leoeosseus

luns, 27 de xullo de 2009

Trinta e catro meses


E van trinta e catro meses, a só dous de cumprir tres anos !.
Come ben anque non quere coller o garfo. Está sen cueiros pero non pide pis e hai que pólo a mexar que, se non, mexa por el. Fala bastante e ten imaxinación e así mestura o mundo real cos mundos dos contos e DVDs. Na foto fixo o castelo de " Bella e Bestia ". Gústalle cantar e parece ( para o seu ben ) que ten millor oído musical ca o pai. Canta a canción de " Paco Papán " cambiando o nome do protagonista por avó Moncho, avoa Marita, señores, papá, mamá, os curmáns ou paraguas ou coches ou o que sexa.
Aquí vai un exemplo.


Trascrición da canción: ( Paraguas Papán non fai n ) ada de proveito e só asubía e asubía. Sua nai mandou buscar traballo e que fai a cama cada día. Paraguas Papán, tun, tun. Paraguas Papán, pan, tun. Paraguas Papán, Paraguas Papán.

Etiquetas:

venres, 10 de xullo de 2009

De Rodríguez


Hoxe remátanme estes días de Rodríguez e hoxe vou xuntarme coa familia e por fin sentirei vida infantil ao meu derredor. Crin que non ía extrañar muito a familia pero o silenzo pódeme.
O Leo aproveitou estes días para xogar na praia cos curmáns e empezar a dominar a arte de mexar no pinico co premio duns aplausos que pide cando remata a faena. Tamén fala algo comigo polo teléfono e remata dicindo: " Mándalle un bico " e logo manda o bico.
E iso é todo. Ata martes non saberás máis de min e ese día farei o sorteo da botella de viño. Aínda podes entrar no sorteo !.

Etiquetas:

domingo, 28 de xuño de 2009

Trinta e tres meses ( e un día )


Onte o Leo fixo trinta e tres meses pero non escribín no blogo porque estivemos de voda por terras choqueiras. O Leo comeu os entrantes e logo quedou durmido a maior parte do tempo a pesar do ruido que había. Logo volveu á praia pero xa non había que subira a marea e o vento levantaba olas.

Etiquetas: ,

sábado, 13 de xuño de 2009

Pingando area


Hoxe tocou praia por fin !.
Para mercar unhas empanadillas para xantar tardei muito pero polo menos aprendín un truco para cortar tortas: hai que pasar o cuitelo por auga mui quente antes e así cortas o que sexa sen desfacer nada. Na praia había un chisco de boira pero estábase ben: o Leo xogou coa area seca, coa area mollada e coas ondas que non lles ten medo. Tamén gozou dunha poza de auga quentada polo sol e pingou area do mesmo xeito que sae na foto. Logo foi metelo no coche de volta para a casa e quedar espichado a durmir.
Hai que aproveitar o bo tempo cando vén !.

Etiquetas: , ,

martes, 9 de xuño de 2009

Rimbombancias e pinicos


Vivimos nunha sociedade mui dada ás grandes palabras ocas de significado ou cun significado escuro e así hai unha furgoneta veciña con este nome de empresa que non me di nada: Globalización de servicios integrales; e logo vén pintada cuns peixes voando entre árbores. Se alguén comentarista sabe algo que mo explique.
Así tamén teño un compañeiro de verbo vacio e fácil que cre na teoría creacionista e escribe " agua " con diérese, aparte doutras mostras de saber barato. Cre que vai ir ao paraíso e, de feito, está collendo práctica porque é un mangoeiro que non pega pau na auga. Pero hoxe sorprendeume coa última porque dicía que nas manifestacións do metal os vándalos aprenderon de Kale Borroka. Eu fixen o parvo e pregunteille que era iso e el iluminoume dicindo que Kale Borroka é unha organización proetarra onde aprenden a luitar contra a policía. Nada, que é millor deixalo desbarrar.
A boa noticia de hoxe foi que o Leo pediu para mexar no pinico e mexou nel por primeira vez !. Supoño que o día de chuvia axudou bastante.

Etiquetas: , , ,

luns, 1 de xuño de 2009

Unha flor nova


Esta fin de semana tan calorosa foi de redescubertas para o Leo. Volveu bañarse na auga do mar despóis de case un ano e volveu bañarse nunha piscina. Tamén parece que lle abren o apetito estas calores e que o poñen máis " eléctrico ". Pola miña banda descubrín ou, máis ben, fíxenlle caso ás flores de kiwi como a que aquí retrato. Tamén intento fotografar abellóns pero non se deixan.

