leoeosseus

xoves, 17 de decembro de 2015

Voto por Papa Noel



Quero saúde e alegría, traballo digno, respecto para todos, que non haxa abusos e que a curva dun sorriso endereite todo.
Por iso prefiro votar a Papa Noel, o barbudo da Laponia e non polo barbudo do lapote.

Etiquetas:

sábado, 12 de decembro de 2015

Imaxes de decembro

 
 
Son días fríos e de néboa cunha luz pálida que non quenta o verde que rodea Valença nin o azul que a cobre.
 

 
 
Para imaxes con cor hai que deixarse embriagar polos centros comerciais que botan por fóra nestes días de decembro.
Xela estivo con febre varios días e houbo que levala ao Cunqueiro por primeira vez e o servizo foi excelente. Foi irmos alí e case saiu curada e comeu ben no centro comercial. Agora está ben a xoubiña.
 

 
 
A Leo estas datas póñeno frenético e nervoso. En vez de carta para Papa Noel parece que lle manda un ultimátum. Xa cando cortou o pelo díxolle ao barbeiro que Papa Noel non existe e millor para Leo que isto sexa verdade que como lea esta carta ao barrigolas do polo Norte non lle vai gustar o tono.
 

 
 
Tamén é tempo de calendarios e hainos con fotos ben xeitosas e con fins benéficos como o que vende a asociación Asperga coa colaboración desinteresada do fotógrafo Edu Pereira e os actores galegos que pousaron para el.
 


 
 
Na casa temos unha imaxe cambiada do Belén con estes engadidos Kinderianos e televisivos.
 


E Vilaguindastre adorna a vila con prantas de Nadal, bólas de polispán, luces, renos vexetais e un trenó que serve de mesa de merenda para os nenos.
E de despedida aquí retrato o canteiro Vilaguindastreán que mañá celebrará a súa patroa santa Lucía.

Etiquetas: , , ,

sábado, 28 de novembro de 2015

O canastro de Arlo


Hoxe tocou sesión cinematográfica coa estrea da " Viaxe de Arlo ". A película é bonita e con paisaxes espectaculares e unha idea orixinal. Comeza cando o meteorito que tiña que acabar cos dinosaurios hai millóns de anos se desvía e non choca contra a Terra. Entón seguen a reinar os dinosaurios e os herbívoros aprenden a cultivar a terra e os carnívoros cuidan gando mamífero. Os dinosaurios da foto sementan millo, régano, esfóllano e gárdano no canastro da foto que me resultou simpático cos pés de madeira e tanta pedra por riba que ata a porta é unha pedra. Quen entra a roubar o millo non é un rato senón un neno humano que non fala e semella un can polo que fai e como anda.
Despóis segue a película coa relación entre o dinosaurio Arlo e ó seu amigo-mascota Spot, o neno.
E non conto máis.

Etiquetas: ,

venres, 20 de novembro de 2015

Inspiración


Pregúntanme de onde saco o que escribo pero non hai misterio ningún. Eu camiño tranquilo e aparece unha imaxe que me choca. Fotografo a escea e logo matino que pode ser. Neste caso pensaba que a policía local quedara sen cepo pero non pon nada de policía local na fita. Logo pensei que é unha broma do estilo que se lle fai aos recén casados pero por fin caio da burra. Seguro que o dono non pode fechar o coche e para que non llo rouben non se lle ocorre millor idea que empapelar así o coche  e atalo a unha farola.

Etiquetas:

martes, 17 de novembro de 2015

Preguntas


Mentres os adultos nos preguntamos por que hai atentados ou por que esta crise segue afectándonos tan de cerca; os nenos teñen outras preguntas para satisfacer a súa curiosidade. Xela o outro día preguntou cal foi a primeira canción da historia e non hai resposta para iso. Leo tamén preguntou pero a súa pregunta tiña resposta que eu non coñecía. A pregunta do Leo era: Cal foi o primeiro debuxo animado ?.
Se non o sabes aquí está Fantasmagorie. Gózao.

Etiquetas:

sábado, 7 de novembro de 2015

Mamacabra, calacús e pinchorriño



Á tarde fomos a unha actuación de Mamacabra e sorprendeunos o cambio de músicos. Tamén a cantante principal é nova e chámase María. Gloria, a cantante destes quince anos que celebraban como grupo, apareceu para cantar unhas cantas cancións. Entristeceunos mirala como decaída ou enferma pero segue conservando o chorro de voz de sempre.

 
 
 
Despois volvemos a Vilaguindastre que celebraba a noite dos calacús con música e castañas pero Leo non aguantaba a música e fuximos do lugar. E fomos a unha cafetería a tomar o pinchorriño, a tapa que dan algúns bares coa consumición nas fins de semana de novembro.



Etiquetas: , ,

mércores, 4 de novembro de 2015

Tempo de chocolate


Quen o diría; saes da casa e aparece unha reliquia de automóbil que ofrece chocolate quente de balde a quen queira. Leo non entendía como pode gañar cartos unha empresa dando o seu produto gratis e tiven que explicarllo.
Cousas así dan azos a saír da casa anque faga mal tempo.

Etiquetas:

luns, 2 de novembro de 2015

Na terra das Xacias


Aquí retrato o mural dunha xacia e os fillos feito pola sociedade Cestola na cachola porque entre onte e hoxe pegamos unha volta polo Acedre e arredores.
Baixamos camiñando ata o río Cabe e menos mal que iamos amodo ( " a gusto " din por estas terras luguesas ) que, se non, saltabamos este stop camuflado.


No río tiñamos a posibilidade de bañarnos estilo xacia, así en coiro, que había unha pintada animándonos pero a auga estaba fría.


Á volta pasamos pola imaxe de postal do Cotillón.

 
 
Tamén pasamos polo palco de música co seu ximnasio cuberto que hai que aproveitar a construción.
 
 

 
 
E na noite do Samaín mentres os nenos esperaban acontecementos terroríficos na cama, eu aprendín a xogar á " pocha ", un xogo de naipes.
 
E remata esta fin de semana.

Etiquetas: , ,

mércores, 28 de outubro de 2015

De calacús, mobles e revisións


Estes últimos días andamos liados cos preparativos para o Samaín e os cambios de mobles do cuarto de Leo.
Tocou buscar calacús ou cocos como lles chaman en Arbo e logo decoralos. O Leo ía levar un Frankenstein que semella máis unha cabeza reducida dos xíbaros pero levou outro Frankenstein menos terrorífico e Xela levou un calacú con dúas emoticonas pintadas unha por diante e outra por atrás.
Tamén me tocou a revisión de saúde anual do traballo e, de momento, engordo un quilo por ano e encollo un centímetro de altura.
Agardemos que isto sexa o máis grave !.



Etiquetas: ,

domingo, 18 de outubro de 2015

Domingo de Rodarirrodari


Este día demos unha volta ata Ourense onde Fantoches Baj actuaron co musical " Rodarirrodari ". O musical recrea a vida arredor do tranvía de vapor de Marín a Pontevedra, os seus empregados e usuarios. Tocan músicas diferentes e con instrumentos pouco comúns e no remate van os nenos que queiran enganchados ao fogoneiro Moncho por todo o auditorio.


Despois fomos xantar ao centro comercial onde aparecían aquí e acolá fragmentos de poesías de autores ourensáns. A min gustoume particularmente este que retratei.
Entre a xente había algúns competindo nunhas mesas cuns taboleiros da guerra das galaxias ou algo semellante. Muitos dos participantes tiñan lentes e camisolas negras. En contraste cerca había un grupo de deportistas todos esbandallados polo chan ou sentados nun sillón de masaxes. Todos estaban co seu móbil e o seu tupé de futbolista de moda.


Saímos ao parque que está á beira do centro comercial e retratei a serea diabólica esta con cornos e todo que amamanta o seu fillo tritón.


A min gustoume máis esta obra de Buciños cun pai alzando ao ceo ao seu fillo.
Isto foi o que deu este domingo ourensán.

Etiquetas: ,

mércores, 14 de outubro de 2015

Por eses camiños

 
Hoxe Xela foi invitada a xogar á casa dun compañeiriño e alá a levei. Primeiro cría que a casa era no camiño dos Ferranchos pero chamei á nai e díxome que era o seguinte camiño, o camiño da Marquesita que se levantase a cabeza volvía á tumba con adornos que lle puxeron no poste.
 





Máis tarde comemos unhas uvas dos paxariños que non son " vergonzas " senón uvas que nacen naturalmente de viñas abandonadas e que son sás, sen ningún produto artificial e están boísimas.

Etiquetas: ,

martes, 13 de outubro de 2015

A martes e trece

 
Pasan os días e o mundo segue a dar voltas.
Descubro a un artista de Vilaguindastre que toca e pinta: Paz Antón.
Na exposición que hai na biblioteca encheume o ollo co ese colorido desta etapa súa.
Buscando guerrilleiros galegos topei a Pancho, un guerrilleiro de Mugardos que facía cartaces e todo.



E Xela quixo sair a tripar charcos e pasouno ben.


Hoxe é martes trece pero non pasou nada malo... e que o demo sexa xordo !.

Etiquetas: ,

xoves, 1 de outubro de 2015

Xan Carallás


Un día foime a vista para unhas estrañas figuras nunha entrada dunha casa mentres conducía. Pasei varias veces e, ao final, decidín fotografar o conxunto que non ten desperdicio e que tentarei describir.
De esquerda a dereita hai unha columna cunha figura dunha muller cunha cesta na man dereita e unha nena detrás colléndolle a man esquerda. Logo vén a outra columna da cancela que ten no alto un canteiro traballando cunha maceta e un punteiro que, supoño, será o dono da casa porque dentro hai máis obras de cantería. Logo diante vén o conxunto que máis resalta á ollada que son os dous escudos de Redondela e Mos dándose un apretón de mans. Precisamente este conxunto está ben situado porque a casa está en Redondela na extrema con Mos. Diante hai un cruceiro no medio dun xardinciño e, finalmente, xunto á escaleira que sobe á casa hai unha figuriña dun home coas pernas arqueadas e boina e que ten un nome debaixo: " Xan Carallás ". Entroume a curiosidade e preguntei a Google pensando se sería a nomeada do canteiro da casa pero non e, por riba, souben muitas cousas dese Xan Carallás. Resulta que di a lenda que naceu nun bosque de Ventosela, unha parroquia de Redondela e que decidiu meterse de mariñeiro a navegar por todo o mundo e á volta fundou Redondela. Esta personaxe ten unha peña, ten cancións, ten un bar e Castelao fíxolle un debuxo ( que é a figura que representa normalmente a Xan Carallás ). Vamos, que é importante en Redondela.
As cousas que se aprenden tendo os ollos abertos !.
Deixo aquí máis fotos do conxunto.



Etiquetas: ,

martes, 29 de setembro de 2015

Misterio en castrapio


Camiñando sempre se atopan curiosidades e misterios. O mes pasado topei esta pintada nunha marquesina de autobús. Xa estaba case borrada pero aínda se intúe a mensaxe que vou tratar trascribir:
" ( H )ai moita ladra a roubar luesas ?? y destruir matrimonios y queferas ? ".
Aí queda esa mensaxe en castrapio e cun par de palabras que non se entenden pero que dá para unha historia de celos ou de terror.
Se alguén me axuda a descifrar as palabras quedaría todo máis claro.

Etiquetas: ,

domingo, 20 de setembro de 2015

Ratificando


Non é ao cen por cen coma o do cartaz pero ratifico o escrito.
Non fomos á praia pero estaba día dela e, de feito, tomamos café e xelados nela. Non demos una volta en bici, peros si tomamos algo guai nunha terraciña ( os cafés e xelados de antes ), o Vogue queda para outro día pero si que xantamos nun furancho.
Este foi o sábado pola tarde do 19 de setembro co aniversario dunha compañeiriña de Xela nun sitio fenomenal con zombis ficticios en tumbas reais e cunha sesión de tirolina que non había quen despegase aos nenos dela. Esperemos que a compañeiriña se recupere da dor de gorxa e que goce coa familia por París.
Unha boa despedida de verán !.

Etiquetas:

domingo, 13 de setembro de 2015

Domingo por Monçao


Hoxe acercámonos a Monçao a comer pasta e pizza nun sitio mui agradable chamado " Mangiare di Roma ", de bo servizo e comida exquisita que merece bastantes repeticións. Anque non agora que empezan mañá coas vacacións como case todo en Monçao.
Tomamos logo un café e non puiden evitar refotar unha foto que tiñan na parede.



Logo apareceu un tren turístico. Os nenos querían ir e montei con Xela, Leo e o curmánF.
O tren percorreu Monçao arredor das murallas, pola zona do balneario e o parque do río e subiu pola antiga estación de tren e tirou a Salvaterra de Miño. No tren pasámolo ben saudando á xente da rúa e as terrazas. Eu tiven a sorte de ter detrás a dúas señoras portuguesas que non paraban de falar entre elas dos sitios por onde pasabamos e así aprendín algunha curiosidade e detalles nos que non me fixara eu en Galicia. A elas sorprendíalles que estivese fechado todo en España o domingo " Até o Corte Inglés ! " e que os edificios tivesen nome: pasamos por un " Illa de Ons " e enfrente estaba " Andrómeda ".
Pasamos polo parque da Canuda en Salvaterra e descubrín a estatua dun esquelete de lamprea que non coñecía.


De alí tocou voltar a Monçao e retirarnos que viña a chuvia.
Metémonos no Outlet de Tui e non sabiamos que había tanta xente un domingo porque nunca imos nese día. Esta visita si que non a repetimos.
E agora toca durmir que mañá hai que madrugar.

Etiquetas:

venres, 11 de setembro de 2015

Empeza a fin de semana


Despois de reservar o novo dormitorio de Leo tiramos para a praia para pasear e gozar do solpor sobre as illas Cíes.


Fotografei o tobogán do Di San Remo antes de que o boten abaixo un día calquera.


Paseamos e volvemos ao Di San Remo a cear algo anque non o arroz con lumbrigante. Resultoume curioso que non puxeran o nome do prato en galego e si en idiomas coma o basco ou o hebreu. Nin sequera o puxeron en portugués  que sería " arroz com lavagante ".


Empezaba a noite e soaba música no ambiente.

 
Pasou unha limusina con mulleres que supomos ían nunha despedida de solteira.
Era hora de retirarse. Está claro.


Etiquetas:

domingo, 6 de setembro de 2015

Sen turistas


Estamos en setembro e os turistas marcharon.
Quedan uns días de bo tempo para pasear polos arredores mentres os nenos non empezan co cole e as actividades.
Así estamos por Vigo paseando polo porto e o Areal e con Xela agabeando pola estatua de Xulio Verne.


En Pontevedra, a boa vila, paseamos pola Xunqueira co seu parque de madeiras gordas e cordas e a illa das esculturas co labirinto, a casa sen portas e a casa de herba dos tres porquiños.


Ata hai sitio para aparcar na praia de Cesantes no sábado.
A marea estaba baixa e afundiamos os pes no limo. Ata fomos andando á estatua do buzo e o capitán Nemo.
Na foto está o noso coche co parasol do grandísimo Davila.


Ata Vilaguindastre nota a baixada de turistas e peregrinos.
Aquí están os nenos á beira da porta da estación do metro feita por Palacios.
A ver canto dura este tempo !.

Etiquetas:

domingo, 23 de agosto de 2015

Toralla e Paraños



O xoves acercámonos á finca Mirambell que había unha explicación teatralizada do pasado romano de Vigo.
Recibíronnos cunha chuvia de pétalos de flore. Logo houbo visita ao museo e despois entramos na excavación. Alí explicaron o sistema de construcción e a vida naqueles tempos. Despois foi a actuación dunha venda de tres esclavos, despois saíron dous gladiadores luitando e rematou todo cos dous bailes de catro romanas



Onte non sabiamos onde ir co este tempo tan inestable e rematamos no sendeiro do río Xabriña en Paraños, O Covelo. Pasamos por construcións restauradas ou ben conservadas, un lagar de cera, varios muiños e chegamos ao Pozo do Demo.
Foi un sábado distinto.

Etiquetas: ,

xoves, 6 de agosto de 2015

Entre boiras


Apetecíame pegar unha volta e alá fun ata a praia de Patos. A boira do mar cubría a costa así que subín a Monteferro a admirar o mar cuberta pola néboa coas bucinas dos barcos soando por todas partes.
Andei por eses camiños e topei con xente que facía fotos, outros collían moras ( fan ben, no Carrefour venden unhas poucas nunha bandexa por dous euros ), outros pescaban e ata había quen escalaba ao lado do faro.
Eu visitei o cuartel e as baterías abandoadas e fotografei aquí e acolá: as illas Cíes coa boira, as illas Estelas xurdindo e desaparecendo no mar de nubes baixas, unha cruz nas rochas e ata algo que me semellaba un canón tirado no mar.

Aquí vai a reportaxe fotográfica.



 

Etiquetas: ,