leoeosseus

luns, 22 de maio de 2017

Lévanme de paseo

 
 
Esta foi unha fin de semana intensa.
Venres tocou ir á praia de Lourido en Poio onde había un aniversario que se celebraba nunha pista de karts a pedais. Xela demostrou ser unha boa piloto que ía a toda velocidade e collía ben as curvas, mesmo levantando unha roda de atrás. O Leo tamén se animou a dar unha volta cando a pista estaba libre.




O sábado Leo tiña outra festa de aniversario e xogou ao fútbol. Cando xa lle picaba o corpo pola suor empezou o rastrexo zombi no bosque do arredor. Había que topar tres obxectos e levalos de volta á mesa de control onde nos facían pasar unha proba ou resolver un enigma. Tivemos sorte co zombi que andaba detrás das nenas e nos deixou bastante tranquilos.
En fin, pasámolo de medo ( nos dous sensos da palabra ) !.


E o domingo a estrela do día foi Xela en Mos coa súa actuación patinando.

Que sorte teño que me levan de paseo !.

Etiquetas: ,

mércores, 22 de marzo de 2017

E a primavera atropélanos


O día do pai pasou e algúns dos agasallos xa foron para o bandullo e non só o meu bandullo.

 
 
Un presente de Xela non se pode comer pero é unha artistada das dela.
 

 
 
O tempo de marzo é así como di a bisavoa Celia: " Marzo, marzán: á mañán cara de can, ó mediodía cara de raíña e á noite corta coma unha fouciña ". Tanto é así que Xela máis eu andamos cos mocos ás voltas e o pobre do Leo está con febres e sen ir á escola. Xela di que vai esquecer facer contas como o do cartel que esqueceu como se escribe a letra " v ".
 

 
 
E a crise que segue co enésimo exemplo: a xente de Pescanova facendo folga.
 
A primavera atropélanos !.
 


Etiquetas: , ,

sábado, 11 de febreiro de 2017

Balonmán e Carapuchiña Vermella



Hoxe tocoulle a Leo xogar o primeiro partido " real " contra nenos doutros colexios.


E á tardiña tocou teatro coa versión con cancións e final feliz para o lobo da obra Carapuchiña Vermella.

Etiquetas: ,

luns, 30 de xaneiro de 2017

Nobel da paz na casa


Hoxe o Leo chegou todo contente a casa. Houbo votación en cada aula para escoller o compañeiro que merecería o Nobel da Paz e Leo foi o escollido pola maioría dos compañeiros.
Un aplauso por el !.

Etiquetas:

sábado, 26 de novembro de 2016

Prenadalizando


Cada ano que pasa seméllame que se adiantan os acontecementos e así un veciño pendura un adorno de Nadal no día de San Martiño para abraio de Xela que pregunta por que hai adornos de Nadal se aínda non é tempo del.
E o que non se adianta cópiase e agora tamén hai Black Friday para remedar aos todopoderosos norteamericanos. Que non che extrañe que calquera ano destes empecemos a celebrar o día de Acción de Gracias comendo pirú e festexando por exemplo que os celtas se xuntaron cos íberos nese invento de pobo celtíbero.
Con todo os días pasan e aprendo dúas frases novas para min. " Teis un peito coma unha lareira " que me dixo un compañeiro por ser capaz eu de beber auga fría pola mañá; e " Eres difícil como varrer unha escaleira para arriba " que é unha boa comparanza que non precisa de explicación.
E o día de hoxe foi día de chuvia e frío, ideal para recollerse en casa e tomar chocolate quente e xogar na Wii onde Leo foi o gañador dos bólos. Foron bólos virtuais que aos reais non foi hoxe porque non foi convidado a un aniversario dun compañeiro. En fin, que se lle vai facer.

Etiquetas: , ,

mércores, 9 de novembro de 2016

Novembrizando


E chegou o frío como mostra a moneca do tempo do Ferral.


Estivemos pouco tempo na festa dos Calacús. Eu comín castañas e os nenos churros de chocolate. Como mudan os costumes !.



Topamos esta nota no cuarto de Leo e o ratiño Pérez deixoulle algo a Leo. O neno quedou gratamente sorprendido e non sabía por que o ratiño fixo a súa aparición. Non sei; aquí pasou algo raro.

Levo tempo sen escribir porque esta vida absorbe o tempo libre. Tamén estivemos liados preparando un traballo da " Volta ao mundo en oitenta días " polos EEUU para Xela. Extrañoume que fixese parte do percorrido nun trenó con velas.

A Torredocaminho tamén ocupa parte do meu tempo e así aprendín a canción que tararea un compañeiro cando está cabreado e non é outra que a de Xesuscristo Superstar.
A miña canción cando estou algo encabuxado é a de " Carros de fuego " ou a de " La, la, la ".
Eu aprendín na mili iso de " Cuando un gallego canta o le dieron por el culo o poco le falta ".
Ti tes alguna musiquiña para eses momentos de rabia contida ?.

Etiquetas: , , , , ,

domingo, 2 de outubro de 2016

Celebrando a década



Esta fin de semana adicámola a celebrar oaniversario de Leo. O sábado xantamos en Tui na tapería Lademanu que é altamente recomendable: bo servizo, tapas saborosas e ben presentadas e cun prezo contido. Aparte gózase dun local mui limpo, con vistas do río e Portugal e unha música suave. Logo recollemos algúns amigos de Leo e fomos ao cinema que botaban a película " Cegoñas " que estivo mui ben cos lobos creando formacións para atrapar a cegoña e á humana que levaban unha bebeciña á súa casa. Logo tocou merenda no McDonalds e volta para casiña.
E hoxe domingo mercamos os callos en Vilaguindastre que era a XXIII edición desta festa gastronómica. Tamén mercamos a torta e levamos todo a Arbo para celebrar o aniversario coa familia materna.
Pasámolo mui ben !.

Etiquetas: , ,

martes, 27 de setembro de 2016

Dez anos

 
 
Hoxe Leo fai os dez anos. Na foto está contente por recibir agasallos do mundo Yo-kai: o álbum, sobres sorpresa de medallas e o reloxio Yo-kai Watch que xa avisan que non di a hora. A Leo préstalle isto e o fútbol da Tablet e, con tal motivo, agora xa ten tema de conversa cos nenos da súa idade falando de fútbol. Non lle mercamos ningún libro que agora non está en época lectora. Está a esperar que publiquen o Diario de Greg 11 e a ver se engancha de novo coa lectura.
Polo resto vai ben. É boíño e bastante tranquilo e agora xoga muito coa irmá.
O sábado fará a festa cos amigos.

Etiquetas:

sábado, 17 de setembro de 2016

Empezando este curso


Comezaron as clases os nenos e Naideleo. Naideleo ten un horario que nos vai dar problemas para levar os nenos ao cole pero safaremos. Os nenos lévano ben para a nosa sorpresa; madrugan sen problemas e semella que van contentos a clase e todo. O Leo está luitando co ordenador pero o profesor novo aparenta ser competente e involucrado con Leo e o resto dos compañeiros. Xela ten unha profe chamada Cris que ten un nome " larguísimo " segundo Xela que é Cristina. A ver se lle dura todo o curso que o ano pasado mudou de profe varias veces. Xela aprende cousas á súa maneira e o outro día sangroulle o nariz. Ela dixo que foi cando sacou o último moco co dedo. Tamén hoxe dixo que os globos explotan cando se acercan ao sol porque non saben suar.
E así pasou a semana coa chegada do tempo fresco e os merlos que se xuntan por ducias nas torres da luz cando se deita o sol. Quen sabe o que pensan !.



Etiquetas: , ,

mércores, 10 de agosto de 2016

A dez de agosto

 
Nestes días que aprende Xela a andar en bici tamén aprende a nadar estilo canciño o domingo. Luns tivemos cita co Sergas por mor de Leo. No martes as nubes de fume arrodeáronnos mentres mercabamos ponchos para a chuvia. E hoxe pasamos calor reunidos para planificar actividades de Leo. O bo do día de hoxe é que a última noite que traballo antes das vacacións.
Por fin !.
Cando teña unha foto millor de Xela en bici póñoa.

Etiquetas: ,

mércores, 3 de agosto de 2016

Aldea Grobbit e augas


Indo a mollarse descóbrense lugares como a aldea Grobbit na illa da Toxa. Son cinco casiñas nun parque infantil nun monte da illa. Os nenos entraron abraiados polo silenzo do lugar onde eramos os únicos habitantes. Petamos nas portas e escuitamos a ver se había alguén detrás delas pero nada. Xa explican no panel informativo que os Grobbits viven nas augas termais do balneario e que volven á súa aldea por un túnel que dá ao pozo da aldea. O que non din é cando se atopan nas súas casas. Xela quedou con ganas de coñecelos e fixo un debuxo e ditou unha carta para eles. O Leo desconfía máis de que sexa mentira e di que é un truco para que a xente veña ao parque en cada época do ano.
E, falando de Leo, o outro día púxose todo histérico nun local público cando lle caiu por riba auga. Tiven que mercar unha botella e botarma por riba para explicarlle que non pasa nada. Nese preciso instante parounos Islandof no paso de cebra cando cruzabamos e botei o resto da auga no parabrisas do seu coche para abraio de Islandof, Naideleo e os nenos. Logo fun á fábrica a explicarlle a historia a Islandof para que non houbese malos entendidos.
O caso é que a auga dá para muitas anécdotas !.

Etiquetas: , ,

martes, 28 de xuño de 2016

Os nenos de vacacións


Rematou o curso dos nenos e non comentei como o remataron. Leo sacou mui boas notas: todas notable menos un ben e un sobresaliente e segue especializado en linguas. Leo le muito ( leu 86 libros para un concurso de lectura que quedou en auga de castañas ) e escribe; anque agora está enganchado á serie dos Yo - Kai watch e canta, escribe e busca todo sobre esta serie.
Xela tamén saiu ben do curso e a profe está contenta con ela que traballa, non fala e obedece para abraio meu que lle preguntei se falabamos da mesma Xela. Todos os obxectivos están conseguidos menos coñecer o nome de todos os compañeiros pero que non sei que pasa aí que ela sábeos e da clase do lado tamén muitos. E Xela non para quieta que tanto mira a tele como debuxa como xoga cunha pelota ou fai coleccións de fotos de animais ou observa como xoga o irmán.
Na foto están nun dos poucos momentos de paz entre eles porque ou Leo chincha á irmá ou ela quere xogar a algo e Leo non quere e empeza a de San Quintín.

Etiquetas: ,

sábado, 21 de maio de 2016

Cans e festival das Letras




Estes días hai cans abondo por Vilaguindastre adiante porque estamos en pleno festival de Cans, a decimoterceira edición xa. O que pasa é que o nome desa parroquia non ten nada que ver cos cans de mamíferos ladradores senón coas canles que levan auga aos muiños e que foron dar no nome de Cans.
E mentres está o festival de Cans Leo e Xela e os compañeiros do cole tiñan unha actuación con motivo do día das letras galegas. Leo e os seus compañeiros recitaron " Galicia " de Manuel María e Xela tiña que cantar o " Pirimpimpín " anque quedou na casa que tivo febre e tos.
E maio avanza.

Etiquetas: , , ,

mércores, 20 de abril de 2016

De langueta


Ao Leo caiulle o outro día un dente e aínda lle faltan algúns por caíren. Na foto mírase a irrupción dos dentes novos que uns van ben polo sitio dos de leite e outros entran de lado ou de langueta.
De langueta é una expresión que oín no choio e vén a dicir de refilón, de medio lado ou de raspallón; vamos, que non vai dereito.
Busquei na interrede e topei esa expresión en dous sitios: nun coa forma " de lanqueta " e outro no disionario morrasense - jodechinchos que me trae outras marabillas como rever, esquighama, xurdir, sanjoleo, rapacús, jarrucho, nazar, macancúa, falchoca, cuca, carolo, alcaldesa ou bichuncho.
Hai muito que aprender !.

