leoeosseus

domingo, 25 de setembro de 2011

Cando eu era pequeno ...


Recibín un convite do Robinson Kaplan e acéptoo anque non quede ao seu nivel.
Antes de nada teño que dicir que non lembro muito daqueles tempos en branco e negro dos meus dez anos para atrás e tampouco fun eu mui fedello que digamos.

A maior trasnada que cometín foi a medias coa miña irmá Kasege que deixamos pechada á nosa nai no faiado. Entrábase por unha porta sen fechadura que estaba sempre aberta cunha bombona de butano atrancándoa. Nós apartamos a bombona e a nosa nai quedou alí porque subira a pendurar a colada. A todo isto estaba a comida no lume e o meu irmán pequeno no berce. Miña nai tivo que arrincar unhas tellas e pedir auxilios dende o tellado ata que chegou un veciño. Dende aquela quedaron impresas as rabuñaduras de miña nai na porta aquela e dá arrepíos pensar o que podería ter pasado.

Lembro unha vez que me perdín. Acostumabamos ir ao monte Castro os domingos para coller cogumelos ou pasear. Eu quedei atrás e logo non topei á miña familia. Como sabía o camiño fun ata a casa a esperar no portal ata que apareceron meus pais xa de noite e todos preocupados.

En canto a leitura dicir que eu era de tebeos e non había muito libro para nenos na casa. Lembro estar enfermo na cama e ler libracos ilustrados de Culturas ou Historia. Logo cos Nadais foron aparecendo libros infantís e eu lin e relín varias veces Robinson Crusoe.

Da igrexa apenas lembro algo. Foi facer a primeira comuñón e non volvín. Lembro rematar as misas e ir xogar cos amigos ás canicas, aos trompos, ao cacharro ou ao fútbol antes de xantar.
Tamén lembro imaxes de domingos asociadas a tabernas con cuncas de viño para os maiores e Mirindas compartidas para os pequenos. Estabamos rodeados de fume de tabaco, ruido e co chan estrado de cascas de manises. Non podo pasar por alto ao famoso mono Claudio que estaba nun bar da praia de Coruxo.

Cando nos mudamos do bairro da miña primeira infancia quería enfermar de nostalxia como Heidi para non marchar de alí pero fun dar a un pequeno paraíso en Coruxo o verán de 1976. Lembro ir case todos os días á praia andando pola vía do tranvía abandonada e non sei polo que pero asocio esta imaxe a Tom Sawyer. Chegabamos á praia e non nos podiamos bañar para gardar o tempo da dixestión e aproveitabamos para percorrer os cons e apañar ducias de matahomes e queimacasas.

O tempo pasa e rematou ese verán e exactamente hoxe cúmprense trinta e cinco anos da mudanza para Vilaguindastre. Pero iso xa é outra historia.

Etiquetas: , ,

8 comentarios:

Ás 26/09/11, 09:26 , Anonymous Eva G. Rei dixo...

Bua, neno!!!
Que ghuapo estás nesa foto e como se che parece o Leo...
Non é mal acordo o de falar das cousas de pequenos, a ver se continúas.
Mira que pechar á nai no faiado!
Non pensaría eu iso de ti...

 
Ás 26/09/11, 11:56 , Blogger Peke dixo...

Desde logo concordo con Eva. Mira que pechar a nai no faiado!

 
Ás 26/09/11, 15:12 , Blogger Xabres da Teixeira dixo...

A ver Paideleo: Teño dúbidas de se o do retrato, eres ti ou Leo.Compre aclaración.
Outra: Obrigadinho polos nomes que non coñecía, estás falando cun mariñeiro de terra adentro, matahomes e queimacasas, bonitos.
Outra: teño leria, eu, pra tempo, contando as trasnadas que na viña houbo, miña por suposto. O da nai quedase pequeno.
Unha aperta.

 
Ás 26/09/11, 17:58 , Blogger mfc dixo...

Olha para ele...!
Os traços estão todos lá!

 
Ás 26/09/11, 21:33 , Anonymous Anónimo dixo...

O da súa mai encerrada no faiado é de antoloxía, certamente, sobretodo polo ben que está contado. Encantoume o de querer enfermar de nostalxia como Heidi. Gustoume moito todo o post, pero o que máis, a foto: se non fose en branco e negro eu poñía a man no lume a que era o Leíño.

 
Ás 26/09/11, 23:48 , Blogger Paz Zeltia dixo...

pero se é o Leo!!!!
incríble!

e despois din que a reencarnación non existe...!

Kaplan deixou o nivel moi alto, pero é o bo que tén a diversidade, que o teu tamén está cojonudo.

gústame moito este meme, estou desexando facer o meu (pero ainda teño unpar deles por diante, e ando escasa de tempo!)

 
Ás 27/09/11, 09:24 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Muito interessante o fazer reviver as nossas lembranças.
Um abraço

 
Ás 28/11/11, 11:03 , Blogger Paz Zeltia dixo...

é incrible o que se parece o teu Leo a ti...
estaba agora buscando un post que falas do tollemerendas, para poñer unha ligazón nun blog que anda a voltas con esa flor,
e pasando así rápido vin a foto outra vez, e dixen, uich como medrou o Leo! jajaja, e pareime e xa lembrei que a foto é túa.

mimadriña que claro nos queda con isto que só somos eslabón da cadea.
pero dunha cadea para que?
o mesmo home repetido,
a mesma muller,
a mesma árbores
neste renovarse sen fin
nesta misteriosa apariencia de que nada muda.
e nada muda, porque individualmente non importamos... mais cómo non?

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio