leoeosseus

sábado, 17 de xullo de 2021

Mirabeis e outras cousas non tan dóces


 

Hoxe fun polo taller pero non para arranxar un coche senón para apañar mirabeis. Están no punto e encántanme. Como aos veciños de enfronte.

O que non está a punto é o meu historial clínico. Non consta a segunda vacina que me puxeron e que me deixou tirado un día enteiro. Fun á farmacia e ao centro de saúde e non aparecía a segunda vacina. Na farmacia dixéronme dun sitio onde fan PCRs sen baixar do coche por 30 euros e co resultado en vinte minutos. No centro do saúde déronme unha cita telefónica coa miña médica alá para o 30 e un formulario para reclamar no Sergas. O que vou facer é ir mañá ao IFEVI que teño cita para vacinarme ( a cuarta xa! ) e contar o caso a ver se teño sorte e me anotan como vacinado sen poñer a terceira dose. A ver.

E mañá empezan as vacacións en Ldn, que non en Vlrñ.

Etiquetas: ,

sábado, 19 de xuño de 2021

A cara descuberta


Os tempos de mirar a cara da xente van volver ! Falta unha semaniña para que se poida ir a cara descuberta pola rúa. Seguiremos co tapabocas no interior e no exterior se hai muita xente ó redor pero xa será outra cousa. Así un compañeiro do choio xa levou as dúas picadas e agora xa se ducha no choio que antes fuxía da xente coma de apestados.

Semella que todo vai collendo o seu xeito menos o tempo que agora está chuviñento como de primavera.

No xardín temos a segunda rolada de rolas e son dous pelachiños que aínda nin abriron os ollos. E así lembro a rola engaiolada no choio que leva varios días querendo fuxir. Quen sabe se non ten unha rolada que criar !

Etiquetas: ,

venres, 21 de maio de 2021

Medran os días e os pelachos


 

Non escribín nada esta semana pero a vida segue. Os días medran e os pelachos da rola que aniñou no mandarineiro tamén. E mañá toca xeringazo e non sei de que marca será. Xa contarei mañá ou pasado que mañá hai festival de Eurovisión: cita familiar diante da tele.

Etiquetas: ,

domingo, 18 de abril de 2021

Chalordas, tataramigas e máis


 

Non hai policías na casa e xuntámonos máis da conta pero tamén entre vacinados, nenos e xente que xa pasou a enfermidade só quedaba eu de persoa problemática. E é que apetece xuntarse inda que sexa con máscara e así tamén onte os tres curmáns xogaron xuntos nun parque, falaron despois de Pejertos, Dositeos e Baltasaras e hoxe xantamos varios xuntos.

E avóM falou cun veciño de aquí que resulta que é de Arbo, dos Chalordas, palabra que non coñece o avóM pero que eu busquei e hai unha zona de Portugal que a emprega como sinónimo de horta ou leira. E falamos todos e lariamos coma chacarelas e así Xela fainos a burla e di " Tataramigas " que podería ser unha bonita palabra. Habería que buscarlle o significado; amigas de hai muito tempo ou amiga dunha amiga doutra amiga. Eu que sei.

E " Repúblico " durou pouco que lle fuxiu á dona e a ver se volve que xa hai cadeladas por ai diante que a primavera vén rabiosa.

E estou lendo " Como a roda no muíño " de Suso Lista, cun protagonista case Quixote facendo un camiño francés de Santiago ao seu xeito. Xa contarei como remata.

Etiquetas: , , ,

martes, 13 de abril de 2021

Por aquí estou

 

Hoxe estou na casa, non me vaia pasar algo polo martes trece; pero o domingo repetimos a paseata de Arbo.  Na foto sae a praia fluvial, despois os pescos que son as construcións desde onde se pescaba ou pesca a lamprea, a ponte internacional actualmente fechada polo Escornaviros e da outra beira do río xente sen máscara e non sei se poden estar así ou non fan caso da lei. 

Outro asunto, rematei de ler " Cobiza " de Reimóndez e parte dunha idea mui suxestiva. No futuro a humanidade está sen tecnoloxía e case non hai mulleres fértiles. Por outra banda unha científica logra mesturar unha muller cunha planta e consegue crear o ser perfecto. É unha novela escrita durante a pandemia e así ten esa carga distópica e case deprimente dun futuro mui duro para o planeta e os habitantes que quedan.

E hoxe aprendín que non de di pinchar en galego cando se pon unha vacina ou cando a roda perde aire con algo que se lle clavou. Pinchar só serve para saltar ou chimpar que así si que o usaba eu.

Etiquetas: , , ,

luns, 8 de marzo de 2021

8 M e antes

 

Sábado facía boa tarde e Xela foi co seu amigo a San Cibrán. Hai un feixe de cotos espalladps alí e muitas mesas para merendar. De feito, había muita xente merendando e ata celebrando festas de aniversario e cando marachamos a xuventude xa empezaba a sacar de bebidas das neveiras. Tamén había escaladores nun penedo de parede vertical. Traían furgonetas e logo ían quedar a cear.

 

Domingo fomos a Arbo que dende Reis non foramos- Así celebramos os aniversarios de avóM e de Naideleo. Logo pegamos unha voltiña ata unha nova plantación de albariño e tivemos que cruzar por un camiño de carro invadido por xestas. Logo volvemos á Refontán pasando pola Barreira e o Barandón onde hai montes dos tíos de Naideleo.


E hoxe é o 8 M que, paresme a min, está totalmente descafeinado comparado co do ano anterior e máis aínda comparado co 2019. Ás doce e pouco mirei muitas mulleres traballando en cafeterías , repartindo ou conducindo furgonetas. Suponse que a esa hora habería unha concentración na rotonda de SomosMos pero non sei como estaba o ambiente. Iso si, a perruquería de cans da foto non traballou.

Etiquetas: , ,

luns, 15 de febreiro de 2021

Subida ao Castelo

 Hoxe andei abondo: á mañá fun buscar o coche ao taller e á tarde subimos ao monte Castelo. Facía algo de calor cando subimos por detrás do cemiterio de Cans pero chegamos bastante rápido. Alá arriba corría aire e había mozos con cans. Tamén apareceu un deses que corren, chegan e baixan correndo. Fixemos fotos nosas, das vistas e das camas das santas.

 

Logo collemos a pista para baixar polo Roupeiro. Cruzámonos con ciclistas e algunha xente a camiñar. Nótase que os bares están pechados, que os comercios ían pechar a esa hora e que fixo un día espléndido. Baixamos por unha pista fendida pola auga destes días de tal maneira que semellaba unha grecha dun terremoto ou a falla entre as placas de Islandia. Despois pasamos polas casas e o Freixo de Albarín, árbore senlleira.

Non estivo mal o paseo. A ver se mañá me podo mover !


 

Etiquetas:

venres, 27 de novembro de 2020

Bonitas imaxes VS imaxes feas

 
 

Unha bonita imaxe é a do solpor con roibéns que vivín paseando a cadela o outro día. Tamén ía detrás del un fotógrafo que non o deu pillado.

O concello de Vilaguindastre estivo iluminado dunha cor especial polo día internacional contra a violencia de xénero. A imaxe é bonita pero o motivo é triste.

E a imaxe fea é a da actualidade coa xente limpando todo contra o becho mentres outros non coñecen o significado do café " take away " e tómano á porta da cafetería, fumando, rindo, coa máscara no queixo por se aparece a policía. Non dan aprendido.

En fin.

Etiquetas: , ,