leoeosseus

xoves, 30 de outubro de 2008

Adiós ríos, adiós fontes.



Seguindo co tema de Vilaguindastre o cartaz da foto fíxome lembrar a Teté Delgado, vilaguindastreira bastante coñecida. Coincidimos varios anos no instituto e de sempre foi mui falangueira e viva. Nun festival do día das letras galegas cantou cuns compañeiros o poema " Adiós ríos, adiós fontes " nunha versión rock mui simpática que non dei esquecido e iso que son bastante malo en asuntos musicais. Pero o máis simpático do conto é que apareceu uns días atrás o cartaz da Charleston Big Band que anuncia o merengue Rosalía que podes escuitar aquí e baixalo ao móbil e todo.
En fin; non sei que terá ese poema para que o versionen tanto.

Etiquetas: ,

mércores, 29 de outubro de 2008

Vilaguindastreiros na rede


O outro día chegou a revista A Peneira á casa. No número impreso saio eu nunha foto no medio de xente atendendo ao pregón de Uxía Senlle na festa dos callos. Lendo a revista souben dun debuxante e dun artiguista e ata souben duns rapaces con inquietudes artísticas en Vilaguindastre.
Parece que Vilaguindastre ten un espazo na arañeira e alédome por iso.

Etiquetas: ,

domingo, 5 de outubro de 2008

Unha vila case pequena



Hoxe houbo callos en Vilaguindastre e houbo muita xente pero non tanta como para non coñecer bastante e saber cousas da vida duns e doutros porque Vilaguindastre é unha vila case pequena.

Estaban inflando un globo aerostático no parque da Feira e o avóM coñecía o piloto e case estiven tentado de pedir para montar no globo. Quen non desexa voar en globo ?. O pregón leuno Uxía ( coincidín con irmás no instituto ) que ten bastantes raíces en Vilaguindastre e muito do que dixo eu coñecíao e ata coincidimos en sermos alumnos dun profesor marabilloso: don Antonio Valverde Mayo. Cantou unha copla adicada á vila e sabíaa un gaiteiro co que coincidín no instituto. Logo mirei xente coñecida nas mesas ou nas colas e xente que facía anos que non miraba. Chegaron coñecidos da festa da bicicleta e foron buscar callos ( ben merecidos ). Unha colexiala loira saudou a outro compañeiro de instituto antes de mercar eu a revista Malladoura e aquí e acolá a xente falaba castelán, galego ou español con acentos suramericanos e un negro trataba de vender música polas mesas. Os callos estiveron ben e o viño, para acabar de demostrar que o mundo é pequeno; estaba feito na adega do alcalde de Arbo.

A foto é unha foto fusilada dunha familia de Arbo ocupada nunha roca e cun biturón, a rede para pescar lampreas.

Etiquetas:

sábado, 30 de agosto de 2008

Falsas promesas



Cando ampliaron a ponte sobre o río Louro en Vilaguindastre tiraron coa ponte vella. O anterior goberno municipal prometeu facer un parque e reconstruir nel a ponte vella para pasear por ela e conservala pois figura no escudo de Vilaguindastre e sería un digno retiro para a ponte emblemática. Fixeron o parque pero a ponte está desmontada nun terreo diante da miña casa cuberta de silvas e de cada vez máis esquecida. Supoño que quedará aí para futuros arqueólogos que matinarán sobre que facían aquí estas pedras amoreadas.

Etiquetas:

xoves, 28 de agosto de 2008

Paco Atraco



O outro día mirei un personaxe veciño que había ben tempo que non miraba. O rapaz ( agora xa home ) era Paco Atraco, alcume herdado do pai que tiña un bar en alugueiro cuns prezos de verdadeiro atraco. Paco Atraco saiu violento coma o pai e rematou por botalo do piso que era o refuxio da rapaciada do barrio. Paco sería violento pero era un tolo pola limpeza e estaba todo o día a fregar e limpar e tiñamos a porta aberta para todo menos para emporcar. Unha noite paseaba o can e oín os berros pedindo auxilio do Pavas, un rapaz que alcumabamos así porque de pequeno recollía as cabichas do chan e pedía as pavas aos rapaces maiores. Iso, eu oín uns berros que saían do piso de Paco Atraco. Os veciños quedaron dentro dos pisos para non saber de nada anque seguro que as mirillas botaban lume. Timbrei na porta e petei e, de alí a un pouco, abriume a porta Paco e puiden albiscar ao Pavas no salón. O Pavas estaba vermello e cos pés marcados dunha corda. Preguntei que pasara e dixéronme que estaban mirando unha peli. Nela penduraban a un home boca abaixo dun percheiro e o Pavas dixo que era doado de saír desa situación. Tal dixo e o Paco e outro rapaz ataron ao Pavas e deixárono a ver se era quen de soltarse. Intentouno e non podía e logo berraba que o soltasen e eses eran os berridos que eu escuitei.
E este é un acontecido que lembrei deste barrio onde ás veces pasan detalles curiosos como o cicho que sae dunha alcantarilla hai tres anos.

Etiquetas: ,

venres, 22 de agosto de 2008

Refuxio de fauna



Por Vilaguindastre fanse algunhas cousas mal e unha é deixar instalar fábricas en refuxios de fauna. Se clicas na foto podes mirar a fábrica de cablerías para coches de nome " Koala ". A foto foi tirada hoxe mesmo e non ten truco.

Non hai nada como pórlle o nome dun animal a unha fábrica para que che dean a aprobación para a súa instalación nun refuxio de fauna !.

Etiquetas: ,

xoves, 31 de xullo de 2008

Canastro abafado



Onte o Leo aprendeu a dicir " can " e tivemos un susto porque case máis nos atropellan nun paso de peóns. Este susto foi máis grande que o que levei cando mirei este canastro abafado en Vilaguindastre; anque tamén lle chegou ben.

Etiquetas: , ,

sábado, 12 de xullo de 2008

O can suicida



O outro día o escritor Alfredo Conde gabou ao blogueiro Suso Lista e, de paso, nomeoume a min sen querer. Adivíñolle ao escritor curiosidade pola historia que mencionei do can suicida e vou satisfacerlla.
O asunto foi hai máis de vinte anos e no centro de Vilaguindastre e nos arredores do paso a nivel. Eu pasaba a cotío por alí na ida e volta da casa ao instituto. Nunha ocasión apareceu un can pequeno de raza indefinida que nos fuxiu da beirarrúa. Eu considerei este acto como normal nun can que ten prevención con humanos descoñecidos. Pero o curioso foi que o raio do canciño se botou a un coche que circulaba. O condutor fixo unha manobra brusca e esquivouno e así safou ese día. No día seguinte xa andaba polo medio e medio dos coches e botándose a eles con movemento alegre do rabo. Os coches esquivábano pero un camión non puido esquivalo. O raio do can quedou no medio e medio e salvouse por ser pequeno que o camión lle pasou por riba sen problemas. O público estaba abraiado e quería salvar o can pero el marchou sen deixarse atrapar. Ao día seguinte seguiu co seu deambular entre coches sen acadar o seu propósito e, nisto, baixou a barreira do paso a nivel e o can acordou un cambio de estratexia. Cando notou que o tren pasaba botouse á vía. O can era pequeno e o tren ía rápido así que o aire que rodeaba o tren tirou co can atrás sen chegar a pillalo. Desta volta a xente estaba máis que abraiada co can e os seus intentos de suicidio.
A partir daquel día non o volvín ver máis. Eu non sabía se lle cambiara a vida e decidira non suicidarse ou se conseguira o seu devezo e rematei por case esquecer o asunto. Pasou un tempo e eu andaba de paseo entre as vías a un quilómetro do paso a nivel cando descubrín o esquelete dun can. Tiña a cabeza dun lado da vía e o corpo doutro e polo tamaño e polos restos de pelo souben que era aquel can kamikaze do paso a nivel. Ao primeiro deume tristura pero logo aledeime polo can que conseguira o seu propósito. Un canciño daquel tamaño que se enfrentaba a monstruos metálicos con tanta alegría merecía un fin cinematográfico como o que tivo. Imaxino que hai que ser mui valente para apoiar o pescozo na vía e esperar que veña o tren.

Etiquetas: , ,

venres, 11 de xullo de 2008

Baños de aventura



Hoxe no choio falamos de como nos bañabamos cando eramos rapaces. No meu caso falei do río Louro coas súas zonas de baño da Fos, o Solombo e o Peirao. A Fos e o Solombo desapareceron coa autovía e do Peirao non sei que será pero o río está contaminado. Tamén estaban as barreiras de Centeáns a uns tres quilómetros da casa que eran iso precisamente, un sitio onde sacaban barro para facer ladrillos. Iamos ata alí e metiámonos en coiro e sen medo e iso que había bechas e tartarugas. Despóis medramos e apareceron piscinas e autobuses ata a praia e deixámonos de baños aventureiros.

A foto fíxena en marzo do ano pasado e quedei abraiado do temerarios e pouco escrupulosos que eramos.

Etiquetas: ,

mércores, 21 de maio de 2008

Albaroque



Estou revisando fotos para ver as que non perdín o día que borrou todo o ordenador e atopei esta que cría perdida. E dirás: vaia papaxada, un anaco de árbore no alto dun edificio en construción. Pois pode ser que teñas razón e sexa unha papaxada pero hai muitos anos cando se remataba unha casa púñase no cumio unha árbore ou póla e o dono da casa convidaba a unha comida aos traballadores. Esa comida chamábase albaroque e parece que ten que ver coa palabra árbore.

Eu hai doce anos recibín o albaroque por rematar unha casa de granito pero non foi unha comida senón cartos.

Agora non sei se existe ese costume pero cando miraba esa árbore en Vilaguindastre ( agora non está ) íame a mente para o albaroque.

Se che interesa na interrede aparece un albaroque de blogueiros realizado o ano pasado.

E, falando de comidas e reunións, lembrar que só quedan dous días para apuntarse na xuntanza de blogueiros de Agolada.

Etiquetas: , , , ,

luns, 19 de maio de 2008

V Festival de Cans



Esta semana o Festival de Cans de curtametraxes edítase na súa quinta edición.

Máis información aquí.

Etiquetas: ,

venres, 9 de maio de 2008

Chapas solidarias



Enteireime o outro día dunha boa iniciativa que fai un pub de Vilaguindastre. Van facer un concurso de chapas en contra do abandono de animais domésticos. O prazo do concurso remata o día doce xa e a información e bases están aquí por se son do teu interés.

Etiquetas: ,

mércores, 30 de abril de 2008

Río Louro



Na imaxe está o Leo observando o río Louro ao seu paso por Vilaguindastre. Non se sabe a orixe do nome do río e pode vir dun sinónimo de pedra ou da cor das augas. Eu aventuro outra opción; ao millor o nome significa río revolto que é o que significa río louro para xentes da Limia baixa. Xentes que conservan algunha delicia da lingua como a forma ningures que había muitísimo tempo que non a escuitaba en boca da xente do pobo.

Etiquetas: ,

sábado, 26 de abril de 2008

O negociante



Esta casa de Vilaguindastre éche ben curiosa e non pola antea parabólica ou a videira de máis de seis metros de alto, non ho. Esta foto reflexa a parte posterior daquela tenda que retratei hai algún tempo. Seica o dono é un negociante que aforra en todo e traballa con ese camionciño que é unha reliquia. E aforrando e gañando e co que herdou pois hoxendía ten un bó anaco de Vilaguindastre.
Eu coñecinlle as dúas fillas e cunha coincidín no autobús que nos levaba ao CUVI. Un día falei co ela e díxome, co seu castelán con forte acento inglés, que eu tiña un cutis bonito.
Bueno, pasou o tempo e non sabía nada dela así que preguntei ao señor Google e díxome que hoxe exerce de profesora de economía. E supoño que será boa se sae ao pai porque como esteticista... como que non lle miraba eu muito futuro.

Etiquetas: ,

xoves, 10 de abril de 2008

Monte Castelo


Teño falado en varias ocasións de Vilaguindastre pero nunca falei do monte Castelo. Este monte érguese dominante sobre Vilaguindastre e, como di o nome, en tempos tivo un castelo nos penedos que os Irmandiños conseguiron derrubar. Hoxe perdeu o valor como punto defensivo e adquiriu o valor de pancarta xigante. Hai trinta anos tiña unha pintada que dicía: " SOLO CRISTO SALVA " e que durou un feixe de anos. Corría o rumor de que a escribiu un xitano como promesa que fixera a Cristo se salvaba á súa muller dunha enfermidade grave. Nese tempo tamén había unha pintada máis pequena que puña: " TE QUIERO ". Estas dúas pintadas xa desapareceron lavadas polo tempo. Cando foi o do Prestige apareceu un " NUNCA MAIS " do que o tempo borrou parte. E agora loce un " DISELO " inmenso do que a orixe é un misterio.
Unha cousa teño clara, quen escribiu iso fíxoo por amor, amor a unha persoa ou a unha terra, non sei; pero sei que é por amor.
Se clicas na imaxe podes ampliar a foto e ler a mensaxe.

Etiquetas: ,

martes, 8 de abril de 2008

Ruinas nas Gándaras





Estes días de chuvia tiran por baixo muitas flores como as glicinias que saen na imaxe de arriba.


O edificio coas glicinias é unha ruina antes de inaugurarse porque ía ser un centro de interpretación das gándaras do río Louro que son un humedal que malamente sobrevive entre as industrias de Vilaguindastre.


Non sei por que razón a obra non seguiu adiante e podes ver o interior do edificio abandonado na foto de embaixo onde sae o Colín " visitando " a instalación o ano pasado, cando tirei estas fotos.


Unha cousa é certa: mágoa de cartos tirados.


Etiquetas: , ,

sábado, 1 de marzo de 2008

Festa da fabada

Si. Hoxe foi a festa da fabada. Eu non a probei que o Leo tiña medo da foguetada e da música. O pregón de Gudelj foi do máis soso e simple e hai quince minutos este era o ambiente da festa cando paseaba a Colín.

Etiquetas:

luns, 4 de febreiro de 2008

Desta non puido ser



Hoxe luns queriamos ver a comparsa Colores pero non puido ser. Había cousas que facer e o tempo tampouco animaba. Terá que quedar para outra ocasión.

Na foto estamos Leo máis eu o sábado. O Leíño non o pasou mui ben que tiña medo de tanta xente e tanto ruido.

Ah, case o esquezo. Viñeron dúas nenas veciñas disfrazadas de demo pedindo pola porta e dixeron: " Trato o truco ? ". Case me dá algo.

Etiquetas: ,

sábado, 2 de febreiro de 2008

Xogo da ola

Estamos de cheo nas festas do entruido que por Vilaguindastre se celebran case do mesmo xeito que calquera cidade ou vila galega. Hai pregón, desfile de comparsas e actuación desas comparsas. A música brasileira retumba na megafonía e vese xente disfrazada con disfraces mercados. Vamos, o típico agora.




Pero se hai algo distinto en Vilaguindastre é o xogo da ola. Neste xogo participan seis ou máis xogadores en roda. Ademáis hai unha madriña e un árbitro. O xogo consiste en ir lanzando unha ola de xogador a xogador e sen que escache. Se escacha a ola o xogador culpable paga unha multa e bebe viño. Así ata que se rompen tódalas olas.
Neste xogo a madriña é a encarregada de pór as olas en xogo, cobrar as multas, dar viño e pedir cartos entre o público.




En canto ao árbitro dicir que está enriba dunha escada adornada con mimosas, leva un asubío e un chocallo e ten a cara enfeluxada como os xogadores. Ten mando sobre todos ( ás veces ) e dálle a gracia ao xogo coas súas multas sen ton nin son, as multas que fai pagar ao espectador que lle pete por calquera parvada ou cando obriga a beber viño. De cando en vez pide tempo morto para beberen todos e ao final acaba peneque máis dun. Xa no remate acaban co viño que quede e cos cartos xuntados fan unha cea para todos.





Etiquetas: ,

mércores, 30 de xaneiro de 2008

Parabéns



Chegar a unha idade avanzada ten o seu mérito e require de sorte. Non é tan doado. Porque a vida non é un conto de príncipes azuis senón de xente do común que está farta de traballar cando chega aos corenta, con sorte, por unha miseria e en malas condicións.
E, como exemplo, poño esta foto onde saio eu e máis uns veciños hai xa uns aniños. Todos demos chegado aos vinte. Os trinta xa non o celebramos todos e foron menos os que sopraron corenta candeas nunha torta. Accidentes, drogas e suicidio acabou con varios deles antes de poder arrolar un fillo seu no colo. Dalgúns non volvín saber e mesmo o que está detrás da cámara foi ilegalmente aos EEUU e non volveu.
En fin, que hoxe non quero dramatizar e o que si quero é darlle os meus parabéns a Paidovento e tamén a Castelao que estaría de aniversario tal día coma hoxe se seguise entre nós. E que siga a conta, Paidovento.

Etiquetas: ,