leoeosseus

xoves, 27 de novembro de 2008

Vinteseis meses



Hoxe o Leo fixo os seus vinteseis meses de vida. Está nunha etapa de afirmación da personalidade negando case todo. Esperemos que non dure demasiado esta etapa. Aparte a semana pasada tivo unha otite e estaba mimento de máis e co " non " preparado para todo: a comida, a tele, os contos, os sitios, etc. Agora parece que recuperou o apetito e a alegría para xogar e estar coa xente. Do resto non hai grandes cambios e avanza lentamente no seu desenrolo.

Etiquetas:

venres, 21 de novembro de 2008

Miquimáus



Estes días non atendín o blogo e o blogomillo como teño acostumado. O Leo non estivo mui católico de saúde e quería estar aghalimadiño todo o tempo. Iso si, o outro día tivo un detalle simpático dos del. Preguntoume o que tiña eu na camisola e díxenlle: " Nunca máis ". El repitiuno ao seu xeito e dixo: " Miqui máus ".

Etiquetas:

xoves, 13 de novembro de 2008

Risos



O Leo aprende palabras rapidamente pero tamén ten erros e malentendidos simpáticos. Hai uns días cando quería dicir " piratas " dicía " patas " e agora xa avanzou un paso máis e di " patatas " e non hai xeito de que diga " piratas ". O outro día pregunteille: " Encendemos a tele ?. Que queres mirar; o que boten ? " e el respondeu todo cheo: " Si !. Boten ! ". Por sorte para Leo imos conseguindo DVDs infantís como o de Robinson Crusoe. Nesta versión hai un momento no que fala co loro e di: " Tengo que empezar un diario para no perder la cuenta de los días que llevo en la isla " e vai e empeza polo 30 de febreiro !. Calquera se fía das contas de Robinson Crusoe !.

Nada, que entre o Leo e detalles así boto uns risos.

Etiquetas: ,

luns, 3 de novembro de 2008

Maldade



O Leo ten unha " admiradora " na gardería que xa lle mandou tres trabazos. Sabemos que son cousas de nenos pero non deixa de plantexarme unhas dúbidas que xa me apareceran cando mirei esta pintada da foto. A dúbida que teño é esta: a que idade un neno comeza a ser malo ?. Todos coñecemos casos de xente mala como ditadores, asasinos, militares, etc. Pero esa xente foi un bebé e logo un neno. En que momento se fixo mala persoa e por que ?.
Ben, aparte desa dúbida na foto aparece a falta de decisión dun rapaz novo, supoño, que quere ser malo e non sabe como selo e de aí que oriente os brazos da cruz gamada nun sentido e noutro.

Etiquetas:

luns, 27 de outubro de 2008

Vintecinco meses



Hoxe o naipelo cumpriu os vintecinco meses. Empeza a correr cando lle apetece e a facer o que quere. Encántalle o colo e ir ao parque a botarse polo " tabán " de cu. Tamén é un exquisito coa comida e encántalle a sopa e as lambonadas: " tata ", " tetas " ( galletas ) e " sixo " ( galletas con forma de Simpsons ). Fala todo o tempo cousas que non se entenden intercaladas con palabras coñecidas e tamén lle gusta cantar ao seu xeito. Quere mirar o DVD de Miliki e di " ovos " para la Gallina Turuleca e " Ola Pípol. Ola Cosé " para " Hola Don Pepito. Hola Don José ". Repite todo coma un loro e agora encántalle a gardería. Di a educadora que baila e fai rir aos compañeiros e que temos que mandalo á televisión. Non sei se será para tanto pero deixo aquí un vídeo del bailando para que opines.

Etiquetas:

luns, 20 de outubro de 2008

Adaptación do Leo



O Leo de cada vez se adapta máis á gardería e hoxe bailou para os compañeiros. Proba desa adaptación é que agora colle calquera cousa e di: " É mío ", frase que aprendeu alí e que non me gusta. O que si me gustaba era cando decía " nunca " para dicir " non ". Era chistoso. Como é chistoso como din por Arbo para dicir nunca; " cando mexen as ghaliñas ". E co verbo mexar tamén din " ese non mexa pola perneira " para falar dun tipo fino. En fin, cousas que aprende o Leo e o Paideleo.

Etiquetas: ,

luns, 13 de outubro de 2008

Contando candeas



O Leíño prospera no seu falar e xa pronuncia a vocal " e ". As iniciais " p ", " b " e " m " trabúcaas e así Micky, Miliki e Vickie son todos " Piki " e a moto é " poto " e un moucho é " pocho ". O " r " inicial é " gh " ou " k " e así di " can " ou " ghan " para ran. Agora gústalle contar anque empeza polo " catu ", " sinco ", " sis " e volta ao catro. O outro día estaba nun parque a contar candeas e ensineille a palabra e el dixo " caenas ". Ao millor era máis fácil para el dicir " fasco " que é como lle chaman por Arbo á folla do piñeiro ou " arume " que é a palabra empregada no himno galego; pero eu prefiro ensinarlle a palabra común en Vilaguindastre: candeas.

Por certo, como lle chaman pola túa terra á folla do piñeiro ?.

Etiquetas: ,

martes, 30 de setembro de 2008

Guardería



O Leo está adaptándose á guardería ós poucos: unha hora nalgúns días. E de cada vez vaise acostumando máis e xa non chora cando o levamos e xa non di " Coli. No. " e sorrille ás educadoras.

Hoxe houbo unha reunión onde se falou de horarios, comidas, merendas, medicinas, roupa, material e todo o relacionado cos nenos na guardería. E falando, falando, chegou o momento no que unha nai preguntou se cambiaría o asunto na guardería cando a trasformen nunha galescola que tiña medo de que obrigasen ós nenos a falar en galego e que aprendesen himnos e levasen un uniforme. Ela recoñecía que falaba mal o galego pero parecía destinarlle un futuro máis ignorante ó fillo negándolle que aprenda galego no, imaxinario, cincuenta por cento do tempo da guardería. Supoño que se lle din que ía ser en inglés ela había de estar toda contenta.

Bueno, non digo nada novo.

E cambiando de tema, teño que agradecer á empresa de galletas mariñeiras Daveiga porque o Leo está enganchado a elas e mantéñeno activo nestes tempos que non come muito ( na foto está a mostra ) e porque manteñen o galego nos envases.

Etiquetas: ,

sábado, 27 de setembro de 2008

Dous anos e sorpresa !






Pois hoxe o naipelo fai dous anos e podemos dicir que o dito " un ano andante, dous anos falante " ten razón co Leíño pois xa fala bastante. Repite tódalas palabras que se lle din anque ao seu xeito, está claro. Falla co " l ", " rr " e coas palabras longas e os grupos consonánticos. E aparte ten unha chata curiosa pois non pronuncia, de momento, o " e " que o di " a " ou " i ". Di perfectamente mono ou patata pero o seu nome é " ío " e un avó é " piro " e outro " pocho ". Os Simpson son " sixo ", Mickey e Vicki son " Piki " os dous e ten unha xirafa " fafa ". Para galleta di " teta " ( a única palabra que di con " e " ) e a teta é " tita ".


Hoxe pasouno en grande cos curmáns e algúns amigos máis e os maiores tamén o pasamos ben desfrutando en Arbo dun serán morniño de fin de setembro máis agradable que muitos días deste verán.


No brinde brindei por Leo e por nós todos e deixei caír a sorpresa bomba de que o Leíño espera un irmán... ou irmá.

Etiquetas: ,

mércores, 27 de agosto de 2008

Vintetrés meses



Pasa o tempo para todos e para o Leo tamén. Así que hoxe fai vintetrés meses e na foto sae con Quique e a ra que son os seus monecos favoritos. Quere muito a Quique e para comer temos que pórlle o babeiro a Quique tamén para que o Leo non proteste. Segue coa teta e dende que estivo maliño parece que lle colleu máis cariño. No plano físico o Leo está mui alto e anda ben e bota boas camiñadas pero correr non corre muito. Ten algo de medo a subir e baixar escaleiras. Na fala vaise soltando aos poucos e imita palabras á súa maneira. En canto á relacionarse coa xente ten algún medo aos descoñecidos e ponse ledo cos coñecidos pero é raro que dea bicos ou apertas. Gústalle mirar Pocoyó, Epi e Blas, Little People e Os Simpsons pero de alí a un chisco quere xogar con coches , ler contos ou montar pezas do Mega Bloks. Gústalle que lle fagan cóxegas, xogar ao escondite e axudar nas tareas da casa. E así vai.

Etiquetas:

luns, 18 de agosto de 2008

Momentos simpáticos


O Leo xa está ben e tivo onte un momento simpático e tenro. Colleu o seu moneco Quique e púxoo canda el a mirar a tele despóis da ducha. Lembrou que deixara atrás a súa ra de plástico e foi buscala ao seu cuarto. Púxoa enriba da testa de Quique para que mirase ben a tele. Cando se aburriu de mirar a tele colleu a ra e ía para o seu cuarto. No corredor lembrou a Quique e dixo " Quique " e foi buscalo. Non sei. Foi simpático miralo co ese moneco tan grande debaixo dun brazo e coa ra noutra man e o Leo con cara de sono.
Na foto está o Leo estreando o canastro recén terminado dos avós. Sei que no futuro será como unha cabana para vivir aventuras. Ao tempo.

Etiquetas:

sábado, 16 de agosto de 2008

Leo pachuchiño


O Leo estivo o outro día con febre e escagarriado pero hoxe estivo bastante ben e sen febre, un pouco rallante pero ben. Supoñemos que será cuestión das moas e que millorará mañá.
Dá un pouco de mágoa miralo con eses ollos longos, con choromicadas inesperadas e coas horas de durmida entolecidas pero son cousas que teñen que pasar. Dende logo que prefiro o Leo do outro día cando lle preguntei se quería zume ou auga e el respondeume, no seu ensaio cotián de palabras: cu-ba-ta.

Etiquetas:

xoves, 31 de xullo de 2008

Canastro abafado



Onte o Leo aprendeu a dicir " can " e tivemos un susto porque case máis nos atropellan nun paso de peóns. Este susto foi máis grande que o que levei cando mirei este canastro abafado en Vilaguindastre; anque tamén lle chegou ben.

Etiquetas: , ,

domingo, 27 de xullo de 2008

Vintedous meses


Hoxe o Leíño chegou aos vintedous meses con algúns avances dende o mes anterior. O naipelo xa ampliou algo máis o vocabulario e, de feito, aprende palabras case tódolos días. Gústalle o petit de chocolate e xa pregunta por el dicindo " coco ". Como non lle queremos dar muitos dicimos que non hai e el xa di " coco " e arrandea a cabeza negando. Dos monecos e peluches que ten hai un que é un moneco dun neno deportista e el pregunta por " quiqui " que se chama Quique. Logo a Epi chámalle " pipi ". E xa vai dicindo " mamá " dende que o reaprendeu nas Cíes. Físicamente está grande e case lle saíron tódolos caninos. Anda ben e corre un pouco pero é un medento subindo e baixando escalóns. É bastante tranquilote e tímido e algo mangoeiro que non quere comer pola súa man.
E así vai.

Etiquetas:

mércores, 16 de xullo de 2008

O maniscoto



Como se pode apreciar na foto o Leo non é só cocheno, zurdán, esquerdeiro e manecho; senón que tamén é maniscoto. Esta palabra aprendina en Arbo hai poucos días e aventurando a súa etimoloxía diría que vén do latín " cautivo da man ".

Etiquetas: ,

venres, 27 de xuño de 2008

Vinteún meses



Hoxe o Leíño acadou os vinteún meses de idade e segue sen despedirse da teta. Come ben e está tolo polo pan que é a súa sobremesa favorita. Encántanlle os " petits " e máis se son de chocolate; larpeiro que saiu. Ten bó humor e xoga muito cos coches. Tamén lle gusta ler os contos no seu idioma extraterrestre que de cada vez semella máis chinés ca outra cousa. Non di case nada: segue con " papá ", " aaga ", " aitá " ( aí está, que di cando topa algo ), " tatá " ( tractor, porque está enamorado do tractor do avóM e prefíreo a calquera veículo ), " fofó " ( flor, que dixo un par de veces ), " roró " ( río, que dixo un par de veces tamén ) e pouco máis. O resto son ruidos e dixo a señora do banco que os nenos intelixentes tardan máis en falar. E non sei se é verdade ou quere que metamos máis cartos no banco. Gústalle pasear e saudar á xente e mandar bicos polo aire coa man. Sorrille ás mulleres e aos nenos e bótalle broncas a Colín, un defecto que colleu imitándome. Segue coas rabechas cando non se lle cumpre o gusto pero é fácil de distraer.

Nada, que cada día avanza un pouco a base de imitar como cando molla un dedo para pasar unha páxina. Pero o simpático é que o molla despóis de pasar a páxina !.

Etiquetas:

martes, 27 de maio de 2008

Vinte meses

Hoxe o naipelo chegou aos vinte meses. De cada vez ten máis autonomía e escolle o que quere facer e se non lle cumpres o capricho colle unha rabieta pero de momento é doado distraílo con outra cousa. Dorme bastante ben de noite e ten doce dentes e moas. Xa sobe ás cadeiras, muros e fiestras baixas e hai que ter máis ollo ca nunca. Sabe baixar un escalón sen apoiarse e xa lle dá couces ás pelotas. Baila cancións e imita movementos. Segue abraiado cos coches e xa distingue o noso e o do avóM. Tamén distingue as rodas, os espellos, as portas e os faros. Sabe sinalar no corpo o cuíño, o pipilo, o embigo, a barriga, a man, os dedos, o pé, os ollos, o pelo, a boca e o nariz. Cando lle preguntas polas orellas sinala os ollos e se lle preguntas onde están os cornos sinala para a miña cachola porque poño un casco viquingo ás veces. Imita ruidos de animais e cousas como a vaca, o león, o can, o cabalo, o coche, o tren e a moto. Gústalle " ler " contos na súa cantinela e que llos lean pero el de falar nada. Di " papá " para todo e ata o outro día cambieille o cueiro cagado e díxenlle " caca " e el repitiu claramente a palabra " caca ". Máis tarde sinalei o cueiro e pregunteille que era e dixo..." papá ".
Bueno, que cada vez rimos máis co el.

Etiquetas:

sábado, 24 de maio de 2008

Visita a Santiago

A nova importante de hoxe é o nacemento da filla de Ghanito e, dende aquí, quero desexarlles o millor para a familia.
Nós fomos a Santiago e puidemos pasear por parques das Fontiñas. Tamén puiden ir ata Librouro e Abraxas e mercar libros rapidamente porque o Leo está no momento que percorre todo e tira todo. Observei dous detalles curiosos en Santiago: o semáforo para peóns que aparte de pitar di a rúa que atravesa e que hai anuncios pegados no chan xa que os muros e postes están saturados.
Tamén visitamos o Museu Pedagóxido de Galicia e puiden admirar a evolución das escolas dende que eran escolas do ferrado ata a época franquista, pasando pola república.


Despóis de xantarmos o Leo quedou durmido e leveino no seu coche seguindo o camiño de Santiago dende As Fontiñas ata a Catedral. Fíxenlle unha foto coas Marías no paseo da Ferradura e logo fíxonos unha diante da catedral un turista inglés. De alí seguimos camiñando e pasamos pola escaleira das Praterías e o anxo da rúa Vilar e na fonte de Cervantes había un disfrazado de Chiquilicuatre cun grupo de amigos.
E así pasou o día, gozando do ambiente de Santiago cos seus turistas, os estudantes e os propios habitantes.


Etiquetas: ,

domingo, 27 de abril de 2008

Dezanove meses


Hoxe o naipelo fai os dezanove meses. Anda lixeiro e curiosea en caixóns e portas e gústalle arrastrar roupa pola casa adiante e ordear os zapatos en orde e logo metelos en sitios distintos. Segue medrando e ampliando horizontes. Xoga con coches e follexa libros e catálogos e ponse feliz con Pocoyó e Blas. Na rúa sinala a tódolos coches, motos e camións que ve. Segue probando de todo á hora de comer e vai collendo garfos e vasos pero emporcándose todo. Na cuestión da fala segue nas mesmas e non solta palabra. Iso si, fala extraterrestre el só cando xoga. Gústanlle os rapaces e está " enamorado " dos curmáns. Cos adultos descoñecidos vólvese tímido pero con tempo afaise a eles... E así vai.

Etiquetas:

xoves, 27 de marzo de 2008

Dezaoito meses



Hoxe o naipelo chega aos dezaoito meses ou ano e medio. Fisicamente está mui ben, en altura sae fóra da táboa e no peso estabilizouse. Usa mui ben as mans pero falla un chisco na coordinación dos pés e di a pediatra que xoguemos co el á pelota pero el non quere e prefire pasar páxinas de libros, catálogos ou contos. Come ben e encántanlle o zume de laranxa e os iogures e tamén lle gusta probar todo pero o malo é que hai que darllo case todo que non colle garfos nen vasos nen culleres. Na fala non avanza nada e só fala coa boca fechada. O día que se solte non vai parar máis. Ten dez dentes e moas, dous flemóns das moas altas e fáltanlle os cairos. Adica o día a explorar almarios e caixóns e a xogar a montar pezas ou follexar libros. Tamén lle gusta ver propaganda da tele e escuitar cancións e bailar. Na rúa encántalle subir e baixar escaleiras e mirar para as rapazas sorrindo...E así vai indo.

Etiquetas: