O nécoro e a cantinela do queixo, queixolán
Co nacemento de Leo apréndense cousas novas e lémbranse outras case esquecidas. Eu, por exemplo, aprendín que hai xente que lle chama nécora a un neno recén nacido. Pensaba eu que era un nome inventado pola familia que o dicía no hospital pero topei nun dicionario a palabra nécoro que significa neno recén nacido. Así que Leo, de momento, é un nécoro e eu chámolle necoriño.
E unha das cousas que lembramos é unha cantinela infantil co nome das partes da cara. Cántase tocando o neno cos dedos na parte nomeada:
- Este queixo, queixolán;
esta boca pide pan;
este narís, narisete;
estes ollos de pisquete;
toma, toma, carneirete.
E dáselle duas toupadiñas na fronte.
En fin, isto de ter un fillo é rexuvenecerse un pouco.
15 comentarios:
Eu fixen unha variación e de caranguexiños ou nécoros pasei a centoliños, ¡é que hai que ver o que van medrando!
A peza musical aprendereina para aprenderlla. Agradezo moito suxerencias semellantes.
E recordas como é iso de rirse un pouco máis de todo... do bo e do malo, porque os nenos volven a un sempre algo rapaz, de novo.
A canción que me cantaban a min tiña algunhas variantes:
- Este queixo, queixolán;
esta boca pide pan;
este narís, narisete;
este ollo periquete;
esta testa, testaruda;
e esta cabeza... peluda!
E revolvíanme o escaso pelo que tiña, hehehe.
Saúdos.
hehehe... xa, xa, dimo a min...
un saúdo.
Que post tan bonito!!!!!!
O papá pelacho tamén a lembra :)
Gústame moito cantar, debe de ser que nacín en familia de cantareiros, e na casa pola noite cantábannos para durmir, eu sempre lembro a de Rosalía: "Miña santiña, miña santasa miña cariña de calabasa ..."
Unha apreta moi forte para os tres!
ohhhhhhhhhh! eu tamén lembro esa canción........que ben!!!!!!aapertas!
Estou con Leco é un post ben lindo!!.
Unha aperta.
:)
A magdalena de Proust é unha carallada ao lado destas verbas que me achegan á nai
alguen podía subila coa musica así podo cantarlla a Santi?
Aínda te atopo agora! Noraboa! Parabéns!, en fin, todas esas cousas. É unha cucada ese neno. :)
Noraboa!! Había días que non pasaba por aquí. Aproveita o momento: o tempo pasa voando e cando te deas conta o cativo xa estará na Universidade.
Felicidades polo teu necoriño!!
Graciñas polos vosos comentarios. Gustoume facer lembrar a máis dun as cousas que nos dicían na nenez.
Isto da paternidade dá para muitas anécdotas...
mois miña nai diciame:
este queixo queixolán
esta boca pide pan
este ollo pispirete,
este naris, narisete
¡arríncate cabalete!
e colliame a puntiña do naris
cos seus dous dedos facendo pinza,
doia un pouco e eu as veces ría e as veces choraba.
era ben pequeniña, segun ela, cando mo facía,
e non me esqueceu nunca.
Publicar un comentario
És humano ti ?
Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]
<< Inicio