leoeosseus

xoves, 29 de decembro de 2011

Sobremesas de Nadal



Neste tempo temos fartura de dóces e en Arbo hai dous que non faltan estas festas. Un é a torta de roxóns que sae na foto e outras son as torradas de viño. Se queres saber como se fai a torta de roxóns hai varias receitas e podo dicir que non se nota o sabor a porco por se alguén é escrupuloso. Receita 1. Receita 2. Receita 3.

As torradas de viños son máis sinxelas de facer.

Etiquetas:

mércores, 28 de decembro de 2011

Badaladas con aceitunas



Nestes tempos de crise sempre admiro a xente con iniciativas boas. Este ano foi un ano de boas colleitas e á xente de aceites Abril ocorréuselles unha boa idea. Decidiron que xa estaba ben de despedir o ano comendo uvas coas badaladas e era millor despedilo comendo aceitunas que son máis pequenas e dixestibles e ademáis estas son galegas cen por cento e as uvas non. Esta empresa manda a casa un botiño con doce aceitunas sen carabuña e listas para comer e este ano, como é o primero, fano gratis. Núñez Feijoo e o seu goberno xa recibiron as súas aceitunas e tamén ti podes telas. Eu son máis tradicional e este ano sigo coas uvas. Neste enderezo indican onde podes recoller o produto.

Bo proveito !.

Etiquetas:

sábado, 24 de decembro de 2011

Boas festas



Coa imaxe do concello iluminado quero desexar boas festas a amigos, familiares e blogueiros.

Que teñades de todo o bo a fartar !.

Etiquetas:

Sexto mes



Hoxe Xela fai os seis meses. É dona dun sorriso que asoma inmediato cando miran para ela e dun brillo de ollos marabilloso que non é doado topar outro igual. Dorme ben de noite e chupa teta toda inquieta, tirándose do pelo e patexando. A fruita non lle vai muito anque con pexego éntralle millor. Mantense ben sentada e quere coller todo o que mira diante e canto máis lonxe millor. Ten xenio porque se incomoda cando non alcanza algo. Agora empezan asomarlle as raíñas brancas dos sachiños de abaixo. Admira ao seu irmán Leo e gústalle ir a cabaliño del.

E así vai !.

Etiquetas:

xoves, 22 de decembro de 2011

Nun tramo de estrada


Nunha costa arriba engádenlle unha letra de máis á palabra galega.



E como sempre se di que non se sabe se sobe ou baixa o galego nunha escaleira pois na mesma costa pero baixando o letreiro perde unha letra.





E, por se fose pouco; na mesma costa por unha estrada secundaria por fóra o galego ten que traducirse como se se falase cun neno: mica = me-me-me.

Etiquetas:

domingo, 18 de decembro de 2011

Viños e comidas



Non, non estou anunciando unha casa de comidas ou un bar para camioneiros. Estou resumindo este sábado pasado cando tiven a comida de empresa onde comín muuuitas navallas que estaban gordas e saborosas e descubrín que eran muitos compañeiros os que as comían con garfo e cuitelo. Tamén bebín un viño branco Ribeiro que non estaba mal: " Terra Zelta". Nesa comida non cheguei aos postres nin aos discursos nin ao novato cantando " A Rianxeira " que tiña que ir cuns familiares a unha adega de Arbo. Alá chegamos baixo un batagada de chuvia que o curmán de Mallorca disipou con só saír do coche. Mostráronnos as instalacións e probamos un proxecto de viño escumante mentres desfrutabamos da vista outonal tralas vidreiras. Despóis fomos ata A Refontán onde se coñeceron as dúas familias e rematou algún enamorándose do xamón ecolóxico.

Foi un sábado para lembrar.

Etiquetas: , ,

venres, 16 de decembro de 2011

As bágoas do visgo



Di unha lenda viquinga que o día que naceu Balder, o deus do sol, en Asgard, o mundo dos deuses viquingos, foi un día de gran ledicia.

Todos os habitantes do mundo viñeron adoralo: guerreiros, campesiños, deuses e servos, animais e rochas, árbores e prantas... Alá foron todos sacando o visgo. A deusa Frigg, nai de Balder, fixo xurar a todos os presentes non mancaren nunca o seu fillo recén nado. E todo o mundo xurouno, agás o visgo.

E Balder medrou fermoso e brillante coma o sol. Co el os campos medraban máis verdes e os homes traballaban máis ledos.

Vivía alí tamén Loki, o deus das mentiras, que morría coa envexa polo seu medio irmán Balder. Tentou matalo de todos os xeitos posibles: con ponzoñas, cortándolle a cabeza ou espetándolle unha espada pero nada pasaba porque todos os obxectos xuraran non mancar a Balder. Todos, agás o visgo.

Un día Loki descubriu esta excepción e fixo unha frecha co esa pranta. A seta furou o corpo de Balder e apagouse cando caiu ao chan.

Fíxose a noite eterna en Asgard e todos foron ao funeral: guerreiros, campesiños, deuses, servos, animais, rochas, árbores, prantas.

A deusa Frigg abrazou o cadáver do fillo amado e empezou a chorar.

- Ti, visgo, que me fixeches o maior dano posible matando o meu fillo; ogallá tiveses tamén o poder de devolverlle a vida e darme a maior ledicia que se poida imaxinar.

As bágoas caíron sobre a frecha e convertéronse en pequenas pérolas brancas; tamén caíron sobre Balder que volveu brillar e ergueuse entre os mortos. Balder colleu a pranta que o matara e que tamén lle devolvera a vida e púxoa por riba da súa cabeza e observouna, coas súas follas verdes e as baguiñas brancas que xurdiron das bágoas da súa nai.

- Muitas gracias, nai -e Balder bicouna na fazula.

E dende entón, polo Nadal, é costume pendurar no limiar das portas unha póla de visgo, e que a xente que se xunte debaixo se dea un bico en lembranza desta lenda para celebrar a ledicia de volver estar xunto á familia e seres queridos.

Etiquetas:

xoves, 15 de decembro de 2011

Amor de fillos




Eu non canto ben, máis ben canto fatal. Pero para tranquilizar a Xela cando está rallante polo sono non hai máis remedio que cantarlle. A cuitada da miña filla sorrime cando lle canto a miña versión de " A casa engraçada " e " Susanita tiene un ratón " e agradécese. Pero o outro día o Leo demostrou a onde chega o amor dun fillo cando mirou nunha tele dunha cafetería a Joaquín Sabina cantando. O neno díxome que eu cantaba millor ca el.


Non hai máis remedio que querelos !.

Etiquetas: ,

mércores, 14 de decembro de 2011

Lenda de Xixona



Estamos en tempos de turrón e non podo resistir a tentación de relatar a lenda da criación do turrón de Xixona. Seica hai un feixe de anos un rei de Xixona casou cunha moza escandinava que estaba sempre triste a pesar de que o rei lle daba todo. O rei preguntoulle o motivo e a raíña respondeulle que botaba de menos o branco das paisaxes do norte. Que fixo o rei ?. Mandou cortar as laranxeiras e o trigo da zona e plantar amendoeiras. Cando chegou a primavera os campos estaban cheos de flores brancas para ledicia da raíña e todo semellaba rematar ben. Pero chegou o fin do verán e os campesiños tiñan améndoas pero non tiñan pan por non haber trigo. Foron coas súas queixas ao rei e este chamou aos sabios da corte. Un deles deu coa solución facendo unha masa coas avelás moídas misturadas con azucre que acabou coa fame, agradou a todos e deu na criación do turrón.

O que me resultaba coñecida desta lenda é a primeira parte que descubrín hai tempo.

Sexa como sexa,a desfrutar dos dóces do Nadal !.

Etiquetas:

martes, 13 de decembro de 2011

Día dos canteiros




Hoxe é santa Lucía, patroa dos canteiros e doutros profesionais onde os ollos e o sentido da vista son especialmente importantes como costureiras e oculistas.


Eu non podo esquecer o tempo que adiquei ao duro traballo da pedra e as palabras e curiosidades que aprendín. No choio non falabamos o latín dos arxinas pero si tiñamos algunhas palabriñas como " levar á meiniña " que era levar a pedra como indica o debuxo, de pe e primeiro adiantando unha esquina e logo a outra.


O debuxo pertence a un libro dun canteiro profisional que me ensinou muito e me fixo lembrar outros tempos.


Feliz día de santa Lucía !. Aquí e en Suecia, claro.

Etiquetas: ,

Cesta



Nestes tempos tan revoltos de crise sempre se agradece ter un salario e ter unha cesta polo Nadal que cambiou pouco con respecto ao ano pasado.

Que polo menos siga así !.

Etiquetas:

sábado, 10 de decembro de 2011

Matanza 2011



Hoxe tocou a tradición de sempre de matar os porcos. Tocoulle a dous que eran boíños ( " Pobriños !. Que mansiños eran !. " ) dicía avoaM coma sempre. A verdade é que saen do cortello enganchados polo fuciño coma se fosen un can de paseo. Arrímanse ao banco, pasásenlle dúas cintas polo corpo e dáselle un cuarto de volta á taboa do banco e xa están listos para matar. Logo tócalles chamuscalos para queimar o pelo con fento e logo fachuqueiras de centeo e limpar con carqueixa. Na foto de hai dous anos vese ao matador arrincando as uñas do pesuño. No momento de queimar había xente que comía o rabo asado tal como estaba. Preguntei se o facían os rapaces pero dicían que non, que os rapaces collían a vexiga e inchábana coma un globo para xogaren e quedaban tristes cando rebentaba.

O traballo da matanza xa o expliquei o ano pasado e este ano foi case igual. Eu estiven salgando na salgadeira nova plástica. Este ano aprendín unha frase cando lavaban o pedro, a tripa gorda e que dicían cando un levaba o gando pouco tempo ao prado: " Pedro botello: bótase tarde, métese cedo ". Tamén aprendín que os laghartos veñen a ser os solomillos do porco e que o corazón da cebola chámase choromelo.

Falouse de todo: política, crise, pensións, veciños, roubos, etc e ata falaron dun tal Dionisio que estivo en Cuba e cando volveu de alí fuxiu para o monte para evitar que o paseasen os fascistas. Seica era un home intelixente e que fixo un casamento de comenencia que lle saíra mal e que el resumía coa frase: fun por farelo e salín enfarelado.

Así foi o día de hoxe e mañá toca preparar a carne para facer chourizos.

Etiquetas: , ,

mércores, 7 de decembro de 2011

Perdendo a inocencia



Entramos no mes máis feliz e inocente do ano e Leo está todo ilusionado, claro está. Anque xa hai un compañeiriño da súa idade que di que Papa Noel non existe e a iso nós dixémoslle a Leo que entón ese neno non ía ter agasallo del e aí rematou o asunto. Leo non ten mui claro que pedir ( hai dous anos pedía follas de outono e non quería que entrase ninguén na casa de noite e o ano pasado pediu un triángulo musical que pouco usou ) e así este ano pon pegatinas " Me lo pido " a todo o catálogo de xoguetes menos nas cousas rosas, nas dos Gormitti e no patinete que é un deporte de alto risco para el. E con tanto para escoller terao doado a corte de regaladores dos reis magos, Papa Noel e o Apalpador ( este ano non está o ratiño Pérez incluido no lote ).

Onde si vai perdendo a inocencia é cos animais de Arbo. Estes días desapareceron varios pitos e díxenlle que os mataran para comer. Entón el preguntou polos ovos das galiñas e díxenlle a media mentira de que uns son para comermos e outros son para que nazan máis pitos. Tamén lle dixen que os dous porcos son para comer e díxenlle que os humanos ao final somos piores ca os lobos dos contos.

A toda esta explicación Leo non reaccionou con sorpresa como si reaccionou hai dúas semanas mirando as noticias na tele dos maiores e descubrindo que existen guerras e non son películas.

Canta inocencia lle queda por perder !.

Etiquetas:

xoves, 1 de decembro de 2011

Rematou novembro




E foi un mes bastante tranquilo a pesar do pequeno terremoto que sentín na cama.


Como non todo vai ser inchables en Vilaguindastre tamén houbo un contacontos contando o conto de " Antón e o Apalpador ".



Falando de contacontos tivemos diante da casa políticos facendo campaña xusto un día antes dun accidente na estrada con xabaríns.





O magosto deixaba imaxes de colores de outono con música de gaita e pandeireta e unha rapaza que se atreveu a ler alí perto.




O Leo quere iniciarse na fotografía e só lle falta un pouco de pulso.




Xela segue espabilando. É de cu inquieto pero semella que lle van gustar os contos como ao resto da familia.



Agora temos un bingo na casa que vai dar bastante xogo no inverno que se aproxima anque Leo ten que aprender a perder. Como diría el: " Non te creocupes. O importante é partificar. "





Houbo maxia da man do mago Marco. Anque Leo quixo marchar pronto porque falaba muito o mago, seica.





E Leo desfrutou da súa primeira sesión disco nunha festa de aniversario con luces, fumes e versións modernas da lambada e outras músicas do momento.



Pasan os anos para todos e mentres el empeza a desfrutar da música a min na revisión médica do traballo a médica que fala con diminutivos díxome que tiña que usar lentes para ler.

Etiquetas: , ,