Folleto en seudogalego
Unha das teimas que teño é a de ler envoltorios de productos, folletos, anuncios e demáis trangallada que a maioría dos mortais, con razón, non le. E cantos máis idiomas millor. E así, por exemplo, gústanme os productos da marca branca do Eroski porque poñen todo nos catro idiomas oficiais de España. E, seguindo co tema, hai pouco chegaron novos productos para cans e gatos á miña empresa e comprobei con alegría que están escritos en español, inglés, portugués e ... oh, marabilla ! en galego, catalán e basco.
Con todo isto quero dicir que me aleda coñecer iniciativas privadas que rotulan os seus folletos nas linguas minorizadas deste país. Muitas veces esas iniciativas teñen en contra ata a opinión dalgúns membros e teñen que luitar contra prexuizos e excusas como a falla de comodidade, a careza de rotular en varios idiomas, a necesidade de correctores, etc. E estas iniciativas, contra máis dificultades, teñen o meu apoio máis reforzado aínda.
Todo este preámbulo ten que ver cun correo que recibín referente ó presidente dunha asociación que estaba abochornado pola mala calidade da tradución do seu folleto. No correo dinme que el puxo todo o seu empeño e gañas por dignificar a lingua galega pero o esforzo non obtivo o resultado desexado por el. E eu, dende este humilde blogo, quero que saiba que naquela ocasión falei do seu folleto só como unha curiosidade e sen ánimo de ofender. Eu non teño un bo galego e non son quen nin o quero ser para criticar a ninguén polo galego ou outra lingua que use. Ó contrario, por suposto que aplaudo a súa iniciativa de normalizar o galego nese sector case afogado, como explica o correo, por empresas alleas á cultura galega. Ogallá este caso non fose unha excepción e aprendesen máis empresas desta iniciativa e que o galego se normalizase.
Etiquetas: interrede I, lingua I
12 comentarios:
O meu fillo tamén lle encanta ver como lle chaman noutras liguas ó leite...
Faime moita gracia ese invento do bilinguismo armónico. Os nenos que falan galego son os únicos que mudan de lingua no momento que outros nenos e nenas lle falan en castelán, pero resulta que os que falan castelán nunca sinten a necesidade de cambiar ó galego como mostra de respeto.
En moitos contextos escreber en galego segue a parecerlles a moitos un esforzo innecesario, Nunha fundación comentaronme o muito que lles costaba escreberlle cartas ós da xunta en galego, antes non facía falta....
(hai tres anos nunha farmacia en Santiago preguntáronme que como se chamaría o meu fillo Martiño cando saira de Galicia?????????????).
Oxalá todas as empresas que operan neste país o tiveran claro.
Martiño... que faga coma o fillo de Manolo Rivas, que antes era Martiño e agora é Martín, porque claro, iso de protagonizar nos madriles unha serie "nacional" implica "adaptarse" coma o camaleón....aaaai!
Encántanme as túas reflexións, paideleo. Adiante co teu blog!
Unha aperta
Miña nai, que tamén é empresaria, pásalle o mesmo ca ese señor: quere escribir as comunicacións da empresa en galego, pero como non o estudou, non sabe. É normal. Así que está sempre preguntando. O que si che critico é o que dis de "non ter un bo galego". Que é un "bo galego"? O da Xunta? Será un galego normativo, pero bo galego é o que se fala. Temos que quitarnos de enriba esa manía de dicir "eu non sei falar galego" ou "o meu non é un bo galego", seguirmos sen querer na liña do autoodio. Quen vai ter un bo galego senón nós?
Estou con Elianinha; o bo galego é o que se fala non o normativo. O normativo non é máis ca un estándar coma o castelán estándar. Ninguén fala tampouco castelán enstándar. Así que... A falar.
Eu estou dacordo con Elianinha, é máis, creo que tes un dos galegos máis bonitos que vin pola rede. Coñeces un montón de palabras, e contas moi ben as cousas... O galego inventado nos sillóns da Academia non é o galego bo nin bonito, polo menos para min.
Por certo, eu tamén compro os productos do Eroski, que hai que apoiar estas iniciativas.
Quero empezar dicindo que aplaudo a iniciativa de Eroski, é fantástica non só no ámbito lingüístico senón tamén no medioambiental.
En canto ó bo galego... é unha cuestión á que lle estou a dar moitas voltas.
Antes pensaba que primeiro había que normalizar e logo normativizar, pero... ai, señoras e señores! o certo (falo como profesional da lingüística e como galega) é que eso nunca vai pasar, ou polo menos non o verán os meus ollos. Deste xeito o único que se acada é que cadaquén fale o que queira sen coidar a lingua. Moitos pensaredes que os falantes dotras linguas como o castelán tampouco o falan correctamente, pero... o certo é que o castelán non é unha lingua minorizada e non sufre este mal. O galego, o pouco galego que se fala dado a súa situación de lingua de contacto minorizada, exponse a ir sendo fagocitado polo castelán...
A canta xente coñecedes que fale de fiestras ou tixolas? e a canta que fale de ventás e sarténs?
ou a canta xente coñecedes que usa mal os pronomes?
Está ben normalizar, é imprescindible pero con sentidiño. Que non pensen os galegofalantes que polo feito de selo teñen dereito de non preocuparse da lingua e que todo vale...
