leoeosseus

mércores, 10 de abril de 2019

Modernizándose


Na fábrica estamos automatizando e hai tanta xente con chaleque reflectante que semella París en plena protesta dos " coletes " amarelos.
Tamén Google Maps actualizou imaxes de Vilaguindastre e aquí saio eu retratando o coche que me fixo a foto. A imaxe miña con dedos facendo o sinal da vitoria non saiu.

 


Etiquetas: ,

venres, 30 de novembro de 2018

Mata 2018 e Google


O tempo pasa e o pintor parece que quere empadronarse na casa e así a mudanza segue en stand by.
Por Arbo os dous porcos pasaron a millor vida e lembrei faenas e palabras e aprendín outras como reighañas e rodocelo.
E hoxe pasou o coche de Google maps Street view e cando actualice as imaxes xa poñerei a miña aquí cos dous polegares levantados.

Etiquetas: , ,

venres, 17 de agosto de 2018

Póndome no día


Hoxe por fin temos interrede despois da colgada que nos fixo unha compañía durante once días.
E nós estivemos pegando unhas voltas por terras de Acedre e Pantón co seu alpendre para comer polbo nas feiras, o encontro cun amigo da infancia que versionara un poema de Bécquer e a imaxe simpática dun xenete ao que lle serven un calimocho montado a cabalo.


O Leo está adestrando nun equipo de fútbol dunha parroquia veciña. Van varios compañeiros de clase e está contento. Eu aproveito para descubrir pintadas mentres exploro camiños da miña infancia polas Barreiras de Centeáns.


A calor esquívase en praias ou en cinemas con películas trepidantes como " Os Incribles 2 " onde a mala semellábaseme a unha coñecida romanesa.


Houbo un día festivo que aproveitamos para ir a Fisterra coa súa praia Langosteira con augas boas de temperatura de maneira mui excepcional.


Merendamos no barco das merendas de Sardiñeiro coa súa praia cada vez máis pequena por un regato que verte alí. Supoño que o novo peirao tamén influi no achique do areal.


Unha mañá foi adicada ao cabo Fisterra cos seus peregrinos e turistas, un guitarrista que alegraba, un selador extraoficial do fin do camiño, as pintadas e pegatinas de peregrinos, un ratiño bebé e unha torreta que caía enriba nosa por efecto óptico.


Tamén fomos á praia de mar de Fóra coas súas moras, as súas ondas perigosas, os seus turistas atrevidos ( que nos fixo lembrar Reynisfjara ) e o instituto con pista deportiva para animar a Leo a mudarse aquí se atopo eu traballo de repartidor de pizzas ou recolledor do lixo.


Voltamos a Sardiñeiro e na despedida saudei a Palmira e coñecín o seu fillo Etel.

E de remate deixo unha foto dunha leiterena das praias.

Etiquetas: , , , , ,

mércores, 18 de xullo de 2018

Ricos VS pobres


Tanto na terra coma no mar hai contrastes e así presento hoxe dúas fotos feitas no mesmo lugar. Unha mostra o iate de Amancio Ortega, un dos homes máis ricos do mundo e non falei con el: había que nadar muito e había seguratas que seguro que mo impedirían.
E na foto de abaixo está José Iglesias de 85 anos que mantén para o seu lecer a chalana ou ghamela " Polvo ".
Onte tiven un parrafeo co el porque lle desapareceu o " besón " que é un tapón de corcho do fundo da chalana e enchéuselle de auga e tivemos que achicarlla para póla a flote.
O vello mariñeiro vive só porque na Coruña non hai chalanas no porto. Agora non pesca pero ten a gamela por hobby anque máis lle valía tela en outro sitio que a xente protesta polo perigo que supón o " risón " que é a áncora.
Eu penso que a xente debería ter un pouco de comprensión polo home este e compartir as areas coas embarcacións como se fixo toda a vida.

Cambiando de tema. Descubrín dúas cancións que dedico aos ricos e aos pobres. A dos ricos é de La Raíz e titúlase " Rueda la corona ". A canción para os pobres e especialmente José Iglesias sería " Pobre pescador " de Lone Star.


Etiquetas: , ,

domingo, 1 de abril de 2018

Blogaliza desaparece


Dáme a impresión de que todo o relacionado co galego está de capa caída e así vén a sumarse a pronta desaparición de blogaliza. O día 25 de abril elimina os contidos así que se tés un blogo ou sabes de alguén que o teña en blogaliza xa podes migrar para outra plataforma. Eu tiña este blogo de blogspot copiado en blogaliza pero entre onte e hoxe tiven que copiar o que tiña para canalblog. Esta plataforma está en francés pero é gratuita e doada de usar. Máis vale así que non eliminado. Ou sexa que:

Abur " Asegurándome de non perder ".

Ola " Para non esquecer ".

E que non sexa o un de abril para o blogo e vaia a onde non tiña que ir.

Etiquetas:

xoves, 29 de marzo de 2018

Frente á pantalla

 
 
Un día pechado na casa dá para viaxar pola interrede a fartar. Lin e mirei muitas páxinas e vídeos e aprendín e divertinme.
Aprendín que climacofobia é o medo ás escaleiras como na imaxe que ilustra este posteo.
Estiven tamén cos vídeos dos youtubeiros e destaco tres como podería destacar outros.
- Juan O Choio explica como fai un vello dependendo da situación. É una canle mui simpática que xa pechou porque non lle gusta a fama. Aquí deixo o capítulo " Como entender a xuventude ".
- Outra canle que descubrín é a de Fati; unha artesá de Santo Andrés de Teixido que fai rotas pola natureza, fala de artesanías e ten unhas monecas que falan de cousas distintas. Aquí as monecas apréndennos refráns.
- Unha rapariga que fai de todo neste vídeo mostra como se debuxa.

Etiquetas:

martes, 30 de xaneiro de 2018

Grandes palabras



Eu quixera escribir grandes palabras pero non son quen de facelo. Outros escriben palabras cheas de significado pero que xuntas non teñen sentido; polo menos para min.
Eu son máis de palabras vellas que ecoan de cada vez máis lonxe.
Ou de chiste alegre e simplón.
- Teño una noticia boa e outra mala, a mala é que pola crise non hai que comer e temos que comer merda.
- E a boa ?
- Que hai merda para todos.

Etiquetas: ,

sábado, 28 de outubro de 2017

Ata os perrinchos


Ata os perrinchos estou de  zascas e tanto bombardeo de Libertad Digital, Periodista Digital, Ok Diario, La Vanguardia, El País, Telecinco, Marca, ABC e outros e preciso de outros puntos de vista.
E así tamén coñezo a Marcos Escudero: un artista escultor e debuxante, a Carlos Méixome: un historiador e unhas figuras que sobreviven ao lume en Tortoreos, As Neves.
Hai que abrir os ollos.

Etiquetas: ,

xoves, 21 de setembro de 2017

Rir a pesar de todo


Hoxe rematan as miñas vacacións, empeza a chover e raiáronme o coche pero hai que rir a pesar de todo.
Graciñas a Canto Ghalpón.

Etiquetas: ,

domingo, 17 de setembro de 2017

O " quitateimas "


Empezou setembro e abrochan por aquí e alá cursos, actividades e colecións de fascículos. Eu, por exemplo, mirei este cartaz que retrato e habería ata tres cursos que me enchen o ollo. O caso é que non os podo facer por motivos de traballo unha; e para atender os nenos, outra; que Naideleo non vai poder estar co eles nas tardes.
Adicareime a aprender palabras novas pola interrede como " de pachena ", expresión curiosa do Ferrol que significa estar deitado bocarriba.
Por certo, aprendín hoxe pero no mundo real e da boca do tío Pepe o nome de " quitateimas " para o Smartphone. Que non sabes o número de habitantes de Catalunya, se naceu antes Beiras ou Fraga ou queres calcular a distancia dende casa ao instituto ?. Pois preguntas ao móbil e xa che quita esa teima.
E así pasa o tempo.

Etiquetas: ,