leoeosseus

martes, 9 de setembro de 2014

Volta ao cole


Mañá empezan os nenos o cole e cústalles iso de deitarse cedo. Pero máis sofren algunhas nais pensando que lles van falar galego aos seus " retoños " e poden quedar tontos. Pasou na clase de Leo hai cinco anos e volve pasar este ano que empeza Xela.
Para tranquilidade destas nais podo dicir que se vai falar, ler e escribir menos en galego agora que hai cinco anos.
Agora poden sentar tranquilas a descansar neste banco que lles vai mui ben coas ideas que teñen.

Etiquetas:

sábado, 28 de xuño de 2014

Poemas, notas e chaves chouchas


 
As vacacións dos nenos xa comezaron e houbo entrega de notas. O Leo sacou tan boas notas que me podo pór colorado se as publico así que non as publico.
Leo segue a ler e escribir e agora sacou a vena poeta e creou o poema " O verán ".
" Moito sol,
vacación,
días longos,
o verán chegou. "
Xela recibiu a vacina dos tres anos e nin chorou. Iso si, hoxe tivo reacción con febre e diarrea pero xa lle pasará.
O que si pasaron foi medo cando quedaron pechados os nenos no coche por andaren a xogar coas chaves e non saber abrir a porta. Menos mal que foi na casa e tiñamos a chave choucha, nome que lle fai graza a Leo e co que designamos a copia da chave do coche que só funciona manualmente. 

 
 
E o verán segue... anque sexa no calendario.

Etiquetas: , ,

mércores, 4 de xuño de 2014

Abdicar e adicar

 

 
Estes días fálase muito de abdicar e non vou engadir máis nada. Iso si, eu non abdico de ser Acedre o Viaxeiro, rei de Grania, personaxe literaria da que sinto fachenda.
O de abdicar fíxome lembrar a Fardi, un compañeiro daquela mili que a todos igualaba ( todos os varóns, está claro ) e sendo el xitano e ambulante tocoulle aparecer en Burgos comigo e máis soldadiños. O Fardi non tiña un can pero buscaba a vida debaixo das pedras e tiña personalidade e xeitos de vestir o uniforme que lle valían arrestos continuos. Quería manter un ligue por carta e mandábame a min escribirlle cartas de amor. Outro detalle simpático que tiña era que copiaba as letras das cancións en inglés como tal como soaban e mirabas escrito alí " chullufomí " e cousas así. Tamén tiña a peculiaridade de que sabía caló que o escuitei falar por teléfono e non pillei nin papa; eu sabía que falaba de cartos porque non podía evitar acenar coas mans o frote dos dedos. E do seu falar cheo de expresións calés facíame graza cando miraba algo curioso e soltaba un : " Adica, gonso  ! " que adoptei no meu falar e que se traduciría por un " mira, colega ! ".
E iso era o que quería contar eu de abdicar e adicar.

Etiquetas: ,

sábado, 17 de maio de 2014

A carranchas



Mentres o corpo aguante e a nena non medre poderei levala a carranchas por mil lugares.
Noutros lugares din levar ás carranchapernas ou a chiculeiro.
Que esas expresións e semellantes sigan por muito tempo.
Por hoxe e polo futuro.
 


Etiquetas:

venres, 21 de marzo de 2014

Premios amañados ?


Na biblioteca de Vilaguindastre hai unha exposición de fotos de viaxe e a que gañou non me pareceu a millor. Ao millor eu non sei ou foi un amaño. Non sei.
Fixándome nas outras fotos dei con esta que se titula " Cagallóns na auga ". Eu supoño que se referirán a cágados que son as crías das ras que semellan culleres. Anque cagallóns tamén pode ser outro nome que eu descoñeza como o de " caghofe " que lembrei que din por Salceda de Caselas.
Dedico este posteo a eses profesores que dan coñecemento do medio en seudogalego ou español directamente.

Etiquetas: ,

martes, 11 de marzo de 2014

Non llo repices !


" Non llo repices ! ", así dixo Naideleo a Leo cando lle trataba de sacar pola forza un xoguete das mans a Xela. Eu nunca oíra iso pero a familia de Arbo dixo que significa arrancar ou tirar con forza.
Quedei coa mosca atrás da orella e pregunteille ao Dicionario de dicionarios e non saía nada. Despois pregunteille ao señor Google e xa me encamiñou e descubrín que polo menos existe en Tomiño ( de onde collín a ilustración deste posteo ) e nunha vila de Zamora ! anque variando un chisco o significado.
En fin, outra palabra máis para " artesourar ".

Etiquetas:

luns, 3 de marzo de 2014

Frases e frases


Sempre estamos aprendendo e así aprendín tres frases estes días:
- Ter a vela negra enriba: ter mala sorte.
- Hai aghua no panasco: ter a menstruación.
E o que lle oín a un camioneiro de Valladolid hoxe mentres caía un bataghón de chuvia: " Podían llover obispos ".
E seguimos aprendendo !.

Etiquetas:

sábado, 1 de marzo de 2014

Entruido en Vilaguindastre


Por mor desta chuvia que non nos deixa queda adiado o desfile de entruido para o venres vindeiro ( que coincide coa protesta pola nova lei do aborto no Porriño ) coincidencia que non sei eu se sería coincidencia con segundas.
Tamén pode ser coincidencia que antes as letras " o " de O Porriño que estaban no muro da piscina tiñan forma de balón pero chegou este goberno e repintou as letras e o artigo do nome quedou sen pintar como para borrar o nome galego.
Tamén pasaba que antes o Leo falaba galego e, ós poucos, foi deixando de falalo e agora di que non lle gusta e non o fala.
En fin, hai que ter paciencia con todo.

Etiquetas: ,

xoves, 20 de febreiro de 2014

Mundo de soños


O outro día soñei co choio e que o xefe me mandaba facer algo e despois soou o espertador e tocou traballar cando xa eu estaba canso. Comenteillo a un compañeiro e el díxome que había que controlar os soños e que el era capaz. Ogallá puidese controlar eu os meus soños !.
Pero esta noite pasada tiven un bo soño. Soñei que mercaba o número 70700 da ONCE e que me tocaban sesenta mil euros e que iamos visitar os amigos e familia de Estados Unidos e cando lle estaba a preguntar a miña nai se viña invitada vai e soa o espertador e chafóuseme o soño.
E vou contar outro detalle de hoxe que ten que ver co eco en castelán de cando dis unha cousa en galego nun bar. Pedín un batido de cacao para Xela nunha cafetería e pedinlle unha palliña. A camareira traduciume ao momento pero coa mala sorte de dicir: " ¿ Una pajilla ? ". Eu rin e dixen: " Non, muller, non ". E ela púxose rubia da vergonza.
En fin, hai que seguir sorrindo sexa cos soños ou coa vida real.

Etiquetas: ,

xoves, 6 de febreiro de 2014

Catalego


Co este tempo pouco se pode mover un; levar os nenos a estudar, ir e volver do choio para casa, aventurar algunha paseata con medo a que chova e aprovisionarse coa inevitable visita ao supermercado. E así nese lugar puiden estrear a cámara do móbil retratando un exemplo dunha curiosidade lingüística que é o " catalego ". Este catalego non é un " catalejo " con gueada senón unha mistura de catalán con galego, un novo idioma propio de supermercados que ten como finalidade facer propaganda dos seus produtos co ese impacto visual de mistura de linguas, negritas e número de toneladas.
Pois nada, longa vida a ese novo idioma !.

Etiquetas:

venres, 24 de xaneiro de 2014

E, porén, móvese.

 
 
Neste tempo gris e apagado de xaneiro semella que nada evoluciona.

 
 
 
Pero si. En Vilaguindastre aínda hai xente que sabe tirar arte das súas mans e tanto pinta unha serea.
 


 

Como reproduce un tranvía a escala.

E logo o concelleiro de festexos quere montar unha Porrigalia no verán coa vila convertida na aldea gala de Asterix e Obelix. E iso que descubrín que habería mitos propios para lembrar con máis mérito.
En fin, pan e circo.

 
 
 
E así eu engado unha palabriña máis da zona sur de Pontevedra e aprendo que " ghalucho " aparte de comida de mala calidade significa tamén estraperlo, contrabando que se facía entre Portugal e Galicia naqueles tempos grises de Franco.
 
E Leo non ía ser menos e, progresando, progresando; consegue o seu primeiro dez que o puxo mui contento e gañou a sesión de cinema con " Futbolín ".
 
E xaneiro segue.


Etiquetas: , , ,

martes, 14 de xaneiro de 2014

Complicación de xéneros



Xela está a aprender a falar e un detalle que me chama a atención é como cambia algúns xéneros. Iso si, nas cores non ten problema e iso que, pensándoo ben, é complicado. Temos branco, negro, amarelo e vermello que cambian de xénero. Logo hai outras que nos varían: marrón, azul, gris; e outras que non mudan e iso que rematan en vogal como verde, lila, laranxa ou púrpura. Por iso que para os estranxeiros e os nenos debe de ser un chisco difícil.
E, tirando do fío, lembrei a dúas parellas que tiñan uns alcumes cun xénero forzado. Había unha señora de carácter forte que se facía respeitar e o home era un pouco apagado. A muller apelidábase Conde e o home perdeu o seu apelido e era coñecido polo da muller polos veciños. Iso si, a muller había que distinguila do home e era chamada " Conda ".
Outro caso curioso foi o do " Minuto ". O tal home traballaba na portería da fábrica que sai na foto e era estricto á hora de entraren os traballadores e se chegaban tarde xa os rexistraba cun bolígrafo vermello. Os compañeiros queixábanse e el sempre dicía: " Con que pase un minuto, xa chegaches tarde ". O simpático desta nomeada é que pasou á muller del e era coñecida por... " Minuta " !.

Etiquetas: , ,

luns, 13 de xaneiro de 2014

Aclarouse o misterio


Ao final o periódico misterioso estaba nunha taquilla dun compañeiro que botaron á rúa por levar produto para casa.
E falando de cousas ilegais saiu a relucir no traballo a expresión " plantar / deixar un salgheiro " que na Guarda significa " deixar cartos a deber " e que por outras zonas dicimos " plantar / deixar un pexegheiro ".
Na foto sain amieiros e eucaliptos que, ao millor, son árbores que falan de débedas noutras zonas de Galicia.

Etiquetas: ,

martes, 10 de setembro de 2013

Ichote


Dentro dunhas horas o Leo volve ao cole para empezar segundo de primaria cunha nova profesora. Seguro que vai aprender muitas cousas. Tal coma min, que sigo aprendendo e así aprendín a palabra ichote que, polo contexto, é unha parte da horta adicada a un produto diferente do que hai ao redor.
Na foto están ichotes con distintos tipos de nabizas.

Etiquetas:

martes, 4 de xuño de 2013

O tren do festival


Nótase a crise por todas partes e na educación non había ser menos. Xa o ano pasado non fixeron o festival das letras galegas e este ano xuntaron o festival das Letras co de fin de curso e así houbo actuacións no cole de Leo de todos os tipos. Dende taekwondo a baile moderno, pasando por patinaxe, inglés, teatro e multideporte.
Este ano polo menos houbo máis galego ca o ano pasado e a Leo e compañeiros tocoulles facer unha coreografía da canción de Andrés Dobarro " O tren " que leva máis de corenta e tres anos circulando por aí, máis vella ca muitos pais deses nenos que a coreografiaron.
Nun comentario da canción pide un comentarista que se lle adique un día das letras galegas a Andrés Dobarro e eu non poñería ningunha chata.
Na foto está Xela cun globo " melo ". Non atendeu muito ao festival que facía calor e estaba chouchiña.

Etiquetas:

luns, 27 de maio de 2013

Rengos e máis aprendizaxes


Nas estadías en Arbo acostumo aprender cousas novas e este domingo non ía ser menos. Aprendín que " desistir " pode significar ir ao baño a facer augas maiores e tamén aprendín que hai unha herba mala que se chama " rengo ". Tamén aprendín que se lles fai un nó aos alleiros. Seica así medran máis as cabezas de allo enterradas. Non sei se é verdade pero aquí faino toda a xente.

Etiquetas: ,

venres, 17 de maio de 2013

Feliz día de san Pascual Bailón !


Neste día de san Pascual Bailón non todo vai ser Roberto Vidal Bolaño.
Ao millor hai monicreques en Redondela.
Que o tempo acompañe !.

Etiquetas:

sábado, 6 de abril de 2013

Tradución a machada



Hoxe fixo un día frío pero con intres de sol e Leo puido desfrutar dun aniversario dunha compañeira nunha asociación de veciños. Alí teñen unha pista de deportes e parque infantil e un parque deses para exercicios de adultos. Mirando os carteis dos aparellos descubrín esta tradución a machada, á forza, da palabra española " muñeca " que poderían traducir por pulso ou mesmo colo.
Se non fose que non me gusta esborranchar xa correxiría eu o cartel cun rotulador.

Etiquetas:

mércores, 20 de marzo de 2013

Lleísmo


Neste día recibín un diploma de parte de Xela e máis un colgante para o coche. De Leo recibín un debuxo adicado para o pai único. Bueno, digo recibín pero o pobre aínda non mo deu porque non coincidimos nos horarios.
Estes agasallos sinxelos sempre se agradecen. E non me importarían que fosen flores anque viñesen con " lleísmo " incorporado.
Feliz día a todos os pais !.

Etiquetas: ,

sábado, 1 de decembro de 2012

Diante do ordenador


Esta quincena estiven a traballar de noite e o cambio de ritmo nótase á hora de internetear. Sempre quedan asuntos atrás e non hai tempo ou ganas para pórse ao día.
Pero como non hai mal que o tempo non cure empezo posteando este mes de decembro de cinco sábados, cinco domingos e cinco luns cun aviso para peregrinos e veciños de que teñan cuidado cos ladróns perto de Vilaguindastre. Ten un pouco de retraso pero foi a miña irmá Kasege quen me descubriu este aviso hai uns días e non puiden postealo ata hoxe.

Etiquetas: ,