Corazón roto
A miña primeira lembranza del vén en forma de dous irmáns pequenos xogando coa area dunha obra no primeiro día que cheguei a Vilaguindastre. Máis tarde viñeron loitas infantís que remataban cos seus choros de non gañador. Ou tamén a súa perreira queimada polo matamoscas-soplete roubado na fábrica. Non pasou de sexto especial na EXB e quedou prendado da beleza no agromar dunha colexiala veciña. Sacou non sei de que contos a idea de pedila en casamento, loitou contra a súa timidez, colleu un ramo de flores e petou na porta da rapaza. A sorprendida nai da rapaza asumiu con seriedade o amor xuvenil pero delegou a resposta na filla. Esta riu cruelmente o atrevemento do rapaz enmeigado e así o sentenciou ao desvivir dun corazón roto. Comezou a caída por malos camiños e delincuencia e con dezaoito anos xa saiu no apartado periodístico dos presuntos coa idade trabucada pola de oitenta e un anos.
Pasaron os anos e agora camiña rindo só ou coa cabeza gacha, combina cores de roupa que non casan, pide cartos á xente e búscame o día do noso cumpreanos para que o convide.
E así safa hoxe a súa vida morta emocionalmente.
Por iso eu penso que hoxe non tiña que ser só o día dos enamorados senón tamén dos que teñen o corazón roto.
Vaia este posteo por eles.
Etiquetas: personaxes I
14 comentarios:
Vaia, Pedro. Chegáchesme ao corazón... Nós non celebramos o San Valentín (nin sequera de solteiros); sempre nos pareceu en exceso remilgado e comercial. Pero visto así, debería ser o día en que todo o mundo se sentise querido, polo menos un día no ano. Debe ser moi triste vivir sen sentirte querido, aínda que só sexa un pouquiño. Pois entón, que o Santo reparta amor a todos.
Eu tampouco o celebro, pero tes razon, un corazon roto, e roto de por vida, non hai nada que o cure mais que a tolemia.
Bicos.
precioso post como antítese a san Valentín,que as veces erra nas frechas.
xa tes numero,bicos para o Leiño e para Xiana.
FERMOSA ENTRADA. CHEGA AO CORAZÓN.
!FELIZ DÍA DOS NAMORADOS !
Que post tan fermoso a pesar do triste.
Un biquiño e que o Santo reparta un pouquiño de amor para todos
A vida ten ledicia e dor.
Fixeches unha entrada que da boa conta dunha delas.
Unha aperta.
Antón.
Tamén a min me chegou ao corazón este post teu.
apertas
todos coñecemos a algún rapaz que terminou, que non o merecía ou que preferimos pensar que non o meecía. Outro motivo para celebrar a San Cirilo
Ainda que cheguei no día de San Onésimo...fago meu o teu brinde. É xusto, bonito e de lei!
Unha aperta
Totalmente dacordo, tiña que existir o día para os dous. Aínda que pola miña parte sobran.
Se un está namorado, suponse que estará todo o ano, non so o 14, que é cando cho din os comercios, etc. Ó revés pasará outro tanto.
O importante é demostralo día a día.
Unha aperta.
pobre...
e seguro que ela tem uma vida na que nom lembra os corazons rotos...
beijos
Impactada polo post, pola historia, polo procedente e polo xeito que tes de contalo
Precioso relato.
Eu não dou muita importância ao dia de S. Valentim. Em Portugal, sempre foi S. António, o santo casamenteiro, e isso eu recordo desde menina. S. Valentim, é uma importação para gastar dinheiro.
E em dia de Carnaval, desejo-lhe um dia divertido.
Um abraço
Publicar un comentario
És humano ti ?
Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]
<< Inicio