Linguaxe da vendima
A vendima está tocando á súa fin. Este ano houbo uva de máis e quen sabe o prezo que establecerá a adega para as uvas. Como sempre foi o híbado ( híbrido) o que máis rendeu pero esa uva non a quere a adega. E agora queda por vendimar o Treixadura (O Treixadura pon a barrigha dura). E agora vou dicir unhas palabras desta zona referidas á viticultura. A videira prántase apoiada a un espaller que é o poste que a levanta do chan. O acio en Arbo chámase cacho e se ten poucos baghos (uvas) é unha escada. O cacho consta dun cangallo (o esqueleto do acio) enganchado da vara polo ghapio (o rabo do acio). Os baghos teñen casca, carne e ghraíña (as pébidas do bago). Os diferentes tipos de uva distínguense pola folla, pola casca (a do híbado hai que cuspila), pola forma do cacho, pola forma do bagho (o Albariño teno redondiño e cunhas pintiñas, o Treixadura xa o ten máis ovoide e cunha soa pinta na punta); polo sabor (o Loureiro sabe a fruta e o híbado é mui dóce) e tamén a ghraíña que o Albariño tena grande e hai que cuspila.
Para vendimar vas cun corte ou tesoura e cortas o cacho polo ghapio. Comprobas que o cacho non teña uvas encorreadas (enrugadas por enfermidade), nin que o cacho estea parmado (verde a medio medrar), nin que sexa un outono (cacho totalmente verde que queda para outono ou outubro), nin que teña baghos verdes (balíns). Tampouco ten que ter pasas. Logo botas o cacho no munico (capacho ou cesto) ata enchelo e unha vez cheo o munico vai para o tractor. Cando o tractor está cheo lévase para a adega onde se pisa. Agora é unha labor mecánica onde entra o cacho por un tubo e sae o cangallo sen uvas por outro buraco. As uvas exprimidas pasan ó barril onde botarán dous ou tres días a ferver. O volume medra e hai que baixar a uva cunha ghaia (un pau con tres puntas coma pata de ave). Despóis veñen máis procesos que contarei noutra ocasión.
En canto a Leo dicir que semella gustarlle a vendima que non sae e prefire o aire da veiga e non o do hospital.
Mañá toca vendimar a Treixadura e a ver se rematamos esta semana (se Leo quere).
Un saúdo a todos.
13 comentarios:
caji en na!!!...xa perdin a aposta con Leo
¡Por fin podo comentar no blog de Leo!
Porque ademáis este post, que me encantou, ten un remate que me é... familiar. He he, o día antes de me dar a luz, miña nai andivera a vendimar na de miña avoa. Eu non me lembro de todo iso, como é lóxico, pero foi o que me contaron.
lóxico, e que non hai comparación posible entre o aire do campo e do hospital...
saúdos.
É que che está mui cómodo en mui bon sitio...
Listiño que é o Leo.
Bicos.
Leo está agardando o momento preciso, sen dúbida é un intre preciso e precioso na súa vida e coma todo leva a súa coidada preparación...
Unha aperta grande.
:)
xa tarda este leo, case me estou pondo nervioso até eu :)
un post moi lindo, precioso!
unha aperta
Ohhhhhhhhhhhhh!!! canta palabra xunta que nunca tiña oído. E de probar o viño, que? que diso aínda non falou nada.
Polo que se ve o Leo quere ser un outono, logo.
A ver se lle dá tempo a contarnos máis cousas da vendima!
Cando era pequena e meus pais traballaban as viñas en Soutomaior o que peor levaba era a aparicion das arañas que baixaban colgando ou aparecian no medio das uvas non me quero nin lembrar, polo resto todo son bonitos recordos sobre todo xq cada vez q puñan viño na mesa ata q me daban un pouquiño non paraba inda q teño q recoñecer q era mais gaseosa ca outra cousa pero aquilo sabiame a gloria (debia ter eu sobre 4,5,6 anos)g,g,g...
A ver se ay sorte e pronto nos das a boa noticia, se non como sigamos asi vai pasa lo Cristo e inda staremos a sperar.
Bqñs.
Es todo un experto en vendima, Acedre! Se a Leo lle entra curiosidade por vela en directo, que todo saia moi ben. Estamos impacientes xa!!
Biquiños
unha leccion perfecta! coma se fora vendo todo, fun vendimiando ao lonxe. Acedre, un dos mellores post que che lin e iso que levo tempo disfrutando do que escribes!
Graciñas a todos polas vosas palabras.
A verdade é que estes días estou falando disto das viñas para conservar para o futuro que non se sabe o que vai durar isto.
Un saúdo a todos.
unha clase maxistral, e Leo... a punto.
Unha aperta
que post tan interesante!
canto vocabulario
(algún non o coñecía, pero outro sí)
na miña aldea (no concello de Silleda, na comarca do Deza) hai pouca uva e mala,
pero a que hai, cando era pequena que vivía eu alí,
daba gusto comela! e tamén facían viño (para a casa)
e algunha vez puxéronnos ós nenos, a pisar nela... descalciños, que ben o pasabamos...
Publicar un comentario
És humano ti ?
Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]
<< Inicio