leoeosseus

sábado, 26 de xuño de 2021

Décimo ano ( e mais dous días )


A xoubiña fixo os dez anos. Sacou mui boas notas ( e Leo tamén ) e xa recibiu algún agasallo coma un albornoz de praia e un cinto de Pokemon. Non sei cando celebraremos a festa cos amigos que ten que ser pequena porque o becho aínda anda solto. Come pouco pero agora ten a escusa de que lle van caír tres dentes e ten unha afta. Pórtase ben e é intelixente e non vou gabala máis.

Tardei en escribir porque o 24 foi cando me vacinaron e pasei a tarde a durmir e pola noite fun ao choio. No choio entroume de cada vez máis cansazo e onte xa botei todo o día na cama. Erguínme á unha para beber e botar unha mexada e volvín para cama ata as nove e media que me erguín e ceei para ir ao traballo e curiosamente, á medida que avanzaba a xornada laboral topábame con máis forza. Na cama non durmín que daba voltas e máis voltas e tiña dor de cabeza ata que tomei Espirifen. Non tiven febre nin nada especial só que estaba mallado de todo.

Estando eu vacinado xa entro en outra fase e máis dende que hoxe deixa de ser obrigatoria a máscara ao ar libre.

Etiquetas: ,

luns, 21 de xuño de 2021

Rematando o curso


 

Semella incrible pero mañá remata o curso escolar dos nenos. A imaxe de Xela entrando pola fiestra vai tardar en repetirse. Mañá Xela levará lambonadas para os compañeiros xa que pronto está de aniversario. E o Leo irá ata o monte da Risca para xantaren todos os compañeiros xuntos. As notas dos dous son mui boas e merecen unhas vacacións lonxe das máscaras e os horarios estritos.

Por outra banda fun a Abanca pagar o comedor de Xela e quedoume a libreta a dous renglóns de rematar e pedín unha nova e díxome o caixeiro que non ma daba que ma cobraba que tiña que rematala de todo. Saiume do corazón e díxenlle que se pasaban cobrando por todo e despois inda tivo o atrevemento de ofrecerme un seguro para o coche. Vai aviado comigo !

Tamén pedín unha cita médica por teléfono e atendeume unha máquina e case colgo o teléfono que non me entendía ás veces. Con sorte atenderame unha sustituta dentro de nove días e por teléfono.

Creo que imos cara ao desastre total.

Etiquetas: , ,

sábado, 5 de xuño de 2021

De non ser quen

 
Non son quen de escribir no blogo cando traballo de noite e así posteo menos. Tamén un dos novos non foi quen de seguir o ritmo de traballo no choio e liscou. Era Alberto o palentino. Outro dos novos está de baixa por un accidente de coche. Non foi nada pero ten para un mes. Entraron dous no sitio deles e un semella activo e fino e o outro tivo mala sorte que lle toca no empaque e non é doado de aprender.
E a rola parece que volve chocar no  mandarineiro ( seica teñen catro roladas ó ano ) E Leo está cos exames e parece que vai ben e xa escolleu as optativas para o bacharelato. E Xela ben ( na foto está voando o papaventos que foxe de dous amigos ) E o tempo vai quentando ós poucos e fun de atrevido onte coa nena á piscina. A auga estaba fría, logo xogamos á leiriña ou paifillonai nos azulexos do chan e quedei relaxado total.
Para a quincena estou de mañá e serei quen de escribir aquí.

Etiquetas: , , ,

luns, 24 de maio de 2021

Centésimo e noveno mes

 

Queda un mes para o décimo aniversario da xoubiña. Segue coma sempre: comendo pouco e lidando muito. Gústanlle os animais que son riquiños para ela pero os bechos non e se son de milímetro é capaz de descubrilos e facer parar o coche ata que se liquide o perigoso animal.

Volveu a xadrez e segue co piano e a guitarra e dentro de pouco haberá un festival organizado pola escola de música se a situación do Escornaviros o permite. Xela xoga cos amigos ao brilé ou a que son donos de illas no parque. Tamén tira a pelota a canastra e xoga á pita e salta co amigo Llechat na cama elástica.

Na foto dálle de comer ás cabuxas do avó de Llechat.

Etiquetas:

martes, 27 de abril de 2021

Centésimo e décimo oitavo mes ( e mais tres días )

 
Esquecía o mesario de Xela e así sae retratada con Leo e con Elsa nunha foto de onte. De feito hoxe está a tronar e empezou a chuviscar.
Pois nada, Xela segue coma sempre aínda que este mes non quixo ir a xadrez e non sei se o abandonará. A guitarra segue gustándolle pero máis o piano e toca cancións de clase ou de Super Mario ou de Zelda.
E no cole todo vai estupendamente.

Etiquetas: ,