leoeosseus

venres, 20 de abril de 2007

Centro social Rivera Atienza



Entre o choio e os mobles novos da cociña que estamos montando, apenas hai tempo para navegar pola rede adiante.


Vou deixar unhas fotiñas dun sitio onde é máis barato o café do que dicía o señor Zapatero: a 75 céntimos !. O sitio é un pazo en Vigo, con terraza, biblioteca e xardín. É un centro social ( aí está o truco da barateza ) á beira da Escola Oficial de Idiomas.


Desfrutai das fotos mentres non volvo postear.

Etiquetas: ,

venres, 13 de abril de 2007

Partidos políticos en Vilaguindastre

Hoxe é venres 13 e foi o día escollido polo PP para presentar o seu candidato á alcaldía para Vilaguindastre. Pero o PP non é o único partido que se presenta no concello. Aparte está o PSOE, o BNG, os Independientes, os Ciudadanos por Porriño, a Sociedade Política Local e parece ser que hai unha candidatura dos xitanos. Unha nova da que me enteirei pola interrede.
O PP, PSOE e BNG xa se coñecen. Os Independientes son unha esgalla do PP, así coma os Ciudadanos por Porriño. A Sociedade Política Local non ten páxina web pero é un grupo curioso dirixido por un músico e formado por xente " normal " e que non ten experiencia na vida política e aproveitan as siglas SPL para dicir que son Sobradamente Preparados e Libres.
Co este panorama político, non me extraña que Ana soñara o outro día que había un mítin nun bar dirixido por un veciño que de ten pinta de todo menos de político e que era dirixente dun partido chamado Sociedade Politicamente Preparada.
En fin, que gañe quen gañe pero que gañe O Porriño, nomeado por min Vilaguindastre.
A explicación da nomeada está na foto.

Etiquetas: ,

luns, 2 de abril de 2007

Folleto relixioso



Hai uns días recibimos a visita dunhas Testemuñas de Jehová que deixaron un papel onde convidaban a coñecer a Xesuscristo. No papel había un enderezo na interrede e busquei para coñecer un pouco de que vai esta xente. O máis curioso para min foi topar a listaxe de idiomas dispoñibles: 310 !. Busquei o galego pero non estaba pero tampouco aparecían nin catalán nin basco. Iso si; aparecían idiomas ben curiosos que eu non coñezo de nada e outros que case se entenden de todo como o papiamento.

Na foto sae unha prostituta diante dun edificio relixioso: "un prostituta dilanti di edifisionan religioso", en papiamento.

Etiquetas: ,

xoves, 29 de marzo de 2007

Galicia nos gusta

A publicidade non ten límites: que terá que ver Galicia cunha aseguradora ?. O día que me pregunte o Leo cousas así vou quedar sen palabras.

Etiquetas:

mércores, 28 de marzo de 2007

Bandeira dos xitanos


Onte fun facer a revisión médica para a nova empresa e tocouma facer nun edificio peculiar de Vilaguindastre. E dirás: que ten de peculiar o edificio da foto ?. Pois se amplías a foto podes ler o nome de edificio que non é outro que o edificio " Cristo vive " e nunha parede a bandeira do pobo xitano que ten unha franxa verde representando a terra aberta e outra franxa azul representando o ceo que son as únicas fronteiras que recoñece este pobo viaxeiro. Outro símbolo dese pobo é a roda do centro que representa a mobilidade desta etnia. Dende logo que se hai un concurso de bandeiras simbólicas creo que esta leva o premio.

Etiquetas: ,

domingo, 25 de marzo de 2007

Misses

Hoxe quería mirar a serie Aída que río muito con Luisma, o irmán zumbado pola droga. Pero non pode ser. Están coa elección de miss España e van botar tempo abondo e é difícil a elección. Eu penso que desfila unha miss e pega a volta e cambia de cinta co nome doutra provincia e volve desfilar. Como vai por orde alfabética a primeira é miss A Coruña e de momento segue.
Por certo: alguén coñece o Banco Máis da foto ?.

Etiquetas:

xoves, 22 de marzo de 2007

Día da auga

Enteirome por aí de que hoxe é o día mundial da auga e, por casualidade, leo nun libro de Vázquez Figueroa que andaban os españois do século XVI na busca da illa Bímini, onde dicían que estaba a fonte da eterna xuventude. Xa había picaresca daquelas e había xente que vendía falsos mapas sobre a localización desa fonte. Con picaresca ou non, os españois buscábana pola península da Florida pero seica algúns científicos actuais topárona no Himalaia onde a xente dunha tribu chega ós 120 anos sen dificultade gracias a unha auga alcalina. E agora en Miami ( ó final vólvese á Florida ) estana embotellando para vender.
Eu , francamente, non quero chegar ós 120 anos así que procuro beber auga de forma rebaixada... a ser posible en forma de viño ou cervexa.

Etiquetas:

martes, 20 de marzo de 2007

Shinchan en Vilaguindastre



Nestes días de paseos familiares descubrín un dos maiores misterios do mundo da televisión. Que foi feito de Shinchan ?. Pois Shinchan logo de deixar a tele galega medrou, quixo conducir pero non deu aprobado e mercou un coche deses sen carnet e agora traballa de albanel nunha obra en Vilaguindastre.

Etiquetas: ,

mércores, 14 de febreiro de 2007

Lenda do raio verde



Hoxe é o día dos enamorados e lembrei a lenda do raio verde. Esa lenda di que o derradeiro e ultimísimo raio do sol xusto antes de pórse é de cor verde e que se nese momento o ves con outra persoa o amor entre os dous será para sempre. Esta lenda serviulle a Xulio Verne para escribir unha novela e todo. Anque ó final non é lenda senón que é un fenómeno rarísimo que ata sae en fotos como a que poño que foi feita en Francia. O curioso é que Turgalicia promociona a costa galega dicindo que hai raios verdes.

Que queres que che diga ?. Eu con Ana nunca mirei raios verdes nin farrapos de gaita e non nos vai tan mal, non é ?.

Un saúdo e que haxa amor con raio verde ou non.

Etiquetas: , , ,

xoves, 8 de febreiro de 2007

Cambios no atallo ó traballo



No mediodía teño hora e media para xantar e apenas me dá tempo para cambiarme, chegar a casa, xantar e marchar fungado para o choio para volver cambiarme e pórme a traballar. Co esas présas teño que buscar o camiño máis rápido anque sexa o máis longo e topei un atallo esquivando atascos. Ese atallo hai uns vinte anos era un camiño que abeiraba un río onde nos bañabamos os rapaces. Hoxe todo mudou e o río coas "humanizacións" escaralláronno e ten pouca auga e a poza da Fos desapareceu. O camiño está hoxe empichado e pasan coches con conductores apurados. Agora ese carreiro é unha rúa que conserva un nome precioso e sonoro e ata un chisco bucólico rememorando tempos pasados.

Etiquetas:

martes, 23 de xaneiro de 2007

Máis inglés nos productos



Os tempos mudan e hai menos de trinta anos que hai panos de mesa de papel. Antes eran de tea e antes lembro eu que a xente na aldea limpaba a cara larafuzada cun anaco de pan que ía para a boca.

Será polo novo do obxecto que non ten un nome cen por cen galego tradicional e por iso supermercados Froiz no paquete non pon o nome en galego pero si en castelán, portugués e seudoinglés porque o traductor en troques de panos de mesa puxo " sesta de rei ".

Eu prefiro pensar que o traductor é un escritor de contos infantís ou un soñador e non un incompetente.

Etiquetas: ,

domingo, 14 de xaneiro de 2007

O marretón e a disco Nasyra



O outro día chegou un novo " amigo " á empresa. É un marretón de oito quilos que se di pronto pero que rompe o lombo erguelo para bater nas cuñas e así fender os bloques de granito.

O xoves andei con el pero xa o apartei e seguín co martelón de antes de seis quilos que é máis levadeiro. A pesares diso hoxe aínda me doen as costas.

O que é o paso do tempo: hai anos podía co marretón de doce quilos e despóis aínda ía ás discos. E, falando de discos, a discoteca de Arbo para atraer clientela ata ten un conto de corte medieval cunha princesa que quere salvar o seu pai atrapado por un dragón ás ordes dun mago ruin coma a fame e ba, ba, ba. O que non din estes contos é o que tiñan que sufrir estes guerreiros para levantar espadas que andarían polos dez quilos !.

Etiquetas: , ,

mércores, 20 de decembro de 2006

Chicas case espidas

Hoxe estiven co mecánico no seu curruncho e había un calendario agasallo dun provedor con chicas case espidas. Isto fíxome lembrar que neste país é mui típico dar calendarios de peto ou grandes en comercios para os seus clientes a fins do ano. As imaxes máis usadas son esceas de adegas, paisaxes, crías de animais e chicas ( típicos en camións e talleres ). Ultimamente hai colectivos que editan calendarios como bombeiros ou policías. Ó que ía; neste país é doado abondo ver imaxes de mulleres espidas ou case e mesmo nun parque infantil de Vilaguindastre podemos topar esta imaxe, cousa impensable nos EEUU.
Esta estatua no parque será para que os rapaces como Leo pensen na comida ?.

Etiquetas: ,

luns, 18 de decembro de 2006

Agasallos para o Nadal


Onte foi día de comercios buscando agasallos. Hai algunha cousa curiosa e algún capricho pero a da foto fíxome gracia. Terei que ver esa historia a ver se podo superala.

Etiquetas: ,

mércores, 29 de novembro de 2006

De volta


¡ Xa estou de volta !. Coma o circo "hincrible" e "favuloso".

Etiquetas:

luns, 6 de novembro de 2006

Curiosidades no camiño a Arbo



O domingo fixo bo tempo e puidemos ir ata Arbo. O Leo ía tranquilo e esperto no coche e logo quedou durmido. O camiño a Arbo ten algunhas curiosidades que poden pasar desapercibidas se un non se fixa. Nós levamos feito este camiño as veces suficientes como para coñecer os puntos curiosos da rota.

E hoxe vou mostrar dúas curiosidades: o letreiro dun curandeiro en Tortoreos, As Neves; e un canastro feito cen por cen de metal en Vide, As Neves.

Dende logo que os donos destas curiosidades darían para unha novela ou ben un conto.

Etiquetas: , ,

luns, 16 de outubro de 2006

Arrolando o nécoro



Estes días non teño muito tempo para escribir, xa sabes: visitas, o mal tempo, o Leo que non lle gusta muito o coche, malas tardes que dá o necoriño ( non muitas por fortuna) e demáis cotiandades. Iso si, aínda puiden tirarlle unha foto a uns novios veciños de raza xitana que pasaron diante da ventá.

E así segue a vida: mentres uns casan outros arrolan o seu fillo no colo que tamén ten o seu intringuilis e a ledicia que dá conseguir que por fin durma.

Ata outra.

Etiquetas: ,

martes, 5 de setembro de 2006

Combarro 2000



Nas fotos que estou dixitilizando topei esta de Combarro na primavera do ano 2000.

A foto é triste pero pior está Combarro de esceario na película Dagon. Mira aquí.

Etiquetas: ,

mércores, 30 de agosto de 2006

Erros ortográficos



Unha das cousas que máis me desconcertan son os erros ortográficos que sei que temos todos ou case todos; pero o que me rebenta (de risa ou rabia) son os carteis á vista do público como este da foto que parece que nin a propósito pode escribirse isto.



Non vou dicir onde foi tirada a foto e espero que perdoes a súa calidade por querer ampliala.
O máis simpático é que había un coche aparcado.

Etiquetas: ,

martes, 29 de agosto de 2006

Foto de Beresmo

Unha das cousas que fago estes días é dixitalizar fotos que teño. Son bastantes e de temas variados.
Hoxe vou subir á rede unha foto tirada en Beresmo, concello de Avión, no ano 2002 e que eu titularía: " Todo acaba igual "ou " Carreira de ruinas ".
Un saúdo.

Etiquetas: ,