Etiquetas: ,

mércores, 27 de maio de 2009

Trintaedous meses


O Leo fai trinta e dous meses e progresa ao seu ritmo. Onde máis progresa é no falar porque fai frases longas e simpáticas. Inventa paroladas entre os monecos e mete castelán no galego. O outro día estaba cos monecos e no discurso solta o Leo un " ha hacido ". Debeu de notar algo mal que corrixiuno rapidamente cun " fixou " porque el conxuga os verbos de forma regular a así de " levou, cantou, falou " tira el " dixou ", " fixou ", etc. Logo ten unhas palabras simpáticas como " címpele " para " príncipe " e " zacatíns " para " calcetíns ". Tamén corrixe á xente como o outro día que lle sinalaba unha bandeira á nai e dicía el " bandeira ". A nai dicíalle " ahá " e o Leo soltou " Ahá non; bandeira. ".
Na hora de comer non progresa nada que só quere comer trapalladas e de facer as súas " cousas " tampouco avanza. A ver se cambia contra o verán.
Deixo unha foto de primeiros de maio que me gusta bastante.

Etiquetas:

domingo, 24 de maio de 2009

Nesta semana pasada

O Leo desfrutou cos flocos de millo mentres bailaba a canción de Moldavia do festival de eurovisión. Non chegou a mirar o final e tampouco sei como reaccionou coa canción gañadora de Noruega " Fairytale ". A min gustoume.

Etiquetas: ,

xoves, 30 de abril de 2009

Trinta e un meses ( e tres días )


As augas aínda non foron ao sitio pero hai que actualizar por ese sol que é o Leíño.
Cada vez está máis simpático co ese falaricar que ten que é mistura de galego, español e extraterrestre que vou denominar " leíñés ". O outro día probou na festa da lamprea " pelos de azucre " que é como lle chama ao algodón de azucre. Tamén o outro día recibiu un bico da nai nunha meixela e rapidamente limpou a cara, recibiu outro bico na outra meixela e volveu limpar. A nai preguntoulle porque se limpaba e Leo dixo que estaba sucio. " De que ? " preguntoulle a nai e o Leo soltou: " Sucio de amor. "
E con detalles así imos liberando bo humor e sorrisos que non nos sobran.

Etiquetas:

xoves, 2 de abril de 2009

O Leo e o consumismo


O Leo vaise integrando neste mundo de consumismo. Onte estaba no coche; recolleu o pantalón, puxo as pernas ao aire e dixo: - Leo no ten pelos a perna. Eu díxenlle: - Non. E el retrucou: - Hai que " compar ".

Etiquetas:

venres, 27 de marzo de 2009

Trinta meses


Hoxe o Leo fai trinta meses; cando se calcula que falta un mes para que chegue Xiana.
O Leo está algo mimento e empeza a facer trasnadas como meter tres " uvedés " ( DVD´s) na ranura do aparato ou mover testos da avoaM. Ten a cara con marcas da gardería que non deixa curar porque foza nelas para durmir. Como se fose pouco ten outra marca no nariz e bigode dun golpe que deu contra unha mesa.
Ten días malos que non quere estar só e que protesta por todo e non come ou come trapalladas e ten outros días bós que é un encanto e ri e xoga feliz.
Queremos que deixe os cueiros pero el segue coas súas. O outro día queriamos que mexase e el fixo o ruido " pssss " coa boca pero nada; iso si, aos cinco minutos mexou pola perneira abaixo. Haberá que seguir intentándoo.
E así vai o cativo.

Etiquetas:

venres, 27 de febreiro de 2009

Vintenove meses


Vintenove meses xa son os que leva o Leo entre nós. Recuperou quilos dende que estivo malo o mes pasado e progresou bastante no falar. Fala só e canta muitas cancións no seu idioma e ata sabe algunha en inglés. Esta semana estivo cos curmáns e parece que espabilou en tódolos sentidos porque anda mui activo e non dorme a sesta e proba comidas imitando aos curmáns. Tamén ten momentos mimosos e ciumentos e non quere saber nada da gardería estando os curmáns na casa.
Mañá o Leo será o encargado de ver a quen lle corresponde o viño de Arbo do meme do traste galego.

Etiquetas:

xoves, 26 de febreiro de 2009

O Leo aprendendo


O outro día sorprendeume o Leo contando ata cinco nun libriño para aprender a contar. Pareceume un feito case máxico porque paréceme aínda cedo para iso. Non sei.
O que é verdade é que é curioso e quere saber os nomes de todo o que mira e unha das súas novas afeccións son os contos dos pitufos e aí estou eu inventando nomes de pitufos. Iso si, espero que non aprenda a escribir con Gargamel porque escribe nun frasco " bava " de sapo.

Etiquetas: ,

luns, 16 de febreiro de 2009

Conservando


A foto esta ten uns aniños e foi feita por unha estranxeira en Arbo. Gústame polo enfoque que ten e o colorido ( gaña se a amplías clicando nela ) e serve de testemuña do cambio dos tempos porque esta viña hoxe non existe e o feixe de veigas adicadas a millo coas súas medas agora están adicadas a viño.
Eu creo que un blogo é unha ferramenta ideal para conservar fotos e textos en forma de diario que co tempo gañan valor.
E por iso hoxe quero conservar as anécdotas do Leo " bautizando " pedriñas no xardín da avoaM, o riso que botamos cando queriamos gravalo cantando " Cumpleaños feliz " ao avóM e soltou a canción de " Caracol, col, col ", a ledicia que levou probando o disfraz de indio cos curmáns e o falar " extraterrestre " cando colle o teléfono.

Etiquetas: , ,

sábado, 7 de febreiro de 2009

" Chime para pinar "


Mostreille o disfraz para Leo e dixo: " É bolito. Ah, un chime. ", sinalando o gancho para penduralo no almario. Eu díxenlle: " É para pindurar." e o Leo retruca: " Ah, chime para pinar."

Etiquetas:

martes, 27 de xaneiro de 2009

Vinteoito meses


Despóis dun inicio de ano apouchadiño con días de febre e sen apetito o Leo recuperou a saúde, o humor e o apetito. Pasou de xogar con monecos a enamorarse dos contos de Disney e Mortadelo e Filemón e busca tódalas personaxes e pregunta como se chaman. Tamén lle gusta pintar á súa maneira e debuxou a primeira cousa evidente que era un caracol. Está falando todo o día e inventando historias e ten días de palabras e expresións e así pasou a época de dicir " chavala " para todo a " non sei ". Tamén empeza a cantar ( máis ben tararear o fin das frases ) e esperemos que herde o sentido musical da nai. Agora esperemos que millore o tempo para poder pasealo máis. Falando de pasear onte levámolo á pediatra e estivo todo entretido cos contos ata que saiu a muller e dixo: " Ahora Fulanito de tal y después Leo S. ". O Leo saltou " Leo, no. Buaaa. A pasear. A pasear."

Etiquetas:

venres, 23 de xaneiro de 2009

Frase redonda


" Quen tal teña, non diga que é pobre ".
avóP

Etiquetas:

sábado, 10 de xaneiro de 2009

Farrapos


Esta é a primeira foto nocturna feita coa cámara nova en Arbo e conto con facer máis.
Onte caíron uns farrapos de neve ( é como se lle chaman ás folerpas por Vilaguindastre ) pero non callaron no chan e non os fotografei ( se queres mirar unha foto da nevarada en Vilaguindastre e saber de refráns clica aquí ). Eu cheguei tarde ao espectáculo porque o Leo anda algo pocho con febre e o nariz atascado e con voz rouca que parece un neno poseído. Anda cos ollos longos e mui mimento que non quere estar só. Supomos que será unha gripe ou un constipado que colleu nun día destes tan fríos.
Bueno, esperamos que millore para facer vida normal outra volta.

Etiquetas: , ,

domingo, 28 de decembro de 2008

Vintesete meses ( e un día )



Os días de festa pasan lixeiros e enleados entre visitas, paseos e comidas. O Leíño chegou aos seus vintesete meses e non tiven tempo onte para escribir no blogo. El segue avanzando pese ao pouco que come. Da teta case non se lembra pero está feito un adicto aos postres e o chocolate. Gústanlle os contos repetidos ata o infinito como o de Pinocho e Peter Pan. Gústalle xogar coa granxa dos Lunnis e ir á mesa co neno Xesús, a vaca, o burro e a galiña e pide que lle cantemos as cancións de Miliki: Había una vez un circo " Había sírcolo ", Susanita " Ratón titín ", La Gallina turuleca " Ghaliña teca e ovos ". Sabe que mamá ten unha nena na barriga ( ao primeiro localizábaa polas tetas ) e sabe como se chama porque lle demos a escoller entre os nomes de Sabela e Xiana e dixo: Xiana.

Etiquetas: ,

domingo, 30 de novembro de 2008

Baixón pola arañeira



Non sei se notaras que escribo menos ultimamente pero si que escribo e ando menos pola interrede. O motivo non é o frío galego que está facendo nestes días senón o Leíño que require máis a miña compaña para ir durmir. Nós preguntamos: " Con quen queres ir durmir, con papá ou con mamá ? ". Antes dicía sempre con mamá pero agora quere con papá. E teño que contarlle o conto do oso que viaxa e o osiño e a mamá e o do gato con botas e espero que quede durmido...e alá a espicho eu tamén. E saio da súa cama para ir á cama grande.

A outra noite fixémoslle a mesma pregunta e case safo de ir co el: " Con quen queres ir: con papá ou con mamá". E el respondeu todo cheo: " Con Papa Nel ! ".

Etiquetas: