Ghali-ghali
Hai varios tipos distintos de inocente e un tipo é o do típico home solitario que vive en malas condicións e que acostuma ser pobre, ignorante e carregar coa mala sorte toda a súa vida ata a morte.
Un exemplo pode ser o Ghali-ghali ou señor Benito. O home vivía nunha casa vella acompañado do seu sobriño. Estivera na guerra civil e contaba que os mouros do exército de Franco atacaban berrando Ghali-ghali e de aí tirámoslle a alcumada. Tiña unha vaca que daba pena e que alimentaba nas cunetas da estrada acompañada de catro ovellas e un par de años. Chamaba lulues aos cans pequenos dos pisos. Tiña unha boina suxa encasquetada ata as cellas e unhas barbas de demo. Foi safando malamente a vida dura e morreu vello.
Pior sorte tivo o sobriño que seguiu vivindo na casa cuidando dos animais e sufrindo ameazas e malleiras dun noivo dunha sobriña. A xente non lle facía caso por borrachuzas ata que o noivo da sobriña se ultrapasou coa malleira e acabou matándoo dentro do bocoi onde durmía porque tiña medo de durmir na cama.
Estes son dous inocentes que tiven por veciños. Non poseo ningunha foto deles pero esta foto de Massengill de Four Oaks en Carolina do Norte lémbrame ao Ghali-ghali.
Vaia este textiño como xeito de homenaxe a estas dúas persoas e que a vida sexa máis levadeira para tódolos inocentes do mundo.
Etiquetas: personaxes I, vilaguindastre
4 comentarios:
Que assim seja amigo. Realmente há pessoas que parece que vieram ao mundo para sofrer.
Um abraço e UM ÓPTIMO FIM DE 2007 E MELHOR 2008.
si, e que por unha vez se tornen as cousas. feliz ano 2008 para todos os de leo (tamén para el, claro é)
O mundo sempre tende a ser cruel cos máis débiles. Xa se sabe, a can fraco todo son pulgas.
Saúde e terra para todos.
que fermosos...e que mágoa...feliz aninovo meu!
Publicar un comentario
És humano ti ?
Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]
<< Inicio