leoeosseus

xoves, 10 de decembro de 2020

Tanta tecnoloxía...


 

Agora hai aparellos para todo e hoxe estreamos ( máis ben Xela ) un mando para a televisión que busca por ordes faladas. Lonxe quedan aqueles tempos nos que meu pai nos dicía que subíramos un patacón o volume da voz. Subir un patacón significaba subir un pouco de nada  e así tamén dicía meu pai " Non vale un pataco " polo que valía pouco. En efecto: un pataco eran dez céntimos de peseta que agora sería menos dunha milésima de euro.

E a tecnoloxía invade todo e este ano a lotaría da empresa había que mercala de forma Online e así seriamos máis felices pero como estou farto de corrixir as entradas e saídas do choio vía móbil online, pois non a merquei. Houbo máis intentos por parte da empresa para que mercaramos lotaría os que non o fixemos pero por aí non paso. Non deixaban mercar aos xubilados da empresa e limitaban a cantidade de décimos así que teñan sorte os que a mercaron.

E a tecnoloxía tamén vai anulando pensamentos como o compañeiro que co cambio de carretillas a gasóleo ruidosas a eléctricas silandeiras agora pon cascos de música para non escuitar o seu cerebro traballando.

E, pegando un chimpo ao tema do Cornoviros, resultou positivo un compañeiro que está de vacacións. Fixeran un peneirado no seu concello e saiu positivo pero, por fortuna, asintomático. Agora está de baixa e teño que cubrir o seu posto un tempo máis.

Éche o que hai !

Etiquetas: , , ,

1 comentarios:

Ás 19:24, 11/12/20 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

É o progresso. No futuro quem não dominar os computadores vai sofrer muito para conseguir uma vida estável. Cuidem-se Pedro que a pandemia não está para graças.
Abraço e saúde

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio