leoeosseus

sábado, 26 de xaneiro de 2013

Décimo noveno mes ( e máis dous días )

 
 

Na foto temos a alegría da casa. Segue comendo mui pouco pero iso non impide que estea activa a máis non poder. Gústalle explorar e repetir todo o que mira facer. Está enamorada do irmán e chámao coa súa lingua de trapo: " Lô ! Ven ! " cando senta para comer ou quere xogar co el. Saúda a todo o mundo e se entra alguén na casa alá vai ela saudar e logo pasa a presentar a familia toda.
Vai ampliando vocabulario e así di " ben ", " pe ", " ollo ", " tan " ( chan ), " bobo " ( lobo ), " ente " ( quente ), " pápoz " ( zapatos ), " lolo " ( colo ), " lulú " ( iogur ), " toi " ( sol ),  " llus " ( luz ), " too " ( cando remata algunha cousa ), " abí " ( cando pide para subir ou abrir ), " oto " ( cando sinala para pedir unha cousa ), " vede " ( verde que é a cor universal para ela ), " gazaz " ( gracias tanto cando dá como cando recibe algo ) etc, etc. Tamén segue algunhas cancións ao seu xeito e a ver se sae coa memoria e ritmo musicais do Leo. Encántalle a velocidade e dá voltas ao redor no asento xiratorio con forma de ovo que sae na foto, que semella milagre que non se maree. A velocidade é tanta que cando monta Leo co ela ten que pedirlle o irmán maior que pare. Outro detalle que ten é que gusta de andar descalza e de buscar lixos dos calcetíns entre as dedas. Tamén gusta de roubar calzado dos demáis e poñelo ela. Gústalle facer círculos con lápices e ao final fai puntos con tanta forza que rompe a punta dos lápices; iso si, empeza no papel e remata pintando na mesa ou no chan.
Na forma de ser hai que dicir que ten carácter e é teimuda. Incomódase cando non se lle cumplen os caprichos. Por outra banda hai que dicir que é xenerosa e se lle dás unha galleta pide outra para o irmán.
Na guardería vai ben. Agora xa entra sen chorar e sae contenta. Preguntamos que tal o pasou e ela di " ben " e logo bota parrafeos no seu idiolecto supoño que explicando todo o que fixo alá dentro.
E así, aos poucos, vai Xela abrindo camiño.
 

Etiquetas:

3 comentarios:

Ás 28/01/13, 13:43 , Blogger Paz Zeltia dixo...

É un milagre.
Teño darredor un par de nenos desa idade e cando tardo en velos un par de semanas admírome dos progresos.

ultimamente boto de menos un neno pequeno na familia...

 
Ás 29/01/13, 13:48 , Blogger matrioska_verde dixo...

encántame eso de que busca lixo nas dedas... paréceme un detalliño moi lindo... imaxinoa buscando entre as dediñas moi concentrada...

semella que é feliz, semella que sodes felices e gústame.

como cantaban os paiasos, non hai nada mais lindo que unha familia unida.

biquiños,

 
Ás 31/01/13, 09:28 , Anonymous A nena do paraugas dixo...

Dá gusto vela! Leva a ledicia debuxada nos ollos!

Calquera non namora dela!

Bicos.

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio