leoeosseus

venres, 24 de xaneiro de 2014

E, porén, móvese.

 
 
Neste tempo gris e apagado de xaneiro semella que nada evoluciona.

 
 
 
Pero si. En Vilaguindastre aínda hai xente que sabe tirar arte das súas mans e tanto pinta unha serea.
 


 

Como reproduce un tranvía a escala.

E logo o concelleiro de festexos quere montar unha Porrigalia no verán coa vila convertida na aldea gala de Asterix e Obelix. E iso que descubrín que habería mitos propios para lembrar con máis mérito.
En fin, pan e circo.

 
 
 
E así eu engado unha palabriña máis da zona sur de Pontevedra e aprendo que " ghalucho " aparte de comida de mala calidade significa tamén estraperlo, contrabando que se facía entre Portugal e Galicia naqueles tempos grises de Franco.
 
E Leo non ía ser menos e, progresando, progresando; consegue o seu primeiro dez que o puxo mui contento e gañou a sesión de cinema con " Futbolín ".
 
E xaneiro segue.


Etiquetas: , , ,

domingo, 6 de outubro de 2013

Bandeiras


O Leo estivo a aprender ósos do corpo e eu díxenlle que a bandeira típica pirata, que non é a única; tiña dúas tibias debaixo da caveira e así algo máis lle entrou o asunto.
Falando de bandeiras, o outro día ía de copiloto nun coche e descubrín unha casa con dúas bandeiras en Vilaguindastre.
Creo que seguen por aquí.

Etiquetas:

martes, 1 de outubro de 2013

Luita de camiños



Din que todos os camiños van a Roma pero por estes lares o natural é que vaian a Santiago. O concello de Vilaguindastre quixo desviar o camiño dos peregrinos por un paseo fluvial pero os hostaleiros da zona perden posibles clientes e hai unha luita diaria de borra e enmenda de indicacións que non sei como vai rematar. Iso si, os peregrinos van a Santiago polas dúas opcións.


Mentres, no concello veciño, topei este " camiño da Segunda República " que está castigado sen empichar. A ver se non se organiza outra batalla para cambiarlle o nome por " camiño da monarquía ". Outra opción sería " camiño da Terceira República " pero sóame a ciencia ficción tal como están as cousas.

Etiquetas:

domingo, 22 de setembro de 2013

Festa, festa, festa !


 
Vilaguindastre está en festas e así pode rir Xela nos coches de choque pequenos cando vai con Leo. Tamén saltan nos inchables ou van en dragóns.
Proibido aburrirse !.

Etiquetas:

domingo, 26 de maio de 2013

Paragüeiro, cultura e deporte

 
 
Onte sábado estivemos por Tui e atopei un afiador que vén unha vez ao ano a esta cidade. Estivemos un pouco de leria e preguntoume se sempre lle falaba en galego a Xela. Díxenlle que si e respondeume: " ¿ Pero también le hablarás en castellano ? ". Eu díxenlle a verdade, que non que o resto da xente xa lle falaba en español e mesmo Xela introduce palabras españolas e trata de correxirme o que digo. Este paragüeiro debe de pensar que se non se lle fala español na casa aos nenos non aprenden e todos sabemos que o español hoxe é o idioma inevitable.
 

 
 
 
Mentres en Vilaguindastre tiñan todo pechado ao tráfico e había un despregue incrible de medios para o primeiro triatlón.
 

 
 
Supoño que en contraste co festival de Cans que así tivo que competir en público co triatlón.
Non sei por que non organizaron os eventos en datas distintas. Semellou unha luita entre deporte e cultura.

Etiquetas:

domingo, 20 de xaneiro de 2013

Xaneiro mollado

 
 
Remata esta semana de chuvias e vento e así queda atrás o San Amaro para gardar os trompos no faiado e o San Antonio de xaneiro: se chove pon as pipas no fumeiro e se non chove no canteiro.
 
Por Vilaguindastre subiron as augas do río e case afogan os parrulos. A " humanización " do río sufriu a xusta vinganza da natureza e o nome de paseo fluvial adquire o rango de realidade evidente. O pior deste tempo é como entreter a dous pequenos nun piso tantos días sen saír.
 
Irase levando.

Etiquetas: , ,

venres, 7 de setembro de 2012

Efectos secundarios


Eu levo anos abondo vivindo en Vilaguindastre para enteirarme de cambios e de historias de xentes e lugares. Así sei que na miña parroquia a empresa química do ZZ esparexía os restos polos camiños haberá uns corenta ou cincuenta anos. A xente do lugar facía cartos fáciles levando o carro de vacas á fábrica, enchéndoo daquel veleno en forma de restos e botándoo nos camiños que mesmo semellaba xabre pero branco e dun cheiro forte. Pasaron os anos e apareceron veciños con cancros estraños e parece que hai unha relación entre os restos depositados pola parroquia adiante e estes cancros. Houbo algunha protesta apagada por falta de probas e de cando en vez tamén aparece algunha pintada referíndose ao DDT acumulado na zona.
Eu non sei se chegará a ser canceríxeno. O que si semella é que provoca outro efecto secundario como a dislexia á hora de escribir.


Etiquetas:

xoves, 6 de setembro de 2012

Xacemento arqueolóxico


Xa sabes. Se queres montar esta fachada no teu xardín ou facer unha casa pregúntame que eu sei onde están indo parar estas pedras numeradas.
Se non as recolle ninguén acabarán xuntándose coas da vella ponte de Vilaguindastre e rematarán converténdose nun xacemento arqueolóxico misterioso para as xeracións vindeiras.

Etiquetas:

martes, 20 de marzo de 2012

Travesía de las Necesidades


O outro día enteireime de que Google Maps ampliou bastante a área que recolle e fun dar un " paseo " por Vilaguindastre adiante. Descubrín algunhas persoas veciñas, constatei a evolución dalgunhas obras porque hai fotos de datas distintas e por eso mesmo tiven a posibilidade case máxica de ver o meu coche en dous sitios distintos: aparcado diante da vivenda e diante do traballo.
O máis curioso foi que descubrín unha calexa cun nome rechamante e pintoresco que é a Travesía de las Necesidades. O que non sei eu é que necesidades poden ser esas para seren satisfeitas nun calexón privado. Investiguei en Google Maps a ver se existían máis travesías de necesidades no mundo pero só Vilaguindastre ten o dubidoso mérito de ter un lugar con tal nome.

Etiquetas: , ,

venres, 12 de agosto de 2011

Perségueme a mala sorte



Nunha rúa de Vilaguindastre pódese atopar unha pintada como esta onde eu non atopo nin pés nin cabeza nin falla que fai vindo de onde parece que vén. Unha pintada así nunca é cousa boa, máis claro auga.

Por sorte, xusto enfronte hai unha empresa cultural chamada Xerpo que é un adxectivo que significa " vivo, con inxenio, predestinado para facer o que fai ". Unha empresa así é cousa boa e necesaria.

Para desempatar o empate entre cousas boas e cousas malas que hai nesta rúa hoxe escordei un pé. Agora está inchado e non sei como evolucionará.

Está claro que a mala sorte ultimamente vai atrás miña.

Etiquetas:

sábado, 21 de maio de 2011

VIII Festival de Cans

Mentres uns traballan na veigha.



Outros asisten a estreas. Blogueira incluida na escaleira.



Outros divirten e divírtense versionando " O tren " de Andrés Dobarro.




Outros mostran a súa faceta máis primitiva.




Hai famosos como Antón Reixa ou un Manolo Rivas que camiñaba lixeiro non sei cara a onde.




Tamén descubrín un chimpineiro que foi un antecesor no meu posto de traballo.




Cans é unha peregrinaxe de xente con ganas de divertirse e descubrir novas sensacións.


En definitiva: Cans non deixa indiferente e menos a un que foi aquel neno de trece anos que errou o camiño de volta nun xaneiro frío e maldurmiu nun penedo. Mentres, noutro punto do monte un can da Garda Civil buscaba sen éxito o rastro dun pixama para máis desesperación duns pais.

Etiquetas:

sábado, 7 de maio de 2011

Día de homes colgados


De súpeto saímos da crise e abrochan cartos por todas partes. Amañan estradas, xorden parques infantís e papeleiras, levantan valados caídos, descobren monumentos a canteiros, cobren baixas da Xunta, etc, etc. En paredes, farolas e columnas sorrinos rostros amables con mensaxes de " Vilaguindastre quere ", " Para que Vilaguindastre gañe ", " En Vilaguindastre hai futuro ", " A alternativa para Vilaguindastre ", " Se queres, PODES ", etc. Unhas mensaxes que non din nada e que podes intercambiar de partido político que non muda nada.


E a todo isto o Leo solta: " Hoxe é o día dos homes colgados que miran para todas partes ".

Etiquetas:

sábado, 2 de abril de 2011

Morreu Himahe


Hai case un mes sesenta traballadores de Vilaguindastre toparon a porta do traballo fechada ás seis da mañá. Pasaron as horas con incertidume e asomou a cara o xerente. Mandou entrar á xente á sala de xuntas e na mesa tiña cada persoa un sobre coa liquidación pagando corenta e cinco días por anos e as vacacións íntegras deste ano. Todo estaba legal e a empresa fechaba liquidando as contas cos empregados e así morreu Cuq, o antigo Himahe co letreiro irónico de rúa Progreso na súa parede. Todo legal pero unha mala faena á fin e máis correndo os tempos que corren.


En fin, eu prefiro lembrar os risos que botei hai muitos anos cun empregado. Resulta que o rapaz tiña un reloxio de propaganda da empresa co nome Himahe, tal como soa. Unha noite foi á zona do Areal de Vigo de marcha e apareceulle un pijo por alí que se fixou no reloxio. Colleulle a man para mirar o reloxio de cerca e espetoulle: - Anda, un " Jimajei ". ¿ Es buena marca ?.

Etiquetas:

xoves, 3 de febreiro de 2011

Butrón


Vilaguindastre está nun cruce de cinco camiños e en todos menos un topamos un club ou máis.
Coa nova lei proibindo fumar nos locais públicos ata as traballadoras dos clubes saen fóra para botar un pito. É unha imaxe ben curiosa e incongruente porque a maioría das mulleres están de maneira irregular no país pero si cumpren a lei antitabaco.
Outra curiosidade: a pintada de " butrón " na parede do club fíxose antes da lei. Supoño que o grafiteiro estará agora contento porque non ten que facer un butrón para ver as mulleres que traballan dentro.

Etiquetas: ,

xoves, 23 de decembro de 2010

Postal


Co esta imaxe tan nadaleira da casa do concello de Vilaguindastre quero desexarche un bo comezo de festas.
Bo Nadal !.

Etiquetas:

sábado, 4 de decembro de 2010

Misterio zamorano


Non sei o que pasou pero unha boa parte dos veciños xitanos ( ou zamoranos, como se lles chama por Vilaguindastre ) desapareceu da zona pechando os seus pisos e malvendendo mercancía.
Parece ser que houbo un problema de clans e líderes e agora a vecindade ten un vacío extrañísimo.
Aquí comentan algo do caso.

Etiquetas:

sábado, 23 de outubro de 2010

Postenésimo dono


O pub do que falei hai tempo volveu mudar de inquilinos e estes pintárono con muito colorido. Quen non quedou conforme foi o anterior arrendado que protesta cunha pintada. En fin, nada de extrañar sabendo de que van.
Que todo quede aí !.

Postdata: engado dúas fotografías do pub en cuestión para mostrar o tamaño e o graffiti na súa totalidade.

Etiquetas:

venres, 8 de outubro de 2010

Casa das latas de Vilaguindastre


Pois si, no traxecto dunha farmacia a unha panadería da miña parroquia topei esta mostra de reciclado: unha nova casa das latas. Onte o día estaba de chuvia e tampouco a foto abarca toda a propiedade que queda fóra outra lancha que está á dereita. Tés que ampliar a foto dando dobre click para ver detalles curiosos.
Esta casa non é tan rimbombante como a outra pero ti dálle tempo que hai un par de anos apenas tiña algo.
En fin; imaxinación ao poder !.

Etiquetas: , ,

mércores, 12 de maio de 2010

Internacionalizándose



Estamos nun mundo aberto onde van e veñen ideas, costumes e obxectos e así non é de extrañar que aparecesen perto de Vilaguindastre uns zapatos pendurados dun cable da luz.
Xa me extrañara a min cando estaba nos EEUU este costume de pendurar zapatos e máis aínda o seu significado. Uns din que é para indicar un lugar de venda de droga, outros que é o límite das bandas xuvenís, outros que é unha broma antes do matrimonio, outros que é un paso da xuventude á fase adulta... Non se sabe. E agora con estes zapatos non se aclara nada porque aquí fan botellón os rapaces e tamén apareceu morto hai uns anos un alcalde en circunstancias extrañas: estaba dentro do coche cos pantalóns baixados. En fin...

Etiquetas: ,

venres, 7 de maio de 2010

Pura cotiandade


Merco a revista Malladoura que celebra o seu décimo aniversario e deséxolle outros tantos anos máis polo menos. Paso pola obra diante do concello onde volven soterrar a vía do tranvía ( é típico dos gobernos entrantes desfacer o feito anteriormente ). Noutro kiosko merco o novo número da Retranca, especialmente adicado a Rosa Díez e tamén merco cromos de Bob Esponxa. De casualidade topo a estudantes no parque do Cristo pintando un mural de Uxío Novoneyra para pendurar no centro cultural. Mentres pintan discuten en español se botan Bob Esponja en Disney Channel ou en Clan e decátome do raro que podo semellar eu á maioría da xente con estes costumes que teño.

Etiquetas: ,