leoeosseus

martes, 2 de agosto de 2011

E remataron as vacacións


Xela fixo un mes o día vintecatro.


O Leo fixo cincuenta e oito meses o día vintesete. Só lle faltan dous para facer cinco anos.




Fixemos fotos co hórreo e os muiños de Toba, en Cee.



Percorremos o mercado medieval de Corcubión.



Paseamos ao longo da praia Langosteira en Fisterra.



Visitamos un día de mal tempo a igrexa e as pedras de Muxía.



Non faltou o cabo Touriñán, verdadeira fisterra de Galicia.



E demos unha volta ao redor do faro de Fisterra para ver restos de calzado queimado por pelengríns.



Adeus ás vacacións. Agora quedan as lembranzas e as fotos.

Etiquetas: , ,

domingo, 3 de xullo de 2011

Entre cueiros e bombóns



Entre cueiros e bombóns pasan os días. Veñen visitas de amigos e familiares e a " xoubiña " estase comportando ben cos seus choros mínimos e a súa tranquilidade. O irmanazo Leo pregunta todo sobre ela e acarrexa os cueiros suxos ao lixo tapando o nariz e avisa se a nena chora. Leva bastante mal as visitas que o poñen tontiño e saca o seu lado " simpático " con cambios de voz e idioma e movementos parvos pero hai que aturalo.

E o tempo pasa.

Etiquetas: ,

mércores, 29 de xuño de 2011

Cincuenta e sete meses ( e dous días )


E aí o está co regalo que " recibiu " da nai o outro día. Mentres estivo a nai e Xela no hospital, o Leo tivo que repartirse coa tía Kasege e o tío Nan e a avoaE e avóP e portouse ben. Muitas gracias a estes cuidadores de primeira, por suposto.
Onte deille a Leo a nova de que iamos buscar a Xela e a Naideleo e foi de admirar como abriu os ollos de contento. Díxenlle que iamos os catro á casa e preguntou que a que casa e díxenlle: " Á nosa que agora somos unha familia de catro ". E volveu abrir os ollos como pratos e puxo un sorriso que lle cabía o mundo. Pobriño. Seguro que na súa cabeciña rondaba a idea de que o iamos deixar noutra casa sen nós.
E mui ben, esta noite foi a primeira na casa dos catro xuntos e portáronse ben os dous e o Leo volveuse aledar cando saimos por primeira vez de paseo os catro xuntos.
Dende logo, a pesar das arroutadas que lle dá ás veces, Leo é un santiño.

Etiquetas:

mércores, 22 de xuño de 2011

Na prórroga


A nena xogou todo o tempo do partido e agora está no final da prórroga.
Os ceos que está a perder teñen un azul húmido fermoso.


As uvas deste ano prometen.



E a ver se probamos este agosto os kiwiños por primeira vez.




A nena perde o fin de curso do Leo hoxe pero retrato para a posteridade as súas simpáticas listas da compra.


E non queda outra: seguimos á espera.

Etiquetas: , ,

domingo, 29 de maio de 2011

Cincuenta e seis meses ( e dous días )



Aquí está o Leo comendo pizza e mirando os pingüíns de Madagascar, dúas das actividades que máis lle gustan. Outras son recortar números e letras escritos en papel e montar historias. Non para de falar ou cantar cancións inventadas. Ten defectos, está claro, como que é difícil de movelo dun sitio ou que hai veces que muda a súa voz para unha parva que nos desespera ou como o de hai dúas semanas que empezou a dicir unha cousa perigosa; que se aburría.

Tirando estes tres defectos estamos contentos co el como cando inventa palabras e o seu significado como " remanar : tirar con sorte ".

A ver o seguinte mesario como está coa irmanciña recén nacida !.

Etiquetas:

sábado, 14 de maio de 2011

Traballando de noite


Esta quincena tócame traballar de noite e faise duro durmir pola mañá cos coches de propaganda electoral dando voltas cada pouco tempo.
Iso si; traballando de noite pode visitarse de día castelos coma o de Sobroso.


Tamén mercamos alí un axóuxere para a nena e fixen a foto da explicación tan fermosa.





Fixemos a primeira viaxe en tren para o Leo.





E estreamos a praia este ano para sorpresa de Leo porque aínda non estamos no verán.


Ao final traballar de noite ten as súas cousas boas !.

Etiquetas: , , ,

xoves, 28 de abril de 2011

Cincuenta e cinco meses ( e un día )



Aí o está cunha das súas rotinas adquiridas. Cando imos de paseo polo río ten que levar unha viseira ( sempre temos que pedirlle unha ao tío Nan ), un pau para defender as ovellas do lobo e os petos cheos pero ben cheos de pedriñas da vía do tren. Logo clasifica a todo o grupo que o acompaña en rei, raíña, príncipe, guía, etc. ou ponnos nomes dos pingüíns de Madagascar.

Agora xa non ten un amigo imaxinario; ten tres !. Son o imperecedeiro Jónistan e máis os novos Finogordo e Llaques.

No cole segue ben e cos mesmos amigos e un día estaba desgustado porque Noé nin Álex quixeron o conto que lles ofrecía e o Leo non quería ir á biblioteca municipal porque ningún dos seus amigos vai.

Anque cada vez está máis activo e rebelde aínda se entretén ben só e coas súas historias inventadas e así o outro día pasou esta anécdota. Iamos ir a Portugal un par de horas e preguntámoslle se quería vir conosco ou quedar cos avós. El dixo: - Non vou. Cando veñas cóntasme que tal o pasache.

E que siga a conta !.

Etiquetas:

mércores, 20 de abril de 2011

Chocos e mostros


Estes días atrás retirouse na torredocaminho o " Manitas malfalado ". Así que hoxe trouxo empanadas de chocos " da casa " ( pescados polo fillo ) e viño e estaba todo mui bo e seino de primeira man porque me tocou traballar muitas horas e comín nos dous tempos para o taco.
O malo foi que hoxe botei pouco tempo coa familia. Iso si, o Leo tivo tempo para ir apagando as luces da casa na noitiña e dicirme: " Ahora vai vir un mostro e vaite levar ao traballo outra vez ".
Menos mal que todo quedou na imaxinación do neno e nos nosos risos !.
Na foto sae unha das últimas notas típicas que deixaba para Ross Jonander.

Etiquetas: ,

venres, 8 de abril de 2011

Para querelo


É feliz cando corre e cando lle len. Fedella nos mandos dos radiadores. Aprende a contar anos nos aneis dos troncos das árbores. Canta no coche o Waka Waka ou Mamacabra. E fai muitas máis cousas.

Non me extraña que cando lle pregunta a nai que soñou pola noite el responda: - " Nada. Non tuven tempo ".

Para querelo.

Etiquetas:

martes, 29 de marzo de 2011

Cincuenta e catro meses ( e dous días )


Luitando contra Morfeo puiden acercarme ao ordenador e postear isto.

Na foto está Leo cun dos seus xoguetes favoritos: un pau. Este da foto era grande e xogaba a ser un pastor. Cun pauciño pequeno escribe números e letras e fai camiños nos parques infantís mentres outros nenos brincan dun aparello a outro. O Leo divírtese coa imaxinación e inventando historias con calquera cousa ou falando como o faría unha profe. Segue fascinado polas letras e números e enreda co eles.

De cada vez fala millor os dous idiomas e vai corrixindo a súa pronuncia infantil e simpática e, por exemplo, desaparecen as " gomimolas " ( por gominolas ). Conta ben pero despóis do dezaseis só sabe en galego e aínda di " nesitar " por necesitar.

Leva uns días cunha " plasti " para corrixirlle unha deda dun pé que quedaba debaixo doutra e vai corrixindo a posición rapidamente.

Está contento coa pronta chegada da irmanciña ( a mediados de xuño ) e di que lle vai ensinar todo o que sabe e a conducir tamén.

Hoxe foi todo contento para cama porque mañá ten unha excursión e preguntoume se eu ía de excursión no traballo. O que me fai lembrar que teño que volver para cama.

Etiquetas:

mércores, 23 de marzo de 2011

Actualizando

Levo uns días sen escribir e a culpa, para que negalo, é a falla de inspiración. A iso hai que sumarlle o cambio de horario no traballo que me ocupa boa parte do día e que fai que lle lea contos a Leo na cama e remato durmido coma un bendito. Cando esperto o menos que me apetece é porme co ordenador así que vou á cama sen actualizar e apenas toco a interrede.


Iso si, todo segue o seu ritmo e así a nena vai progresando na súa burbulla.


Pasou o día do pai co fermoso agasallo de Leo.



Non foi un tsunami nin unha guerra no mundo árabe pero, desgraciadamente, a miña cámara de fotos morreu.











Pero, a pesar de todo, seguirei co blogo como a poética promesa escrita nunha porta dunha casa abandoada.





Etiquetas: , ,

domingo, 27 de febreiro de 2011

Cincuenta e tres meses


Aí está o Leo facendo o pallaso para a cámara. Leva uns días cheo de vitalidade anque con momentos que lle " doe " a barriga para non andar e que o leve a carranchas.
Segue progresando coas letras e os números e gústalle xogar a que é profesor. De saúde está ben anque a semana pasada pasou toda unha noite trousando fóra e foi a primeira vez que trousou na súa vida. Segue falando só para xogar ( non sei a que idade pode rematar este fenómeno ) e aínda está mui presente o seu amigo imaxinario Jónistan que semella ser unha mistura súa e de Noé, un compañeiriño de cole.
Empeza a asimilar que vén unha irmanciña e así ten conversas simpáticas como a do outro día. Estaba eu barbeándome e díxome Leo: " Era millor ser muller para non afeitarse ". Eu díxenlle: " Si, pero ser muller tamén é difícil. Teñen que traer nenos e dá muito traballo levalos na barriga e despóis". O Leo dime: " Pero a nosa muller non vai ter máis fillos". Eu sorprendinme: " A nosa muller ? . E quen é ? ". E Leo todo cheo soltoume: " Ana ".
E hoxe xa explicou que non ía ter máis fillos, só fillas. Non hai quen lle retruque.

Etiquetas:

domingo, 20 de febreiro de 2011

Risos e refráns


O outro día o Leo aprendeu o que era " pedir papas "que é unha forma de dicir que un se rende e quere saber a resposta dunha pregunta. Onte viñamos no coche e un móbil empezou a pitar por falla de batería. Eu dixen que o móbil pedía papas e o Leo soltou con toda a lóxica do mundo: - " Que quere saber o móbil ? ".
E hoxe aprendín da bisavoa Celia un refrán sobre marzo que xa vén aí: " Marzo, marzán: á mañán cara de can, ó mediodía cara de raíña e á noite corta coma unha fouciña ".
A foto dende a casa de Arbo mostra cara de raíña fea.

Etiquetas: ,

domingo, 30 de xaneiro de 2011

Cincuenta e dous meses ( e tres días )

O Leo continúa dando pequenos avances. Volveu coller o peso despóis dunha tempada con mormeiras, febres e mocos. Tamén lle colleu gusto á bicicleta e vai prosperando dende a primeira vez que tiña medo a chocar coa xente e se botaba ao chan en marcha. Onde non semella estar á gusto é na piscina onde chora bastante. El di que é polo frío e porque lle botan auga aos ollos pero tamén ten medo a caír e a que o solte a monitora facendo exercicios. As alturas, os cans e non ser capaz de facer algo son os seus medos principais.

Iso si, gústalle o cole e todo o que teña que ver coas letras e os números e xoga muito a ser profesor.

E aquí deixo un vídeo de Leo debuxando e montando historias coas personaxes de Fondo de Bikini.

Etiquetas:

domingo, 16 de xaneiro de 2011

Pascuala, a ra


Ao Leo tocoulle levar para casa a ra Pascuala, a mascota da clase. Isto da ra é unha iniciativa coa que cada fin de semana un neno leva a ra para a súa casa para acompañalo e despóis hai que pór fotos e escribir sobre o que fixo e a onde foi.
O Leo quedou mui contento coa súa amiga e ata por momentos esquecía ao seu amigo imaxinario Jónistan. Non a meteu na piscina e na cama porque non quixo pero levouna ao parque, á biblio, de paseo e a Arbo e agora Pascuala dorme na súa bulsa esperando a mañá para volver ao cole e o Leo na súa cama cunha tose e unha voz rouca que non o deixou desfrutar ao cen por cento de Pascuala. Aínda así non deixou de inventar historias mentres debuxaba aos habitantes de Fondo de Bikini: Bob Esponxa, Patricio, Calamardo, señor Cangrexo, Plankton e Perla. E aínda tivo imaxinación para inventar a árbore " paspallón " que empeza coas follas amarelas e marróns e cando cambian a verdes cain.
Imaxinación ao poder !.

Etiquetas:

luns, 27 de decembro de 2010

Cincuenta e un meses


Aí está representado o Leo no seu prebe: contente e escribindo palabras. Leva unha boa tempada interesado en facer números e palabras e ledo. O malo foi estes días que empezou no día de Nadal con febre que desaparecía a base de Dalsy ata outra vez que volvía. Onte tivemos que levalo a urxencias e non lle toparon nada especial así que hai que seguir con Mucosán para os mocos, Dalsy para a febre e Rhinomer para desfacer os mocos que Leo non sabe soplalos e esa auga de mar depurada con flis límpalle o nariz.
Papa Noel portouse ben e estivo en muitas casas e así levou un xogo de instrumentos musicais co seu triángulo desexado incluido, un coche cangreburger de Bob Esponxa, un caneco de Bob Esponxa, un aparcamento de coches, uns contiños da Casa das Fadas e unhas figuras dun Happy Town.
Agora falta saber se lle trae algo o Apalpador e os Reis e a ver se millora da saúde que é o primeiriño.

Etiquetas:

venres, 17 de decembro de 2010

O Nadal segundo Leo

O Nadal para Leo son luces na rúa. É árbore co seu debuxo do Papa Noel e do calcetín de cintas de cores do cole. É comer chocolatinas do calendario de Advento. É buscar un Herodes en todos os Beléns. É deixar aberta a fiestra xa que non temos cheminea. É DVDs de Rudolph. É o conto de Antón e o Apalpador ( a imaxe está tirada dese conto de barafunda ). É unha procesión na súa mente dos cinco reis: Melchor, Gaspar, Baltasar, Papa Noel e o Apalpador.
En definitiva; o Nadal é a ilusión máxica nos ollos dun neno.

Etiquetas: ,

luns, 29 de novembro de 2010

Cincuenta meses ( e dous días )


Non esquecín o mesario, non. O que pasa foi que o sábado estivemos de matanza todo o día e onte foi un día complicado cun cumpleanos de mañá e unha actuación frustrada de " mamá cabra " e tiña que escribir sobre a matanza antes que a esquecese.
O Leo segue adiante coa leitura e escritura e gústalle xogar coas letras e os números. Conta para atrás dende o dez coma se fose mesmo un traballador da NASA e para adiante conta en español e galego ata o dezaseis que a partir de aí ata o trinta só o sabe en galego. En inglés conta ata o dez e sabe cores e unhas cantas cousas. Empeza a distinguir días da semana e rotinas. Le cousas sinxelas e lembra cousas curiosas como o número de DVD da Pantera Rosa que mirou dous ou tres días atrás ou cando esperta que enlaza a última conversa da noite anterior. Come bastante ben e vai deixando atrás tanto chocolate. Bebe bastante anque non lle apetece muito a auga e nada o leite. É complicado sacalo da casa e cando sae e vai a outro sitio non quere moverse de alí. Segue xogando e falando só e faino en castelán. O amigo invisible Jónistan segue presente. No galego mete muito verbo composto que semella o galego do Val de Ellas en Estremadura. Na piscina pásao ben e ten que levar o gorro de peixiño coas orellas de fóra e as goggles postas no alto da cabeza. Segue simpático co seu falar e di " nesito " no canto de " necesito " , " traír " por " traer ", " roxo " por convinción propia, " júbol " por " fútbol ", etc. As formas irregulares dos verbos seguen en danza.
E que prosiga !.

Etiquetas:

luns, 22 de novembro de 2010

Deberes para o Leo


Estamos todos na rutina do traballo e estudios e o Leo non ía ser menos. Agora mándanlle do cole todas as semanas un conto para casa. Temos que lerllo e logo el ten que escribir o título, a data e debuxar algo relacionado ( como a pata do lobo asomando por debaixo da porta ). O Leo prospera bastante para o meu entender e coñece todas as letras e le sílabas sinxelas. Escribir é máis difícil e así o " s " faino sinuoso de máis e escribe algunhas letras para o lado contrario ( non sei se será por ser zurdo ).
Pero, bueno, ninguén aprendeu a ler e escribir nun día.

Etiquetas:

martes, 16 de novembro de 2010

Chocolatina Leo


Esta quincena traballo de tarde e estou pouco tempo co Leo e chego case a esquecer o faladeiro e simpático que é. O outro día foi a un circo e explicou o que había. Explicouno tan ben que a bisavoa Celia dicía que xa valía para falar na televisión. Fíxome gracia cando falou dun funambulista que ía en bicicleta por unha corda no teito. Eu díxenlle a Leo: " E ese home non tiña medo de cair ? " e o Leo dixo todo cheo: " Tiña medo que tapou os ollos cunha venda ".
Na foto sae retratada unha chocolatina co nome Leo que non é invento meu. Será polo dóce ?.

Etiquetas: