leoeosseus

venres, 16 de agosto de 2019

Trotando Galicia


As miñas vacacións empezámolas tranquilamente dando un paseo pola fortaleza de Goián. Eu visitáraa hai trinta anos e daquelas estaba abandoada e hoxe está limpa.

 
Martes fomos cos amigos do Morrazo ata Zas, a Casa Gomaris para botar dúas noites. Chegamos, descargamos e xantamos na pizzería Tivoli onde comemos menú do día a fartar e pizzas ben provistas e ben feitas.
Á tarde fomos ao dolme de Dombate. A última vez que o visitara estaba en obras e a vez anterior estaba descuberto no medio dun bosque. Agora está protexido cun edificio porque descubriron pinturas e queren conservalas. Hai un centro de interpretación cunha réplica do interior do dolme e hai visitas guiadas gratuitas.


A un par de quilómetros está o castro de Borneiro. " Que ben vivían estes castrexos con esta paisaxe ".


Logo tiramos cara Camelle. Visitamos o museo de Man onde se admiran as obras de arte que facía con simples botellas plásticas devoltas polo mar.

 
 
 
Aparte diso recollía esqueletos de animais, mecheiros e outras crebas para facer arte.
 

 
 
Tamén teñen gardadas as libretiñas nas que debuxaba ou escribía el ademáis do que lle escribía a xente que o visitaba.
Na planta alta había unha exposición fotográfica sobre o afundimento do petroleiro Prestige e o impacto que tivo na zona. Así os nenos puideron decatarse de parte do traballo que fixemos os pais naqueles meses para tratar de devolver todo á normalidade. 
 

 
No mércores estaba o día agrisado e con algo de chuvia. Decidimos subir ao Monte Branco antes de que o día se pechase totalmente de nubes e poalla. A vista é impresionante co esteiro do río Anllóns no centro e Laxe á dereita.


Non fomos a Balarés que daría unha boa camiñada pero fomos ao faro do cabo Roncudo en Corme. O faro en sí non impresiona como si impresionan as cruces fincadas nos cons que nos lembran os percebeiros mortos nesta costa.

 
 
Xantamos en Malpica e logo fomos ao faro de Punta Nariga. Este faro é precioso e mui novo que non chega aos trinta anos. O entorno é marabilloso cunhas rochas moldeadas por augas e ventos de millóns de anos. Merece unha visita.
 


 
 
 
Á volta paramos nas torres de Allo, un pazo da Deputación de Coruña que está en Baio. O entorno é impresionante cunha estrada de entrada abeirada por máis de oitenta carballos centenarios ( contados polos nenos que tiñan que facer unha caza do tesouro ). Tamén está ben o souto que ten cunha fonte no medio, os hórreos grandes típicos da zona e as vivendas dos labregos.
 O interior do pazo decepcionounos porque estaba prácticamente baleiro.
 
 
O xoves deixamos a casa Gomaris e tiramos cara Pontedeume que fomos visitar as Fragas do Eume.
 
 
 
O río Eume é precioso e o entorno está mui ben cuidado. Pasamos o centro de interpretación que estaba cheo de visitantes e aparcamos máis adiante. Foi pena porque así colleriamos tiques para baixar en autobús que son gratuitos e que nos habían de vir mui ben á volta.
 


 
 
Aparcamos onde alugan bicis que xa non deixan subir coches particulares a partir dese punto. Xantamos e iniciamos a rota. Para chegar á primeira ponte colgante é case dous quilómetros pola estrada e a partir de aí ata o mosteiro de Caaveiro son sete quilómetros e medio.
Hai dúas opcións: subir pola beira esquerda por un camiño de terra complicado nalgúns tramos por pedras, raíces e algunhas costas e baixadas incluso cunha corda posta alí para axudarse. Ou subir pola dereita que é a estrada estreita que leva case ata o mosteiro. As dúas teñen sombra.
Nós escollemos a da esquerda que é máis divertida para os nenos e foi dura. Cando chegamos á segunda ponte colgante xa dous nenos non querían seguir pero ao final seguiron.
Eu recomendaría subir en autobús os nove quilómetros e baixar camiñando polo camiño de terra.
 

 
 
 
O caso foi que chegamos ao mosteiro despois de subir polo camiño de terra e o camiño do río Senín. No mosteiro hai visitas guiadas e tamén hai servizos e un bar que anuncia petiscos e que logo non os dá.


 
 
As vistas desde alí son impresionantes e non sorprende que escollesen ese lugar para retirarse do mundo. Alí puiden decatarme do cerca que están os eucaliptos de invadir todo.
Logo fixemos a baixada pola estrada co cansazo de todos ( de feito algún quedou a esperar polo autobús e ao final tivemos que coller os coches para aforrar dous quilómetros de pateo ).
 
En resumo; foron uns días intensos con bromas, túzaros, " cotorras ", Luis Miguel,  nenos cambiando de nome, funerais de paus, Xela facendo rir a todo un autobús e separacións de coches e trabucar camiños como " rodas vivas ".

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio