que é máis divertida para os nenos e foi dura. Cando chegamos á segunda ponte colgante xa dous nenos non querían seguir e ao final seguiron.
Eu recomendaría subir en autobús os nove quilómetros e baixar camiñando polo camiño de terra.
 

 
 
 
O caso foi que chegamos ao mosteiro despois de subir polo camiño de terra e o camiño do río Senín. No mosteiro hai visitas guiadas e tamén hai servizos e un bar que anuncia petiscos e que logo non os dá.


 
 
As vistas desde alí son impresionantes e non sorprende que escollesen ese lugar para retirarse do mundo. Alí puiden decatarme do cerca que están os eucaliptos de invadir todo.
Logo fixemos a baixada pola estrada co cansazo de todos ( de feito algún quedou a esperar polo autobús e ao final tivemos que coller os coches para aforrar dous quilómetros de pateo ).
 
En resumo; foron uns días intensos con bromas, túzaros,  " cotorras ", Luis Miguel,  nenos cambiando de nome, funerais de paus, Xela facendo rir a todo un autobús e separacións de coches e trabucar camiños como " rodas vivas ".

Etiquetas:

domingo, 11 de agosto de 2019

Sempre Acedre

 
 
Un costume de familia que vai callando é a visita a Acedre cada ano por agosto para a comida do patrón. Xuntámonos familia dalá e os que xa nos criamos fóra e falamos doutros tempos e doutra xente.
A memoria doutros tempos vaise ocultando como a vista da estación de Areas que acaba oculta polas árbores que medran coma o esquecemento.
Pero os que che nos veñen atrás van creando novas lembranzas coma Xela coa súa boa letra e os seus debuxos de cans.
 

 


Etiquetas: ,

luns, 5 de agosto de 2019

E agosto entra


E os kiwiños están case a punto.


Os aguacates non sei se estarán pero xa son ben xeitosos. Si, aguacates en Arbo.


E Xela estivo nun torneo de tenis de mesa.

Etiquetas: ,