Catoira e Cortegada
Onte iamos ir a Cortegada e decidimos xantar antes nas Torres do Oeste en Catoira. E alá xantamos nunhas mesas á sombra duns estripeiros ou " maulinos " como lle chaman en León. Este ano non houbo desembarco viquingo e os " drakkar " descansaban amarrados. Tamén había outro " drakkar " de adorno á beira do centro de interpretación.
Despois dun café con xeo en Carril embarcamos no iatiño que ía a fume de carozo os tres minutos mal contados que nos separaba da illa Cortegada.
Cortegada tivo a súa vida de illa habitada cunha aldea que contaba con lavadeiro, capela da Virxe dos Milagres, escola e unha casa para viuvas que tiña forno. Na corredoira había rodeiras de tantos anos pasando carros. Daquelas terras labradas hoxe non queda nada. Os loureiros que servían para limitar as leiras remataron extendéndose pola illa para formar o maior bosque europeo desta especie. Hai zonas con tantos que pelexan buscando a luz solar e acadan os quince metros de altor. A aldea tamén contaba cun piorno enorme porque era comunal. Nos pes un guarda forestal montou unhas cortes para os animais que tiña. Pero ademáis tiña emús e outros animais atípicos cos que organizaba cacerías.
Seguimos polo camiño e pasamos pola árbore máxica que comeu dúas cabras. Os aldeáns non llo crían ao pegureiro e dicían que quedara durmido e soñara esta historia. Pero cando estaban alí a árbore abriu a boca e o que fixeron é encherlle a boca con pedras para que gastase o tempo co esa comida tan dura.
Pasamos por distintos bosques de loureiro, de eucalipto, de piñeiro, de estripeiro e de cerquiño. Xela fixo unha amizade e andaron por libre muito do tempo.
Dende unha punta míranse as Malveiras que forman parte do arquipélago de Cortegada. Nesta punta hai un piñeiro manso que sandaba os meigallos e a infertilidade. Había que darlle nove voltas contra as agullas do reloxio.
Todas as illas teñen o problema da xente que vai en iate, motos naúticas ou kaiaks e non cuidan o parque e supoño que o cambio climático rematará varrendo as illas baixiñas.
Estas illas forman parte do parque nacional porque o rei Alfonso XIII non quixo a illa para construir un palacio. Tampouco Cortegada S.A logrou construir un Marina DÓr na illa.
Xela rematou bañándose antes de coller o iatiño Corticata que nos devolveu a Carril despois dun día que sería marabilloso se non fose pola máscara que remata abafando.
Etiquetas: viaxes IV
0 comentarios:
Publicar un comentario
És humano ti ?
Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]
<< Inicio