leoeosseus

xoves, 11 de setembro de 2008

Vacacións en Eivissa

Xoves 4


Tocou a viaxe dende Vigo a Madrid e Madrid a Eivissa que transcorreu sen grande novidade. Alugamos un Fiat Panda que é o típico coche de alugueiro en Eivissa. Pensabamos que estaba suxo pero os coches da illa están todos carregados dunha capa de pó. A illa non é mui grande e a viaxe ata o norte non durou media hora. O recepcionista foi mui amable e tiña acento estranxeiro. Díxonos que nos tocara un apartamento con boas vistas. Ti que cres ?. Fomos á praia que non tiña unha area mui boa pero si unha auga morna para nadar.








Venres 5

Decidimos probar outra praia do mesmo concello pero a uns vinte quilómetros. No norte de Eivissa hai dous tipos de estrada: estreita con curvas e estreita con curvas perigosas. As estradas están abeiradas de sucalcos con figueiras, oliveiras, algarrobos e amendoeiras e as casas son cadradas e brancas con fiestras pequenas e unha arcada na cara sur. O feísmo case non existe e hai que ir ás urbanizacións costeiras e vilas grandes para topalo. A praia de san Vicent resultou deliciosa pola súa area e auga. No mediodía voltamos ao hotel e fixen unhas fotos de sant Joan de Labritja, cabeza do concello coa igrexa branca típica e a súa arcada. Á tarde facía calor así que nos metemos na cova de Can Marçá que a tiñamos pertiño do hotel. Facía tanta calor que había un feixe de lagartas tomando o fresco na terraza da entrada da cova. O prezo é de oito euros por adulto pero as bebidas están ao prezo de 2,50 euros, asunto típico da illa. A cova estivo ben e fresca. Puxeron a funcionar unha fervenza artificial con cambios de luces de cores e música clásica. Agora xa non corre auga polo cambio climático pero houbo tempos que tiña un río e unha fervenza e que se formaban columnas coas estalactitas e estalagmitas. A cova foi refuxio de contrabandistas e estivo cuberta polo mar en tempos prehistóricos. O acceso faise por unha escalinata de máis de cento cincuenta chanzos ( perdín a conta ) no acantilado. E dende ela mírase unha casa dun ruso millonario que semella tirada dunha película. Máis tarde fomos á praia e fixemos mamarrachos na area e logo mercamos un pareo a unha hippie suiza que vive perto do hotel.









Sábado 6

Hai un mercado hippie os sábados en sant Carles de Peralta ( case tódalas vilas teñen nome de santo así que rematei por tirarlle o santo de diante senón non me daba para ler indicacións e aprender nomes ). Tivemos sorte que fomos cedo. Hai que aparcar debaixo duns algarrobos e cobran tres euros polo aparcamento. O mercado está mui ben e é mágoa que non estea todo debaixo dunha sombra. Venden de todo pero hai muito turista ( incluíndonos nós, claro ). O Leo flipou cun chiringo tipo árabe con coxíns polo chan e taboletes baixos de muito corido. Había unha pallaza que facía figuras con globos e Leo levou o seu que era un canciño. Tamén había libros de segunda man e incluso en galego anque non entrei para previr gastos. Tamén neste sábado coincidiu que había mostra de artesanía pero estaban nunha explanada a pleno sol que non sei como aguantaban alí. Falei cun cesteiro da vida e o home falou de maltrato a nenos e a maiores. Logo apareceu un mozo hippie que lle preguntou se podía aprender a facer cestos. Penso que é bó que non se perdese o costume e creo que non se vai perder na illa porque a artesanía e labores relacionadas son unhas das ocupacións dos illáns. En Eivissa hai muito hippie de primeira, segunda e terceira xeración e topas anuncios de clases de ioga, de música, de baile, de pintura e muitas granxas ecolóxicas de xente que viu vivir aquí atraída por unha luz, unha calor e un ritmo de vida que incitan á calma interior. Pois ben, precisamente esa calor agravada pola cantidade de xente obrigounos a marchar do mercado. Fomos á praia de sant Vicent e de alí para o hotel. Logo decidimos ir a santa Gertrudis de Fruitera e dar unha volta polo bar Costas e a vila. Tomamos un xamón delicioso e un pan con tomate exquisito. A vila é pequerrecha pero ten un ambiente acolledor de xente estranxeira que ancorou o seu porvir en Eivissa e se misturou con illáns.










Domingo 7


Como estaba anubado e era domingo decidimos ir a Eivissa capital que é unha vila amurallada cunha muralla longa e unha arquitectura típica e laberíntica que merece o título de Patrimonio Mundial que posee. Demos un longo paseo que se complicou coa cantidade de chanzos que hai que subir e a calor que saía de entre as nubes. Nunca imaxinaría eu que subiría e baixaría tantos chanzos para ir a unha praia, a unha cova ou para visitar unha cidade. Bueno, tivemos sorte de ir nun domingo de mañá porque así evitamos a multitude e puidemos admirar a muralla, as vistas e as rúas de Dalt Vila que é como se chama a cidade fortificada. Outra vez botounos fóra a calor do mediodía e recuamos para o hotel e logo pasamos unha tarde tranquila de praia e paseos.















Luns 7


Acordamos visitar outra vila importante da illa. Non quixemos visitar sant Antoni porque hai muita movida aí e non iamos nese plan. Así que fomos a santa Eularia des Riu. No camiño mirei muitos muiños de vento pero case todos arruados. Santa Eularia é unha vila grandeira con muito apartamento vendido a estranxeiros e un paseo e unha praia ben feitucos. O paseo está abeirado de multitude de restaurantes e pubs tipo inglés. No centro hai unha alameda pequena cuns postos hippies. Desfrutamos da praia cunha area fina e mui boa e unha auga que daba pena saír dela. Á tardiña ( en Eivissa anoitece unha hora antes e ás oito xa é noite ) ceamos pizza no " Over the world " e estivo rica.






Martes 8


Levantouse outro día anubado pero con engano coma sempre. Parece que non vai facer calor pero logo sóltanse os infernos todos. Dende o hotel mirabamos a Torre den Mular e tiña ganas de ir a ela así que collemos o coche e tiramos por onde parecía ser o camiño. Chegamos a unha urbanización respetuosa coa arquitectura típica que se chama Na Xemena e preguntamos a unha señora que paseaba o can. Indicounos o camiño nun español simple cun acento estranxeiro mui forte. Volvemos por unha pista de terra e tivemos medo de que se atascase o Fiat Panda así que seguimos a camiñar e por fin demos coa torre ao final do camiño. Está abandonada e ao borde dun acantilado e ten vistas sobre o chalé do ruso e sobre a cala de sant Miquel con seus hoteis. Á tarde despedímonos da praia mentres uns rapaces daban pan a uns peixes e os collían coas mans. Fixen tamén unhas fotos da cala Ses Mutorons cos seus alboios típicos para as embarcacións.








Mércores 9

E tocou a hora amarga da despedida dunha terra de cor colorada e árbores baixas. Unha terra con rolas e lagartas, coas suas árbores fruiteiras e viñas baixas cos cachos protexidos contra paxaros. Unha terra cun mar cálido e tranquilo. Unha terra con xente de todo o mundo. Unha terra que non me extraña que muitos estranxeiros queiran para o seu retiro.

Etiquetas:

30 comentarios:

Ás 11/09/08, 20:40 , Blogger BK dixo...

Non é un destino que me chame moito, pero despois do teu post, quizáis cambie de opinión...

 
Ás 11/09/08, 22:35 , Blogger ♥ meninheira ♥ dixo...

Qué envexa máis mala!!
Eu como veca tamén teño agora ganas de ir.

 
Ás 12/09/08, 00:54 , Blogger Unknown dixo...

Eu estiven unha semana santa aló, fun a todos os mercados hippies da illa, pero estivo tan mal tempo que non puiden ir á praia.
Iso si, probei uns puffs destes de sentarte en Sant Carles, que me tiven que tirar a rolos para poder erguerme deles!!

En plan tranqui, a illa é fermosísima.

Vin a posta de sol en Café del Mar.
Paseei polas rúas de Sant Antoni e escordei un pé.

Merquei nun dos outlet da illa a miña cazadora rosa e laranxa de Billabong tirada de prezo...

QUERO VOLVEEEEEEEERRRRRRRRR!!!

:)

Beijocas a todos!!

 
Ás 12/09/08, 01:02 , Anonymous Anónimo dixo...

Benvidos, familia de Leo! Xa vos botabamos de menos. As fotos están chulísimas, pero... non cascara a cámara?
"Mirámonos"

 
Ás 12/09/08, 01:32 , Blogger Raposo dixo...

Parece que desfrustastes ben das vacacións. Noraboa.

 
Ás 12/09/08, 04:32 , Blogger tertulias para perogrullos dixo...

Nunca estiven en Eivissa, e a verdade é que lle tenho moitas ganas jeje. Saudos

 
Ás 12/09/08, 09:50 , Anonymous Anónimo dixo...

Espero que o pasarades moi ben... Isto lémbrame que teño que facer a miña crónica...

 
Ás 12/09/08, 09:55 , Blogger Carlos Sousa dixo...

Que sorte, e vaia forma de martirizarnos ós que non disfrutamos das vacacións.
A verdade que che saíu unha cronica moi boa, ben valería para un folleto deses turísticos publicitando a illa.
Un saúdo.

 
Ás 12/09/08, 09:56 , Anonymous Anónimo dixo...

Benvidos, que xa vos botaba en falta.
Alégrome que todo fora ben e tamén me dá algo de envexa a vosa viaxe, sobre todo pola auga morna e a tranquilidade. Quen sabe, igual un ano destes podemos ir de vacacións xuntos... Mirámonos.
Eva

 
Ás 12/09/08, 11:37 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Tenho uma amiga a viver há 20 anos na Alemanha que este ano foi pela primeira vez passar férias a Eivissa (em Portugal Ibiza). Ela ficou maravilhada, encheu o blog de lindas fotos e alguns relatos, e até me mandou um postal de lá.
Um abraço e bom fim de semana.
Continuação de boas férias

 
Ás 12/09/08, 15:51 , Anonymous Anónimo dixo...

Mon Dieu! Qué ben vives!E logo non estás canso de tanto andar fóra da casa?

 
Ás 12/09/08, 18:58 , Blogger Pau dixo...

Que envexa, i eso que a min as Baleares non é que me atraian moito, en todo caso quedariame máis con Menorca. Boas fotos e belas paisaxes

 
Ás 12/09/08, 19:38 , Blogger Cuspedepita dixo...

Nunca estiven por alá, pero sempre tiven gañas de ir ás Baleares
Quizás a illa que menos me atraía era ista precisamente, non sei, creo que a imaxinaba chea de xente tipo Pocholo, ou así ;-))
Boh, prexuizos que unha ten sen ningunha razón de ser...
Alédame que o pasarades ben e xa entendo que o Leo quedara abraiado co chiringo árabe, parece feito á medida para os nenos :-))

 
Ás 12/09/08, 22:25 , Anonymous Anónimo dixo...

Que lembranzas......
Carmen, a miña muller e mais eu, cando ainda non eramos o que somos hoxe, ca compaña da nosa cadela "mordor"., pasamos unha sema de ensueño, en tenda de campaña, ali...E formentera.
Nunca esqueceremos aqueles dias....tampouco aquelas noites..uhmmm, xa sabedes...
Dasme moita envexa.

 
Ás 13/09/08, 18:55 , Blogger Mer dixo...

Ao parecer quedouvos un bo sabor de boca. Noraboa

¿ Víchedes algún famoso?

Unha aperta

 
Ás 14/09/08, 11:15 , Anonymous Anónimo dixo...

Escrebes estas cousas para dar envexa, ouh? Se existise a censura xa che tiña denunciado...

 
Ás 14/09/08, 12:29 , Anonymous Anónimo dixo...

Feliz volta á casa!

 
Ás 16/09/08, 16:12 , Blogger Bea dixo...

que envexa... menuda semán máis boa debechedes de pasar, alégrome ;)

 
Ás 16/09/08, 18:52 , Blogger LM dixo...

apontamos o lugar... sobretudo isso da auga morna das praias. beijos e bemvindos!!!!

 
Ás 17/09/08, 16:10 , Blogger abueloscrisytoño dixo...

Nós nunca fomos a Eivissa pero sempre nos falaron ben dela, polo seu clima e o seu ambiente. Coas fotos e as explicacións parece que estivemos na illa, grazas e un abrazo

 
Ás 17/09/08, 18:39 , Blogger amauta dixo...

o que é fermoso das Illas é ese perfume salgado da súa lingua catalá, e a musicalidade do seu pobo (para proba, Maria del mar Bonet).
Nas Balears, eu fico derrotado...Pero se alguén gosta do Mediterráneo, recomendo l'Alguer (sardeña).

Saudos dun aspirante a viaxeiro!

 
Ás 17/09/08, 20:00 , Blogger busto.agolada dixo...

Vexo que foi unha viaxe proveitosa e de lecer. Estupenda e pormenorizada descrición no diario que nos ofreces. Benvidos á real-vitual-idade.
Unha aperta.

 
Ás 18/09/08, 01:35 , Anonymous Anónimo dixo...

benvidos, eu tamén quixera viaxar, mais agradezo o teu vento fresco sobre viaxes que un pode imaxinar. pero sobre todo bótanse de menos os teus artigos sobre as cousas de aquí.
saúdos

 
Ás 18/09/08, 09:32 , Blogger Veloso dixo...

Este verán, por circunstancias, non fixen ningunha viaxe, así que agradezo dobremente este percorrido que nos ofreces por Eivissa. Anótoa para veráns vindeiros. Un saúdo.

 
Ás 18/09/08, 12:43 , Blogger fgul dixo...

vaia:

pois si que ten boa pinta a viaxe si. Haberá que tela en conta para vindeiras aventuras.

Eu polo de agora arranco en cuestión dun més para Atenas.

Xa vos contarei.

Saúdos

 
Ás 19/09/08, 12:02 , Blogger Carlos Sousa dixo...

Pois si que lle estás tomando gusto as vacacións, e nós aquí impacientes a espera de que nos contes algunha nova.

Un saúdo, e o chollo, jeje.

 
Ás 19/09/08, 16:21 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Passei. Deixo um abraço e votos de bom fim de semana

 
Ás 21/09/08, 13:03 , Blogger Marinha de Allegue dixo...

Alégreme que a illa soubera acollervos...

Unha aperta.
:)

* Xa o farei saber aos que dalí conhezo

 
Ás 21/09/08, 23:42 , Anonymous Anónimo dixo...

Onde estás, que non escribes? Será pola vendima?
Unha aperta para vós os tres.

 
Ás 22/09/08, 22:35 , Blogger Son Unha Xoaniña dixo...

Parece que pasachedes boas vacacións, tal como o contas dan ganas de ir alá,
Benvido.

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio