Páxinas

domingo, 28 de novembro de 2010

Matanza 2010

Un ano máis repítese o rito de matar os porcos. Cambiou o matador pero pouco cambia con respecto ao ano pasado. Despóis de matar os animais, queimarlles o pelo e lavalos logo toca almorzar o sangue fritido. O aviso " anda o ghato no porco " fai levantar os homes da mesa que hai que abrir o animal. Ábrese o porco polo medio. Hai que ter cuidado coas tripas do porco para extirparllas e tapónase o cu cun casulo de millo. O matador saca fóra os untos, corta a cacheira, fai uns calcetíns nos xamóns e colgamos o animal polas vides na viga. Así pendurado vacíase do pedro e demáis tripas, saca fóra o bofe, os leviáns e o corazón. Por detrás corta deixando no medio a columna vertebral. Logo van para a mesa as hombreiras e os perniles, o solombo e o lagharto ( seica é a millor parte do porco ) e os touciños coas costelas. Na mesa pícanse os courachos e demáis sobras dos perniles e hombreiras para chourizos e chourizas. O touciño, as cacheiras, o unto, o rabo, as hombreiras e os pernís van para salgar na salghadeira coa salmoura ( sal e cebola ).

No medio de todo este traballo sempre hai tempo para leriar de política e veciñanza, falar dun médico que é un " criminal de guerra ", de que os terroristas non son nada finos que tiñan que " amaestrar paxariños para levar bombas que nadia sospecha dos piscos ". Que para arreglar isto tiña que vir un Franco e un Hitler " un para matar e outro para enterrar ". E que raros son os curas que nunca os ves no centro médico.

De cea hai o típico zarrabullo: fígado, castañas e cotobelos de pasta ( fáltalle o sangue do porco ) e arroz con carroleira ( médula espiñal ).

E así rematou esta labor nada pracenteira.

8 comentarios:

  1. Non podo escoitar os chiidos do porco. Cando a miña sogra o facía, ese día marchaba da casa e so voltaba a noitiña.

    É verdade que despois comía todo, unha cousa non quita a outra,jejeje

    Bicos

    ResponderEliminar
  2. Es toda unha enciclopedia de etnografía :) Deberías facer un libro con estas cousas, que chegaran a máis xente mas sobretudo que non se perdesen :)

    Por certo, é normal que o pequeno escreba as letras "ao revés", non ten nada que ver co que sexa zurdo ou non, é moito máis doado. Para un neno un gato é un gato, tanto se mira para a esquerda como para a dereita verdade? pois pásalles o mesmo coas letras e cos números (menos), xa irá dándose conta que teñen que mirar sempre para un lado.

    Biquiños e grazas polo post :* e desculpas por non vir máis, con todo o roio destes días non tiven tempo para nada :(

    ResponderEliminar
  3. A min o que me molestaba de todo eran o berros que o pobre porco daba antes de morrer e o que tardaba ás veces; menos mal que agora está prohibido matalo co coitelo porque aínda que era todo un rito, non deixaba de ser unha crueldade.
    Bicos

    ResponderEliminar
  4. Na miña casa toda esta semana... a ver se fago algunha foto e facemos unha comparativa norte - sur ;-)
    Bicos

    ResponderEliminar
  5. Xa botaba eu de menos o post da mantanza!

    Desta volta hai palabras que non coñezo. Paréceme moi interesante todo iso da matanza. Pero non puiden evitar tentar porme en ollos alleos, dalgún estranxeiro, e a ser posible dun musulmán, por exemplo,
    e ver ese porco tan ben aproveitado,
    e esa carnicería (despois tan rica no prato)
    e case case se me revolveu un pouco o corpo [e iso que non teño os olores, ai, os olores das tripas, da carne fresca e quente]

    ResponderEliminar
  6. Vaia palabros para decir as cousas do porco, mimadriña, nunca tl oíra. Na miña casa sempre se matou porco hasta fai uns anos (bastantes xa); eu tapaba os oídos para non oír os berros do pobre porquiño. Bicos.

    ResponderEliminar
  7. Tamén lembrei agora o tempo das matanzas, da primeira da que fun testigo e case a única na que vin tódolos pasos. Pero contado por ti fíxoseme moito máis real, moito máis presente ese recordo.

    Bicos

    ResponderEliminar
  8. Voume criticar: gastronómicamente falando, do porco gústame todo (menos as filloas de sangue); pero da matanza...nadiña!.

    Apertas

    ResponderEliminar

És humano ti ?