Grazas por permitirme esta reflexión e perdón pola extensión.
Moi ben, ti si que fas país...
se mo permities, vou contar unha historia persoal que ven a conto porque -como é evidente- o meu galego é espantoso. Pois posta a facer unha entrevista a Manuel Rivas, comecei disculpándome polos erros e o autor paroume en seco e díxome: "As linguas non se falan mal, fálanse". Pois iso. Entendo o contexto, a normalización e normativización e todos os lados do asunto. Pero tamén entendo que o primeiro é empregar a lingua.
Os meus pais e mesmo a miña aboa non falan galego de cotío e por riba eu son vitima de todas as reformas educativas. Sempre estudiei o galego coma unha segunda lingua e os libros de texto que empregabamos eran terroríficos. Creo que a única maneira de darlle un pulo á nosa lingua sería a obrigación de aprender a escreber e a ler en galego primeiro e despois xa de grandiños comezar co castélán, como fan co Bretón en Francia, pero cada vez que explico esta miña opinión algúen se bota as mans a cabeza. Só podo tentar cambiar a tendencia comezando por min mesma, por iso no meu blog escrebo en galego aínda que con todos os errores dunha castelano falante que practica máis inglés que galego. Cando teña fillos sei que o único que lles axudará a ser galegofalantes será unha escola destas, espero que existan para entonces.
Eu tamén respecto moito aos que toman esas medidas, aínda que ás veces habería que recordarlle que temos un exército de filólogos en paro debecendo por traballar e que revisarían encantados ese tipo de material, sen contar outros servizos gratuítos da Xunta (teléfonos de consulta, asesorías lingüísticas...). Eu creo que dada a situación non podemos ser excesivamente estrictos co uso da lingua, sobre todo a nivel de uso persoal, pero tampouco podemos caer no "vale tudo" ortográfico, e menos tendo solucións doadas. No fondo, non deixa de ser outra forma de desprezo indirecto cara ao galego (ben menos grave que outras, claro).
No da normalización en etiquetas e demais eu sorprendinme moito cando no meu mp3 novo descubrín que se podían poñer os menús en galego (ao contrario que no meu móbil). Claro que era de blusens, unha empresa de aquí, pero é moi loubábel que superasen eses prexuizos que outros teñen incrustados na cabeza. Por certo eu tamén ando a ler nas etiquetas de todo, e tes razón que as do Eroski son moi divertidas. Un saúdo.
Silviacansa: a farmacia era unha que está cerca da Alameda? Porque desa sei eu anécdotas e anécdotas.
A farmacia foi nunha de Fontiñas, que está en fronte do centro de
saúde. Teñen un moucho desecado alí adornando, debe ser pola
sabedoría.
Neste recuncho do pai de leo, xa hai unha tertulia de actualidade,
como na radio!!!!
O de falar ben ou mal o galego é un tema ben delicado, o meu pai falabame
galego e a miña nai castelán, eu mudei do castelán ó galego en segundo
de Bup, e temos un amigo asturiano que nos di: pero si ti xa non falas
o galego da tua avoa ou da tua nai!
Sin embargo os meus fillos de 7 e 4 anos falan galego entre eles, con
nós, cos avós e con calquera que lles fale pola rua, agora ben o
chegar o cole é disitnto, cambian o castelán para falar coa maioría
(teñen outros 3 ou 4 amigos que tamén falan galego)
O ano pasado, a mestra da nosa filla de infantil (agora acaba de
cumplir 4) fixo unha reunión para os pais sen avisar de qe se ia
falar e "sorpresivamente" preguntounos en que lingua querían que lle
ensinara os nenos a ler e escribir, dixo que era a primeira vez que se
atopaba con que un tercio dos nenos falaba galego, outro tercio
castelán e o resto "andaban cambiando" (unha nai soltou en baixo,
¡ese é o meu!)
Eu dixenlle a profesora que si era a primeira vez que lle pasara iso
sería polo contexto social no que se falaba galego porque era un pobo,
i un pai (de urbanización, porque hai varias macrourbanizacións)
soltoume que iso sería no meu "entorno"!!!!!!!
Non foi manipuladora nin nada a mestra, dixo que total o castelán lles
fai falta "para cuando salgan fuera".
So duas nais dixemos que preferiamos o galego, ainda que a maioría
eran galego falantes non querían que se educara os seus fillos en
galego e non conseguimos que as nais e pais de 9 nenos quixeran
educación en galego para facer unha aula mixta de 3, 4 e 5 anos.
(podíase facer con 9 nenos)
E creo que con este panorama a cuestión do himno, non axuda nada, pero nada….
Ainda hai moitas mentalidades que cambiar e haino que facer sen
impoñer polas malas. Ainda hai moitos adultos galegofalantes que pensan que os seus netos "irán a mellor" se lles falan en castelán.
Desculpade que vos contara todo polo miudo, pero quedeime asombrada da
situación que se nos deu hai poucos meses…..
Mario, ¿Poderíadesme pasar algún contacto por mail dalgunha filologa/o
que podan facer algún choio…ainda que non sexa un choio para facerse
ricos!!!
Publicar un comentario
És humano ti ?
Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]
<< Inicio