leoeosseus

sábado, 21 de maio de 2016

Cans e festival das Letras




Estes días hai cans abondo por Vilaguindastre adiante porque estamos en pleno festival de Cans, a decimoterceira edición xa. O que pasa é que o nome desa parroquia non ten nada que ver cos cans de mamíferos ladradores senón coas canles que levan auga aos muiños e que foron dar no nome de Cans.
E mentres está o festival de Cans Leo e Xela e os compañeiros do cole tiñan unha actuación con motivo do día das letras galegas. Leo e os seus compañeiros recitaron " Galicia " de Manuel María e Xela tiña que cantar o " Pirimpimpín " anque quedou na casa que tivo febre e tos.
E maio avanza.

Etiquetas: , , ,

venres, 13 de maio de 2016

Algo se move


Neste maio tan atípico con estas chuvias van e montan en Vilaguindastre a primeira feira do libro que é ben pequena pero por algo se empeza, digo eu.
No centro cultural penduraron o típico cartaz das Letras Galegas; este ano adicado a Manuel María.


No Eroski este ano non andan mui involucrados co Día e hai pouca bolsa de compra adicada a esta data.
Polo menos a vindeira semana virá o XIII Festival de Cans.

Etiquetas:

xoves, 5 de maio de 2016

Cachos


Non só foi falla de inspiración senón que fun chocando unha gripe que rematou levándome para cama toda a fin de semana. Tiven dor de cabeza que non paraba con nada, tremores e subidóns de febre que me facían suar na cama. Deliriei co choio e pasábanlle mil desgrazas aos meus fillos. No día da nai non mirei nin nai nin sogra e a dos meus fillos mireina pouco tempo. Pero todo ten un fin e o luns a media mañá erguinme, rapei as barbas que tiña de Robinson Crusoe, ducheime e vestinme para saír mercar cousas.
Fixo despois eses días de grandes calores e repoñinme e agora volve baixar a temperatura e xa estou ao cen por cen.
Ata me apetece ir á festa dos cachos que é a forma vilaguindastreira de chamar ás centolas.
Por certo, un dos bares participantes é o " Cólleo con pinzas " e con ese nome tiven unha anécdota unha vez. Pasaba eu cerca de alí con Leo e viume de frente un descoñecido que me preguntou: " Mira. Sabes por aquí dun bar que se chama " Coello con pintas " ?. " Coello con pintas ?," repetín eu crendo que era unha broma de cámara oculta. " Si. " Coello con pintas " ou algo así. E entón caín da burra: Ah, queres dicir " Cólleo con pinzas " e indiqueille onde quedaba.

Etiquetas:

venres, 11 de marzo de 2016

Por camiños case esquecidos

 
 
Onte estaba bo día para pegarmos unha volta así que exploramos a parroquia por camiños vellos transformados polo tempo e o paso da autopista. Precisamente nun paso inferior da autopista topamos esta pintada que me dá sá envexa. Ogallá eu soubese pintar así !.

 

 
Para atallar había que pasar por un campo de millo protexido cun vareiro duns catro metros de altor e coroado cunha cachola curiosa .
Supoño que estará para asustar aos xigantes que pasen por aí !.
 
 
No medio do bosque estaba a fonte do Seixido vida a menos de cada vez que paso por ela coma o muiño veciño que malamente conserva dúas paredes.
A fonte é un monumento que perdeu valor ao non ser potable a auga que verque polos tres canos.
 

Despois do " gato " salvaxe e a cabeza xíbara que millor para rematar a escea selvática que esta foto co ghalpón do Baluba. Todo un imperio nado no medio dun terreo forestal enriba dun regato e cuns muros altos. Vaia, un atentado contra todo protagonizado por ese home dos dous botóns desabrochados da camisa, que apoia o brazo na xanela do coche e que non paga aos seus empregados e cobra as changas aos clientes coma se fixese unha obra de arte.

 
 
Para contrarrestar o megaghalpón capital do imperio Baluba está a nave de Nación Pizza Pasta & Grill cunha fachada verde e fresca.
 
E isto deu a paseata por camiños case esquecidos e borrados.

Etiquetas: , ,

mércores, 9 de marzo de 2016

Mulleres e fobias


Onte foi o día internacional das mulleres e o centro de Vilaguindastre estaba adornado con fotos antigas da primeira alcaldesa, concelleira, de mestras, unha pianista, etc. Tamén había fotos de vendedoras e faltaba esta foto de lavandeiras que viña ben a conto.
Está mui ben que se visualice o traballo de todas as mulleres que o mundo non sería así sen elas.
Mudando de tema, o Leo mais eu estivemos buscando nomes de fobias como cinofobia ( medo aos cans ), acrofobia ( medo ás alturas ) ou escotofobia ( medo á escuridade ) que son bastante comúns. Logo hai medos máis raros e entre eles topei un que por fortuna non teño: calixinefobia.

Etiquetas: , ,

domingo, 6 de marzo de 2016

Roedores


Estes días andamos celebrando o aniversario de Naideleo e dando voltas por aí adiante. O sábado miramos a obra de teatro " Roedores " que trata da amizade entre unha rata e un hámster siberiano. Na obra tratan da igualdade de sexos e que non hai diferenzas cando dous queren. Houbo cancións con ukelele e sombras chinescas e estivo mui ben. O ukelele encántame dende que escuitei a canción " O bo, o malo e o feo " na interrede.
Despois fomos a unha cafetaría que ten unha foto de Vilaguindastre nun día de feira e non demos adeviñado o ano da foto.
 

 

Rematamos ceando nun restaurante vexetariano que non chistou muito aos pequenos pero non vai ser sempre onde eles queiran, nonsi ?.

Etiquetas: , ,

domingo, 21 de febreiro de 2016

Entruiando un chisco

 

Por fin fixo bo tempo e saíron as comparsas. Aproveitei e percorrín Vilaguindastre coa carauta simpática da foto. Aconsellei deixar de fumar a algúns, pedín que me incluiran nos selfies a outros e tamén pedín o número do móbil a máis dunha. Asustei a non poucos e saudei a algúns veciños, camareiros, o axudante do mecánico, un compañeiro do traballo e un exalcalde de Vilaguindastre.
Logo tocou mirar as comparsas que foron muitas e variadas e as que me gustaron especialmente foron as de Galicia Calidade con peliqueiros e galegas danzantes e a de Nosa Terra no País das Marabillas. Houbo bastante público e o incombustible Cuquín paseaba disfrazado polo medio da xente. O que si constatei foi a pouca xente que ía disfrazada por libre. Supoño que será polo tarde que se celebra o entruido despois de dúas semanas de cancelación.

Etiquetas: ,

mércores, 13 de xaneiro de 2016

Narración fotográfica

 
Mentres Xela estaba ocupada peguei unha volta por Vilaguindastre adiante. Fotografei a publicidade dunha pizza " gallega " con chourizo, lacón e grelos que non sei como saberá pero seguro que lle gusta a alguén en Mallorca, polo menos.


Vilaguindastre ten muitos negocios pechados pola crise e muitos baixos están en alugueiro ou venda. As portas, muros e ventás deles son lugares ideais para poñer anuncios ou facer pintadas e así aparecen algúns exemplos como o do obradoiro de fotografía no que queren ensinar a narrar con fotos; como fago eu muitas veces. Non está nada mal o texto e se o amplías podes lelo.


Un escrito que mirei por varios edificios fai unha queixa bastante lóxica sobre as deposicións dos cans.


O que me deixou descolocado foi o " Colectivo Amijos do Vello S. L. " cun vello debuxado que di cousas raras e vai Á Lamosa ( se amplías a foto está na esquina inferior esquerda ).

E iso deu unha hora da tarde que chuviscaba mui pouco.

Etiquetas: ,

sábado, 7 de novembro de 2015

Mamacabra, calacús e pinchorriño



Á tarde fomos a unha actuación de Mamacabra e sorprendeunos o cambio de músicos. Tamén a cantante principal é nova e chámase María. Gloria, a cantante destes quince anos que celebraban como grupo, apareceu para cantar unhas cantas cancións. Entristeceunos mirala como decaída ou enferma pero segue conservando o chorro de voz de sempre.

 
 
 
Despois volvemos a Vilaguindastre que celebraba a noite dos calacús con música e castañas pero Leo non aguantaba a música e fuximos do lugar. E fomos a unha cafetería a tomar o pinchorriño, a tapa que dan algúns bares coa consumición nas fins de semana de novembro.



Etiquetas: , ,

sábado, 1 de agosto de 2015

Rematou xullo


Cos seus solpores dende o Comariño de Aldán.


Co seu cinema que arrinca pingas dos ollos.


Cun mal día que tiven que traballar máis da conta e restou tempo para estar coa familia toda ( incluida a mallorquina ).



Cun Vilaguindastre con artesáns que falan de petroglifos ou tiovivos medievais de dragóns .


E coas esceas na praia de Vlrñ.

Pero empeza agosto que non pode quedar atrás en boas lembranzas.

Etiquetas: , , , ,

martes, 19 de maio de 2015

As armas do PPoder



O equipo gobernante en Vilaguindastre ten os medios e a cara para pendurar carteis en sitios altos e así empoléiranos a farolas e postes e empregan máis sitios que, ao final, non lles dá boa propaganda. Porque iso de colgar carteis en edificios inacabados pola crise, ou edificios ilegais en proceso xudicial ou naves que se alugan por unha tempada e pecha o negocio...Pois que non dá boa sensación.


Outra arma que teñen é a motor e dunha especie case descoñecida de aparello que só sae uns días antes das eleccións e que varre sobre o varrido e revarrido anteriormente polas brigadas fosforitas infladas de persoal a última hora polo concello.

Pero a arma máis poderosa é a palabra por altofalante dende os coches que prodigan aos catro ventos os logros do concello expresados en correcto español. Un deses logros tan importantes e difíciles de conseguir é: - " Por gozar en Porriño de un fin de año propio. "

En fin, contra estas armas case millor será se render un.

Etiquetas:

mércores, 13 de maio de 2015

Os cheiros das eleccións



Nas eleccións hai tres cheiros predominantes. O máis extendido e forte é o cheiro a piche: aquí e acolá andan a parchear ou a empichar pistas e corredoiras ...e muitas veces sen pedilo os vecinos !.
Outro cheiro é o do gasoil das cortacéspedes que anda a cen o persoal reflectante encarregado de xardíns. E outro cheiro que se prodiga anque menos é o da pintura e así apareceron as gaiolas dos paxariños do parque da feira co eses coloríns tan rechamantes e molóns. O que non sei é o que pasou cos paxaros das gaiolas; non sei se morrerían co cheiro ou están noutro lugar mentres non seca a pintura.
E aínda queda outro cheiro que é o da paparotada que non sei por onde cairá e cando pero seguro que hai.

Etiquetas:

martes, 12 de maio de 2015

Virando chaquetas

 
En fin, nada que dicir.
 




Etiquetas:

venres, 1 de maio de 2015

Pensando nos traballadores

 
 
 
Que mágoa este tempo chuviñento !.
O concello pensaba no lecer dos traballadores para celebrar esta fin de semana en Vilaguindastre. Como non temos praia por estas terras unha boísima idea é traer uns camionciños de area, extendela e organizar un campionato de volley praia. Seica estamos en tempos de fartura e non chegaba coa solución barata de fletar un par de autobuses á praia para a xente que tivese " mono " do verán e quixese xogar coa area.
Este tempo aguou a festa ( nunca millor dito ) e aí quedou a area para outra ocasión.


Unha idea sería aproveitar esa area e facer masa para tapar eses " pequenos " buracos no pabillón de deportes por onde entra a chuvia maldita. Entra auga por varios sitios e é tanta que dá  para encher varias piscinas. Se amplías a foto podes ver canecos xeitosos tamaño piscina ao fondo á esquerda.
Pero, claro, esta idea non é tan chupiguaimolona coma a do campo de volley praia.
En fin.

Etiquetas:

mércores, 15 de abril de 2015

Mensaxes


Só a min se me ocorre prender a radio para enteirarme de que morreu Eduardo Galeano e tamén 400 inmigrantes africanos que ían a Italia.


Pasa o tempo e muitas pintadas desaparecen en Vilaguindastre. Quedan outras que son verdades coma templos.
Mentres a xente consulta o móbil eu prefiro ver pola ventá da cafetaría como se acerca a chuvia e como a vida segue o seu ritmo con coñecidos e descoñecidos deambulando. Leo merenda e le e Xela coñece spiders, snakes e sun.

Etiquetas:

martes, 7 de outubro de 2014

Detalle que non paso


Ultimamente inzan por Vilaguindastre adiante placas explicativas dos monumentos que ten a vila.
Non me gusta pero paso que estean escritas en español: hai que pensar no turista do camiño portugués a Santiago e o español non deixa de ser a outra lingua oficial de Galicia.
Fastídiame máis que non escriban O Porriño que é o nome legal de Vilaguindastre, pero que se vai facer...
Pero o que si me repatea e non paso é que escriban os anos con punto. Non haberá ninguén que non saiba que a expresión numérica dos anos, a numeración de páxinas, os códigos postais; non levan punto anque pasen de mil ?.

Etiquetas: ,

martes, 2 de setembro de 2014

Rotóndolas e enxendros



Foi chegar a Vilaguindastre e admirar os novos adornos postos polo concello.
Un é un artefacto que non se sabe para que serve pero chéirame a min que ten que ver coa fabricación de baldosas e así unha rotonda pequena pasa a ser unha señora rotóndola que non sei canto vai durar ata que se esnafre alguén contra ela.


Cerca de alí, na nova variante do camiño portugués,  hai un enxendro formado por unha frecha de pedra, un semicírculo, unha esfera ( os tres enriba dunha columna de pedra ) e un arco de trunfo. Para admirar o enxendro ou sentarse a matinar para que serve puxeron dúas mesas a pleno sol para que non botes muito tempo alí.
Retratei estas dúas obras de arte de Vilaguindastre antes de que veñan os vándalos e gocen co elas.

Etiquetas:

sábado, 24 de maio de 2014

Trixésimo quinto mes ( e unha volta por Cans )

 



A xoubiña vai camiño dos tres anos e segue cunha vitalidade de película. Resiste máis que o coello de Duracell e consume mui pouco. Gústalle a televisión e todas as actividades novas. Hai veces que quere xogar con Leo e el non quere e chora a nena pero é facil de consolar e remata respondendo: " Vale ". Quere ser amiga de todos e cando escapan Leo e o curmán dicindo que Xela é un mostro ela chora dicindo que quere ser a súa amiga. Gústalle fregar todo o chan incluindo alfombras e pés e pintar en todos os lugares. Tamén enxabrona o chan con toda a intensidade. Intensidade que perde á hora de comer que come petiscando todo cos dedos larafuzándose toda. Xa pide sempre para as súas necesidades pero ten que durmir con cueiro. Fala ben anque mistura presente con pasado e futuro de forma simpática e di: " Antes era grande pero el viernes voy a ser un bebé y mi porto bien y no tomo tetiña ". Ten carácter rebelde e rematamos enfadados co ela ela di: " Mi voy a portar bien ". Pero dúralle un minuto ata que fai outra.
En definitiva,pasámolo ben co ela.


 
E hoxe acerqueime ao festival de Cans. Collín o autobús coa avoaE, un autobús que custa un euro e podes utilizalo as veces que queiras. O festival medrou en espazo e segue co seu ambiente dos chimpíns, música e a xente indo dun ghalpón a outro bebendo e pasándoo ben.
Poño a foto dun cartaz deses simpáticos que poñen da xente que vai casar que eu pensaba que era dunha curtametraxe.

Etiquetas: ,

venres, 21 de marzo de 2014

Premios amañados ?


Na biblioteca de Vilaguindastre hai unha exposición de fotos de viaxe e a que gañou non me pareceu a millor. Ao millor eu non sei ou foi un amaño. Non sei.
Fixándome nas outras fotos dei con esta que se titula " Cagallóns na auga ". Eu supoño que se referirán a cágados que son as crías das ras que semellan culleres. Anque cagallóns tamén pode ser outro nome que eu descoñeza como o de " caghofe " que lembrei que din por Salceda de Caselas.
Dedico este posteo a eses profesores que dan coñecemento do medio en seudogalego ou español directamente.

Etiquetas: ,

sábado, 1 de marzo de 2014

Entruido en Vilaguindastre


Por mor desta chuvia que non nos deixa queda adiado o desfile de entruido para o venres vindeiro ( que coincide coa protesta pola nova lei do aborto no Porriño ) coincidencia que non sei eu se sería coincidencia con segundas.
Tamén pode ser coincidencia que antes as letras " o " de O Porriño que estaban no muro da piscina tiñan forma de balón pero chegou este goberno e repintou as letras e o artigo do nome quedou sen pintar como para borrar o nome galego.
Tamén pasaba que antes o Leo falaba galego e, ós poucos, foi deixando de falalo e agora di que non lle gusta e non o fala.
En fin, hai que ter paciencia con todo.

Etiquetas: ,