leoeosseus

luns, 11 de decembro de 2017

Londres

 

Chegamos a Londres a noitiña do día seis a este hoteliño en Seven Sisters Road. Levounos ata alí dende o aeroporto un taxista polaco co que falamos do Gran Irmán polas cámaras que hai en todas partes, de Cataluña, da vivenda e de que cando sexa rico vai ter dous Mercedes: un moderno e outro clásico. Chegando ao hotel pasamos por unha zona habitada por xudeus coa súa indumentaria, barbas e peiteado típico.



No día seguinte collemos para o centro a Picadilly Circus coa estatua de Eros rodeada por unha valla e de alí a Trafalgar Square. Hai unha estatua nova aparte da coluna de Nelson de nome " Really Good " que representa unha man co polgar esaxeradamente grande e extendido. Nesa praza collemos o autobús turístico Original Tour para ir aos museus xa que chovía.



No museu das Ciencias hai de todo; dende o espazo exterior ao corpo humano e fixen unha foto do meu ollo e todo.
Depois deixou de chover e quixemos ir ao " Winter Wonderland " en Hyde Park pero había muita cola e marchamos.
Seguimos o tour turístico en autobús con atascos pola zona de Harrods cos seus escaparates móbiles e pasamos polo Big Ben con andamios iluminados como todas as obras grandes da cidade.



Pasamos a ponte e fotografei a nora xigante ou London Eye e parte da cidade coas súas luces.




















Despois tocou retirada que o frío era grande. No metro si que facía calor e a xente que o emprega dá para escribir varias novelas.




No día seguinte xa non chovía e fomos ao teatro a mirar a obra infantil " Guess how much I love you ". Este teatro viviu tempos millores e non había muita xente. A obra estivo mui ben, os actores eran mui bos e estaban entregados á obra e unha das rapazas cantaba mui ben.
Logo fomos andando por Leicester Square onde había un home cun monicreque de esquelete a bailar. En Regent Street entramos na xoguetería Hamleys. Ten sete andares cheos de xoguetes, de xente e de vendedores que chiaban os seus produtos talmente unha feira. Estaba a familia real inglesa feita en pezas de Lego e tamén personaxes de Star Wars. Ata vendían traxes da serie ao " módico " prezo de 1000 libras. Xela conseguiu un coche que anda polas paredes e polo teito e unha viseira de piloto que só lla dan a cinco nenos.



Unha das rúas que dá a Regent Street chámase Vigo Street. A ver cando nomeamos en Vigo unha das rúas co nome de Londres. Na foto sai Vigo Street e un trinque pintado con Majorca escrito que me fixo lembrar á familia.
Unha curiosidade: en Londres non hai paredes emborranchadas con pintadas e grafittis.



Regent Street está adornada con anxos enormes feitos de luces. Na foto as luces están apagadas pero podes imaxinar como son de noite.


 
 
Despois de xantarmos fomos a Covent Garden: onde actúan malabaristas e músicos e hai tendas onde se vende de case todo.
 



Máis tarde collemos o metro para ir a " Winter Wonderland " por fin. A cola para entrar era grande porque revisan os bulsos da xente. Se un terrorista quixese facer unha tolería bastáballe con pór unha bomba na entrada para matar centos de persoas, en fin.
O parque este é un inmenso " ghastadeiro " de cartos con atraccións de todos os tipos e sitios para picotear. Ata había caixeiros automáticos en furgonetas !.



Xela quería probar sorte en todos os postos e menos mal que marchamos pronto polo frío. Os nenos tamén quedaron marabillados coa figura xigante que se movía da " Bavarian Village " onde había música en directo, salchichas e cervexas.



Outras atraccións eran noras enormes, montañas rusas, bares de xeo ou bares que eran tiovivos reais anque a pouca velocidade, etc, etc.
O sitio era enooooorme pero o frío era criminal así que liscamos á caloriña do hotel.
Collemos o metro onde había o cartel " del hombre todo dispuesto con sombrero " como bautizou Xela.




No día seguinte collemos o barco para Greenwich no peirao da Torre de Londres. A zona da Torre de Londres mudou muitísimo. Onde hai vinte anos había parques agora hai establecementos turísticos e edificios futuristas.


 

No barco ancho e moderno o guía do sur de Londres comentaba con fino humor a paisaxe e a súa historia. Falou dos pubs como o que está onde aforcaban os piratas, ou de onde partiu o Mayflower. Tamén fixo unha broma coa " millor " praia de area de Londres ou co bairro onde estaba baseada a serie televisiva " educativa " dos noventa chamada Eastenders.
Teño que buscar na interrede algún audio deste home xa que perdín bastante do seu relatorio entre o seu inglés e o ruido da xente anque os " mombies " xaponeses estaban ao seu e non facían escándalo.
Isto da interrede é macanudo !. 

 

Nada máis desembarcar cruzamos por debaixo do Támese por un túnel peonil que ten máis de cen anos. Aí conteille a Xela a historia de Pieter ou Hans, o neno heroi holandés que botou toda a noite tapando cun dedo un buraco dun dique onde vivía el e a súa xente para que o mar non alagase todo.





En Greenwich aparte de visitar o mercado e os museus  é típico facer a foto cun pé no oeste e outro no leste e facer fotos do parque con Londres ao fundo. Tamén se lle pode dar de comer aos esquíos que comen da man ou a esas pombas gordas coma faisáns.






Voltamos no barco con toda a cidade iluminada como a ponte da Torre de Londres da foto.
Era sábado e as rúas e pubs desbordaban con centos de persoas tomando algo disfrazados de Papa Noel.

 
No día seguinte tocou o retorno a casa. De camiño a Gatwick empezou a nevar pero non chegou a callar. O despegue en Londres foi algo brusco pero sen máis problema. A aterraxe en Santiago si que foi complicada coa galerna Ana en plena acción. O avión meneábase dende que entramos en Galicia e daba bandazos e ata deu un chimpo no aire que puxo a xente a berrar. O pior é que aínda quedaban uns dez minutos para aterrar e foron interminables. O avión aterrou a grande velocidade e cando  por fin parou a xente rompeu a aplaudir e respirou aliviada. Leo pasou medo anque o gardaba para el pero Xela ía toda contenta coma se fose nunha atracción. De feito quedou rouca de cantar panxoliñas todo o día dende que nos erguemos ás seis da mañá ata que chegamos a Santiago ás cinco da tarde.
 
 
 
Na foto está as " plácidas " nubes que tivemos que cruzar.
 

Despois collemos o coche ata casa no medio do temporal que anulaba a visión da estrada con tanta chuvia que varría a autopista. Había tramos que tiñamos que circular a 60 por hora polo vento e a falla de visión. Na ponte de Rande o vento estaba tolo. Pero indo con xeito demos chegado a casa e aquí estamos coa rotina de sempre.

E esta foi a viaxe en Londres. Quedounos muito por visitar pero hai que ir en outra época.


Etiquetas:

1 comentarios:

Ás 11/12/17, 23:43 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Boas férias.
Obrigada pela partilha das fotos.
Abraço e uma boa semana

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio