Polo Caurel
Decicimos rematar as vacacións na tranquilidade do Caurel así que fomos a un bungalow con altillo con camas para os nenos.
No día seguinte pegamos unha camiñada dende Vilamor a Vilar. Foi unha baixada por un camiño pendente estreito ata o río Lor e logo unha subida por entre castiñeiros, carballos e érbedos. No camiño saltaban sapos ou rás escuras diminutas que ían cara o río. Na foto está Leo cun castiñeiro caído que semellaba a cabeza dun dragón na entrada de Vilar. Percorremos a aldea ata a Fonte da Saúde.
En Vilar falamos con Juan Sánchez que mantén un museu etnográfico e cuida o entorno onde vive e pide axuda a través do libro de visitas.
Logo tocou a volta lixeira para topar sitio para xantar na Casa Comerciante. Alí xantamos a fartar empanada de acelgas, truitas, ensalada, cabrito, milanesa e sobremesas como a torta de castañas que probei e é exquisita. O servizo foi rápido e simpático pero o prezo semelloume un chisco excesivo.
Demos unha volta pola aldea Vilamor e estaba pechada A Cova da Moura; algo máis ca unha cantina.
Logo fomos en coche a Seceda: aldea restaurada ( mantén muitas pegatinas en cristais de ventás e portas ) con pouca xente á vista.
Só miramos dúas velliñas cunha gata de varias cores. Iso si; exercitamos o deporte extremo de esquivo de cagalletas ata a igrexa.
Nun recuncho había un Santiago de pedra e un mapa da península ibérica feita por algún neno nunha pizarra.
Seceda durmía a sesta no medio do souto como outras aldeas da zona.
Antes de que se decatasen os nenos decidimos tirar cara a Romeor e o seu túnel-acueduto romano.
Romeor non ten o encanto das outras aldeas pero ten unha igrexa pequena e moderna cun buraco cómodo para as esmolas. Había vacas, galiñas, cans e gatos a esgalla.
Eu pensaba que o camiño ata o túnel-acueduto era curto pero era un quilómetro trescentos metros que se ía inclinando bastante: ata hai que subir por un regato seco !.
Todo o esforzo non serviu para nada porque o túnel case ao principio xa tiña auga e non sabiamos que final tiña e o longo que era: unha auténtica aventura !.
Volvemos ao Acampamento do Caurel e ceamos exquisitamente como a noite anterior.
No domingo tocaba abandoar o cámping e decidimos voltar a Quiroga seguindo a estrada de Seoane e Ferramulín.
Pasamos cerca dos restos do Castelo de Carbedo e antes do Alto do Couto fixen unha foto co Monte Formigueiros á esquerda, a Devesa da Rogueira ocupando toda a foto e a aldea de Moreda á dereita.
Estes lugares quedan pendentes doutra visita porque o Caurel ten bastante para admirar con máis vagar.
A estrada pasa por Visuña, Ferramulín, A Seara, Soldón, etc que merecerían unha parada que non fixemos.
Si que fixemos unha rota curta na fervenza de Vieiros no río Selmo que se complicou pola falla de sinalización e que rematamos sen saber se a fixemos ben ou non. O caso é que nos chegamos á fervenza pasando polos sequeiros abandonados ( casetos onde almacenaban e secaban as castañas ) e logo cruzamos o río. Máis tarde pasamos unha pontella de madeira e xa non sabiamos que camiño seguir. Subimos por un souto poboado de castiñeiros e sequeiros esborroados uns e enteiros outros e chegamos ao coche.
Saimos de alí e xa tiramos cara a Quiroga. Na vila dos galegocalantes xantamos polbo e pólo ao allo como a xente que saiu da misa do domingo.
Máis tarde fixemos outra parada en Ourense e subimos á ponte do Milenio. E ese foi o remate da viaxe. Contamos con volver polo Caurel e, quen sabe ?; ao millor topamos o anel da princesa do Caurel.
Etiquetas: viaxes IV
3 comentarios:
Un auténtico personaxe este Xan de Vilar! Invitaríavos a probar uns licores de colleita propia no salón da súa casa, ou!!
Non, porque non lle demos tempo que convidaría con gusto.
Apenas falamos co el pero seguro que ten muito que contar.
Que fin de semana máis aproveitado. Vense as aldeas e a paisaxe moi fermosa.E como hai tempo que non pasaba por aquí, atopei os nenos moi medrados e lindos. Tamén penso que é posible que estivera eu nese camping co meu fillo cando era un mozoulo. Foramos dar unha camiñada pola Devesa da Rogueira. E de noite houbera unha tronada con raios que asustaba moito no medio daquelas montañas.
Publicar un comentario
És humano ti ?
Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]
<< Inicio