leoeosseus

xoves, 9 de setembro de 2010

E pasa o tempo


Reflexiono sobre o paso do tempo e descubro que un blogo é unha ferramenta útil para constatar o paso do tempo e así o ovni que voaba na entrada de Vigo no ano 2006 desapareceu e aterrou para a miña sorpresa nas terras dun concello ourensán.
Este vo pode representar a crise que vivimos nestes tempos: antes criamos voar polo espazo e agora sufrimos a caída na realidade.



Etiquetas:

domingo, 5 de setembro de 2010

Se non queres...

Se non queres desfrutar de augas mornas e tranquilas...




Se non queres practicar para tirar boas fotos...












Se non queres descubrir calas e praias solitarias...




Se non queres admirar " Gary-muxos " de tamaño colosal...








Se non queres marabillarte con cons de formas curiosas...




Se non queres ter varias opcións para non levar bañador á praia...





Se non queres ser tentado por carteis simpáticos...




Se non queres solpores magníficos...




Pois non vaias a punta Carreirón, na illa de Arousa. Estás avisado.

Etiquetas: , ,

martes, 31 de agosto de 2010

Operación retorno


Rematan as vacacións para muitos ( eu tívenas en abril ) e toca volver á rotina. Os que non volven á rotina son os da furgoneta da foto que están na súa volta polo mundo e empezan " modestamente " en Europa cunha camiñada de tres a catro anos de duración. Resultoume curioso topalos no meu bairro obreiro de Vilaguindastre supoño que perdidos na súa andaina ou bébedos a pesar da proibición que teñen no seu regulamento de beber alcol antas das seis da tarde.
Se queres ver vídeos deles aquí podes consultalos. E que conste que lles teño algo de envexa.

Etiquetas: ,

domingo, 18 de xullo de 2010

Exhibición aérea

Como hai xente para todo xúntanse milleiros de persoas para ver facer acrobacias a uns avións co ruido que fan e o evidente perigo que pode haber. Eu prefiro ver avións quietiños das Aerolíneas Rebordáns porque como di o eslogan: " Somos os que somos " ou mesmo coa asa caída " Os que somos, somos " e eu son o que son.

Etiquetas:

domingo, 11 de xullo de 2010

Ruido de festa

O ruido de festa que vén da rúa ( coches, cornetas, berros e foguetes ) faime supor que a selección española gañou o partido. Ninguén dubida o apoio que tivo a selección española por todas partes e a min resultoume cando menos curioso o apoio de Gadis ou de Cadelín, unha marca de roupa para cans que sacou á venda camisetas da selección española.
Aldabra e Raposo: eu aproveitei o inicio do partido para volver de Arbo a Vilaguindastre por unha zona baleira de xente que semellaba que caíra unha bomba de gas letal. Logo ceei un chisco e púxenme a mirar Bob Esponxa e aínda me entrou a sonequeira. Linlle contos de Pacopeco Pequeneiro e o poliño repetido a Leo na cama e agora estou dándolle ao teclado mentres segue o ruido de festa.

Etiquetas:

luns, 5 de xullo de 2010

Seudocastelos


Hoxe facía, e aínda fai, unha calor de inferno; así que fomos á praia da foto que ten un seudocastelo e todo.
Nós non temos cartos para mercar ese seudocastelo pero aínda nos dá para tomar uns mexillóns, unhas luras e un revolto de grelos con gambas á beira do mar e parecer uns señoritos.
Por certo, iso dos seudocastelos gusta muito que topei un castelo Exin de tamaño natural pola interrede adiante que ben merece unha ollada así como o resto das fotos de Eladio.

Etiquetas: ,

venres, 2 de xullo de 2010

Persoas coma libros


A biblioteca de Vilaguindastre fai unha exposición de fotos co lema " O pracer de ler " e hai verdadeiras marabillas. Este asunto fíxome lembrar a homenaxe que lle fan no concello veciño aos represaliados da guerra civil. Como ves na foto, hai unha estatua dunha muller cun libro aberto nas mans e un feixe de libros apillados cos nomes dos represaliados no canto do libro.
Pareceume unha fermosa homenaxe; a vida dunha persoa tratada coma un libro que temos que conservar e ler.
Que non se amplíe esta biblioteca !.

Etiquetas:

domingo, 20 de xuño de 2010

A criación segundo algúns indios


Segundo os Iroqueses o mundo foi creado por unha muller que caiu dende o Paraíso por un buraco que deixou unha árbore caída. Cando caía a muller uns gansos agarrárona e pousárona enriba dunha tartaruga que flotaba no mar. Co tempo esa muller poboou esa tartaruga que se converteu en América do Norte.

Segundo os Navajos no primeiro día o primeiro home e a primeira muller fixeron o monte Norte. Ataron o cume cun arco da vella e encheron de plantas e animais a montaña. Como o norte acostuman identificalo coa cor negra no cume da montaña puxeron unha pota con dous ovos de merlo.
Todas son teorías pero gústame que non haxa seres superiores detrás e que unha muller sexa a principal protagonista do feito.

Etiquetas:

venres, 18 de xuño de 2010

Récord de nome longo e embarcacións


Sigo " fusilando " fotos de libros, actualizando ligazóns e viaxando pola interrede para descubrir un sitio onde publican libros en pdf e así ligar un libro de embarcacións galegas.
A foto fusilada é do libro " The British Isles " de Colour Library International do ano 1978 e retrata unha estación de tren en Gales que ten, probablemente, o nome de lugar máis longo do mundo e que quere dicir ( na miña tradución ): " Igrexa de Santa María do val do bidueiro, subindo o remuiño e a igrexa de San Tysilio que están á beira da cova vermella ". Na foto fáltalle ó nome o " L " inicial. Supoño que xa te decatarías.

Etiquetas: , ,

venres, 11 de xuño de 2010

Galegos, xíbaros e maasais


Estes días, cando non estou xogando de suave co Leo, teño tempo para perderme pola interrede e descubrir a fantástica historia do galego Alfonso I rei dos xíbaros ( na foto ) ou un galego que quería ser maasai. Os sabios da tribu agradecéronlle o xesto pero non o admitiron na tribu porque así como renunciaba á súa patria de nacemento tamén podería renunciar á súa de adopción. Estes si que son sabios !.
E aínda puiden escuitar unha canción rap adicada a Rosa Díez por un galego pexorativo coma todos nós.

Etiquetas: ,

xoves, 10 de xuño de 2010

Pingradiño


Levo uns días na casa por mor dunha ciática ( Paidovento, ao final tiven que contalo ) e boto de menos saír e andar anque faga mal tempo e ata envexo aos pelegríns que este ano teñen unha mascota que se chama " Pingriño " que debería ser pringadiño por ser un pingüín andante tan carregado por eses camiños. O que non sabía é que desbotaron o " Pelegrín " e apareceu outra mascota que é o " Xubi " que semella máis espabilada porque non leva nin bastón nin mochila nin farrapo de gaita. Enteireime por Galicia profunda.
Así que xa sabes, ti que podes desfruta do exterior anque non fagas ningún camiño especial.

Etiquetas: , ,

domingo, 30 de maio de 2010

Tranquilidade na estrada


Gústame a tranquilidade na estrada e procuro ir á miña velocidade e ser respetuoso e non pitar nin mirando carteis como o da foto ( anque sexa tan tentativos ). Tamén me gusta que os demáis vaian con xeito e educadamente así que cando miro que vén un condutor rápido de máis de frente doulle luces como indicando que hai un control cerca. Encántame ver polo retrovisor como encenden as luces de freado !.

Etiquetas:

Eurovisión 2010



Sempre que podo miro este festival e fago as miñas anotacións xogando a crítico musical. Gústame cando cantan en linguas descoñecidas anque non entenda papa e gústame facer as miñas puntuacións.
Esta vez gañou Alemania coa que non contaba eu de favorita. A min gustábame Bélxica cun home e unha guitarra ou Dinamarca cun son festivaleiro. Extrañoume que aparecese un espontáneo na actuación de España e que logo aparecese outro cantante que non sabía eu se era outro espontáneo.
O das puntuacións tan a súa graza con tanto voto de amigos, veciños e emigrados e resultoume curioso os votos dados á canción española dende países do leste e tamén me fan rir os comentarios de Uribarri.
En fin, Eurovisión; que lle vas pedir ?.


Etiquetas:

venres, 21 de maio de 2010

Dióxenes




Nestes días de calor hai muita xente enfrascada coa operación bikini e anda de arriba a abaixo facendo exercicio. No medio desa xente hai un homiño de paso lixeiro, barba branca, con funda de traballo as máis das veces ou un chaleque reflectante e máis un caxato onde pendura bolsas plásticas. Percorre a zona toda buscando non sei que no chan para levalo á súa casa, supoño. Este home penso que ten o síndrome de Dióxenes que é a patoloxía que nos fai acumular lixo e trapalladas na casa. Esta patoloxía ten o nome orixinario de Dióxenes que, curiosamente, era todo o contrario a esta xente enferma e vivía co mínimo nun bocoi. Foi un filósofo famoso con muitas anécdotas pero a que máis me gusta é a que lle pasou co emperador Alexandre Magno. O emperador foi visitalo e díxolle que lle concedía o que desexase. Dióxenes só lle pediu unha cousa: que saíse de diante que lle daba sombra.

O debuxo está collido en http://www.educima.com/ onde hai imaxes para colorear.

Etiquetas: ,

mércores, 12 de maio de 2010

Internacionalizándose



Estamos nun mundo aberto onde van e veñen ideas, costumes e obxectos e así non é de extrañar que aparecesen perto de Vilaguindastre uns zapatos pendurados dun cable da luz.
Xa me extrañara a min cando estaba nos EEUU este costume de pendurar zapatos e máis aínda o seu significado. Uns din que é para indicar un lugar de venda de droga, outros que é o límite das bandas xuvenís, outros que é unha broma antes do matrimonio, outros que é un paso da xuventude á fase adulta... Non se sabe. E agora con estes zapatos non se aclara nada porque aquí fan botellón os rapaces e tamén apareceu morto hai uns anos un alcalde en circunstancias extrañas: estaba dentro do coche cos pantalóns baixados. En fin...

Etiquetas: ,

sábado, 8 de maio de 2010

Bob Esponxa e demáis



Pois si, neste debuxo feito por min tés algunhas das personaxes da serie Bob Esponxa. Bob Esponxa é unha esponxa que ten unha mascota que é un caracol que se chama Gary e miaña coma un gato. Patricio é unha estrela de mar veciño de Bob Esponxa e non é mui espabilado que digamos. Calamardo tamén é veciño deles e é serio e non quere saber nada deles. O señor Cangrexo é o xefe de Bob Esponxa e Calamardo nun local de comida rápida e só pensa nos cartos. Todos viven no fundo do mar e protagonizan historietas simpáticas. Tamén podo dicir que estes debuxos lles gustan aos rapaces dende os tres anos ata os quince e algún que outro xa maiorciño coma min que gusta de coleccionar os cromos coa escusa de que aprenda Leo os números.

Etiquetas: ,

domingo, 18 de abril de 2010

Prohibición


Mirar isto e retratalo canto antes foi unha. Porque hai pintadas que merecen permanecer eternamente.
PD: Faltou o de proibir " ghomitar " que tamén se dá nesta esquina do parque do Cristo co hotel Parque en Vilaguindastre.

Etiquetas:

mércores, 24 de febreiro de 2010

E non deixa de chover


Con este tempiño apenas sae un da casa e pensa en Catatumbo onde case a metade dos días do ano hai tormentas eléctricas de varias horas con centos de raios que rexeneran a capa de ozono. Eu non sei como hai xente que pode ir de turista alí e menos vivir nesa zona.
Haiche xente para todo !.

Etiquetas: ,

xoves, 18 de febreiro de 2010

Aquí e acolá




Teño que recoñecer que ultimamente non estou inspirado así que traio cousas de aquí e acolá.

De aquí digo que o Leo está simpático coas suas lerias e o outro día estaba xogando cun acordeón de xoguete. A tíaM preguntoulle se ía tocar o acordeón de maior e Leo dixo: " De maior vou facer outras cousas. ". " Outras cousas como que ? ", quixo saber a tíaM e Leo retrucou: " Darlle iogur ao meu fillo. "

De acolá na rede virtual mirei uns vídeos feitos en Vigo sobre o galego e o segundo desta ligazón foi o que máis me chistou.

Tamén descubrín un sitio onde pode verse a distribución dos apelidos en España. Como curiosidade dicir que o primeiro apelido de Leo lévano 2598 persoas e un 47,42 % son pontevedresas. Sen embargo o segundo apelido lévano 73061 persoas e está máis extendido por Madrid e León e só 1643 persoas teñen ese segundo apelido en Pontevedra.


E agora tócache a ti: os teus apelidos por onde andan ?.

Etiquetas: ,

venres, 5 de febreiro de 2010

Old chap, viejo amigo.


Seguindo coa viaxe das palabras quero mencionar o caso de " chap " que en inglés significa amigo. Para chegar a esta palabra hai que remontarse ao éuscaro !. De " txapar "( pequeno ) derivou a palabra española " chaparro " que pasou a designar os matos de herba pequenos. Esa palabra chegou a Texas da man de gandeiros mexicanos e con ela unha invención para os vaqueiros que tiñan que pasar dacabalo rozando milleiros de " chaparros " espiñentos. Para evitar as súas rozaduras crearon a " chaparrera " ou " chaparejo " que son unhas fundas de coiro para as perneiras. Chegaron os estadounidenses e incorporaron esa palabra ( como " rodeo ", " lasso " e outras máis ). A palabra " chaparejo " acurtárona a " chap " e de aí pasou a definir amigo da alma, bó amigo porque tanto un bó amigo coma un " chap " van pegados a nós e sálvannos de problemas.
Na foto retrato uns xenetes negros porque tés que saber que a maioría dos vaqueiros reais eran negros e mexicanos.

Etiquetas: ,