Etiquetas: ,

sábado, 9 de abril de 2016

Intelixencias


Camiñando por Vilaguindastre adiante topei este cartaz que reproduzo na foto. Descubrín abraiado que hai oito tipos de intelixencias que son: visual, musical, corporal, extrapersoal, lingüística, lóxica, naturalista e intrapersoal. Parei a pensar en cales destacaría eu e creo que son en lingüística,visual, naturalista e algo de lóxica. Patino en corporal, intrapersoal e extrapersoal e son nulo en musical.
Leo é bastante parecido a min. Domina a lingüística e lóxica e dálle algo na visual. Tamén ten intelixencia musical ( ben diferente a min ) e frouxea nas intelixencias corporais,naturalistas, interpersoais e intropersoais.
Xela xa é máis completa que domina a corporal e bastante da musical e lingüística. Non se lles dá mal as interpersoal, lóxica, naturalista e visual. E para min que o seu punto fraco é na intelixencia intrapersoal que fai cousas que nin ela mesma sabe por que as fai e bótalle a culpa ao seu cerebro.
Bueno, todo isto escribino eu e, como fallo na intelixencia intra e interpersoal; podo trabucarme.
Ti que intelixencias tés ?.

Etiquetas: , ,

venres, 1 de abril de 2016

Neste un de abril


" O un de abril van os burros onde non deben ir " e así o Leo quixo mandar a compañeiriños ao parque da foto ás cinco da tarde pero non caíron na trampa.
Quen si caíra foi meu pai hai máis de corenta anos que o mandamos a casa dun veciño con dous baldes cheos de auga dicíndolle que Luis quedara sen auga na casa. Meu pai foi algo mosca pero foi e a bronca que levamos despois meus irmáns mais eu foi monumental pero a día de hoxe aínda río cando lembro a historia.
Tamén hoxe voaban catro cegoñas por riba da fábrica ás dez da mañá. Aledáronme o día porque hai ben anos que non aniñan por aquí.
Unha curiosidade a resaltar que aprendín hoxe: este costume do primeiro de abril non se celebra no resto de España ( sacando Menorca que estivo dominada polos ingleses hai tempo ).

Etiquetas: , , ,

sábado, 19 de marzo de 2016

Hoxe fun pai

 
 
Chimpando con Xela a pirata de illa a illa nese mar cheo de tiburóns ( quen mo ía dicir ! ).
 

 
 
Acompañándoa a un cumpreanos dun compañeiro onde a nena pirata converteuse en ninja matadora de zombis.
 




Por cousas así e máis levei un agasallo.
Anque o pincho da nena aos meus brazos na saída do cole é un regalo maior.

Etiquetas: ,

xoves, 17 de marzo de 2016

Segunda avaliación



Esta semana deron as notas dos nenos e hai que dicir que estamos ledos co elas. Xela vai mui ben e a profe está mui contenta co ela, ben, a terceira profe que só fan marchar e esta é a terceira que ten. Dos corenta e catro puntos que evalúan o coñecemento de si mesma e autonomía persoal, coñecemento do contorno, linguaxe, comunicación e representación e lingua inglesa todos os cumpre sen dificultade menos cinco que están en proceso.
En canto a Leo dicir que superou o baixón da primeira avaliación e sacou todo ben e notable e estamos mui orgullosos del. O que si hai veces que non entende algunha situación como cando saiu todo encomodado que unha compañeira se ría del cando afiaba un lapis de cor. Pero que, calquera non se ri de como quedou o lapis de aproveitado. Leo ten que aprender que non se rían del senón do resultado.

Etiquetas: ,

domingo, 14 de febreiro de 2016

Día dos enamorados


 
Mentres Leo pasa a súa primeira noite de campamento por terras ourensás...


Xela abraza ao seu pai anque teña esa cara tan simpática.
Non hai nada como estar enamorados.

Etiquetas: ,

sábado, 6 de febreiro de 2016

A seis de febreiro



É tempo de entruido e así onte desfilaron os nenos do colexio detrás da carroza coa temática dos xogos olímpicos de Río de Janeiro.

 
 
Os de infantil ían coa bandeira olímpica e un gorro feito por eles. Así está Xela na foto.
 



Os de primaria ían con bandeiras e a Leo tocoulle a de Nova Zelandia que non se sabe se seguirá vixente despois de marzo. Despois de levar o traballo de facela porque non daba chegado por internet o Leo estivo mal case toda a semana e non  puxo o disfraz. Aparte tamén apareceu o pedido de internet e así nos xuntamos con varias bandeiras das nosas antípodas.
Iso si, o Leo quitou a espiña de disfrazarse hoxe un chisco co disfraz de Chewacca. Anque foi na casa porque fóra choveu a mares e suspenderon os desfiles.
Xa virán outras ocasións !.






Etiquetas: , , ,