leoeosseus

venres, 4 de abril de 2014

Zurdos famosos


O Leo tivo hoxe un arrebato de tristura por ser zurdo. El quere ser como a maioría e cre que ser zurdo é mala sorte. Eu díxenlle que ser zurdo é como ter ollos verdes ou azuis e que ser máis cantidade non é bo necesariamente porque hai máis pobres ca ricos. Para consolalo busquei en Google zurdos famosos e sorprendinme eu tamén. A Leo o que lle chamou a atención foi Charles Chaplin e entón puxémonos a mirar varios vídeos ata que o neno foi a cama canso pero contento.
A ver se somos capaces de resolver todos os problemas dos fillos de maneira tan doada.
A imaxe tireina de Taringa .

Etiquetas:

mércores, 19 de marzo de 2014

Leo de profesor



Leo le muito e escribe bastante anque menos porque cansa, di el con toda a razón do mundo. Leo escribe contos e enciclopedias e agora explica as materias do cole. Fíxonos gracia como explicou a historia do idioma galego que o trouxeron uns turistas que falaban galego.
A ver se continúa a explicación.

Etiquetas:

venres, 24 de xaneiro de 2014

E, porén, móvese.

 
 
Neste tempo gris e apagado de xaneiro semella que nada evoluciona.

 
 
 
Pero si. En Vilaguindastre aínda hai xente que sabe tirar arte das súas mans e tanto pinta unha serea.
 


 

Como reproduce un tranvía a escala.

E logo o concelleiro de festexos quere montar unha Porrigalia no verán coa vila convertida na aldea gala de Asterix e Obelix. E iso que descubrín que habería mitos propios para lembrar con máis mérito.
En fin, pan e circo.

 
 
 
E así eu engado unha palabriña máis da zona sur de Pontevedra e aprendo que " ghalucho " aparte de comida de mala calidade significa tamén estraperlo, contrabando que se facía entre Portugal e Galicia naqueles tempos grises de Franco.
 
E Leo non ía ser menos e, progresando, progresando; consegue o seu primeiro dez que o puxo mui contento e gañou a sesión de cinema con " Futbolín ".
 
E xaneiro segue.


Etiquetas: , , ,

mércores, 27 de novembro de 2013

Dáme na espiña


Dáme na espiña que non vai tocar este número na lotaría de Nadal pero hai que mercalo porque é o que xoga a empresa. Hoxe tocou volta de fin de vacacións e despois desta noite que andaron os trasnos a pintar todos os coches de branco era obriga mercar un dos últimos décimos.
Pero si non toca a lotaría pode ser que Leo saque uns cartiños de mais para a familia cando sexa maior e escriba cousas como as que escribe agora que non teñen desperdicio.

 


PIRATAS los piratas son una triculacion de marineros y un jefe que no tiene ni pata ni mano y tampoco ojo
 



MOMIAS las momias son personas cubiertas  de papel y gienico que se encuentran en egipto

Etiquetas: ,

xoves, 7 de novembro de 2013

A " Leopedia "


O Leo leva uns días que nos está a sorprender. Hoxe mesmo leveino á perruquería e aguantou bastante ben o asunto. Tamén inflúe que lle puxeron a tele para entretelo.
Onde máis se nota é á hora de ler e escribir. No verán apenas leu e escribiu mui pouco e mui mal pero agora le muito e rápido ( graciñas, Pupi ) e aparte escribe ata que lle doe a man e non é unha frase feita.
Agora mesmo está escribindo unha especie de enciclopedia que eu chamo a "Leopedia" e xa leva dezaseis páxinas onde fala de todo un pouco. Encantoume o final da páxina 13 onde explica como son as persoas. Vouno transcribir porque na foto ao millor non se apreza.

AS PERSOAS
as persoas somos nosotros cubiertos de pel, carne, osos
fumos o primer inbento

Outro día seguirei coa " Leopedia ".

Etiquetas:

martes, 29 de outubro de 2013

Sereas, dinosaurios e dentes


 
Esta fin de semana tocou manualidades. O Leo tiña que aprender uns versos sobre unha serea e debuxeille a serea nunhas imaxes para ver se lle era máis doado de aprender. A poesía gustoume pero descoñezo o autor.



Tamén había que preparar un calacú para o Samaín-Halloween que era mui importante e Leo quere gañar que lle dan unha bolsa de lambonadas ao gañador. Fixemos un dinosaurio pero creo que o ten mui difícil mirando como mirei o nivel deste ano.


Pero a gran noticia da fin de semana foi a caída do primeiro dente de Leo. Caiulle a noite do cambio de hora pero o ratiño Pérez non se enteirou e tivo  que poñelo debaixo da almofada o día seguinte. De premio recibiu dúas moedas. Agora o Leo quere que lle caian todos os dentes !.

Etiquetas: ,

sábado, 28 de setembro de 2013

Sete anos ( e máis un día )


O nécoro hai tempo que deixou de selo para converterse no pirata que nos rouba o corazón.
Sete anos logo se di pero son muitos para vivilos e contalos e así agora este neno deixou de ser o bochechudo dos primeiros anos e pasou a ser un neno que malcome. No cole tamén anda algo disperso e a ver se o encarrila a profe deste curso. En canto a regalos recibiu xoguetes que lle gustaron ( exceptuando un minifutbolín ) e contos de Pupi. Tamén recibiu roupa que tirou polo aire pero que vai poñer, claro está.
Pasouno ben no Mundo Pirata e no día seguinte repartiu gominolas no cole. Bueno, acabaron nenos doutro curso asaltándoo e deixándoo sen elas.
E a seguir coa conta !.

Etiquetas:

luns, 16 de setembro de 2013

Tesouros


O sábado houbo cumpreanos dun compañeiro de Leo e houbo unha busca dun tesouro. Ao primeiro o Leo non quería saber nada do conto pero despóis encantoulle. Tanto é así que o domingo tocou busca de tesouro en Arbo. Primeiro fíxenlle eu unhas pistas para seguir pero o tesouro non lle chistou que eran cartos. Logo tocoulle a Naideleo facerlle un percorrido e foi máis intelixente. Mandou cantar a Leo, debuxar e darlle un mangueirazo a unha alfombra e de premio recibiu todo un saltón.
E é que aos seis anos un saltón vale máis que todos os cartos do mundo !.

Etiquetas:

sábado, 27 de abril de 2013

Entre libros


No cole de Leo tiveron a iniciativa de cambiar libros por leite para familias necesitadas e Leo colleu o conto " Pinturiño " que ten boa pinta e que trata dun lapis que quere facer algo importante. Tamén no concello fixeron unha feira do libro e de artesanía e na biblioteca soltaron libros por puntos de Vilaguindastre e adiviña quen topou un. Si, topeino na piscina municipal e é " Dez " de Andrej Longo. O código BCID en BookCrossing é 149-11812003 e cando o lea xa o soltarei. O malo é a cantidade de leituras que teño pendentes. Terei que ler muito.

Etiquetas: ,

venres, 22 de marzo de 2013

Os xiganeiros

 


O Leo ten bastante imaxinación e se non sabes por onde vai acabas descolocado.
O outro día faleille das baleas que unha balea azul é tan grande coma oito elefantes en ringleira. El contestoume: " Pois no país onde falan inglés raro existen os xiganeiros que son máis grandes que as baleas e comen cada día vinte elefantes ".
Na imaxe está representado un taboleiro do xogo da oca creado por el.

Etiquetas:

venres, 1 de febreiro de 2013

Dúas " lerías "


O Leo ten momentos complicados e outros grandiosos polas súas ocorrencias. Vou contar as dúas últimas.
Nunha ocasión dixo Naideleo: " Vou tomar un café para entrar en calor ". Leo oiu iso e botouse a rir. A resposta que lle deu á nai cando lle preguntou por que ría foi esta: " Eu cando teño frío poño unha chaqueta ".
Outra ocorrencia do Leo foi esta: " Eu sei en que se diferencian os homes das mulleres. Os homes teñen piroliña e as mulleres teñen dous cus ".

Etiquetas:

martes, 8 de xaneiro de 2013

Rematou o Nadal



O Nadal é máis que nada para os nenos e así desfrutan coa maxia das luces e figuras. A cara dos nenos na cabalgata ou cando abren os agasallos dío todo. O Leo abraiouse de recibir tantos regalos e iso que foi o que se portou pior da casa ( díxoo el ) e quedou marabillado da auga que beberon os camelos e as galletas que comeron os reis ( un debía ter présa que deixou migallas e un anaquiño da galleta ). Xela non se enteirou muito e aparte leva dende víspera de Reis maliña.
E así remataron estas vacacións para os nenos ata que cheguen as seguintes no entroido.

Etiquetas: , ,

mércores, 19 de decembro de 2012

Prenadaleando


Como é costume na empresa houbo xantar e cesta. O xantar foi en Vilaguindastre, nun sitio pequeno pero onde se estaba ben e a comida foi boa. O discurso foi curto que a situación laboral non está para retóricas. No tocante a cesta dicir que era igualiña que a do ano pasado anque cambiaron os mantecados por bombóns.
Os nenos están ben anque pasan demasiado tempo na casa por estes temporais e acaban frenéticos. O Leo sacou boas notas e mañá vai cantar disfrazado de pastor. Xela segue feita un terremoto e repite palabras coma un loro. Está enamorada dos " tiíz " calcetíns que non paran no pé e dos "guagua " paraugas. Gústalle lavar os dentes "teniiz " e mirar contos que ela denomina " tontos " para riso de Leo.
E así estamos prenadaleando a uns días da chegada do señor de vermello.

Etiquetas: , ,

martes, 6 de novembro de 2012

Festa do Calacú 2012


Este sábado pasado puidemos comer as case-primeiras castañas da tempada e, a verdade, é que apetecían co este tempo húmido, escuro e frío. Foi na Noite do Calacú que organizan os veciños dun barrio de Vilaguindastre.
Uns días antes o Leo levou un papel escrito cos seus medos ao cole para esconxurar eses medos xunto cos dos compañeiriños.
Gustoume o papel e aquí o reproduzo.


Etiquetas: ,

xoves, 27 de setembro de 2012

Seis anos


O tempo pasa por riba nosa a unha velocidade incrible e o Leo fixo seis anos hoxe xa !.
Onte tivo a festa cos compañeiros de clase no parque forestal de Beade e como o tempo estaba revolto tiveron que saltar no inchable dentro da cafetería. Despóis tocou merenda, tarta, entrega de presentes e discoteca. Pasárono mui ben e Leo volveu a casa carregado de xoguetes, roupa, contos e DVDs de Scooby Doo.
De aquí a pouco entra na idade do pavo !.

Etiquetas:

mércores, 26 de setembro de 2012

Recolléndonos


Co este tempo outonal tan cheo de razón non queda outra que recollerse na casa ou saír a sitios cubertos que é o que lle gusta a Leo e desgusta a Xela. Así o luns tocou sesión de cine coa película " Tadeo Jones " ( Taveo segundo Leo ) e que estivo mui ben e entretida a pesar do incordio de levar gafas. Eu aínda rin un pouco co can e o loro e os soldados malos parecían clons dun tal Feijoo.
Na cama rin tamén hai un cacho cando lle contei o conto a Leo. Ultimamente o Leo anda un pouco desafeito a ler así que lle mandei ler uns títulos duns contos que xa leramos e cando lle tocou ler " Por que el cielo está tan lejos " cando chegaba á palabra " lejos " el estaba farto de ler e inventou " alto ". Eu rin un pouco e volvín sinalarlle a palabra para que a lese de novo. Desta volta leu " lonje " e aí rin máis que ata curei a moqueira momentaneamente. Eu non paraba de rir e o Leo contaxiouse e riu coma nunca. Eu xa choraba da risa pero aínda rin máis cando Leo deixou de rir e preguntou inocentemente:  " Por que rimos tanto ?. De que te ris ? ".

Etiquetas: ,

martes, 4 de setembro de 2012

Máis avances



Mentres o Leo é capaz de subir a cordas altísimas e lanzarse por tobogáns, Xela aprende a dicir "pan" , "aba" para auga, "mamá" para chamar pola nai e "mam" para dame.
Este par non deixa de sorprendernos.

Etiquetas: ,

martes, 14 de agosto de 2012

Visita ao zoo


O Leo leva unha tempada teimando cos lobos así que decidimos levalo á Madroa a que mirase os lobos. Non sei como os imaxinaba el pero dixo que os que mirou eran pequenos. O Leíño aínda non sabe que os homes son os lobos para o home pero xa o aprenderá co tempo.
Xela alucinaba con todos os animais. Ela sinalaba e soltaba un " Aaaaaa" que lle saía do corazón.
A verdade é que deixa admirado esta nena que imita todo e quere facer rir á xente. Tamén me deixa abraiado que empece a tararear cancións.
Con estes dous non hai momento tranquilo.

Etiquetas: ,

xoves, 9 de agosto de 2012

Avanzando



Os reis da casa avanzan ao seu ritmo. O Leo aprendeu a xogar ao parchís e á oca e tamén quere ter unha mascota na casa. Chegamos ao acordo de que será un peixiño.
Por outra banda, Xela vai a unha velocidade que non estamos acostumados e iso que apenas come sólido. Ela vai explorando o mundo a toda velocidade e sen medo a case nada, bueno, os cans atráena pero cando se acercan muito ela non gosta desa proximidade. Xela é mui alegre e aleda a muita xente, sobre todo ao avóP que o está pasando mui mal ultimamente.
É unha alegría esta nena cando che dá unha flor, unha aperta ou unha galleta.

Etiquetas: ,

venres, 20 de xullo de 2012

Mundo exterior


Levo uns días sen postear pero non penses que o vou deixar. O que pasa é que se xuntan varias circunstancias que me deixan apartado do ordenador e, loxicamente, non posteo nin comento noutros sitios e malamente accedo á interrede.
Os nenos van ben. O Leo leva uns días coa lideira de que quere ter unha mascota e di que ten un lucecú pero de alí a pouco di que non quere insectos e quere animais carnívoros salvaxes nunha gaiola. Tamén di que aquí nin é verán como di na tele nin é inverno cando é inverno que non neva. Menos mal que neste tempo tolo aparecen días para ir á praia e saltar olas ou pendurarse de barcas.
A Xela segue espabilando cun imán activado para meterse en situacións complicadas e caír ou atrancar dedos ou pés. Agora mesmo ten unha marca ao lado do ollo que semella unha nena maltratada. No comer segue con consumo mínimo e desgaste total que non para de andar dun sitio para outro e fuchicando en todo. Outra cousa que lle gusta é bailar mirando DVDs ou escuitando a radio.
E así vai todo: con momentos bos e momentos menos bos e para que mires que penso no blogo deixo a imaxe esta dun cartel ao rivés que hai que empezar a ler dende a esquina inferior esquerda. Menos mal que nese momento non estaba a conducir !.
Pois nada, a ver se posteo para a semana que vén.

Etiquetas: , ,