leoeosseus

venres, 19 de xaneiro de 2007

O Mecaghoncrista


Estes días non andei mui alá de saúde. O domingo pasado estiven axudando ó meu sogro a podar vergueiros para atar viñas cos cimos que saen dos vimbios e entroume o frío. Ana e mailo Leo tamén estiveron mal da mormeira e o Leíño tivo febre por primeira vez na súa vida. Por fortuna, estamos millorando todos dende o luns que foi o pior día.
E cambio de tema e hoxe vou falar do Mecaghoncrista. Chámolle así porque esa é a expresión coa que remata a metade das frases que di. O tal home é dunha parroquia veciña pero casou alá en Portugal e alá vive. Os fillos van ó colexio alá pero ó médico aquí. Este compañeiro é unha ledicia. Entra polo vestiario adiante saudando e facendo bromas e inventando lerias cunha imaxinación que deixa bastante atrás a miña. Os luns chega cunha bulsa plástica de supermercado chea de calcetíns para traballar e di que llos roubou ós mortos do cemiterio. O caso é que os trae desemparellados e bota dous minutos cada día emparellando calcetíns. Tampouco trae peite ou cepillo e só peitea á súa pelaxe estilo Curro Jiménez ( de aí a foto que poño ) semana si e semana non cando coincide no mesmo turno outro compañeiro que si trae peite. Antes xantaba noutro bar pero agora cambiou de restaurante que no que vai agora con cada xantar dan unha rifa para o sorteo dun poldro e el quere que lle toque. El di que xa ten as patillas estilo Curro Jiménez pero que lle falta o cabalo. Pero o que máis gracia me fixo estes días foi o que dixo dunha bufanda que trae outro compañeiro; díxolle que lle gusta a bufanda e que cando teña crías que lle pase unha.

Etiquetas: , , ,

11 comentarios:

Ás 20/01/07, 12:18 , Blogger Paco Penas dixo...

jaja...dille que se trae máis dunha cría, que me de outra a min.
Xa vemos que non te aburres no traballo. Unha aperta e graciñas por contárnolo dese xeito.

 
Ás 21/01/07, 11:30 , Anonymous Anónimo dixo...

Alédome de que esteades todos un pouco millor, estes tempos son moi traicioneiros.

Encántame as tús historias, non sei me lembran á serie Doctor en Alaska, polas cousas tan peculiares que contas e os tipos que coñeces...

Bicos aos tres

 
Ás 21/01/07, 19:36 , Blogger moucho branco dixo...

Debes ter un imán para atopar curiosidades humanas ou ben para explotar as pequenas idiosincrasias de cada un de modo literario, ;)

 
Ás 22/01/07, 13:50 , Blogger Mar e Lúa dixo...

Sempre tes unhas historias divertidísimas que contar... A verdade é que coñeces xente moi especial :) Eu tamén quero!!
Por certo, gracias polo teu post, pero non sei se quero ter esa sorte... :/ Que líos!

Espero que esteades mellor todos xa. Unha aperta e moitos agarimos pa o pequeno!!

 
Ás 22/01/07, 18:46 , Anonymous Anónimo dixo...

He he. Eses compañeiros, con unha imaxinación que quixeran para sí moitos guionistas da grande e pequena pantalla, son algo que boto moito de menos dos tempos currantes. Bueno, os compañeiros en xeral.
A coidarse, que di miña avoa que este ano hai un ghripe malísimo.

 
Ás 23/01/07, 00:02 , Blogger Suso Lista dixo...

Tendes que cocer arcolíto, que pra algho ten que servir, e así xa poderedes respirar millor, con ese airiño que arría. O Curro, desde logo, alegrache o traballo, cuidadeo a el tamén.

 
Ás 23/01/07, 00:17 , Blogger Torreira dixo...

EU COIDO QUE PAI-DE-LEO TEN A SENSIBILIDADE SUFICIENTE NON SÓ PARA COÑECER XENTE SENON PARA ESCOITALA E ESCRIBIR DELA.

 
Ás 23/01/07, 08:19 , Blogger Mario dixo...

Ese tipo de xente simpática é a que che alegra o día, sobre todo cando te colle por sorpresa e non imaxinabas botar unhas risas.

 
Ás 23/01/07, 21:47 , Blogger rifenha dixo...

O riso e a gente especial, são o melhor deste mundo tão inhumano.
Sempre nos trazes cousas do melhor, paideleo.
Graças.

 
Ás 23/01/07, 22:35 , Blogger Raposo dixo...

Pois entre os meus compañeiros de traballo non hai ningun tipo peculiar.
Curro Jímenez, eu vía ese serie de pequeno. O que disfrutaba co Algarrobo!

 
Ás 28/01/07, 23:29 , Blogger leco dixo...

Hahahahaha!!! Boísimo o detalle!!!
E, por certo, teño que pasarche isto por se che apetece. Como non atopo o teu enderezo electrónico, voucho deixar por aquí:
Desde De Ugarte-Roger-O Levantador de minas recibo o inquérito que me pide tres razóns para abandonar España. Malia que inmediatamente me veñen á cabeza unha morea de boas razóns para querer vivir noutros lugares, ao mesmo tempo non teño tentacións de marchar. A xente que quero é para min a primeira razón para vivir onde vivo aínda que teña que aturar:

-A corrupción sen límites que tendemos a aceptar como mal menor da democracia (non era precisamente un dos piares das ditaduras?), arexada sen pudor e case reclamada como mecanismo para que todo funcione.

-A amargura de moitas persoas que con frecuencia as leva a causaren mal a outras, sobre todo cando estas últimas resultan ser “pringadas anónimas”.

-Tantas leis. Ao meu fillo de seis anos non lle colle na cabeza como hai tantas cousas que son obrigatorias ou que están prohibidas, e a min tampouco. Como coas tradicións, en moitos casos bastou unha escusa para establecelas e, por moitos anos que teñan pasado e por moito que teñan mudado as circunstancias, nunca as boas razóns son suficientes para desterralas.

Tamén se me pide que convide outros cinco blogs a participar, o que transmito con gusto a: Trapobana, Paideleo, Robinson, Xabier Docampo e Jaio

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio