leoeosseus

domingo, 18 de xuño de 2017

Dende buzos a espectadores invisibles


Levaba varios anos intentando fotografar os buzos e o capitán Nemo da praia de Cesantes e por fin o conseguín.

 
 
A marea ten que estar baixa, no debalo. Un dos buzos está ben verde e semella máis un extraterrestre ca un buzo.
 


O outro levaba en tempos un cofre enganchado cunhas cordas pero de cada vez está máis carregado de mexillóns e arneiróns. Tamén está perdendo o aspecto humano a medida que pasa o tempo e medra a súa carga.


Hoxe había música infantil en Mos e Xela máis eu fomos á actuación de " Mamacabra " coa cantante felizmente recuperada. Tamén actuaban " Brincavai ", " María Fumaça " e " Uxía Lambona e a banda molona " pero non quedamos pola tarde. Ía muita calor.


Decidimos sentir o fresco do cinema coa película " Capitán Calzoncillos ". Cando entramos non había ninguén pero eu dixen que estaba cheo de homes invisibles e a Xela entroulle o medo. Cando sentamos díxenlle que tiña á súa beira un home invisible que era mudo e por iso non escuitabamos como falaba. Menos mal que ao final eramos doce espectadores e desapareceron os homes invisibles.

Etiquetas: ,

sábado, 10 de xuño de 2017

Dende un terceiro andar


Logo dunha noite de enchenta de stress e barullo no choio durmín pouco.
Erguinme con imaxes e ideas para escribir.
A vista dunha farola dende arriba resulta canda menos especial. Semella un ollo alieníxena que nos vixía dende arriba.

 
O home segando podería traer unha ovella para esa labor. Sería máis silenciosa e daría la e años.
 

 
No recinto da fábrica química semella ter ocorrido unha catástrofe radiactiva.
 
 

Como os espalleres espidos de viña que darán que falar aos científicos de aquí a mil anos. Buscaranlle unha función relixiosa ou astronómica. Outro misterio como Stonehenge.

Etiquetas:

xoves, 1 de xuño de 2017

O tempora, o mores !


Estreamos mes e hai que ver como corre o tempo e mudan costumes e modas.
Nisto dos xoguetes agroman de súpeto aparellos en mans dos nenos que hai un mes nin existían e así agora están os nenos co " spinner " de abaixo e quedou totalmente desfasado o xoguete de arriba: o " magnetic gyro wheel ".
Cal será o próximo ?.


Etiquetas:

domingo, 14 de maio de 2017

Eurovisión 2017


Onte foi o festival de Eurovisión 2017 e mirámolo como temos costume facelo. Houbo actuacións para todos os gustos e gañou Portugal cunha canción que non me chista muito pero, claro, eu non sei diso. Houbo outras que me gustaron como a de Bielorrusia, Suecia, Italia ou co mérito do cantante croata. Outras non me gustaron como a de Bélxica que non moveu os pés do sitio ou Francia. Outros eran bos como as de Holanda, Moldavia ou Grecia. Outras eran nin fi nin fa.
Ao final España quedou última e non quedou en cero polos televotos recibidos dende Portugal.
Tamén houbo a curiosidade do espontáneo que mostrou o cu nunha actuación.
Para saber máis está a Wikipedia.

Etiquetas:

mércores, 10 de maio de 2017

Obras humanas


Onte estivemos falando no choio de que ían restrinxir a entrada a Portugal estes días pola visita do Papa.
Lembrei a catedral de Mejorada del Campo que está construindo Justo Gallego dende hai máis de cincuenta anos perto de Madrid. Faino por fe e con materiais reciclados e doados. O pior do caso é que non ten licenza de obra e que non é segura segundo o concello e non se sabe como acabará cando morra este home de noventa anos que segue a traballar nesta obra monumental.
Seguro que acaba desaparecendo como esta cabana que tamén era unha obra humana anque non tan grandiosa.

Etiquetas:

venres, 5 de maio de 2017

Fortis in secula

 
 
Non houbo sorte e ninguén do que nos mercou unha rifa do Sogaps levou o premio dunha fin de semana nunha casa rural. O Sogaps está perto do carballo da foto que ten a frase " Quercus fortis in secula " que nos lembra que o tempo será o que dea valor a algo e, dese xeito, pode ser que os afoutos do Celta de Vigo consigan co tempo gañar o que desexen. Pero, de momento, non é así e a afouteza quedou na lembranza só en forma de chiste.

Etiquetas:

luns, 1 de maio de 2017

Entre abril e maio


Despediuse abril con chuvia o único día do mes con ela para darlle razón ao refrán que di " Abril, augas mil ou todas collen nun barril ".
E chegou outro primeiro de maio que vivín fóra de reclamacións obreiras. Os nenos reclaman máis atención e así póñome ao día con ángulos e malabares. Tamén fomos de visita a Vigo e pasamos polo Balaídos e aclarei un pouco o misterio celeste que comentaba o outro día: parece que ten que ver co Celta e a competición en Europa.
E a ver como nos trata este mes.

Etiquetas: ,

domingo, 23 de abril de 2017

Do 17 ao 22


A volta das vacacións fíxose dura pero xa estamos ao cen por cen de volta na normalidade.
O luns dezasete Xela recibiu de agasallo do Ratiño Pérez polo seu segundo dente unha lanterna para a cabeza e unha bóla plástica que encolle e estira e o primeiro día non apeaba da cabeza a lanterna. Ao Leo caíralle unha moa en Barcelona e recibiu do rato Pérez unha figuriña de Messi e un chupachups.



O outro día para aparcar en Vilaguindastre fun dar a un camiño que non coñecía e que estaba perto de onde vivía José Moreira, o fotógrafo que hai case cen anos fixo esta foto de catro homes almorzando coas súas camisas abrochadas ata o pescozo, os chaleques e a cachola cuberta con boina ou con viseira.
Si que mudaron os tempos !.


Hoxe pasaron uns ciclistas rodeados de máis motos e máis coches que bicicletas competían mentres unha locutora de radio queixábase de que ninguén lle falaba en galego e así non podía aprender que significa " furafollas " que o compañeiro dela lle traduciu en " furahojas ".
En fin: parvadas do directo.


E o día rematou coa comedia teatral " Amigos ata a norte " que nos fixo rir e tamén pensar sobre este triángulo de amor, rancor e amizade e coa morte rondando para complicar  a trama.
Os tres actores foron mui bos.

Etiquetas: , , ,

xoves, 6 de abril de 2017

Ecoloxismo VS " culoxismo "

 
Este día pedía unha volta pola natureza e acerqueime ata Orbenlle a ver como estaba a lagoa.



Nun cruce de camiños do camiño de Santiago había dúas pedras a modo de asento e un Cristo pequeno enterrado mirando algo.


Ese algo é toda unha exposición de arte dun pintor local que ten un blogo parado onde sain algunhas das súas obras.
O pintor é Xai Oscar.


A un paso están as Gándaras de Budiño co terreo onde estaba o centro de interpretación onde morreu un veciño que andaba aproveitando material daquela ruina.
Ao final a natureza recupera o espazo perdido.


Eu estaba feliz facendo fotos a cartaces ou á lagoa tratando de cazar coa cámara algún parrulo ou outro animal cando noto que hai un home mirándome dende outro observatorio. Tiña a man nun vulto da entreperna e caín da burra de por que habían dous homes máis por alí, sós e sen cámaras: o lugar non era para ecoloxistas senón para " culoxistas ".


Marchei dalí co rabo entre as pernas ( nunca millor dito ) con dous homes seguíndome coa mirada.
Montei no coche e fun a Vilaguindastre para limpar a mente e a vista pero, como de casualidade, aparquei detrás do coche este de nome tan " curioso ". Semellaba unha maldición que me seguía !.

Bueno, son cousas que pasan e así as conto.

Etiquetas: , , ,

martes, 28 de marzo de 2017

Tanto de que esbardallar...


De onde sairía este nome en portuñol con " ñh " ?.


Se escriben mal en inglés, estará ben en árabe ?.



Se neva o vintetres de marzo haberá máis nevadas antes do verán ?.



De que tratará unha feira da Foda ?. Non me atrevo a buscalo na interrede.

 
 
E para deixar de esbardallar non hai como aprender dos xenios coma o escultor Rodin ( que non fixo esta serea ) que dixo:
" Onde todos pensan igual, ninguén pensa muito. "

Etiquetas:

mércores, 22 de marzo de 2017

E a primavera atropélanos


O día do pai pasou e algúns dos agasallos xa foron para o bandullo e non só o meu bandullo.

 
 
Un presente de Xela non se pode comer pero é unha artistada das dela.
 

 
 
O tempo de marzo é así como di a bisavoa Celia: " Marzo, marzán: á mañán cara de can, ó mediodía cara de raíña e á noite corta coma unha fouciña ". Tanto é así que Xela máis eu andamos cos mocos ás voltas e o pobre do Leo está con febres e sen ir á escola. Xela di que vai esquecer facer contas como o do cartel que esqueceu como se escribe a letra " v ".
 

 
 
E a crise que segue co enésimo exemplo: a xente de Pescanova facendo folga.
 
A primavera atropélanos !.
 


Etiquetas: , ,

sábado, 18 de marzo de 2017

Co pobo saharaui


Hoxe tivemos unha reunión para coñecer un pouco por riba a situación do pobo saharaui que leva 41 anos vivindo en campamentos no deserto, na Hamada ou terras do inferno como a chaman eles. Dependen da axuda exterior que cada vez é menor ao aparecer outros focos con necesidades como Haití ou Siria. A crise tampouco axuda e así están as cousas.
Nós acolleremos un neno este verán e estamos ilusionados e expectantes a ver como vai todo.
Deixo un mapa de como está o Sahara Occidental invadido por Marruecos e cunha barreira de campos minados e muros que é a liña vermella que separan os territorios ocupados dos liberados polo Frente Polisario.
Os nenos que veñen de acollida veñen de Tinduf en Alxeria.
Máis información na páxina oficial de Solidariedade Galega co Pobo Saharui.

Etiquetas: ,

xoves, 9 de marzo de 2017

Napoleón e as mulleres


Onte foi o Día Internacional da Muller e tocoume traballar de noite. Xela estivo mala estes días e non foi ao cole. Normalmente durmo pouco pero con Xela na casa menos porque, con toda a lóxica do mundo, quere que eu lle faga caso e acende as luces do cuarto para que mire ben un debuxo que fixo ou chama por min para mostrarme que fai equilibrios co mando no xeonllo sentada no sofá. Por fortuna o mal de Xela xa pasou pero sigo sen durmir muito e todo isto fíxome lembrar a frase que dicía Napoleón que non pensaba cousa boa das mulleres e que dicía que cinco horas durmindo ao día son suficientes e só as mulleres e os idiotas precisan máis. Para Napoleón as mulleres eran necesarias para fabricar soldaditos para o seu imperio e pouco máis.
A sorte é que a historia segue o seu camiño paseniño con dous pasos para adiante e un para atrás e agora as mulleres poden votar, poden estudar, poden traballar, teñen dereito a folga e poden gobernar países e todo.
Oxalá que non aparezan máis napoleóns nin imitacións " Trumpeteiras " con esas ideas misóxinas de antes e cos seus pasos para atrás.

Etiquetas: ,

sábado, 4 de marzo de 2017

Dúas voltas por Vigo


Vigo non é unha cidade que se caracterice pola súa arte nin polo amor á cultura e é máis ben unha cidade de traballadores como representa este debuxo a carboncillo da escultura dos " Collonudos ", uns mariñeiros turrando dunha rede.


A pesar diso sempre aparece un sopro de aire fresco e estes días hai unha exposición na rúa do Príncipe de fotos de Sebastião Salgado, un fotógrafo brasileiro que viaxa muito e retrata tanto as miserias humanas, a fame e os seus traballos heroicos como as grandezas da natureza.

E así temos un iceberg sorprendente pola forma de castelo co seu foxo e ponte de entrada aquí arriba. Ou a luita do ser humano con estes Nenets desafiando frío e vento na foto de abaixo.



E, como non todo é fotografía en branco e negro; poño un cartaz alegre e en cor dun sicólogo falando da ansiedade nun máis que decente galego atopado sorprendentemente por este Vigo esta tarde.

Etiquetas: ,

martes, 28 de febreiro de 2017

Aprazando o entruido


Non sei onde imos parar: cain catro pingas e aprazan o desfile de carnaval !. O malo é que a xente xa non sai disfrazada por libre e só mirei un Tío Sam triste e solitario.
En fin.

No choio pediume o mecánico da empresa externa unha cana da cabeza. O extraño pedido era para tirarlle un anaco de pedriña dun ollo do seu compañeiro. Parece ser que unha cana ten bastante firmeza e non fai reacción no ollo por muito que foces nel. Cousas veredes !.

E tendo o tempo libre que deixa o entruido non celebrado podes facer un pasatempo matemático do que falaba o escritor homenaxeado no DLG deste ano: Carlos Casares.
O enigma consiste en descubrir os números que sustitúen as letras para realizar esta operación. Só precisas papel, lápiz e paciencia.
                                                       
                                                             S  E  N  D

                                                 +         M  O  R  E
                                                          ____________

                                                        M  O  N  E  Y

A foto é de hai dous anos.

Etiquetas: ,

martes, 14 de febreiro de 2017

Día do amor


Hoxe voan bombóns, tarxetas e agasallos e hai ceas románticas. Cada un celébrao ao seu xeito ou non o celebra porque non quere ou non ten con quen celebralo. Iso si, eu penso que o amor existe fágase ou non se faga en contra do que di o cartaz da foto de arriba.



Etiquetas:

mércores, 1 de febreiro de 2017

Crise cultural


Neste tempo de crise que non dá rematado a xente busca cartos onde sexa. Eu fixeime o outro día no anuncio da foto onde vendían dende ferramentas a mobles pasando por artigos para bebé. Tamén vendían libros que supoño que estarán coma novos polo pouco uso cando o dono escribe " libros bariados ".
A crise non só é económica que tamén é cultural.

Etiquetas:

xoves, 26 de xaneiro de 2017

En Oniria


Despois dunha boa tempada traballando de noite agora traballo pola tarde. Mudan muitas cousas e agora durmo e soño e teño varios soños por noite. O mundo onírico é complexo e sen explicacións exactas do que acontece. Lembro unha noite con tres soños. Nun enchían o val de Arbo de auga por mor dun encoro e a xente mercaba monte no alto para construir a casa fóra da auga que chegaba ata as portas da primeira casa da foto. Do segundo soño non lembro nada e no terceiro eu conducía un coche por Arcade e na estrada paralela ía outro coche meu teledirixido e seguindo o mesmo camiño.
Supoño que será millor estar a soñar que non estar na vida esperta cos seus problemas.
Supoño que diso saberán muito os aborixes australianos.
Non canso de supoñer.

Etiquetas: ,

domingo, 22 de xaneiro de 2017

Se non imos a China...


...vén China a nós. Ou polo menos parte das curiosidades chinesas.
En Vigo hai unha exposición dos guerreiros de terracota de Xian.
Os chineses fan todo ao grande e non podo imaxinar como sería un exército de 8000 soldados feitos a tamaño real e coa súa faciana e roupa distinta cada un deles. Na exposición poñen un vídeo explicando o descubrimento arqueolóxico de hai só corenta anos e tratan de explicar o traballo e o porqué deste monumento que foi un verdadeiro traballo de chineses.
Gustoume anque semelloume un pouco caro de máis.

Etiquetas:

xoves, 19 de xaneiro de 2017

Odio algúns números


O odio non é polos números negativos da temperatura cando saín do traballo anque foi cousa dura de levar traballar de noite co este frío.
O odio é polo número de chamadas que fixen para consultar un detalle co hospital Álvaro Cunqueiro. Foron vinteunha onte só dende o móbil porque non contei as feitas dende o fixo e todo para que non me colleran. Hoxe fixen algunhas máis e seguín sen resposta e rematei por ir ao hospital. Preguntei cando me ían chamar para a colonoscopia e dixeron que a lista de espera é dun ano e medio a dous por algo que antes demoraba seis meses. Fun poñer unha queixa e déronme o número trinta para esperar a ser atendido. Do vinte no que estaba cando me deron o meu tardaron unha hora e media en atender dez queixas ata chegar á miña. Non sei se valerá de algo pero quedou a miña queixa rexistrada.
Todos estes números son os que odio, e non contei os euros do aparcadoiro ou os cartos da autopista.

Etiquetas: