leoeosseus

martes, 26 de novembro de 2019

Isto pasa por pasear


Deixei a Leo no campo de fútbol da Sangriña, na Guarda e botei a andar cara a vila.
Nun cruce para a subida ao monte Santa Tegra topei o guerreiro castreño este.



Era domingo pero o día seguinte era o día contra a violencia sexista e esta pintada viña ben.



Topei outras pintadas polo paseo da beiramar.


Nunha pista de skate uns ollos verdes miraban fixamente.


As casas son variadas de cores e a cercanía de Portugal faise notar nos azulexos de muitas fachadas. Ao primeiro pensaba que esta casa tiña manchas de humidade tapadas con pintura branca pero decateime de que son nubes nun ceo azul con gaivotas e un helicóptero.
Souben algo máis da Guarda pero tamén me mollei cando se pechou a chover.
Esta vila merece unha visita futura con máis vagar.

Etiquetas:

domingo, 24 de novembro de 2019

Centésimo primeiro mes




A Xela encántalle tocar o piano e aprender cancións nel. Non esqueceu a flauta e incluso toca algunha canción cunha man soa. Non quedan aí as características da xoubiña senón que tamén é ecoloxista e non ía votar por ningún partido porque non falaban da contaminación. Unha cousa mala que ten é que é hipocondriaca obsesiva e ata se queixa de que non sente o seu corazón ás veces. Como teña o máis mínimo golpe xa ten medo a sangrar e a non curarse. Espero que lle vaia pasando coa idade.
Seguirei contando.

Etiquetas:

Manda Cecilia


Esta semana mandou a borrasca Cecilia e así dous porcos de Arbo pasaron a outra vida mentres o matador e agarradores " mollabamos a papadela ". E alí aprendín a palabra " veta " para definir o músculo que agarra a lingua á boca.
Cecilia ou Icía é a patroa da música e hoxe gocei coa actuación das cantareiras de Fonteliño, un grupo local que reparte cancións alegres, rosquillas e convidan a bailar cun fondo cheo de imaxes antigas da vila e da xente de Vilaguindastre.
Con quen non puido Cecilia foi coa estrea da páxina de viaxes pola Ribeira Sacra da familia onde con  todo o cariño e o saber, convidan a coñecer esta zona galega tan interesante.
 No día da infancia naceu a páxina " Arribeirados " cunha chea de iniciativas marabillosas.

Etiquetas: , ,

domingo, 17 de novembro de 2019

Aquí non hai quen lea

 
 
Seica o informa Pisa sobre lectura en España deu uns resultados tan malos que teñen que repetilos. Neste caso foi unha falcatruada dos rapaces que a todo contestaban que si ou que non.
E é que ler cada vez é máis complicado. Xa se todo está escrito coma sempre require o seu traballiño pero se o complican con linguaxe non sexista, inclusivo e retorto pode distraer. Así no Farode Vigo de onte temos esta nova sobre animais abandonados coa expresión " perros y perras " e " gatos y gatas " que xa me tardaba en sair esta estupidez. Iso si, deixan atrás " voluntarias " e "socias " e " apadrinan " por non seguir.


Tanta trapallada escriben que nin corrixen e na segunda liña desta nova din " bachear los socavones " en troques de " parchear ".
E queren que os estudantes lean !.

Etiquetas:

domingo, 10 de novembro de 2019

Cando se desfán as nubes

 
 
Cando se desfán as nubes o Leo ponse coma un pitiño xogando ao fútbol.


Cando se desfán as nubes a xente vai votar en cabalo ou iso cría eu cando o xenete parou antes do colexio electoral no bar agora chamado Clandestino.
Cando se desfán as nubes un cliente chámalle " aristocrática " á camareira porque se pon nervosa cando petan co canto dunha moeda no mostrador.
Cando se desfán as nubes xogar ao xadrez ou ao pingpong é unha boa alternativa.
Cando así se desfán as nubes temos que prender cheminea e calefacción.
O tempo case non o poden  mudar os políticos pero a factura da calefacción ben a poderían rebaixar os que entren hoxe.

Etiquetas: ,

sábado, 9 de novembro de 2019

Sen tempo para reflexionar



Descubrín un lugar para comer cheo de pintadas que ben valerá unha visita futura. E todo foi porque acompañei a Xela a un campeonato de xadrez do clube Axedrez Mos. Foron cinco partidas e a cada partida  Xela ía subindo de mesa ata que na última xogou co primeiro e perdeu e quedou nun excelente segundo posto. Agora Xela está toda contenta co seu trofeo que é ben xeitoso e xa lle dixen que ten que limparlle o po.
Agora vou reflexionar para mañá.

Etiquetas: ,

martes, 5 de novembro de 2019

Serían as zarrotas ?


Levo uns días co estómago inchado, as tripas falando, solto e con gases e non sei se sería culpa dunhas curmás das da foto que as comín e xa non estaban frescas. Non sei.
O que sei que esta fin de semana longa por mor da fumigación da empresa estiven mal e pechado polo mal tempo.
Xa virán tempos millores !.

Etiquetas: