leoeosseus

sábado, 10 de maio de 2008

Publicidade enganosa



Estes días aparecen espallados aquí e acolá cartaces como o que sae na foto onde unha muller recibe con brazos abertos a quen le o texto. A imaxe da moza está ben ou mal segundo se vexa. O que me parece un engano evidente é a imaxe da torre de Catoira nunha praia. Haberá quen busque ou pregunte por unha praia con esa torre e esta imaxe non se dá polas Rías Baixas porque é unha montaxe.

Este sería un exemplo de publicidade enganosa para o meu parecer.

Etiquetas:

venres, 9 de maio de 2008

Chapas solidarias



Enteireime o outro día dunha boa iniciativa que fai un pub de Vilaguindastre. Van facer un concurso de chapas en contra do abandono de animais domésticos. O prazo do concurso remata o día doce xa e a información e bases están aquí por se son do teu interés.

Etiquetas: ,

xoves, 10 de abril de 2008

Monte Castelo


Teño falado en varias ocasións de Vilaguindastre pero nunca falei do monte Castelo. Este monte érguese dominante sobre Vilaguindastre e, como di o nome, en tempos tivo un castelo nos penedos que os Irmandiños conseguiron derrubar. Hoxe perdeu o valor como punto defensivo e adquiriu o valor de pancarta xigante. Hai trinta anos tiña unha pintada que dicía: " SOLO CRISTO SALVA " e que durou un feixe de anos. Corría o rumor de que a escribiu un xitano como promesa que fixera a Cristo se salvaba á súa muller dunha enfermidade grave. Nese tempo tamén había unha pintada máis pequena que puña: " TE QUIERO ". Estas dúas pintadas xa desapareceron lavadas polo tempo. Cando foi o do Prestige apareceu un " NUNCA MAIS " do que o tempo borrou parte. E agora loce un " DISELO " inmenso do que a orixe é un misterio.
Unha cousa teño clara, quen escribiu iso fíxoo por amor, amor a unha persoa ou a unha terra, non sei; pero sei que é por amor.
Se clicas na imaxe podes ampliar a foto e ler a mensaxe.

Etiquetas: ,

luns, 31 de marzo de 2008

Velocidade



Esta fin de semana houbo motos para os afeccionados en Jerez. A min nunca me gustaron as motos e menos correr con elas ou cos coches. Pero parece que o meu gusto por unha condución tranquila está pasado de moda mirando como se mira a xente na estrada toda tola e frenética. E non me extraña co ritmo de vida actual que levamos e onde ata nos libros infantís se incita ás carreiras anque os protagonistas non saiban conducir. E así nos vai.

Etiquetas:

domingo, 9 de marzo de 2008

Paseo pola democracia



Pola mañá fomos votar e ao rapaz que metía os sobres nas urnas notábaselle que traballa de camareiro que dixo " gracias " cando non devolveu o carné de identidade. Logo collemos o coche e pasamos por concellos gobernados polo BNG, polo PSOE e polo PP e ata fomos a unha zona na que non se votaba porque fomos ao estranxeiro mercar cueiros que son máis baratos que aquí.

Bueno, que gañe quen gañe que non suban máis os prezos das cousas.

Etiquetas:

domingo, 17 de febreiro de 2008

Portugal curioso



Onte fixen unha viaxe a Portugal e, cando miro as súas praias abertas ao mar, lembro as súas moliceiras coas proas altas coma barcos viquingos para poder cortar o seu mar bravo e as súas cores rechamantes e os debuxos con mensaxes pícaras.

Tamén me entra polo ollo o acueduto da Póvoa de Varzim ou tomar unha cervexa tranquilamente na praia de Moledo...

Como dicía aquel grupo musical: menos mal que nos queda Portugal.

A foto fíxoma Aniña hai un feixe de anos.

Etiquetas: , ,

xoves, 14 de febreiro de 2008

Día dos Namorados



Hoxe é o día marcado pola nosa sociedade para demostrar cun agasallo que queremos a unha persoa. No canto de agasallos sempre hai probas para mostrar ese amor. Na foto hai unha mostra de amor que me resultou curiosa e ata un chisco falsa. Un deles di " Te amo " e engade " Lo juro ". Non sei pero escribir unha data e facer o corazón cun rotulador non semella mui romántico e teño curiosidade por saber se hoxe seguen xuntos.

Con respecto á boa nova dicir que ten que ver coa miña saúde e non cun hipotético irmán para Leo. Non sería unha mala nova pero non é este o caso.

Desfruta do San Valentín.

Etiquetas:

martes, 5 de febreiro de 2008

Ata o ano, entruido



Este ano o rei do entruido foi Cuquín, digno contrincante de Mortadelo nisto dos disfraces.

Eu despedín hoxe o entruido comendo lacón con grelos de tapa con orellas de sobremesa. Iso e máis unha cervexa e un café no bar do Gran Botellón pagando 2.90 euros ( aínda non subiu os prezos ).

Etiquetas: ,

xoves, 31 de xaneiro de 2008

Corunna



Xa sabes que estiven corrixindo o blogo que escribía nos EEUU e lembrei algún posteo curioso como o do 29 de setembro de 2005 onde dicía isto:

" Seguindo coa toponimia galega nos EEUU topei cun caso interesantísimo que dá para unha novela.
Resulta que topei unha Corunna en Michigan, EEUU; e consultei a páxina e descubrín que o nome desta vila púxoo un tal Andrew Mack que fundou esa vila e colleu o nome porque trouxo unhas ovellas da Coruña. A min este punto paréceme un pouco tonto e prefiro pensar que tivo un amor imposible na Coruña ou que lle encantou a cidade. A ninguén se lle ocorre bautizar unha poboación co nome da localidade de orixe dunhas ovellas por moi boas que sexan !. E o asunto non remata aí senón que o tal Andrew Mack marchou de Corunna e deu por morrer en…Corunna, Ontario, Canadá. Neste caso a cidade foi fundada co ese nome por un inglés que loitou na batalla de Elviña. E aínda hai máis: esta cidade canadiana ía ser capital do Canadá pero que non chegou a selo pola proximidade cos EEUU e o perigo que corría con iso.
Que cousas ten a historia: polo rabo dunha cereixa non chega Corunna a ser capital do Canadá !.
E por todo isto pido no meu nome que Andrew Mack sexa decrarado fillo adoptivo da Coruña; un home que por algunha razón misteriosa fundou unha vila co ese nome e que por destinos ineludibles foi morrer nunha cidade do mesmo nome ben merece ese recoñecemento.
E ti que opinas ?.
posted by acedre @ 6:25 PM 5 comments "

Etiquetas: ,

venres, 25 de xaneiro de 2008

Pobre Matilda



Facendo eco do posteo de Txari podo dicir que eu de pequeno quería ser arquitecto, logo mariñeiro, máis tarde escritor e así ata o día de hoxe que vexo que son un peón industrial. Pero son feliz, teño para vivir e cubrir vicios e teño unha familia encantadora e un neno con moito futuro por diante. Quero vivir sinxelamente e non entendo como se pode vivir tan perigosamente tendo familia e unha carreira exitosa e morrer novo como o actor Heath Ledger. Sinto a súa morte sobre todo pola súa filla Matilda.

Etiquetas: ,

mércores, 23 de xaneiro de 2008

Foto denuncia



O outro día meteron un xornal gratuito no buzón de correo e tiña esta foto onde invitan a denunciar cousas que se poden mellorar. Eu vounos chinchar e mandar a foto do seu anuncio para que escriban mellor en galego e se deixen de " imáxenes ". Imaxinas escribir nun periódico en español " imájenes ", por exemplo ?.

Etiquetas: ,

sábado, 19 de xaneiro de 2008

Mirilla



Hoxe están de reunión algúns blogueiros e eu non fun porque tiña que traballar. Pero non é todo malo que así evitei ir á reunión de veciños do edificio. A reunión foi no local da foto. Esta foto foi un experimento. Quería saber se sairía unha foto feita dende a mirilla e si saiu. Encántame a fotografía dixital !.

Etiquetas: , ,

martes, 15 de xaneiro de 2008

Pantalóns de peto



As rebaixas son boas para mercar cousas para o Leíño que medra rapidamente. E agora ten uns petos. E os petos fan a Leo un machote coma o home da foto que fotografei dunha tarxeta de propaganda de guisqui sureño ou " bourbon ". Fotografeina porque me fixo muita gracia. O home di: " Os veciños do lado antes tiñan un caniche ". E semella que o di extrañándose de onde iría a parar o raio do caniche sen imaxinar que o seu crocodrilo teña algo que ver coa desaparición do lapacricas. E logo pon embaixo: Os sureños teñen as súas propias normas.

No futuro pode que o Leo teña bigote, unha tatuaxe e tamén un crocodrilo, pero antes ten que comer muito e seguir as vacinacións.

Etiquetas: ,

domingo, 13 de xaneiro de 2008

Beherapenak-Merkealdia


Estamos nas rebaixas de cheo e por vender ata Zara escribe " Rebaixas " nos seus escaparates cando se negaba a escribir " Bo Nadal " unhas semanas atrás. Nesta ola de rebaixas ata as tendas de animais teñen rebaixas e atopamos productos curiosos como pantufas coas cores da bandeira española e co touro incluído, DVDs dos Tonechos e miles de trangalladas máis.
Éche ben difícil non caír na trampa así que ten muito olliño co que mercas.

Etiquetas:

venres, 11 de xaneiro de 2008

Alimento de cabalos


Hoxe tocoume ensacar pienso para cabalos e hai que ver como arrecende. O alimento para cabalos ten dúas características diferentes dos outros: é de sabor e cheiro dóces e non ten pó que senón os cabalos esbarrufan cando comen. O cheiriño dóce dallo a melaza e a garrofa. A melaza parece ser que a empregan tamén para facer Coca-Cola, de feito vén un camión cisterna deles a encher o depósito de melaza. No tocante á garrofa dicir que é unha especie de xudía tamén de sabor dóce que pendura dos algarrobos. Antigamente había muitos algarrobos pero van a menos estas árbores mediterráneas debido ao abandono da economía tradicional e a urbanización da costa mediterránea. Tamén descubrín que os exipcios usaban as sementes para pegar as vendas das momias e que as sementes do algarrobo servían para pesar o ouro nas balanzas ( kerat en árabe é semente de algarrobo e de aí vén a palabra quilate ). Todo isto descubrino aquí. Para que vexas que todo ten a súa historia curiosa.
Na foto saen uns ponis cun refuxio " tipical galician ".

Etiquetas: ,

martes, 8 de xaneiro de 2008

Perdón polo mal tempo



Remataron as festas con chuvia de agasallos por parte de Papa Noel e os Reis Magos. O Leo non apreza os xoguetes e faille máis caso a un corcho dunha botella que a un moneco. Bueno, está na idade, non ?.

O mal tempo parece que segue con nós. Pero tamén cantei a noite de Reis cancións do karaokiño en boa compaña e iso merece un castigo divino en forma de chuvia. Pido perdón.

Etiquetas: , ,

xoves, 3 de xaneiro de 2008

Defendamos a monarquía

Estamos co debate de sempre: que se Papa Noel, que se Reis Magos...Pero este ano os Reis Magos teñen unha xente que os apoia e ata fixeron unha canción de defensa dos Reis Magos. A xente que os apoia teñen a páxina //www.yosoydelosreyesmagos.com/ que inclúe unha canción rap.

http://www.youtube.com/watch?v=Zbwch7_5bF8

Desfrútaa.

Etiquetas: ,

martes, 1 de xaneiro de 2008

Boa entrada de ano

O ano comezou coas uvas e os brindes e a foguetada nas rúas co susto que levou o Leo. Un pouco máis tarde tocou a volta á casa cunha néboa mesta e fantasmal da que xurdiu de súpeto a caseta de cobro da autopista cunha rapaza que non sei como non morría de medo.
O día agora está chuviñento e as rúas case vacías e a chuvia vai borrando o cartel a vinte metros da casa. É un cartel curioso, que semella broma; e que trascribo aquí.
" Véndese porco da casa, criado con calacú e landras de Mosende. Pesa sobre uns 150 kilos. Precio 350 euros. Tel:627574599-699058523. Preguntar por Juan Carlos. Nota: o que compre ten que dar a proba dun anaco de lomo ".

Que o 2008 che empece co humor do tal Juan Carlos.

Etiquetas:

domingo, 30 de decembro de 2007

Sinterklaas



Pois si. Este ano descubrín que Santa Claus ou Papa Noel nun principio viña de España. Si. Incrible pero certo. Explícome. En Holanda existe Sinterklaas que é San Nicolás e vén de España nun barco de vapor acompañado dun cabalo branco e un axudante negro chamado Pedriño O Negro que é o encarregado de baixar pola cheminea para deixar os agasallos ou meter nun saco o neno que se portou mal.

Descubrín isto gracias á Rifenha e pódelo comprobar aquí.

E logo hai outros que falan de trineos que voan...

Etiquetas: ,

mércores, 19 de decembro de 2007

O zapeo do Leo


Cando lle apagamos a tele ao Leo vai el e volve prendela dándolle nos botóns e así cambia de canais. Onte fíxoo e atinou coa escolla para o meu gusto. Primeiro puxo a segunda onde falaban do nivel lector en España que é o último país da comunidade europea e extrañábanse de que os países do leste leran máis. Logo o Leo deulle ao botón e saiu Antena 3 onde falaban da Fala, unha variedade linguística do galego-portugués que se fala en Extremadura e que ten total vixencia na actualidade. Nas imaxes estaban nenos cantando unha panxoliña na escola e logo nenas xogando ás palmas cunha cantinela na súa lingua. Non sei: gustoume esa xente que consideran que a súa Fala non se debe perder e están orgullosos dela. Muitos galegos deberiamos seguir este exemplo non vaia ser que dentro de mil anos eles sigan coa súa fala e en Galicia xa non exista o galego.

Etiquetas: , ,