Matanza 2011

Hoxe tocou a tradición de sempre de matar os porcos. Tocoulle a dous que eran boíños ( " Pobriños !. Que mansiños eran !. " ) dicía avoaM coma sempre. A verdade é que saen do cortello enganchados polo fuciño coma se fosen un can de paseo. Arrímanse ao banco, pasásenlle dúas cintas polo corpo e dáselle un cuarto de volta á taboa do banco e xa están listos para matar. Logo tócalles chamuscalos para queimar o pelo con fento e logo fachuqueiras de centeo e limpar con carqueixa. Na foto de hai dous anos vese ao matador arrincando as uñas do pesuño. No momento de queimar había xente que comía o rabo asado tal como estaba. Preguntei se o facían os rapaces pero dicían que non, que os rapaces collían a vexiga e inchábana coma un globo para xogaren e quedaban tristes cando rebentaba.
O traballo da matanza xa o expliquei o ano pasado e este ano foi case igual. Eu estiven salgando na salgadeira nova plástica. Este ano aprendín unha frase cando lavaban o pedro, a tripa gorda e que dicían cando un levaba o gando pouco tempo ao prado: " Pedro botello: bótase tarde, métese cedo ". Tamén aprendín que os laghartos veñen a ser os solomillos do porco e que o corazón da cebola chámase choromelo.
Falouse de todo: política, crise, pensións, veciños, roubos, etc e ata falaron dun tal Dionisio que estivo en Cuba e cando volveu de alí fuxiu para o monte para evitar que o paseasen os fascistas. Seica era un home intelixente e que fixo un casamento de comenencia que lle saíra mal e que el resumía coa frase: fun por farelo e salín enfarelado.
Así foi o día de hoxe e mañá toca preparar a carne para facer chourizos.
Etiquetas: arbo II, etnografia V, lingua VII
9 comentarios:
Sigue sen gustarme este traballo da matanza. De pequena fuxía cara a casa da veciña para pecharme e non sentir berrar os porcos.
Pero é unha tradición que se debía conservar pois era (e é) motivo para que a veciñanza se xuntase e colaborase, coma noutros moitos traballos e tarefas do rural galego.
Coido que está, o da foto, sacandole as unllas o gorrino.
Un pouco bestias eran as matanzas, pero entrañables.
Agora tamén matan os porcos, mais un pouco as agachadas, Danos vergoña o que facemos.
¡Veña a facer un bon mondongo, bós xamóns e lacóns, e ter xa curado o "botelo" para a próxima Pascua
Como urbanícola nunca tiven ocasión de asistir a unha matanza. Cando empecei a dar clase en Auria os rapaces contáronme a mata con pelos e sinais e tiven que disimular para que non se notase o meu horror.
E sabe tão bem um churrasco logo a seguir!!
A matanza vivina desde que era meniña, con 10 ou 12 anos a miña avoa púñame a estremar as tripas e íame ensinando como tiña que facer. Aquela aprendizaxe foime moi útil ao longo dos anos, pois gústame axudar á familia e tamén o fago para min sen problemas. O único que non faría nunca é cravarlle o coitelo ao porco, aínda que agora utilizando as pistolas xa non me parece tan cruel.
Xa vexo que ademais de axudar tamén aprendiches cousas, iso é moi bo.
Bicos
Cada vez paréceme que ten máis mérito seguir facendo todo este traballo, co duro que é, e sempre do mesmo xeito porque todo ten o seu porque.
Na miña zona a vexiga aprovéitase -despois de deixala inmaculada, claro- como envoltorio para os roxóns (ou chicharróns), cousas curiosas :)
Moito ánimo coa tarefa dos próximos días!
Aínda podo sentir os berros dos porcos que se mataban na miña casa. Eu tapaba os oídos pero nin con esas. Odiaba ese día aínda que gustábama a comida que faciamos con toda a xente que participaba na matanza, para comer o fígado e mais os solomillos.
Moito máis aséptico ahora, compar a carne no hiper, parece que non comemos animais.
biquiños,
O que Dilaida di que na súa zona denominas como "estremar" as tripas, aquí chamámoslle "desenlizar".
Para min de neno era un día de sensacións moi contradictorias. Gustábame a parte lúdica-festeira, pero tamén me tiña un lado obscuro.
Apertas
na miña aldea do deza aproveitaban a vexiga: colgábana no canizo a secar, e pola pascua facían un doce e a vexiga era o mode para ese doce que levaba ovos, zucre, pan mollado en leite e non lembro que mais.
inda que... pode que non fose a vexiga, chamábanlle "vincha" e eu creo que era a vesícula.
agora que se mata o porquiño dunha maneira menos terrible xa me vou reconciliando coa matanza... nos guste ou non, o porquiño foi a nosa supervivencia.
Publicar un comentario
És humano ti ?
Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]
<< Inicio