leoeosseus

venres, 25 de outubro de 2013

Vixésimo oitavo mes ( e máis un día )



Que mal pai son !. Despisteime do mesario da nena e case non teño unha foto actual.
Bueno, son cousas que pasan.
Xela vai mui ben. Na gardería semella que come ben e así engordou un chisco que noto que pesa máis cando a levo no colo e estes días son bastantes veces por mor da chuvia. No do pis vai millorando e poucas veces o fai por ela. Gústalle xogar con cousas variadas e imitar o que fai o irmán e se está facendo deberes ela ten que debuxar e se el salta ela non é menos e tamén o fai. Fala bastante e explica todo o que fai e fixo cando entras pola porta co seu chapurreado galego-español. O difícil é vestila que non quere roupa nin calzado e hai verdadeiras luitas para poder vestila.
E así vai indo.

Etiquetas:

martes, 24 de setembro de 2013

Vixésimo sétimo mes


Na foto está a nena que nos rouba o corazón e que pon a andar toda a xente da casa. Segue comendo a trancas e barrancas e é a teta da nai a que lle vale. No do pis no seu sitio lévao así así: hai veces que pide e outras que non e temos verdadeiras luitas para levala ao baño como para vestila ou desvestila. A caca xa o leva perfecto.
É unha nena inquieta que quere facer de todo e facerse notar co seu " Yo tou aquí ". Gústalle pegar pegatinas en contos, xogar con monecos, pintar e mirar a tele. Tamén salta e sobe a todo canto pode co seu " Yo sou lande ". Non vai mui contenta á gardería pero logo non hai quen a saque de alí que ten que percorrer todos os xoguetes e bicicletas no camiño de saída. Mañá será un día especial que lle toca comer alí por primeira vez e a ver que tal. Supoño que sairá contando todo: " Xela no chora. Xela xobou cos nenos. Xela é lande i comeu todo " ou algo así. Tamén ten toques bacilóns cando di cousas  no idioma inventado por ela  como " cacoi " e demáis palabras que di cando lle preguntas que quere facer.
Ten palabras simpáticas como " cogual " para igual, " búa " para lúa, " totorías " para tonterías, " papanete " para patinete e " cinque " no canto de quince e para ela unha estrela sempre será " tuinco " da canción " Twinkle, twinkle ". Confunde " bajar " con subir e " sacar " con " poñer ".
En fin, non nos aburrimos.

Etiquetas:

venres, 13 de setembro de 2013

Medos



Xela non é unha nena especialmente medenta pero cando algo non lle gusta remata por dicir " Teno medo " e acabouse.
Onte tiña medo do xigante de ferro que nadaba á beira do edificio da Xunta de Vigo e non se apeou da silla. Tamén hoxe tiña medo da gardería e incluso ten días que ten medo da comida !.
Supoño que tamén tería medo pero de verdade á Santa Compaña moderna que saiu a noite do 30 de agosto se a topa diante.
Agora ata a Santa Compaña se xunta usando a publicidade e as redes sociais !. Non che é como no tempo das Xans !.

Etiquetas: ,

martes, 27 de agosto de 2013

Vixésimo sexto mes ( e máis tres días )


Aquí está a pequena xa hai algúns días. Non teño outra foto dela soa máis actual. É o que ten estar separados bastantes días !.
Ela segue o seu ritmo veloz de avance. Quere facer todo, subir a todas partes, probar a facer o que fan os demáis e pregunta. Iso si, o de comer lévao daquela maneira.
Está reafirmando o seu " eu " preguntando onde está ela e lembrándonos que está ela cando falamos de todos. É garimosa comigo e iso que lle pica a barba. Pregunta pola persoa do grupo que falta e se lle pasa algo a Leo pregúntalle que lle pasa. Cando chega alguén explícalle o que está a pasar co seu " Guai, guachi. Ese ".Tamén quere entrar nos xogos de Leo pero Leo as máis das veces está pechado nos seus xogos e poucas veces a deixa entrar. Iso si, cando xogan xuntos é unha revolución.
Só me queda mandarlle un bico longo de cento sesenta quilómetros para ela, Leo, Naideleo e avoaE que deberon de estar mirando pasar a volta ciclista.

Etiquetas:

xoves, 25 de xullo de 2013

Vixésimoquinto mes ( e máis un día )


Chegamos aos vintecinco meses da Xela e podo dicir que avanza a toda velocidade. Fala seguido e quere dicir frases longas pero só se entenden dúas ou tres palabras. Case pronuncia ben as palabras anque semella portorriqueña falando de " calol " ou " xogal ". É mui activa e salta chanzos e quere agabear a todas partes. Ten unha moto pequena e vai para adiante bastante rápido e tamén se deixa caír para atrás por costiñas. Encántalle pór caras e facer acenos distintos, mirar de esguello e dicir cousas como " xa veño " afirmando co dedo estilo marisabidilla. O de facer as súas necesidades vai levándoo mui ben. Vai soíña ao " pico " ( penico ) e pide para ir ao baño pero non lle gusta facer nada de campo. Tamén ten un carácter forte e insistente e iso que apenas come. Sabe o que quere e pide para durmir ou tetiña segundo lle apeteza.
Cambiando de tema, Elvira preocúpase por se nos vimos afectados polo accidente de tren e teño que dicir que, por fortuna, non nos tocou nin na familia nin en coñecidos.

Etiquetas:

xoves, 11 de xullo de 2013

Comparando


Pasa o tempo e mudan as formas. Hai máis de trintatantos anos eu era un rapaciño que debuxaba robots inimigos de Mazinger Z. Un día estaba todo enfrascado debuxando no portal do cuartel da Garda Civil esperando por un amigo fillo dun garda. De súpito caiume unha enxurrada de auga por min e a libreta onde debuxaba, levanto a vista e miro un Garda Civil daqueles tempos con bigote e tricornio que aguantaba unha mangueira e que estaba a regar o céspede. Como se aburría non se lle ocorreu nada millor que mollarme a min. El ría e eu solteille un " hijo de puta " que me saiu do peito e botei a fuxir.
Nada que ver co garda de onte cando fun denunciar a rotura do portal do edificio. Levei a Xela e estamos na época de abandono de cueiros e, está claro, escápaselle algunhas veces. Pois iso, non se lle ocorreu nada millor á nena que mexar no cuartel. Eu non sabía que facer pero o garda díxome que me tranquilizsse e ergueuse e foi buscar unha fregona e limpou o chan. Tamén trouxo papel hixiénico para a nena e unha bolsa do lixo para a braguiña.
Semella que algunhas cousas milloraron co paso do tempo.

Etiquetas: ,

luns, 24 de xuño de 2013

Segundo ano


Hoxe a xoubiña fai dous anos. Que podo contar ?. Que saiu mui espelida e feliz, que xoga con todo e a todo, que fala e conta cousas, que quere ter razón sempre e que é un lorito. Segue comendo baixo mínimos e sálvaa a teta que había de estar aviada se non. Está simpática coas súas frases e agora está con: "Punto y se acabó ", " Tú no, yo sí ", " caca de can ",etc.
Leva un moneco de Elmo pola casa adiante e trátao como a un bebé e dálle de comer: " Come, si ? ", séntao: " Senta, si? "e así todo o tempo. No aspecto físico dicir que lle gusta correr, saltar, subir a alturas e bailar. Entretense con todo e tanto pide tele como pinta todo ou quere un conto ou xogar con puzzles ou pezas de montar.
Pois nada, que temos traballo para un chisco ...e que non falte !.

Etiquetas:

venres, 24 de maio de 2013

Vixésimo terceiro mes



A naipela segue avanzando no aspecto físico á súa velocidade e agora salta escalóns e todo. Aprendeu a baixalos sen apoiarse e agora xa os salta. Tamén corre e gústalle facer " ximnasia ". No comer si que non avanza e segue sendo de baixo mantemento. Progresa no falar e faime graza que remata en "i" as verbas que rematan en consoante coma " sol " e " señor "  e " oso polar " que son " soi " e " señoi " e " polai ". Tamén usa ese " i " como negación nunha frase: " i guta " ( non me gusta ). Tamén aprende muito español na guardería e así quere correxirme cando falo. Xa lle cambiou o nome ao irmán e xa non é " Lô " e agora é algo entre Lío e Leo.

Etiquetas:

domingo, 5 de maio de 2013

Paseando en maio

 
 
Maio pode estrearse cun paseo á beira do río Miño.
 

 
 
É unha oportunidade perfecta para topar cun amigo da infancia, xogar en parques infantís, fotografar graffitis ou que Xela probe o primeiro xeado da súa vida.
 


 
Neste sábado cambiamos do río para a ría e despóis do xantar baixamos á zona da ETEA de Vigo onde un cuartel da mariña quedou aberto para desfrute de toda a xente.
Non me extraña que poñan pintadas dicindo: " Gora ETEA " ( " Viva ETEA ").
 



Desta vez un parque con forma de barco atraiu a atención dos pequenos.
A min gustáronme as imaxes do mar tranquilo e o ceo azul.
Seguiremos paseando !.

Etiquetas: ,

xoves, 25 de abril de 2013

Vixésimo segundo mes ( e máis un día )


Pasa o tempo e Xela abre camiño pola vida adiante. Hai unhas febres misteriosas de cando en vez por aí pero ela aguanta. Come pouco e móvese muito. Imita ao irmán e gústalle coller cousas coas que anda a xogar el pero a ela non lle gusta que llas collan. Di muitas palabras e ata me corrixe ás veces con " culo ", " caquillas " ( cóxegas ) e outras. Gústalle estar co irmán e aproxímase con vergonza a outros nenos anque pronto xoga co eles. Non ten xoguete favorito e tanto anda cunha cousa coma con outra. Gústalle bastante a tele, pintar e cantar e canta " Pama, pama, pama, pe, pe, pe, lola, lola, lola. Caquéee. " ( Palma, palma, palma, pe, pe, pe, roda, roda, roda. Caranguejo peixi é ). Gústalle limpar cousas cunha toalliña húmeda e pintar as uñas. É media equilibrista e tennos sorprendido sentada na mesa do ordenador, a da cociña ou a do salón e non se lle pode deixar a porta sen chave que escapa.
Vaia, que non nos aburre.

Etiquetas:

domingo, 24 de marzo de 2013

Vixésimo primeiro mes


A naipela chegou aos vinte e un meses e prosperando en todo. É unha neniña inquieta que está atenta a todo. Non sei de onde saca as forzas para correr e subir a toda canta altura hai. Fala bastante e coñece algunha letra como o "A". Conta á súa maneira: " tinto, sei, oto, noelés ( nove máis dez xuntos )". Antes dicía " quete " como quente para dicir que algo non lle gustaba pero agora xa di "agusta" cando non lle gusta algo ou tira co prato directamente ao chan. Ten muito xenio e chama a toda voz pola mamá ou polo papá. Encántalle Epi e Blas ( "Api Blas ") e os vídeos da " Galinha pintadinha ". Outra cousa que lle gusta é encher papeis de "cícolos " ( círculos ) e de alí pasa a escribir en mobles e paredes. Cando quere algo non dubida en roubarllo ao irmán ou chora pedíndoo.
E así vai, con días alegres como o da foto tirada hai unha semana ou con días pochos como estes últimos días ata que lle meteron onte un soro milagreiro nas urxencias do Xeral para baixarlle a febre da amigdalite vírica.

Etiquetas: ,

domingo, 24 de febreiro de 2013

Vixésimo mes


Aquí temos á macaquiña co seu sorriso pillo. A nena prospera en todos os aspectos. Vai comendo algo millor ( que o demo sexa xordo ). Na guardería relaciónase ben e aprende a dicir " bío " que é " mío ". Aprende muitas palabras e onomatopeias e así di " tui " ( azul ), " malo " ( amarelo ), " lasa " ( laranxa ), etc. Di " teta " pero pode referirse á da nai, a unha galleta ou á orde de " senta ". Gústalle o mando da Wii e quéreo sempre: " mano ". Cando quere beber pide " acua ". Gusta sinalar partes do corpo " ollos ", " risz "( nariz ), "tota "( boca ), " tetez "( dentes ), " quixo "( queixo ), " llellas "( orellas ), " titos " ( chichos ), " man ", " cu "," pe ". Dá as gracias cando dá ou recibe algo: " gátaz ". E hoxe dixo un nome simpático do bombón: " papón ".
Co Leo lévase mui ben e trata de imitalo en todo e de xogar co que xoga el. Tamén ten ciumes e se a nai colle a Leo no colo alá vai Xela pidindo " lolo ".
É inquieta e tanto quere mirar a tele " lele " como apagala. Despóis pode querer abrir a pecera e tratar de pendurarse dela ou subir banquetos ao sofá para sentar ela arriba ou prender as luces da casa " luis " e abrir portas " pota " ou " peta ".
É ordeada ao seu xeito e quere gardar o abrigo e os zapatos seus e os do irmán.
E segue a conta !.

Etiquetas:

sábado, 26 de xaneiro de 2013

Décimo noveno mes ( e máis dous días )

 
 

Na foto temos a alegría da casa. Segue comendo mui pouco pero iso non impide que estea activa a máis non poder. Gústalle explorar e repetir todo o que mira facer. Está enamorada do irmán e chámao coa súa lingua de trapo: " Lô ! Ven ! " cando senta para comer ou quere xogar co el. Saúda a todo o mundo e se entra alguén na casa alá vai ela saudar e logo pasa a presentar a familia toda.
Vai ampliando vocabulario e así di " ben ", " pe ", " ollo ", " tan " ( chan ), " bobo " ( lobo ), " ente " ( quente ), " pápoz " ( zapatos ), " lolo " ( colo ), " lulú " ( iogur ), " toi " ( sol ),  " llus " ( luz ), " too " ( cando remata algunha cousa ), " abí " ( cando pide para subir ou abrir ), " oto " ( cando sinala para pedir unha cousa ), " vede " ( verde que é a cor universal para ela ), " gazaz " ( gracias tanto cando dá como cando recibe algo ) etc, etc. Tamén segue algunhas cancións ao seu xeito e a ver se sae coa memoria e ritmo musicais do Leo. Encántalle a velocidade e dá voltas ao redor no asento xiratorio con forma de ovo que sae na foto, que semella milagre que non se maree. A velocidade é tanta que cando monta Leo co ela ten que pedirlle o irmán maior que pare. Outro detalle que ten é que gusta de andar descalza e de buscar lixos dos calcetíns entre as dedas. Tamén gusta de roubar calzado dos demáis e poñelo ela. Gústalle facer círculos con lápices e ao final fai puntos con tanta forza que rompe a punta dos lápices; iso si, empeza no papel e remata pintando na mesa ou no chan.
Na forma de ser hai que dicir que ten carácter e é teimuda. Incomódase cando non se lle cumplen os caprichos. Por outra banda hai que dicir que é xenerosa e se lle dás unha galleta pide outra para o irmán.
Na guardería vai ben. Agora xa entra sen chorar e sae contenta. Preguntamos que tal o pasou e ela di " ben " e logo bota parrafeos no seu idiolecto supoño que explicando todo o que fixo alá dentro.
E así, aos poucos, vai Xela abrindo camiño.
 

Etiquetas:

martes, 8 de xaneiro de 2013

Rematou o Nadal



O Nadal é máis que nada para os nenos e así desfrutan coa maxia das luces e figuras. A cara dos nenos na cabalgata ou cando abren os agasallos dío todo. O Leo abraiouse de recibir tantos regalos e iso que foi o que se portou pior da casa ( díxoo el ) e quedou marabillado da auga que beberon os camelos e as galletas que comeron os reis ( un debía ter présa que deixou migallas e un anaquiño da galleta ). Xela non se enteirou muito e aparte leva dende víspera de Reis maliña.
E así remataron estas vacacións para os nenos ata que cheguen as seguintes no entroido.

Etiquetas: , ,

martes, 25 de decembro de 2012

Ano e medio ( e máis un día )


Xela fixo o ano e medio o día de Noiteboa e sempre é unha boa data para celebrar o medio aniversario.
Xa está ben de saúde pero segue sen comer muito. Iso si, non perde a vitalidade e as ganas de fuchicar en todo. Repite bastante ben as palabras e bota parrafadas en " chino " de cando en vez. Leva mal as viaxes en coche e berra no coche. Só se tranquiliza mirando cousas no móbil.
E xa imos rematar este ano.

Etiquetas:

mércores, 19 de decembro de 2012

Prenadaleando


Como é costume na empresa houbo xantar e cesta. O xantar foi en Vilaguindastre, nun sitio pequeno pero onde se estaba ben e a comida foi boa. O discurso foi curto que a situación laboral non está para retóricas. No tocante a cesta dicir que era igualiña que a do ano pasado anque cambiaron os mantecados por bombóns.
Os nenos están ben anque pasan demasiado tempo na casa por estes temporais e acaban frenéticos. O Leo sacou boas notas e mañá vai cantar disfrazado de pastor. Xela segue feita un terremoto e repite palabras coma un loro. Está enamorada dos " tiíz " calcetíns que non paran no pé e dos "guagua " paraugas. Gústalle lavar os dentes "teniiz " e mirar contos que ela denomina " tontos " para riso de Leo.
E así estamos prenadaleando a uns días da chegada do señor de vermello.

Etiquetas: , ,

luns, 3 de decembro de 2012

Xela a repetidora


Xela está aprendendo a falar repetindo ao seu xeito as palabras. Leo é " Oo " para ela, algo parecido a como di cando se refire a Pocoyó. Elly é " Ee ", o curmán chámao " Pi ", Mickey é " Pipi " e Pato di algo así como " Pa ' u " cun salto da letra " t " oclusivo glotal que me fai lembrar como dicía a xente da rúa en Londres o seu " t " de lettuce que soaba " lé ' is ". Tamén di " gobo " para globo e " pepé " para papel.
Na foto está no concerto de María Fumaça de onte desfrutando de cancións como" A sopa do nené " ou " O mercado ".

Etiquetas:

sábado, 24 de novembro de 2012

Décimo sétimo mes


A xoubiña segue a medrar ao seu ritmo. Semella incrible que teño tal vitalidade co pouco que come. Supoño que o leite da nai fará o miragre de darlle vitalidade. Xa ten todos os dentes e xa bota carreiriñas. Tamén salta no sitio e baila e tararea cancións. O asunto da gardería non o leva mui ben anque, para dicir a verdade esta semana só foi un día que non andaba mui católica de saúde cos mocos, toses e febres. No falar non avanzou pero entende todo e asocia muitas cousas. Por exemplo, se agora mira a lúa no ceo fai coas mans o que fan uns nenos dun vídeo da canción " Twinkle, twinkle, little star " ou " Trinco, trinco" como di o Leo.
E imos camiño do ano e medio !.

Etiquetas:

luns, 12 de novembro de 2012

San Martiño 2012


Pasan os san Martiños por nós e eu sigo coa teima de mercarlles pións aos meus fillos. Este ano non me compliquei a vida e merquei dous no quiosco do bairro a 1,5 euros cada un. Son feitos en Catalunya e bailan ben como se ve no vídeo. Hai que contar que eu botei a bailar o pión e logo collín a cámara.
Con este vídeo sigo a serie de san Martiños do blogo e espero que Leo e Xela aprendan a facelos bailar, anque haxa que esperar uns aniños máis.
E agora poño unha foto de Xela co seu pión na man. A reacción de Xela ao mirar bailar o pión foi de sorpresa anque tiña algo de frío e moquiños e non andaba mui alegre.

Etiquetas: ,

xoves, 8 de novembro de 2012

Cores de outono



Xela está no periodo de adaptación na gardería e cada día bota un pouco máis de tempo nela.
Hoxe botou hora e media, e que podo facer nese tempo ?. Pois acercarme co coche a un monte perto e fotografar a natureza no outono.
Aquí queda a reportaxe.



E Xela ?. Xela ben na gardería pero é chegar e chora pero á hora de recollela despídese dos ananiños da porta coa man e dicindo " Caaa " para dicir " Chao ".

Etiquetas: ,