leoeosseus

xoves, 18 de febreiro de 2010

Aquí e acolá




Teño que recoñecer que ultimamente non estou inspirado así que traio cousas de aquí e acolá.

De aquí digo que o Leo está simpático coas suas lerias e o outro día estaba xogando cun acordeón de xoguete. A tíaM preguntoulle se ía tocar o acordeón de maior e Leo dixo: " De maior vou facer outras cousas. ". " Outras cousas como que ? ", quixo saber a tíaM e Leo retrucou: " Darlle iogur ao meu fillo. "

De acolá na rede virtual mirei uns vídeos feitos en Vigo sobre o galego e o segundo desta ligazón foi o que máis me chistou.

Tamén descubrín un sitio onde pode verse a distribución dos apelidos en España. Como curiosidade dicir que o primeiro apelido de Leo lévano 2598 persoas e un 47,42 % son pontevedresas. Sen embargo o segundo apelido lévano 73061 persoas e está máis extendido por Madrid e León e só 1643 persoas teñen ese segundo apelido en Pontevedra.


E agora tócache a ti: os teus apelidos por onde andan ?.

Etiquetas: ,

mércores, 10 de febreiro de 2010

Non hai te


Hai anos a un que non estaba barbeado dicíaselle no choio: - " Hai café ". Que é apócope de: " Hai qu´afeitarse ". E o aludido acostumaba retrucar cun: -" Non hai te "; apócope de " Non hai tempo ".
Por iso e pola escaseza de ideas levo uns días sen postear. A ver se cambio de turno de traballo.

Etiquetas: ,

sábado, 6 de febreiro de 2010

Bichicoma e guai


Tódolos idiomas son esponxas e tanto reciben como dan. Un exemplo pode ser a palabra " bichicoma " que provén do inglés " beach comber " ( na foto ) , ou sexa; rastrexador de praias en busca de obxectos de valor e que no galego da costa ( zona de maior contacto con mariñeiros ingleses ) pasa a significar persoa que vive a conta dos demáis. Dise en Corme, Palmeira, Moureira e Marín e non sei que máis sitios e ata un blogueiro parado alcumábase así.
Buscando ligazóns topei coa etimoloxía da palabra " guai " que eu cuidaba que viña do inglés pero parece ser que vén do árabe.
En fin, cousas veredes !.

Etiquetas:

martes, 2 de febreiro de 2010

Postos de venda


Sempre que vou por un mercado fíxome nos carteis dos postos onde sempre aparecen curiosidades. Hoxe mirei nun blogo a foto dun posto de roupa onde regalaban un libro por mercar tres bragas e iso fíxome lembrar unha "pulga" ( mercadillo nos EEUU ) onde vendían gorras que os mexicanos chaman " cachuchas ".
E digo eu, en que momento da historia da lingua pasaron as cachuchas galegas de ser parte do porco a ser gorra de mexicano ?. Dende logo as viaxes que fan as palabras son dignas dunha novela. E aquí queda outro misterio lingüístico para resolver.

Etiquetas: , ,

domingo, 31 de xaneiro de 2010

Herba rapuda


Cando eu era un neno viña cos veciños a esta zona onde vivo hoxe. Agora está chea de edificios pero antes era un prado con zona de herbas rapudas como saen na foto de arriba. Viñamos todos e arrincabamos estas prantas e deixabamos o talo limpo para facer frechas con elas. Cunha punta espetada nun extremo e un arame enrolado noutro extremo de contrapeso e unha pluma xa estaba a frecha feita. O arco era unha póla de salgueiro e a corda un sedal de pescar.
Pasaron os anos e aprendín que esa pranta pioneira que nace en terras malas ou queimadas lle chaman herba rapuda por terras de Arbo e onte descubro que tamén existen por EEUU da man dun artista que retrata paisaxes urbanas colonizadas pola natureza: Ives Krief.
Deixo esta mostra pero aquí tés máis.
Nada, que me sigo abraiando do pequeno que é o mundo.



Etiquetas: , , ,

domingo, 24 de xaneiro de 2010

Razón e equivocación



Un posteo de Chousa da Alcandra fíxome lembrar un enredo que aprendín hai anos onde o final acaba coma o principio.



Cando un neno ten catro anos pensa que o pai sabe todo. Cando o rapaz ten doce anos pensa que o pai ás veces se equivoca. Cando ese mozo ten vinte anos di que seu pai non se enteira de nada. Cando chega aos vinteoito di que seu pai ás veces ten razón. E cando chega aos trinta e seis o neno, xa feito un home, exclama: " Canta razón tiña meu pai ! ".



Na foto está a bisavoa Celia rodeada de veciños nenos, rapaces, adultos e vellos con razón ou errados ou no camiño entre ambas posicións.

Etiquetas: , ,

martes, 19 de xaneiro de 2010

Eu


Hai tempo Bolboreteira mandoume facer un meme onde me teño que describir con sete caraterísticas. Podería contestar cos praceres confesables que teño ou coas cinco manías que teño ou mesmo falando dos oito países que me gustaría visitar pero non sei falar de min nin para pedir traballo. Así que deixo que opinen os comentaristas sobre min e prometo dicir se están certos ou non.
Animádevos que admito anónimos tamén !.

Etiquetas:

xoves, 10 de decembro de 2009

Estos gallegonos !


Nesta fin de semana longa, invernal e sen viaxe programada viaxei pola rede e cheguei ao youtube onde descubrín " El chigre ", unha serie asturiana de humor onde sae unha personaxe que lle chaman "El Gallego " que é da Asturias de fala galega. A foto feita por min no verán de 2005 é precisamente desa zona e está tirada dende a ponte que une-separa Galicia e Asturias. Podes botarlle unha ollada ao vídeo aquí:

Etiquetas: , , ,

luns, 30 de novembro de 2009

Sorteo do libro galego


Hoxe é o día trinta de novembro e a man inocente do Leo sacou un papeliño co nome do comentarista Manuel L. Rodrigues como gañador do libro " Alma de can ".


Noraboa para el e que teña sorte o resto dos participantes noutros sorteos.


Agora tócame a min comprobar se me tocou algo !.

Etiquetas:

mércores, 18 de novembro de 2009

E pasou unha semana...


Traballo, despedida dun que se xubila, treboada, gripe, repouso, leituras e poucas gañas de sentarme diante do ordenador mantivéronme apartado deste mundiño.
Procurarei reaparecer.

Etiquetas:

venres, 6 de novembro de 2009

Huevo, pico, araña


A xenerosidade fixo que Ángel Utrera me enviase unhas fotos preciosas que agradezo muito. E grazas a el descubrín outros fotógrafos como Veiga Roel ou Ramón Dimas.
Entre as fotos que mandou hai esta duns nenos xogando a " Huevo, pico, araña", un xogo que practiquei na escola. Dividiamonos en dous grupos e un grupo apandaba e os outros saltaban enriba. O primeiro en saltar puña os dedos da man facendo a forma dun ovo ou un pico ou unha araña de maneira que non o descubrise o de abaixo e á vista da "madre" que era o rapaz que aguantaba o grupo apoiado nunha parede e o de abaixo tiña que atinar a figura. Se atinaba cambiaban de sitio os grupos e se erraba seguía apandando o grupo de abaixo. Se derreaban ( cedían ao peso ) perdían e volvían saltar os gañadores. Tamén os había bestas que saltaban todos enriba do último que apandaba para que derrease e non apandar.
Tempus fugit !.

Etiquetas: , ,

mércores, 28 de outubro de 2009

Meme do libro galego


O amigo Manuel embarcoume nun meme creado por el.

Este meme consiste en sortear un libro en galego ( ou portugués ) escrito, a poder ser, por un autor da zona. Unha vez escollido o libro pásaselle a bóla a cinco blogos máis. E o día 30 de novembro faise o sorteo do libro ofrecido entre os comentaristas desta entrada.

Bueno, pois eu entrei na librería máis antiga de Vilaguindastre e alá buscou a dependenta escritores da zona e do pouco que había o libro da foto foi o que me convenceu. Titúlase " Alma de can " de María Magdalena Domínguez e ten ilustracións de José Crespo. A poetisa non é precisamente de Vilaguindastre pero respira os mesmos aires.

E agora pásolle a bóla a ( e que me perdoen ) :

- Manolo Busto.

- Bolboreteira.

- Día a día.

- An.

- Peke.

Etiquetas: ,

xoves, 22 de outubro de 2009

Coito infantil


Estes días trato de ler e mirar todo o que hai na rede sobre a manifestación e así puiden escuitar as arengas na praza da Quintana onde non fun quen de entrar fisicamente o día da manifestación. Xurxo Souto animou á xente nova das cidades galegas a empregar o galego e iso fíxome lembrar a miña infancia viguesa. Eramos rapaces e xogabamos na rúa aos xogos típicos da época e un que había era o " coito ". O " coito " non é outro que o xogo das agachadas ou escondite e tamén era o nome do pando. Pasaron os anos e mudei de domicilio e poboación e xa ninguén coñecía o meu " coito " infantil. Medrei máis e coñecín o outro tipo de coito. Agora non me queda máis que rir comparando os dous coitos e tamén, por que non ?, extrañar aquel tempo do coito infantil.
A foto preciosa de Doisneau topeina en Taringa.net onde hai máis fotos deste e outros fotógrafos.
Postdata: aparece a palabra nun dicionario de ausencias da illa de Arousa.

Etiquetas: , ,

venres, 16 de outubro de 2009

Recreo na fotografía


Un dos meus divertimentos é ollar fotografías e isto da interrede é o tal para iso. Quedei enamorado desta foto de Paul Fusco feita desde o tren onde ía o corpo de Robert Kennedy. Tamén merquei un libro marabilloso e barato sobre fotos de indios de Edward S. Curtis e navego por sitios de fotografías marabillosas como photodom, photo.net, negativodigital, magnum ou trekearth entre outros lugares.

Etiquetas: ,

mércores, 9 de setembro de 2009

Ola setembro

E comezou setembro e, sen decatarme, botei días sen escribir nin tocar a interrede. Traballo, paseos, adaptación a esta Vilaguindastre setembreira, o malestar do Leo ( aínda ten subas de febre anque non perde o humor ), leituras, músicas, colecións de setembro e demáis fóronme apartando da interrede.
Pero hoxe rompín un espello e lin unha referencia ao meu blogo e a petición dun blogueiro para que visiten o seu blogo e puxen mans á obra e volvo a este mundo.
E se queredes axotar porcos bravos dos vosos milleirais usade o sistema de Brabido.


Etiquetas: , ,

luns, 20 de xullo de 2009

O verán pódeme


Non sei por que pero o verán pódeme: non topo inspiración. O traballo, a familia, a praia ( menos do desexado ), acontecementos ledos e outros non; todo xunto fai que non me arrime ao aparello este e que estea falto de ideas.
Será cuestión de tempo.

Etiquetas:

martes, 14 de xullo de 2009

Gañadores das botellas de viño !


A gañadora da botella de viño é abueloscrisytoño porque dixo caracois na pregunta que fixen o outro día.
Realicei o sorteo da outra botella e o gañador escollido pola man inocente do Leo foi Antón de Muros.
Agora toca poñerse en contacto cos gañadores para que reciban as botellas.
Noraboa para eles e graciñas aos restantes comentaristas por participar.

Etiquetas:

luns, 6 de xullo de 2009

Viaxiña real-virtual


Dá gusto saír da monotonía e visitar lugares pouco coñecidos. Tamén desfruta un facendo castelos e piscinas na praia para o Leo e os curmáns ou mesmo pedaleando no aparello cor do arco do trono. É pracenteiro bañarse con auga inusualmente morniña. Tamén é un gustazo tomar un café ou unha cervexa mirando a praia e o mar.
Pero o máis sorprendente é topar unha blogueira e saber das súas orixes e desfrutar duns calamares boísimos e recibir un libro agasallo doutro blogueiro e coñecer persoalmente ao gran Pau que quería coñecer a Leo.
Esta fin de semana foi unha curiosa mistura de realidade e virtualidade fóra do normal. E gustoume !.

Etiquetas: ,

venres, 3 de xullo de 2009

Concurso - sorteo


Como eu non teño unha compañía eléctrica considérome máis xeneroso e regalo dúas botellas de viño.
Pois si, o outro día estaba eu ensacando alimento para animais no choio cando me fixei na etiqueta e lin isto curioso: " Administrar a libre disposición sobre una superficie plana de fácil acceso para los animales ". Pensei nos animais para quen ía destinado o produto e dixen para min: " Claro. " E agora empeza o concurso-sorteo. Cada blogueiro ten opción a dicir un animal na caixa de comentarios, atención, só un animal por blogueiro. O que atine co becho leva unha botella que lla mando por correo. Logo sorteo entre todos os que non atinaron a segunda botella. E dou de prazo unha semana xusta. Ala, animaivos !.

Etiquetas: ,

xoves, 2 de xullo de 2009

Desviando a atención



Últimamente non estou nada blogueiro e non topo inspiración. Iso si, sempre aparecen pola rede cousas que me gustan como o viaxe por China dun alemán ou o son dunha treboada feita por un coro...ou mesmo a foto de arriba.






Etiquetas: