leoeosseus

mércores, 17 de maio de 2017

O gardián das palabras



Amenceu un día con pouco sol pero agradable con ese ventiño que non pasa de airexa e esa temperatura que deixa portar sen incomodo a miña chaqueta. Así que me animei a levar a miña moto ata a vila " laboriosa, sonriente y acogedora " que cruzaba hai trinta anos camiño do meu Xinzo e que agora moito prosperou. Tiña programada a cita coa concelleira de cultura e o bibliotecario nunha cafetería nunha rúa ateigada de coches . Non tiven problema en fumar un dos meus habanos na terraza porque non me gusta fumar no interior dos establecementos e chegará o día en que proíban iso de afumar a grandes e pequenos, homes e mulleres. A concelleira era unha rapaza fermosa e de alegre sorriso cunha voz de axóuxere e un galego aceptable e rápido. O bibliotecario semelloume tranquilo e posto en libros e discreto nas súas palabras e opinións. A concelleira non me deixou pagar as consumicións e, na loita por pagar estando os dous cos billetes tendidos, gañoume dicindo que eu era estranxeiro. Eu, loxicamente, quedei apampado eses segundos precisos que deixaron á rapaza vencerme na disputa.

Logo chegou a charla naquela sala ben chea de xente nova de instituto co seu profesorado e unhas poucas señoras. A miña charla conseguiu tirar sorrisos a aquela xuventude case obrigada, seino, a asistir ao relatorio. A miña vida e algúns detalles dela curiosos pero reais son un éxito ante un público do máis diverso e, ao final, todo rematou ben.
No remate viñeron á mesa as señoras, educadas e admiradoras da miña escrita e doutras literaturas que me deron a asinar algúns libros meus: uns noviños do trinque e outros lambidos e gastos polo seu uso e goce.

Cando xa ía marchar acercóuseme a min un home que case tatexaba por vergonza. Eu sorrinlle para acalmalo e aceptei o programa da charla que me tendeu para asinarllo. O home tirou do peto da súa cazadora un papel dobrado e díxome: " Son unhas palabriñas en galego que non saen nos dicionarios. Gustaríame que as gardases. "
Volvín para casa na moto e cando cheguei a casa o gato Samuel colleume o papel e enguliuno sen darme tempo a quitarllo.
Supoño que esas palabras preferían seguir na boca da xente ou rematar no estómago do gato lambón antes que nun dicionario !.

* Este texto é unha suposta recreación do que aconteceu o día que coñecín a Carlos Casares. Inventei case todo e tratei de imitar a súa escrita. Unha cousa certa: eu era aquel home do papel.

Etiquetas: ,

3 comentarios:

Ás 17/05/17, 23:23 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Quer dizer que o estomago do gato virou cofre de palavras raras?
Um abraço

 
Ás 17/05/17, 23:24 , Blogger Chousa da Alcandra dixo...

Ata que lin o teu asterisco pensei que falaba Carlos Casares. Excelente e ben fermosa historia, marabillosamente contada.
Apertísimas

 
Ás 22/05/17, 16:28 , Blogger Raposo dixo...

Pois quedouche moi ben a imitación. Parabéns!

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio